DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Martes, 14 de xaneiro de 2025 Páx. 2687

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025 os compromisos de mantemento de forestacións, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027 (código de procedemento MR670C).

BDNS (Identif.): 807492.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3 b) e 20.8 a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dos compromisos de mantemento de forestacións e convocar no ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, os compromisos de mantementos de forestacións derivadas das ordes beneficiarias indicadas no artigo 2 para os anos 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029.

2. Esta orde encádrase na Intervención 6502.2-Compromisos de mantemento de forestación e sistemas agroforestais- subintervención 65022_01-Mantemento de forestacións ou repoboacións forestais contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

3. A finalidade de esta orde é conceder no ano 2025 un compromiso de mantemento ás forestacións beneficiarias (artigo 2), que consiste no pagamento dunha prima anual de mantemento nos primeiros cincos anos de existencia das forestacións para compensar os traballos forestais de coidado e mantemento posteriores á plantación.

Segundo. Bases reguladoras

Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025 os compromisos de mantemento de forestacións, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027 (código de procedemento MR670C).

Terceiro. Beneficiarios

1. Poderán ser persoas beneficiarias todos os titulares dos expedientes pagados antes do 31 de decembro de 2024 ao abeiro das seguintes ordes: Orde do 25 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2020 (DOG nº 232, do 5 de decembro de 2019), do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 18, do 28 de xaneiro de 2021), do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convoca para o ano 2022 (DOG nº 21, do 1 de febreiro de 2022) e do 23 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais e se convoca para o ano 2023 (DOG nº 232, do 7 de decembro de 2022), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (procedemento MR670B); e que non fosen beneficiarios das primas de mantementos convocadas nos anos 2019 (DOG nº 23, do 1 de febreiro de 2019), 2020 (DOG nº229, do 2 de decembro de 2019), 2021 (DOG nº 14, do 22 de xaneiro de 2021) e 2022 (DOG nº 242, do 20 de decembro de 2021) (código de procedemento MR670C) e que acepten os compromisos de mantemento de forestacións establecidos no artigo 3.

2. As persoas beneficiarias poderán presentar tantas solicitudes como expedientes de forestación teñan pagados ao abeiro das ordes de convocatoria sinaladas no punto anterior cumprindo co requisito de presentar unha solicitude por cada expediente.

3. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

Cuarto. Financiamento

1. As accións previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.713B.770.0 2024 00105 e coa seguinte distribución anual:

Ano

2025

2026

2027

2028

2029

Total

Importe (€)

960.000

960.000

960.000

960.000

960.000

4.800.000

2. Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

3. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, o órgano concedente procederá a publicar esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. Os compromisos de mantemento da forestación (Intervención 6502.2 – Compromisos de mantemento de forestación e sistemas agroforestais- subintervención 65022_01 – Mantemento de forestacións ou repoboacións forestais, do PEPAC 2023-2027 de Galicia) están financiadas polo Feader nun 80 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 16 % e a Xunta de Galicia nun 4 %.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural