BDNS (Identif.): 808279.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
As pequenas e medianas empresas galegas (pemes) ou cun centro de traballo en Galicia para as liñas 1 e 2 e as grandes empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia para a liña 2. Consideraranse pemes as empresas que, á data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto incrementar a capacidade innovadora das pemes e grandes empresas con centro de traballo en Galicia, mediante a introdución de innovacións significativas que incrementen a súa competitividade, a través da aplicación do deseño, da xeración e incorporación de coñecementos, tecnoloxías e innovacións destinadas á mellora de procesos e á creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido.
Igape Innova financiará actividades integradas en plans de deseño e innovación, segundo a súa finalidade, mediante as seguintes liñas de actuación:
Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización.
Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 13 de xaneiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño e innovación (programa Igape Innova) para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408L).
Cuarto. Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741.A.7700 por un importe de 4.000.000 €, e coa seguinte distribución plurianual:
Liña 1: 1.000.000 € no ano 2025 e 1.000.000 € no ano 2026.
Liña 2: 1.000.000 € no ano 2025 e 1.000.000 € no ano 2026.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes da axuda comezará a computar 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o citado prazo dun mes.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica

