O Regulamento (UE) 2021/2115, do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013, establece o marco das axudas comunitarias ao desenvolvemento rural.
O Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, aprobado pola Decisión de execución da Comisión Europea C(2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, e modificado pola Decisión de execución da Comisión Europea C(2023) 5746 final, do 30 de agosto de 2023, e C(2024) 6133 final, do 30 de agosto de 2024, recolle no seu punto 5.3, Intervencións sobre o desenvolvemento rural, a intervención 6502.2 «Compromisos de mantemento de forestación e sistemas agroforestais».
O artigo 70 do Regulamento (UE) 2021/2115, do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro, establece que os estados membros incluirán compromisos ambientais, climáticos e outros compromisos de xestión entre as intervencións do seus plans estratéxicos da PAC. Os ditos compromisos poderán dar lugar a pagamentos ás persoas beneficiarias sempre que os compromisos de xestión se consideren beneficiosos para acadar un ou varios dos obxectivos específicos que menciona o artigo 6, entre os cales se encontran:
– Contribuír á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, tamén mediante a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorando a captura de carbono, así como promover a enerxía sustentable.
– Promover o desenvolvemento sustentable e a xestión eficiente dos recursos naturais como a auga, o chan e o aire, incluíndo a redución da dependencia química.
– Contribuír a deter e reverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos relacionados cos ecosistemas e conservar os hábitats e as paisaxes.
As axudas a compromisos ambientais e climáticos para o mantemento de repoboacións forestais e sistemas agroforestais, apoian a conservación de plantacións, facilitando o seu desenvolvemento de maneira que poidan prestar servizos ecosistémicos tales como captura e almacenamento de carbono, regulación hidrolóxica, cantidade e calidade da subministración de auga, servizos culturais e de recreo, protección de chans, conservación da biodiversidade, incluíndo os hábitats, e mantemento da paisaxe.
Son obxecto das primas de mantemento as superficies que foron forestadas no marco da medida 8.1 –axudas para a reforestación/creación de superficies forestais– do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PRD 2014-2020) que tiña como fin a creación de novas superficies forestais.
A intervención 6502.2 «Compromisos de mantemento de forestación e sistemas agroforestais» encádrase nas axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (SIXC) o que implica que a xestión do pagamento realizarase a través da solicitude única da PAC de cada ano, de acordo coa orde anual que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e a gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.
Estas axudas ampáranse no Regulamento (UE) 2022/2472, da Comisión, do 14 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE L 327/1, 21.12.2022), no seu artigo 41 «axudas destinadas á forestación e á creación de superficies forestais», que foron comunicadas polo Estado á Comisión Europea co número de axuda SA.112457.
De acordo co artigo 4 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, en relación co artigo 14, puntos 2 e 3, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a tramitación electrónica será obrigatoria para todas as persoas solicitantes en todas as fases do procedemento. A experiencia demostrada na xestión destas axudas acadada pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal nos últimos anos acredita que os destinatarios destas axudas, aínda sendo nalgúns casos persoas físicas, son un colectivo que ten acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para relacionarse electronicamente coa Administración.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dos compromisos de mantemento de forestacións e convocar no ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, os compromisos de mantementos de forestacións derivadas das ordes beneficiarias indicadas no artigo 2 para os anos 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029.
2. Esta orde encádrase na Intervención 6502.2-Compromisos de mantemento de forestación e sistemas agroforestais- subintervención 65022_01-Mantemento de forestacións ou repoboacións forestais contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
3. A finalidade de esta orde é conceder no ano 2025 un compromiso de mantemento ás forestacións beneficiarias (artigo 2), que consiste no pagamento dunha prima anual de mantemento nos primeiros cincos anos de existencia das forestacións para compensar os traballos forestais de coidado e mantemento posteriores á plantación.
Artigo 2. Beneficiarios
1. Poderán ser persoas beneficiarias todos os titulares dos expedientes pagados antes do 31 de decembro de 2024 ao abeiro das seguintes ordes: Orde do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 232, do 5 de decembro de 2019), do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 18, do 28 de xaneiro de 2021), do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convoca para o ano 2022 (DOG nº 21, do 1 de febreiro de 2022) e do 23 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convoca para o ano 2023 (DOG nº 232, do 7 de decembro de 2022), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (procedemento MR670B); e que non fosen beneficiarios das primas de mantementos convocadas nos anos 2019 (DOG nº 23, do 1 de febreiro de 2019), 2020 (DOG nº 229, do 2 de decembro de 2019), 2021 (DOG nº 14, do 22 de xaneiro de 2021) e 2022 (DOG nº 242, do 20 de decembro de 2021) (código de procedemento MR670C) e que acepten os compromiso de mantemento de forestacións establecidos no artigo 3.
2. As persoas beneficiarias poderán presentar tantas solicitudes como expedientes de forestación teñan pagados ao abeiro das ordes de convocatoria sinaladas no punto anterior cumprindo co requisito de presentar unha solicitude por cada expediente.
3. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
4. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
Artigo 3. Compromisos de mantemento de forestacións
1. A persoa beneficiaria asume os seguintes compromisos:
• Control da vexetación de competencias.
• Mantemento da área de defensa contra incendios forestais.
• Reposición de marras, de ser necesario.
• Mantemento da vitalidade e do estado sanitario.
2. Os condicionantes dos compromisos son:
• As actuacións dos compromisos adquiridos deben axustarse ás superficies obxecto de pagamento ao abeiro das ordes de axudas que figuran no artigo 2.
• A planta empregada para a reposición das marras deberá axustarse ás condicións establecidas na correspondente orde de axudas do expediente inicial que posibilita a solicitude do compromiso de mantemento.
• O sistema de identificación das parcelas para as que se solicita e concede o compromiso de mantemento é o Sixpac segundo o establecido no artigo 68 do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro.
• As actuacións realizadas para cumprir os compromisos de mantemento deberá axustarse ás condicións establecidas na correspondente orde de axudas do expediente inicial que posibilita a solicitude do compromiso de mantemento.
Artigo 4. Importe da axuda
O importe anual da axuda de compromiso de mantemento será de 320 € por hectárea, de superficie forestal que figure no expediente derivado da correspondente orde de convocatoria da axuda.
Artigo 5. Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A persoa interesada deberá presentar unha solicitude, dirixida ao departamento territorial da Consellería do Medio Rural da provincia onde radique o terreo obxecto de compromiso, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I (solicitude), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6.
3. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
• Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.
• Toma de razón dos compromisos e obrigas (anexo II).
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).
d) Estar ao día no pagamento de obrigas coa Seguridade Social a persoa solicitante.
e) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración tributaria a persoa solicitante.
f) Estar ao día no pagamento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia a persoa solicitante.
g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
h) Concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Instrución, resolución e recursos
1. Os órganos competentes para tramitar esta orde de axudas son a Subdirección Xeral de Recursos Forestais da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural e os servizos de montes dos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural (en diante, servizos provinciais de montes).
2. Os servizos provinciais de montes examinarán as solicitudes presentadas e requirirán aos solicitantes que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, as emenden, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Neste requirimento indicarase ademais que, se non se fixer, se terá o solicitante por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Posteriormente, a subdirección xeral responsable dos recursos forestais, dado que se trata dun procedemento de concorrencia non competitiva, emitirá un informe onde se reflictan as solicitudes e formulará a proposta de resolución, de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e resolverá a persoa titular da dirección xeral responsable da planificación e ordenación forestal por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de non se ditar resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da mesma lei.
5. As resolucións ditadas porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.
b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.
Artigo 10. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos, agás ás que se refiren no artigo seguinte, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Publicación de actos
1. As notificacións das resolucións de aprobación e denegación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpolos.
2. Na notificación de concesión da axuda informaranse as persoas beneficiarias de que as intervencións subvencionadas están recollidas no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027 e son cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Artigo 12. Solicitude de pagamento
1. A solicitude de pagamento presentarase coa solicitude única da PAC de cada ano, de acordo coa orde anual que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.
2. Coa solicitude de pagamento deberá presentarse unha declaración doutras axudas que financien a actividade subvencionada, coa indicación do importe e a súa procedencia, en que deberán figurar o número de expediente e a sinatura da persoa solicitante ou representante.
3. O pagamento do compromiso de mantemento definitivo será o resultante da comprobación final realizada por empregados da consellería competente no medio rural, que examinará a solicitude de pagamento presentada pola persoa beneficiaria e realizará unha visita in situ aos terreos onde se realizaron as actuacións e determinará os importes subvencionables. A raíz desa comprobación, modificarase á baixa a cantidade aprobada inicialmente da superficie en que non se cumpren ou acaden os compromisos de mantemento.
A citada visita será comunicada á persoa beneficiaria cunha antelación mínima de 15 días.
Artigo 13. Reintegro e penalizacións
1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de mora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, dos requisitos establecidos no articulado desta orde e, en xeral, nos casos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Sen menoscabo do establecido no primeiro parágrafo, as persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de reintegro previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Procederá a penalización por sobredeclaración de superficies establecida no artigo 18 do Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións previstas no Plan estratéxico da política agrícola común, e modifícanse varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027. Non obstante, non se imporán penalizacións nos supostos relacionados no artigo 5 do mencionado real decreto.
3. Procederá a penalización por non acadar ou manter os compromisos de mantemento de forestación en menos do 80 % da superficie adherida sen autorización previa ou causa xustificada excepcional ou de forza maior; incumprimento que dá lugar á perda do dereito ao cobramento do 100 % da axuda. Para estes efectos, considéranse causas de forza maior o falecemento da persoa beneficiaria, a incapacidade laboral de longa duración da persoa beneficiaria, unha catástrofe grave que afectase gravemente a explotación forestal, unha enfermidade vexetal que afectase unha parte ou a totalidade da masa arbórea da persoa beneficiaria, ou a expropiación da totalidade ou dunha parte importante da explotación forestal, se esta expropiación non era previsible o día en que se presentou a solicitude.
Artigo 14. Controis
1. As persoas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a someteranse ás actuacións de comprobación e control que realice a Consellería do Medio Rural para o seguimento dos compromisos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de control e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas da Unión Europea.
Despois da certificación final e pagamento do compromiso a persoa beneficiaria deberá dispor á disposición dos citados órganos de control toda a documentación xustificativa dos gastos e pagamentos incorridos na realización dos compromisos de mantemento.
2. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, deberán someterse aos específicos controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia, e o Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.
3. Ademais, deberán proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación dos compromisos, en particular, en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro.
4. A consellería competente no medio rural, ao abeiro do establecido no artigo 60 do Real decreto 1047/2022 levará a cabo os controis administrativos sistemáticos de todas as solicitudes de compromiso de mantemento e de pagamento respecto a todos os elementos que sexa posible e adecuado comprobar administrativamente. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 61 do Real decreto 1047/2022, anualmente, seleccionarase unha mostra de control para a execución dos controis sobre o terreo que terá por obxecto, polo menos, o 3 % de todos os beneficiarios.
Artigo 15. Financiamento
1. As accións previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.713B.770.0 2024 00105 e coa seguinte distribución anual:
|
Ano |
2025 |
2026 |
2027 |
2028 |
2029 |
Total |
|
Importe (€) |
960.000 |
960.000 |
960.000 |
960.000 |
960.000 |
4.800.000 |
2. Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
3. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, o órgano concedente procederá a publicar esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
4. Os compromiso de mantemento da forestación (Intervención 6502.2-Compromisos de mantemento de forestación e sistemas agroforestais-subintervención 65022_01-Mantemento de forestacións ou repoboacións forestais, do PEPAC 2023-2027 de Galicia) están financiadas polo Feader nun 80 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 16 % e a Xunta de Galicia nun 4 %.
Artigo 16. Infraccións e sancións
En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no título II da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas, así como o Real decreto 147/2023, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións previstas no Plan estratéxico da política agrícola común, e modifícanse varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.
A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, será de aplicación o Regulamento delegado (UE) 2022/1172 da Comisión, do 4 de maio, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común e a aplicación e o cálculo das sancións administrativas no marco da condicionalidade.
Así mesmo, tamén serán de aplicación as circulares de coordinación do Fondo Español de Garantía Agraria relativas ao Plan nacional de controis das intervencións de desenvolvemento rural no ámbito do sistema integrado do período 2023/2027 establecidas no Plan estratéxico da política agrícola común.
Artigo 17. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 18. Réxime xurídico
1. As axudas reguladas nesta orde encádranse nas intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e son cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), polo que o marco normativo básico é o seguinte:
– Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013.
– Regulamento (UE) 2021/2116, do 2 de decembro, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1306/2013.
– Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, ao algodón e aos subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.
– Regulamento delegado (UE) 2022/1172 da Comisión, do 4 de maio, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común e a aplicación e o cálculo das sancións administrativas no marco da condicionalidade.
– Regulamento de execución (UE) 2022/1173 da Comisión, do 31 de maio, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control da política agrícola común.
– Plan estratéxico da PAC 2023_2027 (PEPAC) de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2022) 6017 final, do 31 de agosto de 2022, e as súas modificacións, que deron lugar á versión vixente do PEPAC aprobada pola Decisión de execución da Comisión C (2024) 6133 final, do 30 de agosto de 2024.
– Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.
– Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.
– Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións previstas no Plan estratéxico da política agrícola común, e modifícanse varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
– Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
– Decreto 167/2019, do 5 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas
– Orde do 19 de maio de 2014 pola que ese establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se modifica o anexo I da Orde 19 de maio de 2014
2. Sen prexuízo das normas específicas de aplicación para os fondos Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e para a execución do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) que se poidan establecer, e en defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, incluídas as sectoriais, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables.
Disposición adicional primeira. Compatibilidade
Os compromisos de mantemento que se concedan o abeiro desta orde de convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda de mantemento da plantación concedida sobre a mesma superficie nos anos 2019, 2020, 2021, 2022, 2023 ou 2024. Ademais, as primas concedidas son incompatibles coas axudas ao primeiro piar da PAC e as intervencións agrícolas do artigo 70 do Regulamento (UE) 2021/2115, do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional terceira. Protección de datos das persoas físicas
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Disposición adicional cuarta
A resolución e xestión desta orde está condicionada á aprobación pola autoridade rexional de xestión, logo de consulta ao Comité de Seguimento Rexional, da anulación dos criterios fixados para a subintervención 65022_01-Mantemento de forestacións ou repoboacións forestais.
Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
