O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 26 de decembro de 2024, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas a proxectos que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do sector de automoción en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 e facultou á persoa titular da Dirección Xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas a proxectos que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do sector de automoción en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, e proceder á convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia non competitiva, de tres tipoloxías ou liñas de proxecto de actuación:
Liña 1: Desenvolvemento e innovación (código de procedemento IG300J).
Liña 2: Investimento produtivo (código de procedemento IG300I).
Liña 3: Enerxías renovables e hidróxeno renovable (código de procedemento IN422P).
As axudas das liñas 1 e 3 da presente convocatoria están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das persoas beneficiarias polo 40 % restante. En particular:
Liña 1: Desenvolvemento e Innovación.
Obxectivo político 1: Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Prioridade 1A: Transición dixital e intelixente.
Obxectivo específico 1.1: Desenvolver e mellorar as capacidades de investigación e innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas.
Liña de actuación 1.1.03. Proxectos de I+D+i centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar ás empresas na súa transición industrial en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde.
Ámbito de intervención 010. Actividades de investigación e innovación en pemes, incluída a creación de redes.
Ámbito de intervención 011. Actividades de investigación e innovación en grandes empresas, incluída a creación de redes.
Indicadores de realización:
RCO01 – Empresas apoiadas
RCO02 – Empresas apoiadas a través de subvencións
Indicadores de resultado:
RCR02 – Investimentos privados que acompañan ao apoio público (euros)
Liña 3: Enerxías renovables e hidróxeno renovable.
Obxectivo político: 2. Unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.
Prioridade 2A: Transición Verde.
Obxectivo específico: RSO2.2. Fomento das enerxías renovables de conformidade coa Directiva (UE) nº 2018/2021, en particular os criterios de sustentabilidade que nela se detallan.
a) Cando as axudas promovan as enerxías renovables térmicas e eléctricas:
– Actuación: 2.2.01 Incentivos ás enerxías renovables térmicas e eléctricas.
– Ámbito de intervención:
048: Enerxía renovable solar.
049: Enerxía renoble biomasa.
052: Outras enerxías renovables (incluída a xeotermia).
Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicador de realización:
• RCO22-Capacidade de produción adicional de enerxía renovable (MW).
– Indicador de resultado:
• RCR29-Emisións de gases de efecto invernadoiro estimadas (toneladas de CO2 eq./ano).
• RCR32-Capacidade operativa adicional instalada para enerxía renovable (MW).
b) Cando as axudas promovan o hidróxeno verde:
– Actuación: 2.2.02 Incentivos aos gases de orixe renovable.
– Ámbito de intervención:
086. Infraestruturas para combustibles alternativos
Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicador de realización:
• RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.
• RCO01-Empresas apoiadas.
– Indicador de resultado:
• RCR02-Investimento privado que acompaña o apoio público (euros).
A liña 2 de investimentos produtivos financiarase con Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 9.00 horas e rematará o 30 de abril de 2025 ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
Terceiro. O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e distribución plurianual:
| Partida orzamentaria | Liña | Orixe de fondos | Ano 2025 | Ano 2026 | Total | 
| 09.A1.741A.7700 | 1 | Feder | 100.000 | 1.900.000 | 2.000.000 | 
| 09.A1.741A.7700 | 2 | FFPP | 5.000.000 | 5.000.000 | |
| 09.A1.741A.7700 | 3 | Feder | 500.000 | 6.500.000 | 7.000.000 | 
| Total | 5.600.000 | 8.400.000 | 14.000.000 | 
Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, no caso de esgotamento do crédito da liña 1 ou da liña 3, poderá incrementarse co remanente das outras liñas, se o houbese, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape publicada para o efecto.
A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.
Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a data de presentación de solicitude de axuda. Transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo.
O prazo de execución dos proxectos das liñas 1 e 3 rematará o 31 de outubro de 2026.
A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento da axuda dentro do prazo dun mes a partires da data de fin de execución do proxecto fixada na resolución de concesión. Para estes efectos:
– Imputaranse á anualidade 2025 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento remate ata o 30 de novembro de 2025. Os gastos executados a partir do 1 de decembro de 2025 poderán impultarse con cargo á xustificación da anualidade 2026.
– Imputaranse á anualidade 2026 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento remate ata o 31 de outubro de 2026.
Para os proxectos da liña 2 o prazo de execución e xustificación rematará o 30 de novembro de 2025.
A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento da axuda ata a data de fin de execución do proxecto.
Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado aos efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.
Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Bases reguladoras das axudas a proxectos que impulsen e reforcen a
transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do
sector de automoción en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco
do programa Galicia Feder 2021-2027.
A automoción en Galicia é un sector estratéxico e clave para o desenvolvemento económico e a xeración de emprego, con todo, os cambios que están a afectar á cadea de valor a nivel global, poñen en risco a competitividade dos provedores locais. A evolución do sector tradicional cara a un concepto global de mobilidade verde e dixitalizada, a caída da demanda e o auxe de competidores emerxentes fronte aos países tradicionais líderes en automoción, poñen de manifesto a necesidade de impulsar unha estratexia que axude a fortalecer aos provedores galegos de automoción, mantendo a súa competitividade no mercado global.
O sector da automoción xoga un papel estratéxico na economía galega, pola súa achega ao Produto Interior Bruto rexional, a súa achega á balanza comercial e o investimento en innovación, así como a creación de máis de 24.000 empregos directos, un volume considerable de postos de traballo de alta cualificación.
Atendendo aos esforzos da Xunta de Galicia de fortalecer o ecosistema industrial do sector da automoción en Galicia e impulsar a súa autonomía estratéxica – desde un enfoque de produción local, independencia de sistemas de subministración non europeos e a contribución á redución de emisións asociadas á súa actividade-, a Consellería de Economía e Industria recoñece a necesidade de poñer en marcha un paquete de medidas que axuden ao tecido da automoción para alcanzar a neutralidade climática e apoialo na transición á sustentabilidade, tanto en produto como en procesos.
Estas axudas enmárcanse no obxectivo de apoiar a transición ao vehículo eléctrico, descarbonizar o sector da automoción, fomentar a autonomía estratéxica da rexión, promover a independencia externa no sector e favorecer o desenvolvemento e a mellora da cadea de valor local e nacional.
A Consellería de Economía e Industria é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución, o exercicio de funcións en diferentes materias, entre as cales se atopan: a promoción e dinamización da economía, o impulso e a coordinación da política económica e industrial, así como a revisión da regulación con incidencia na economía. O apoio xeral ao sector empresarial, fomentando a mellora da competitividade das empresas, incidindo no desenvolvemento tecnolóxico e na innovación, na transformación dixital, na sustentabilidade e na internacionalización. A coordinación, planificación, deseño e posta en marcha dos mecanismos públicos autonómicos de financiamento empresarial e industrial.
O impulso económico e industrial convértese no eixo fundamental no deseño, elaboración e execución da acción política da Consellería de Economía e Industria, co fin de continuar coa etapa de recuperación do crecemento económico da nosa Comunidade Autónoma.
Para o exercicio das súas competencias, está adscrito á consellería, entre outras entidades, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) que, no cumprimento das súas funcións, desempeña un rol fundamental no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a alcanzar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega.
Do mesmo xeito, polo obxecto e natureza do esquema de axudas previsto, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) que ten entre os seus obxectivos o estudo e apoio ás actuacións de coñecemento, desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia encargarase tamén da xestión da axuda.
Neste contexto, e aliñado aos obxectivos europeos das políticas públicas clave como o Pacto Verde Europeo, o Plan Industrial do Pacto Verde Europeo e a Nova Estratexia Industrial para Europa, o concepto no que se enmarca o presente esquema de axudas céntrase en plans de investimento e accións dirixidas á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico do sector da automoción en Galicia, que se compón dos seguintes eixos:
1. Transición ao ecosistema de mobilidade descarbonizada e conectada. Impulso aos provedores locais do sector para afrontar e reconverter a súa produción cara aos novos compoñentes de mobilidade verde e conectada.
2. Descarbonización dos procesos produtivos e loxísticos. Reforzo en investimentos para a transformación de todas as operacións das plantas, internas e externas, cara a procesos máis eficientes e sostibles.
3. Apoio á adopción de modelos green factory. Impulso na transformación total das plantas dos provedores de automoción galegos cara á neutralidade climática.
Para alcanzar estes obxectivos e posibilitar a transformación e o desenvolvemento futuro do sector, é necesario apostar por unha cadea de valor descarbonizada, cunha implicación do sector privado e público, mediante unha serie de medidas e investimentos en tecnoloxías máis eficientes e sostibles enfocadas cara ao concepto de green factory, impulsando ás empresas locais a ser máis competitivas, cunha oferta de valor asociada a un menor impacto e consumo de recursos.
Polo tanto, a Xunta de Galicia configura un Plan de apoio á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico do sector da automoción de Galicia cuxo obxectivo principal é o apoio ao noso ecosistema industrial para posicionarse como un hub industrial verde.
Para acadar estes obxectivos poderanse publicar diferentes convocatorias en concorrencia non competitiva que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. As convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.
Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados o que, de ser o caso, publicarase no Diario Oficial de Galicia. Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto que facilite a transición xusta e sostible do sector da automoción en Galicia.
Estas axudas están alineadas co Plan Estratéxico de Galicia 22-30, Eixe 3: Competitividade e Crecemento, Prioridade de Actuación 3.3: Impulsar o crecemento e competitividade das pemes, a transición industrial e o emprendemento, Obxectivo Estratéxico 3.3.1: Impulsar a creación de novas empresas, a consolidación e crecemento das existentes, a súa internacionalización e fomentar decididamente o espírito emprendedor. Garantir o cumprimento das condicións de seguridade das instalacións no que atinxe á seguridade industrial e de equipamentos industriais e á defensa das persoas consumidoras e usuarias, protexendo a seguridade, a saúde e os seus lexítimos intereses económicos. Así mesmo, alíñase co reto 2: Modelo industrial baseado na competitividade e no coñecemento da Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 21-27.
A estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o principio de «non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés); isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos medio ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852: mitigación ao cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sostible e protección dos recursos hídricos e mariños, economía circular, prevención e control da contaminación e protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.
En aplicación do disposto na Lei 18/2022, de creación e crecemento de empresas, que modifica o artigo 13 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, nestas bases incorpórase a obriga para as empresas de cumprir os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para poder ser beneficiarias de subvencións de importe superior a 30.000 euros.
Disposicións comúns
Artigo 1. Obxecto e tipoloxías de proxectos apoiados
O obxecto destas axudas é apoiar á industria da automoción galega dentro do Plan de Apoio á Descarbonización e Transición ao Vehículo Eléctrico do Sector da Automoción de Galicia, mediante apoios en tres tipoloxías ou liñas de proxecto de actuación: desenvolvemento tecnolóxico e innovación de procesos ou organización, investimento produtivo e renovables:
Liña 1. Desenvolvemento e Innovación.
1. Poderán ser subvencionables proxectos de desenvolvemento experimental e proxectos de innovación en materia de organización e procesos, segundo se definen a continuación:
1º. Proxectos de desenvolvemento experimental: A adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos ou procesos novos ou mellorados; pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos ou servizos. O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados; pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación. O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando esas modificacións poidan representar melloras dos mesmos.
2º. Proxectos de innovación en materia de organización e de procesos:
A aplicación dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa ou a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipos ou programas informáticos); non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos, o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados, os cambios ou melloras de importancia menor nin os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados.
As grandes empresas só poderán ser beneficiarias de axuda a este tipo de proxectos se cooperan con pemes na execución do proxecto obxecto de axuda, debendo asumir estas un mínimo dun 10 % para dos proxectos de desenvolvemento experimental. No caso dos proxectos de innovación en organización e procesos, debe existir colaboración efectiva con una ou varias pemes, que deben asumir un mínimo do 30 % do total dos custos subvencionables.
Por colaboración efectiva, tal e como se recolle no artigo 2 punto 90 do Regulamento (UE) nº 651/2014, enténdese a colaboración entre, polo menos, dúas partes independentes para o intercambio de coñecementos ou tecnoloxía, ou para lograr un obxectivo común sobre a base da división do traballo, na que as partes implicadas definen conxuntamente o ámbito do proxecto en colaboración, contribúen á súa aplicación e comparten os seus riscos e os seus resultados; unha ou varias das partes poden soportar a totalidade dos custos do proxecto e liberar así outras partes dos seus riscos de financiamento. A investigación baixo contrato e a prestación de servizos de investigación non se consideran formas de colaboración.
As empresas deberán constituír unha agrupación que se rexerá polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión e deberá incluír de forma expresa quen é a líder ou representante da agrupación. A líder será a representante única da agrupación, única interlocutora coa Administración en todo o procedemento sen prexuízo do carácter de beneficiarias de todas e cada unha das integrantes da agrupación.
O documento contractual de regulación da agrupación deberá contemplar, como mínimo, o seguinte:
a) Distribución das actividades e do orzamento total e o achegado por cada un dos membros da agrupación.
b) Acordo de representación da agrupación e elección do representante da mesma ante a Administración para os efectos de interlocutor coa mesma e perceptor da axuda.
c) Compromiso de distribución da axuda percibida polo líder entre todos os participantes da agrupación conforme ao gasto aprobado e ao pagamento do Igape tras a xustificación finalmente admitida.
Con todo, o orzamento e as actividades quedarán suxeitos ao establecido na resolución de concesión da axuda.
A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.
Todas as entidades que colaboren na execución do proxecto terán a condición de beneficirias e deberán cumprir as mesmas condicións e obrigas que a solicitante líder da agrupación. Na solicitude deberán constar, de forma expresa, os compromisos de execución asumidos por cada membro.
Liña 2. Investimento produtivo:
1º. Axudas a pemes para as seguintes tipoloxías de proxecto que serán, en todo caso, realizados por unha única entidade e nunha única localización:
a) Creación dun novo establecemento: inicio dunha nova actividade industrial.
b) Modificación de liñas de produción: realización de investimentos en aparellos e equipos, así como a adquisición de activos fixos materiais para a implementación de solucións de hibridación do mundo físico e dixital (sistemas intelixentes, low-end e embebidos, sensores, wearables, e-tags, realidade virtual e impresión 3D, robótica e vehículos non tripulados dentro do establecemento industrial) que integren polo menos unha liña de produción completa, destinadas a:
i. A ampliación da capacidade dun establecemento existente;
ii. A diversificación da produción nun establecemento en produtos que anteriormente non se producían no establecemento; ou ben
iii. A transformación fundamental no proceso global de produción do establecemento.
2º. Axudas a grandes empresas para as seguintes tipoloxías de proxecto que serán, en todo caso, realizados por unha única entidade e nunha única localización:
Creación dun novo establecemento: inicio dunha nova actividade industrial.
Investimentos iniciais en favor dunha nova actividade económica: realización de investimentos en aparellos e equipos, así como a adquisición de activos fixos materiais para a implementación de solucións de hibridación do mundo físico e dixital (sistemas intelixentes, low-end e embebidos, sensores, wearables, e-tags, realidade virtual e impresión 3D, robótica e vehículos non tripulados dentro do establecemento industrial) que integren polo menos unha liña de produción completa, destinadas á diversificación da produción nun establecemento, a condición de que a nova actividade non sexa unha actividade idéntica ou similar á realizada anteriormente no establecemento.
Liña 3. Enerxías renovables e hidróxeno renovable.
Investimentos para o desenvolvemento de proxectos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables e co hidróxeno de orixe renovable conforme ao disposto nas disposicións específicas para a liña 3.
3. Condicións dos proxectos obxecto de apoio.
a) Os proxectos obxecto de apoio deberán responder a algunha das tipoloxías de proxecto subvencionables establecidas nas liñas 1, 2 e 3 do apartado 1 anterior.
b) No caso da liña 2, a persoa beneficiaria deberá realizar unha aportación financeira mínima do 25 % dos custos subvencionables, mediante os seus propios recursos ou mediante financiamento externo, exenta de calquera tipo de axuda pública.
Non se consideran exentos de apoio público, entre outros, os préstamos bonificados, os préstamos de valores ou capital públicos, as participacións públicas que non cumpran o principio de investidor nunha economía de mercado, as garantías estatais que conteñan elementos de axuda ou o apoio público outorgado dentro do ámbito da norma de minimis.
c) A axuda solicitada debe supoñer un efecto incentivador para o proxecto presentado. Existe efecto incentivador cando a axuda cambia o comportamento da empresa de modo que esta non emprendería o proxecto obxecto de solicitude sen a axuda, ou que só a emprendería dunha maneira limitada ou diferente. A axuda non debe subvencionar os custos dunha actuación na que a empresa incorrería en calquera caso.
Para tal efecto, antes de iniciar o proxecto, a persoa solicitante deberá ter presentado a solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos ou gastos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.
Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.
d) O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata a data de remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar o 31 de outubro de 2026, nas liñas 1 e 3 e o 30 de novembro de 2025 na liña 2.
e) As empresas interesadas poderán presentar unha única solicitude de axuda a cada liña definida. De presentárense máis dunha á mesma liña, arquivaranse automáticamente as rexistradas despois da primeira, agás desistencia expresa de algunha das outras por parte da persoa solicitante.
Unha vez presentadas, as solicitudes non poderán modificarse.
f) Establécese un importe máximo acumulado por empresa na mesma convocatoria de 10.000.000 €.
g) Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben ou á contratación da execución da obra, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou fornezan ou que as realicen. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
1º. Comparabilidade: deberán referise á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
2º. Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
3º. Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos nas que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.
4º. Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva en cada liña de proxectos.
2. A xestión completa das liñas 1 e 2 corresponderalle ao Igape, mentres que a liña 3 será xestionada polo Inega.
3. As solicitudes, en todo caso, resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.
Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de presentación de achegas ou de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a persoa solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.
4. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.
5. As axudas previstas nestas bases incardínanse no Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño); en concreto, as axudas rexionais ao investimento acolleranse ao artigo 14, os proxectos de desenvolvemento experimental acolleranse ao artigo 25, as axudas á innovación en materia de procesos e organización acolleranse ao artigo 29 e as axudas a proxectos de enerxías renovables e hidróxeno renovable ao artigo 41.
6. As liñas 1 e 3 son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 40 % restante.
7. A liña 2 financiarase mediante Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos custos subvencionados.
2. A obtención doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa das accións realizadas. Antes de pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
O Igape comprobará, mediante consulta á BDNS (Base de datos nacional de subvencións) a existencia doutras axudas para o mesmo proxecto.
Artigo 4. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia no que se desenvolva o proxecto subvencionado.
Consideraranse industrias de automoción aquelas cuxa actividade principal se desenvolva nos CNAE 29 e 30, en calquera dos seus subepígrafes e tamén aquelas empresas que, non estando dadas de alta en actividades deses CNAE, estean asociadas á Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:
a) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
c) As empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
d) As empresas que no momento da resolución da axuda non se atopen ao corrente de débedas coas distintas administracións: AEAT, Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública.
e) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).
3. As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme a este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014.
4. Para o caso das agrupacións de empresas ás que se fai referencia na liña 1, cada unha das integrantes da agrupación deberán de reunir todos os requisitos establecidos neste artigo.
O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no apartado 18 do artigo 2, do Regulamento (UE) nº 651/2014, así como a comprobación do tamaño das empresas (pequena, mediana ou gran empresa), para garantir que se aplica a intensidade de axuda pertinente en cada caso.
Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes
Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios.
2. No devandito formulario incluiranse as seguintes declaracións relativas á persoa solicitante:
a) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obriga de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obriga de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de Lei de sociedades de capital.
b) Relación doutras axudas públicas ou privadas recibidas e/ou solicitadas para os mesmos conceptos para os que se solicita esta subvención.
c) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
d) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión Europea.
e) Que a entidade solicitante non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.
f) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como o deber de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude a través do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA).
g) Que non está suxeita a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
h) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade e a normativa medioambiental exixible, en particular a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos e a Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental e o Real Decreto Lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, no caso de que resulte de aplicación polas características ou ubicación do proxecto.
i) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda e garantir a sostibilidade financeira do proxecto. No caso da liña 3 esta declaración acompañarase dunha memoria descritiva dos recursos e mecanismos financeiros dos que dispón a empresa para cubrir os custos de funcionamento e mantemento da operación para garantir a súa sostibilidade financeira.
j) Para os proxectos da liña 2, que achegará unha contribución financeira aos investimentos, exenta de calquera tipo de axuda pública, de polo menos un 25 % dos custos, ben sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.
k) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos, nas liñas 1 e 3 financiados con fondos Feder.
l) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante o prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano no que o Igape efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria nas liñas 1 e 3 e durante o prazo de 4 anos desde a súa presentación na liña 2.
m) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante o período de 5 ou 3 anos, segundo se trate de grandes empresas ou de pemes respectivamente. Dito prazo contarase desde a data do último pago ao beneficiario, en aplicación do artigo 65 RDC. No caso da liña 2, o prazo contarase desde a finalización do investimento, en aplicación do artigo 14.5 do Regulamento (UE) nº 651/2014. No caso de bens inscribibles nun rexistro público, o prazo será de 5 anos para todas as empresas.
n) Para a liña 3, e no caso de proxectos que consistan en infraestruturas, que se compromete a garantir a protección fronte ao cambio climático das infraestruturas cuxa vida útil sexa como mínimo de cinco anos, de acordo con o establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060. Para iso deberá ter en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2017 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva para o efecto a Autoridade de Xestión e o Organismo Intermedio dos Programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027.
o) Que cumpre o principio de non causar prexuízo significativo ao medio ambiente (principio do no significant harm - DNSH), segundo o anexo VIII a estas bases.
p) No caso da liña 2, que non se trasladou ao establecemento no que terá lugar o investimento inicial para o que se solicita a axuda nos dous anos anteriores á solicitude de axuda e que se compromete a non facelo durante un período de dous anos desde que se teña completado o investimento inicial para o que se solicita a axuda.
Para o caso das agrupacións de empresas ás que se refire a liña 1, a empresa líder fará estas declaracións respecto de si mesma e de cada empresa integrante da agrupación, para o que deberá facerse constar a pertinente autorización no documento de constitución da agrupación e acompañando o modelo anexo IV destas bases.
3. Solicitude: a solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I para a liña 1, II para a liña 2 e III para a liña 3) que se obterán de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo solicitudes con dúas asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan a unha delas para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada unha das persoas autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán anexar coa solicitude de axuda a seguinte documentación, ademais da documentación da solicitude indicada nas disposicións específicas de cada liña:
a) No caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil, as persoas interesadas deberán achegar escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes, e acreditación da representación con que se actúa, no caso de non atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).
b) Ofertas: as tres ofertas que debe ter solicitado a persoa beneficiaria en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, de acordo co establecido no artigo 1.2.g) destas bases
No caso de adquisicións de edificacións ou construcións novas ou usadas non será preciso achegar as tres ofertas, deberá acompañarse un informe de taxación suscrito por sociedade de taxación homologada.
c) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias acreditarán o cumprimento da normativa en materia de prazos a provedores:
1º. As persoas físicas e xurídicas que de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pago previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.
2º. As persoas xurídicas que de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pago establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste apartado, en base á información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación de auditor á que se refire o número anterior, «Informe de Procedementos Acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Conta que, en base á revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pago a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pago da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no apartado segundo da letra d) da disposición final sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación complementaria obrigatoriamente por vía electrónica. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
4. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Os órganos competentes do Igape ou do Inega segundo o caso, poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.
Artigo 7. Comprobación de datos
Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante ou da persoa integrante da agrupación.
b) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante ou da entidade integrante da agrupación.
c) NIF da entidade solicitante ou da entidade integrante da agrupación.
d) NIF da entidade representante da entidade solicitante ou da entidade integrante da agrupación.
e) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 6.1.a) destas bases.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.
h) Imposto de actividades económicas (IAE).
i) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.
j) Certificado de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.
k) Certificado de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
l) Consulta ao Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Reglamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I, II ou III de solicitude ou no anexo IV de declaracións e comprobación de datos das persoas integrantes da agrupación, e presentar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Artigo 9. Órganos competentes
A competencia para a instrución do procedemento de concesión da subvención das solicitudes presentadas ás liñas 1 e 2 correspóndelle á Área de Competitividade do Igape.
A competencia para a instrución do procedemento de concesión da subvención das solicitudes presentadas á liña 3 correspóndelle ao Inega.
A competencia para ditar a resoluciónque poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
Artigo 10. Instrución, resolución e notificación
1. As solicitudes de axuda das liñas 1 e 2 serán revisadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á persoa solicitante ou agrupación e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico e da documentación presentada.
A Área de Competitividade ditará proposta de resolución en base a este procedemento, e a elevará á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.
As solicitudes de axuda da liña 3 serán revisadas polos servizos técnicos do Inega en función dos datos relativos á persoa solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico e da documentación presentada.
O Inega ditará proposta de resolución en base a este procedemento, e a elevará á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.
De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase á persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou anexe os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese terase por desistida na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.
Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na que se indicarán as causas desta.
Cando no procedemento figuren e se teñan en conta feitos, alegacións ou probas non aducidas polo solicitante, inmediatamente antes de ditar proposta de resolución poñerase de manifesto ás persoas interesadas para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes.
2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación das persoas beneficiarias, a contía da subvención, indicando as obrigas que corresponden a cada unha delas, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o Documento polo que se Establecen as Condicións de Axuda (DECA).
Nas axudas das liñas 1 e 3, cofinanciadas con Feder, tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das persoas beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no apartado 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
En todas as liñas resolverase a concesión de axuda e un anticipo do 80 % da axuda, de acordo co artigo 63.3 do Decreto 11/2009, e unha vez comprobado o cumprimento de todos os requisitos establecidos nas presentes bases. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade, e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión. Neste suposto exímese ás persoas beneficiarias da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.
Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.
O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido no punto quinto da resolución de convocatoria, transcorrido este poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
3. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O prazo para interpoñer o recurso será de un mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 12. Modificación da resolución
Unha vez ditada a resolución de concesión, non se admitirán modificacións.
Artigo 13. Xustificación da execución e aboamento da axuda
1. A persoa beneficiaria ou a líder da agrupación deberá presentar toda a documentación xustificativa dos gastos e investimentos subvencionados dentro do prazo que se lle indique na resolución de concesión cubrindo o formulario electrónico de xustificación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios.. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.
2. A persoa beneficiaria ou a líder da agrupación deberá presentar a xustificación da execución e a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexos V para a liña 1, VI para a liña 2 e VII para a liña 3) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a persoa beneficiaria ou a líder da agrupación deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.
4. No caso de que non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase á persoa beneficiaria ou á líder da agrupación para que a presente ou corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará o inicio dun procedemento de reintegro total ou parcial da subvención, sen prexuízo das demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu Regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá á persoa beneficiaria ou á líder da agrupación das sancións que, conforme á lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.
5. Xunto coa solicitude de cobramento, a persoa beneficiaria da axuda ou a líder da agrupación presentará a seguinte documentación, ademais da documentación da xustificación indicada nas disposicións específicas de cada liña:
a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.
b) Para a xustificación do custo de persoal destinado ao proxecto deberá dispoñerse de:
– Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do/da representante legal da empresa, que consistirá nunha relación detallada por traballador/a do personal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI/NIE, nome, apelidos, posto na entidade, salarios fixados nun contrato de traballo, nun acordo laboral ou na lei (excepto os custos de viaxes e indemnizacións ou dietas), data de pago das nóminas, importe da Seguridade Social con cargo á entidade, data de pago da Seguridade Social e custo total imputado, grupo de cotización polo que está contratado, titulación e dedicación ao proxecto.
– Declaración da dedicación do persoal ao proxecto, na que deben figurar as actividades nas que participa mensualmente o/a traballador/a con a súa firma e a firma do/da xefe/a técnico/a do proxecto.
– Xustificación da comunicación por escrito ao/á traballador/a de que parte do seu salario está cofinanciado no marco do programa Feder Galicia 2021-2027.
– Nóminas do persoal dedicado ás actividades do proxecto e dos xustificantes bancarios do seu pago. Nos xustificantes de pago das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá presentarse a orde de transferencia na que se detallen os traballadores incluídos.
– Modelos 111 de retencións e ingresos de IRPF e os seus xustificantes bancarios de pago e, cando corresponda, o modelo 190.
– Relación nominal de traballadores (RNT) e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os xustificantes bancarios de pago. No caso de traballadores autónomos, deberanse achegar o certificado de retencións ou ingresos a conta do IRPF, as nóminas e, no seu caso, as correspondentes facturas e documentos de pago. Unicamente será subvencionable o custo de Seguridade Social deste persoal cando se acredite que o importe é abonado pola empresa.
– Informe de datos para a cotización-traballadores por conta allea da Seguridade Social (IDC) relativo ao período de execución de cada anualidade.
– Declaración responsable da non participación do persoal dedicado ao proxecto, financiado con cargo ás axudas desta convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación ao proxecto, a porcentaxe do 100 %.
Consideraranse como gasto de persoal realizado en prazo os ingresos á conta do IRPF ou cotas da Seguridade Social liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada deberá presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.
c) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pago ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:
1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria no que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.
No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase facer unha relación delas no formulario de solicitude de cobro.
No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás actuacións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas actuacións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.
As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.
d) Acreditación do cumprimento da obriga de publicidade do financiamento público por calquera soporte dos establecidos no anexo IX das bases onde se aprecie que se cumpriu coa obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.
e) As tres ofertas, de acordo co establecido no artigo 1.2.g) das bases reguladoras, no caso de non se achegaran xunto coa solicitude da axuda.
O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.
A persoa beneficiaria ou a líder da agrupación tamén deberá cubrir, na ficha resumen de facturas do formulario de liquidación, os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados para acreditar o deber establecido no artigo 14.f): data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable da persoa beneficiaria de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.
A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica.
A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento esíxao ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria opóñase á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá anexar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.
Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de resolución de perda do dereito á cobranza da axuda que, se é o caso, poderá supoñer a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente abonadas.
6. O aboamento da axuda, descontado o anticipo, realizarase, de ser o caso, á persoa beneficiaria, ou á líder da agrupación no caso da liña 1, unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pago do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión. A empresa líder da agrupación recibirá a axuda concedida ao proxecto, e será a responsable da súa distribución entre as empresas participantes, de acordo co criterio establecido no orzamento aprobado na resolución de concesión da axuda, conforme aos compromisos de participación de cada empresa.
O réxime de pago deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.
Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias:
a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter a actividade e, nas liñas 2 e 3, manter os investimentos subvencionados, durante o período de 3 anos dende a data da resolución de concesión da axuda, de 5 anos para o caso de bens inscribibles nun rexistro público e no caso de grandes empresas para todo tipo de investimento. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da persoa beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.
b) Xustificar o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.
c) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e, nas lñas 1 e 3, o Feder, segundo o establecido no anexo IX a estas bases reguladoras durante a execución e o período de mantemento do investimento.
d) Informar sobre o nivel de logro dos indicadores de realización e resultado no caso das liñas 1 e 3.
e) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en las liñas 1 e 3, en particular, ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, as auditorías do organismo de auditoría do Programa Galicia Feder 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, presentando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. A tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir de 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pago á persoa beneficiaria (art. 82 RDC).
f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable apropiado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos, nas liñas 1 e 3 financiados con fondos Feder.
g) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de xustificación da subvención.
h) Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no medio ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio do not significant harm- DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC. Para tal efecto, no caso de proxectos que requiran a realización de obra civil, durante a execución do proxecto, deberanse cumprir as seguintes condicións específicas:
1º. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532EC) xerados na execución da obra prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.
2º. Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.
i) Nos proxectos de infraestruturas da liña 3, acreditar a realización da análise da defensa contra o cambio climático, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, tendo en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva ao efecto a Autoridade de Xestión ou o Organismo Intermedio dos Programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027. Nos proxectos nos que resulte preceptiva, pode integrarse na Avaliación de Impacto Ambiental.
j) Nas liñas 1 e 3, facilitar os datos do titular real dos perceptores do financiamento da Unión no caso de que, requirida a dita información ás autoridades competentes, non poida disporse dela.
k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.
l) No caso de non poder realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.
m) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.
Artigo 15. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas e réxime sancionador
1. A falta de xustificación ou incumprimento das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, de concorrencia das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia do reintegro da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Procederá a perda total, ou se é o caso, o reintegro total, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape ou o Inega, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.
d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.
e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.
f) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa totalidade da subvención prevista nestas bases suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, do 100 % da subvención concedida.
g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo IX destas bases.
i) Para a liña 2, incumprir a obriga de anexar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de axuda pública de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
4. Perda, ou reintegro se é o caso, parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio:
a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo se é o caso reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.
b) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos, financiados co Feder nas liñas 1 e 3, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 2 % da subvención concedida.
c) Incumprimento das condicións específicas definidas no artigo 14.g) e 14.h) destas bases, no caso de proxectos que requiran a realización de infraestruturas, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 5 % da subvención concedida.
5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos nos que se aplique o previsto no artigo 14.a) destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a continuación:
a) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido supoñerá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período no que se incumpriu este requisito.
b) Non manter a publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 14.c) destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.
6. Devolución voluntaria da subvención.
De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
7. Réxime sancionador: ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Comprobación de subvencións, fiscalización e control
1. O Igape, no caso das liñas 1 e 2, ou o Inega, no caso da liña 3, comprobarán a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.
Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009 do 8 de xaneiro sobre comprobación material do investimento.
Como mínimo farase unha comprobación in situ nunha mostra aleatoria do 5 % das subvencións concedidas.
2. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes do gasto será de catro anos desde a súa presentación para a liña 2. Para as liñas 1 e 3 o prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pago á persoa beneficiaria, de acordo co disposto no artigo 82.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape no caso das liñas 1 e 2, ou o Inega, no caso da liña 3, para o seguimento dos proxectos aprobados, e ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ou en xeral as verificacións previstas no artigo 74 do RDC a realizar por organismo intermedio, a autoridade de xestión, e no seu caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra o Fraude ou a Fiscalía Europea, tamén auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
5. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 4 anos dende a súa presentación para a liña 2. No caso das liñas 1 e 3, o prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Igape efectúe o último pago á persoa beneficiaria, de acordo co disposto no artigo 82.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
Artigo 17. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións teñen a obriga de subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 18. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:
a) Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).
b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para ditos Fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).
c) Regulamento (UE) nº 2021/1058, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).
d) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.
e) Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.
f) A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
g) A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
h) A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
i) A Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
j) O Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).
k) No resto da normativa que resulte de aplicación.
Disposicións específicas liña 1
Desenvolvemento experimental e innovación en materia de organización e procesos
Artigo 19. Conceptos subvencionables, condicións e intensidade de axuda
1. Conceptos subvencionables:
a) Custos de persoal. Os custos relacionados cos investigadores, técnicos e demais persoal auxiliar, na medida en que estean dedicados ao proxecto ou actividade pertinente. Poderán imputarse gastos ao proxecto tanto de persoal con contrato laboral, persoal autónomo socio da empresa e persoal autónomo economicamente dependente, segundo o establecido na Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo. As entidades beneficiarias deberán detallar e certificar a dedicación horaria ao proxecto de cada traballador.
O custo hora individual máximo financiable será de 65€.
Non se considerarán subvencionables:
a) Os gastos relacionados con aqueles/as traballadores/as que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolve o proxecto.
b) Os gastos de persoal que non teña relación contractual laboral coa entidade beneficiaria da subvención, excepto os supostos admitidos de persoal autónomo.
c) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión e tramitación do financiamento solicitado.
d) As contratacións en formación, as de prácticas e as de bolseiros/as.
e) Os custos de viaxes, indemnizacións ou dietas non se consideran gastos de persoal e, polo tanto, non son subvencionables.
b) Custos de instrumental e material: Aceptaranse os gastos de amortización de instrumental e material na medida e durante o período en que se utilicen para o proxecto. No caso de que o instrumental e o material non se utilicen en toda a súa vida útil para o proxecto, unicamente consideraranse subvencionables os custos de amortización correspondentes á duración do proxecto, calculados de acordo con os principios contables xeralmente aceptados e dentro dos límites marcados pola resolución de concesión. No caso particular do material funxible, aceptaranse os custos sempre que poidan relacionarse directamente con algunha das actividades do proxecto e se xustifique adecuadamente na solicitude. Limítase o custo do material funxible ao 10 % do orzamento financiable do proxecto ata un máximo de 1.000.000,00 €.
Os custos de instrumental e material non superarán o 60 % do orzamento financiable do proxecto.
Non se consideran incluidos neste concepto o material de oficina e consumibles informáticos, que se consideran comprendidos dentro dos custos indirectos.
c) Custos de investigación contractual, coñecementos técnicos e patentes adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas en condicións de plena competencia. Queda expresamente excluída calquera forma de consultoría asociada á xestión e tramitación da axuda solicitada.
d) Custos indirectos: son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente á actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos que se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción e teléfono, material de oficina), seguros, seguridade ou gastos de limpeza. En aplicación da opción prevista no artigo 54.b) do Regulamento (UE) nº 2021/1060, o custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 15 % aos custos directos de persoal subvencionables..
2. Condicións:
O importe mínimo de custo subvencionable total deberá acadar 100.000 €.
Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.
En aplicación do artigo 66 do Regulamento (UE) 2021/1060, non serán subvencionables os gastos de apoio á reubicación.
Para ser considerados subvencionables, os gastos deberán ser abonados dentro do prazo de execución do proxecto e nos prazos de pago previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
3. Intensidade de axuda:
Concederase unha intensidade de axuda en función do tamaño da empresa e das actuacións propostas nesta liña 1 para os custos subvencionables previstos pola empresa durante o período subvencionable, coas seguintes intensidades:
| Gran empresa | Mediana empresa | Pequeña empresa | |
| Desenvolvemento experimental (línea 1.1º) | 25 % (*) | 35 % | 45 % | 
| Innovación de organización e procesos (línea 1.2º) | 15 % (**) | 50 % | 50 % | 
(*) So para proxectos de colaboración efectiva con pemes que asuman un mínimo do 10 % dos custos subvencionables
(**) So para proxectos de colaboración efectiva con pemes que asuman un mínimo do 30 % dos custos subvencionables.
Adicionalmente, poderanse incrementar nun 15 % as porcentaxes aplicables á liña de desenvolvemento experimental 1.1º sempre que se cumpra a condición de que os resultados do proxecto se difundan amplamente por medio de conferencias, publicacións, bases de libre acceso ou programas informáticos gratuítos ou de fonte aberta.
Artigo 20. Documentación complementaria
a. No caso de proxectos de cooperación entre pemes ou de grandes empresas en cooperación con pemes, documento de constitución da agrupación nos termos establecidos no artigo 1 destas bases reguladoras.
b. Memoria técnica do proxecto, que conterá a seguinte información:
– Antecedentes da empresa: proxectos de I+D+i desenvolvidos previamente.
– Tipoloxía do proxecto (desenvolvemento experimental ou innovación de organización e procesos).
– Obxectivos do proxecto.
– Plan de traballo e detalle do orzamento , xustificando a súa necesidade.
– Impacto do proxecto na estrutura e organización da empresa e posibilidade de incorporación dos resultados tecnolóxicos do proxecto á cadea de valor ada automoción de Galicia.
– Protección dos resultados do proxecto.
– Calquera outra información relevante ou de interese sobre o proxecto.
– Plan de difusión dos resultados do proxecto no caso de optar ao incremento do 15 % da liña 1.1º
c. Listaxe completa dos custos previstos, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.
d. No caso de imputar gastos de persoal de nova contratación, deberán achegarse tamén os contratos de traballo onde conste a dedicación ao proxecto.
Artigo 21. Xustificación da execución. Documentación xustificativa
a) Memoria completa e detallada do proxecto desenvolvido seguindo os mesmos puntos requiridos na memoria de solicitude descrita no artigo 20 anterior e onde queden patentes os resultados obtidos e a difusión dos resultados do proxecto no seu caso.
b) declaración asinada polo/a representante legal, na que se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento, calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como un informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá acompañarse dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e do pago da compra. O IGAPE poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.
c) Acreditación do cumprimento da obriga de publicidade segundo o anexo IX a estas bases.
Disposicións específicas liña 2
Investimento: axuda sobre o volume de investimento en equipamentos,
sistemas ou obras
Artigo 22. Conceptos subvencionables, condicións e intensidade de axuda
1. Conceptos subvencionables:
Investimento en activos fixos tanxibles e intanxibles nos que incorra a empresa dende a data de solicitude ata o 30 de novembro de 2025.
a) Compra de maquinaria ou bens de equipo.
b) Obras de reforma e rehabilitación de naves ou espazos produtivos.
c) Programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware).
d) Outros investimentos en activos fixos.
2. Condicións:
O importe mínimo de custo subvencionable total deberá acadar 100.000 €.
Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.
Para ser considerados subvencionables, os gastos deberán ser abonados dentro do prazo de execución do proxecto e nos prazos de pago previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
3. Intensidade de axuda:
Concederase unha axuda en función do tamaño da empresa sobre os custos subvencionables incorridos pola empresa durante o período subvencionable, coas seguintes intensidades:
| Gran empresa | Mediana empresa | Pequeña empresa | |
| Axudas rexionais á inversión (línea 2) | 15 % | 25 % | 35 % | 
Artigo 23. Documentación complementaria
Listaxe completa dos investimentos previstos, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.
Artigo 24. Xustificación da execución. Documentación xustificativa
a) Memoria completa dos investimentos realizados incluíndo planos e material descritivo.
b) Fotografías dos investimentos realizados instalados no establecemento.
c) Acreditación do cumprimento da obriga de publicidade segundo o anexo IX a estas bases.
Disposicións específicas liña 3
Axuda a proxectos de enerxías renovables e hidróxeno verde
Artigo 26. Condicións, conceptos subvencionables e intensidade de axuda
1. Condicións dos proxectos.
Poderán ser subvencionables os investimentos realizados desde a data de presentación da solicitude de axuda ata o 31 de outubro de 2026. Calquera investimento realizado fóra deste período non será subvencionable.
O investimento mínimo para que un proxecto sexa subvencionable establécese en 100.000 €.
No caso de proxectos que requiran a realización de obra civil, durante a execución do proxecto, deberanse cumprir as seguintes condicións específicas:
1º. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532EC) xerados na execución da obra prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.
2º. Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.
As actuacións que poidan afectar a espazos naturais protexidos terán en conta as determinacións que establece o Plan director da Rede Natura 2000 para o seu ámbito territorial de aplicación, así como as contidas nos instrumentos de planificación e xestión que resulten de aplicación nos demais espazos protexidos declarados ao amparo da Lei 5/2019, de patrimonio natural e a biodiversidade de Galicia.
As actuacións que poidan afectar a bens culturais ou á súa contorna deberán ser autorizadas polo órgano administrativo competente en materia de patrimonio cultural.
Para ser considerados subvencionables, os gastos deberán ser abonados dentro do prazo de execución do proxecto e nos prazos de pago previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
En aplicación do artigo 66 do Regulamento (UE) 2021/1060, non serán subvencionables os gastos de apoio á reubicación.
2. Conceptos subvencionables.
Serán subvencionables os investimentos para o desenvolvemento de proxectos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables e co hidróxeno de orixe renovable. Teranse en conta as seguintes consideracións xerais:
a) No caso de proxectos relacionados co aproveitamento de enerxías renovables para a xeración de electricidade, só serán elixibles aqueles destinados ao autoconsumo. Non serán elexibles as instalacións que utilicen como recurso a enerxía eólica.
b) Axudas ao investimento para proxectos de almacenamento de electricidade unicamente na medida na que se concedan a proxectos combinados de enerxía renovable e almacenamento (behind-the-meter - «tras o contador»), sempre que ambos elementos sexan compoñentes dun único investimento ou que o almacenamento estea conectado a unha instalación de enerxías renovables existente. O compoñente de almacenamento absorberá polo menos o 75 % da súa enerxía de instalacións de xeración de enerxía renovable directamente conectadas, sobre unha base anual, non sendo subvencionables as baterías de chumbo-ácido. As mesmas normas serán de aplicación ao almacenamento térmico conectado directamente a unha instalación de produción de enerxías renovables.
c) Axudas ao investimento para instalacións de produción, distribución e/ou consumo de hidróxeno renovable unicamente na medida na que a electricidade utilizada para a produción no electrolizador sexa de orixe renovable. Para a acreditación da orixe renovable da electricidade estarase ao disposto no Regulamento delegado (UE) 2023/1184 polo que se completa a Directiva (UE) 2018/2001 sobre fontes de enerxía renovable.
As instalacións de hidróxeno verde deben supoñer unha mellora ambiental efectiva e reducir as emisións de dióxido de carbono por medio do uso de fontes renovables de forma directa e/o indirecta, o que deberá xustificarse na memoria descritiva. Esta redución das emisións de gases de efecto invernadoiro na utilización do hidróxeno como combustible para o transporte será do 70 %, segundo o establecido no artigo 7 do Real decreto 376/2022, do 17 de maio, polo que se regulan os criterios de sustentabilidade e de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro dos biocarburantes, biolíquidos e combustibles de biomasa, e calcularase de acordo coa metodoloxía establecida no Regulamento (UE) 2023/1185.
d) No caso de instalacións de biocarburantes, biolíquidos, biogás, e combustible de biomasa deben xustificar que cumpren os criterios de sostibilidade e redución das emisións de gas de efecto invernadoiro da Directiva (UE) 2018/2001 e os seus actos de execución ou delegados e se produciran a partir das materias primas enumeradas no anexo IX de dita Directiva.
Serán subvencionables proxectos de biogás e/o biometano e os equipos e infraestructuras necesarios para o aproveitamento enerxético dese gas renovable, de forma que a produción do biogás/biometano realícese en plantas asociadas aos recursos e demandas locais. A produción de biogás/biometano realizarase en plantas de dixestión anaerobia asociadas que utilicen como materia prima biorresiduos urbanos ou municipais xa separados ou lodos de plantas de depuración de augas. Os proxectos deberán destinar unha parte do gas renovable xerado ao autoconsumo enerxético, identificando e confirmando os compromisos de consumo. As instalacións de biogás deberán lograr unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro de, polo menos, un 80 % no caso de producir electricidade ou calor, e igual ou superior ao 65 % no caso de producir biogás/biometano para uso en transporte, de acordo coa metodoloxía establecida no Real decreto 376/2022, do 17 de maio, polo que se regulan os criterios de sustentabilidade e de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro dos biocarburantes, biolíquidos e combustibles de biomasa. No caso de depuradoras de augas residuais, serán elixibles exclusivamente os custos a partir do proceso dixestión anaerobica.
Serán custos subvencionables os custos totais do investimento asociado á xeración renovable, en concreto considéranse custos subvencionables: a elaboración dos proxectos técnicos, a dirección facultativa, a obra civil relacionada coa actuación, o prezo dos equipamentos, os accesorios e elementos de interconexión, a súa montaxe e posta en marcha así como os compoñentes de protección, regulacion e control. Serán de aplicación os seguintes custos elixibles máximos en función da potencia e requisitos específicos para as seguintes tecnoloxías:
i. Renovables eléctricas:
| Renovables eléctricas | |
| Tecnoloxía | Investimento elixible máximo (IVE non incluído) | 
| Fotovoltaica | 1.000 €/kW | 
| Almacenamento (baterías) | 750 €/kWh | 
Para os efectos destas bases considérase potencia nominal da instalación a potencia mínima entre a potencia nominal dos inversores e o sumatorio da potencia pico dos paneis instalados. En instalacións illadas da rede a potencia nominal coincidirá co sumatorio da potencia pico dos paneis instalados.
No caso de instalacións de xeración eléctrica de autoconsumo con excedentes nas que a suma da potencia instalada (tendo en conta a instalación prevista e as preexistentes) no centro de traballo sexa superior a 500 kW será condición imprescindible para ser subvencionable a presentación da autorización administrativa previa e de construción na fase de xustificación da axuda.
Os módulos fotovoltaicos deberán ter unha eficiencia enerxética igual ou superior ao 20,5 % para unha irradiación de 1000 W/m2 e a unha temperatura de 25 ºC.
No serán subvencionables as baterías de chumbo-ácido.
ii. Renovables térmicas:
| Renovables térmicas | |
| Tecnoloxía | Investimento elixible máximo (IVE non incluído) | 
| Biomasa | 450 €/kW | 
| Aerotermia | 1.000 €/kW | 
| Xeotermia | 1.800 €/kW | 
| Solar térmica (paneis planos) | 1.000 €/kW | 
| Solar térmica (tubos de baleiro) | 1.500 €/kW | 
No caso de instalacións de bombas de calor (aerotermia e xeotermia), tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo da potencia: 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.
Ademais, en calquera dos casos anteriores, o sistema deberá poder ser considerado como renovable, o que se verificará conforme a norma UNE-EN 14825/2012, UNE-EN 12309 ou mediante o cumprimento dos requirimentos mínimos incluídos no documento «Prestacións medias estacionais das bombas de calor para a produción de calor en edificios», emitido polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, en función das características da instalación. Polo tanto, para xustificar esta condición, deberá achegarse a documentación xustificativa do SCOPnet para clima cálido ou ben o ensaio para a obtención do COP, do factor de corrección FC e do factor de ponderación FP segundo a zona climática e o tipo de instalación.
No caso das instalacións de solar térmica, a efectos destas bases considerarase como potencia térmica nominal a correspondente a unha radiación de 1.000 W/m2 e un salto térmico de 50º C.
3. Conceptos non subvencionables.
Non se consideran custos subvencionables:
a) Os gastos de legalización.
b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).
c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) As operacións de mantemento e de gastos de funcionamento fungibles.
e) As instalacións/equipamentos que xa foran obxecto de axuda.
4. Intensidades de axuda.
A intensidade de axuda a aplicar sobre o custo subvencionable, en función da tipoloxía de proxecto e da tipoloxía de empresa, é a que se indica a continuación (para a determinación do tamaño de empresa terase en conta a metodoloxía do anexo I do Regulamento 651/2014):
| Tipoloxía do proxecto | Intensidade de axuda | ||
| Gran empresa | Mediana empresa | Pequena empresa | |
| Proxectos de enerxías renovables(1) | 45/30 % | 55/40 % | 65/50 % | 
(1) A primeira porcentaxe aplicarase aos investimentos asociados á xeración de enerxía procedente de fontes renovables e o segundo a aqueles investimentos non asociados á xeración (almacenamento enerxético, equipos consumidores de hidróxeno renovable, etc.).
A axuda máxima por solicitude establécese en 1.000.000 €.
Artigo 27. Documentación complementaria
a) Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) segundo a tipoloxía do proxecto.
b) Características técnicas dos equipos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos de produtividade do equipo, potencia nominal e rendemento enerxético.
c) Fotografías do lugar previsto para a instalación do novo equipamento. No caso de substitución de equipamentos existentes achegar tamén fotografías destes.
d) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea na que se indique de forma apreciable a edificación/parcela onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Croques ou planos nos que se localicen os equipamentos na edificación.
e) Nos proxectos que inclúan infraestruturas cunha vida útil superior a 5 anos, acreditar a realización da análise da defensa contra o cambio climático, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, tendo en conta as Orientación técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva ao efecto a Autoridade de Xestión ou o Organismo Intermedio dos Programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021- 2027. A análise realizarase utilizando as Guías elaboradas ao efecto pola Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos que pode descargar aquí https://igape.gal/gl/guia-climate . Nos proxectos nos que resulte preceptiva, pode integrarse na Avaliación de Impacto Ambiental.
f) Proxectos que requiran autorización administrativa previa ou de construción da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas deberá achegarse copia da autorización na fase de solicitude de axuda.
Artigo 28. Xustificación da execución. Documentación xustificativa
a) Declaración expresa por parte da persoa beneficiaria de que o proxecto foi executado conforme ao indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta a normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarias para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración ao que se refire este apartado.
b) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal). De existir modificacións no proxecto, deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.
c) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude).
d) Certificado asinado polo técnico instalador, no que se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Lémbrese que a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación.
e) No caso de instalacións de xeración eléctrica, xustificante de solicitude de inscrición no Rexistro de instalacións de Baixa Tensión no que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se fose necesario.
Para o resto de proxectos cando proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria no que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se fose necesario.
f) Para instalacións de autoconsumo eléctrico, declaración do instalador e da persoa beneficiaria de que a instalación de autoconsumo obxecto da subvención clasificase como subministración de autoconsumo con ou sen excedentes conforme ao modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal). No caso de instalacións sen excedentes, debe xuntarse a esta declaración documentación xustificativa do mecanismo antivertido.
g) No caso de que fose esixible pola normativa vixente, deberá contarse coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que non se obtivese a autorización, si deberá terse solicitado, o que se acreditará documentalmente.
h) Para instalacións de xeración eléctrica de máis de 25 kW certificado de inspección da instalación de baixa tensión favorable emitido por organismo de control.
i) Acreditación do cumprimento da obriga de publicidade segundo o anexo IX a estas bases e memoria técnica de xustificación da publicidade da axuda, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).
j) Xustificación acreditativa do cumprimento da normativa medioambiental comunitaria, estatal e autonómica vixente, en particular a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos, a Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental e o Real Decreto Lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, en caso de que resulte de aplicación polas características ou ubicación do proxecto.

 
					 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			 
			