O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 2 de decembro de 2024, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade da innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño e innovación (programa Igape Innova), e facultou á persoa titular da Dirección Xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para a mellora da capacidade da innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño e innovación (programa Igape Innova), e convocar para o ano 2025 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408L).
A presente convocatoria finánciase con Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará a computar 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.
Terceiro. Créditos
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:
|
Partida orzamentaria |
Liña |
Ano 2025 |
Ano 2026 |
Total |
|
09.A1.741A.7700 |
Liña 1. Plans de innovación de procesos e organización |
1.000.000,00 € |
1.000.000,00 € |
2.000.000,00 € |
|
Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade |
1.000.000,00 € |
1.000.000,00 € |
2.000.000,00 € |
|
|
Total |
2.000.000,00 € |
2.000.000,00 € |
4.000.000,00 € |
|
A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.
No relativo aos créditos, estes poderán redistribuírse na concesión en función das solicitudes recibidas co obxectivo de maximizar a execución do orzamento, feito que se fará constar de xeito expreso na resolución de concesión.
Unha vez establecidos os proxectos subvencionables de cada tipo despois de aplicar os criterios de baremación e a intensidade máxima de axuda, o crédito sobrante, de ser o caso, poderá destinarse a financiar solicitudes encadradas noutros tipos de maneira sucesiva, de xeito que, en primeiro lugar, o crédito sobrante nos proxectos da liña 2, de ser o caso, poderá aplicarse para financiar proxectos da liña 1.
Cuarto. Prazos
O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de tres meses dende a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e, transcorrido este, poderase entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
Prazo de execución dos plans de deseño e innovación: comezará a partir da data de solicitude da axuda, sen que, en ningún caso, se poida superar o 30 de outubro de 2026.
As persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 30 de outubro de 2025 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de outubro de 2025 ou anterior, e como máis tarde o 30 de outubro de 2026 no resto dos proxectos.
Prazo de xustificación: coincide co prazo de execución, as persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobro ata a data límite de execución concedida.
As persoas beneficiarias da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 70 % da subvención, sen que supere o importe da anualidade, no momento da solicitude, marcando para iso a casa habilitada para ese efecto no formulario de solicitude da axuda.
Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que se lle debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado aos efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.
Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas desta resolución.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Bases reguladoras das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño e innovación (programa Igape Innova)
A Consellería de Economía e Industria, no recente Decreto 140/2024, do 20 de maio, onde se define a súa estrutura orgánica, establece entre as súas funcións a promoción e dinamización da economía, o impulso e a coordinación da política económica e industrial, así como o apoio xeral ao sector empresarial, fomentando a mellora da competitividade das empresas, incidindo no desenvolvemento tecnolóxico e na innovación, na transformación dixital, na sustentabilidade e na internacionalización.
O Igape, como ente de dereito público é responsable, conforme á súa lei de creación, de definir a iniciativa e os programas de promoción e fomento do desenvolvemento rexional en cooperación coas distintas administracións e con outros entes públicos de promoción para contribuír á dinamización da economía de Galicia, impulsando a capacidade de innovación, a explotación das vantaxes propias e dos factores endóxenos, a atracción de investimentos, a competitividade da economía e o conxunto de actuacións de asesoramento, promoción, información e apoio que exixa o cumprimento dos seus obxectivos. Á súa vez focalizará, entre outras competencias, o fomento e promoción da innovación empresarial no sistema produtivo rexional como resposta directa para impulsar o crecemento e competitividade empresarial.
A Resolución do 28 de maio de 2024 do Igape, pola que se crea unha nova «Área de Innovación Empresarial» dentro da súa estrutura organizativa, introduce a misión de promocionar, avanzar e incrementar o sistema de innovación galego no tecido produtivo e na empresa, coordinando e colaborando na mellora da innovación do sistema económico galego a través da transferencia ao tecido produtivo dos resultados da investigación e desenvolvemento co obxectivo de incrementar a capacidade competitiva da empresa galega.
O programa Igape Innova, enmárcase dentro da estratexia de especialización intelixente RIS3 Galicia 2021-2027, é a estratexia integral para artellar todas as actuacións da I+D+i en Galicia e integra os grandes obxectivos da política económica e industrial da Unión Europea, construída arredor da sustentabilidade, o Pacto verde europeo, a transformación dixital e a responsabilidade social.
O 8 de abril de 2022 o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.
A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara tres prioridades temáticas transversais, e pola outra reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións a desenvolver integrados nos correspondentes programas.
Estas axudas enmárcanse na RIS3 de Galicia 2021-2027, respondendo aos tres retos e ás tres prioridades. Adecúanse co obxectivo estratéxico 2 (equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado), integrándose polo tanto no programa Innova e emprende.
No novo marco de especialización intelixente para o período 2021-2027 un dos obxectivos con respecto á innovación empresarial é definir itinerarios de apoio que respondan á heteroxeneidade do tecido empresarial e dean resposta tamén ás diferentes etapas de xeración e progreso da innovación ata converterse en valor no mercado.
Igape Innova intégrase, á súa vez, na Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía, que inclúe como un dos seus eixes prioritarios o Eixe 2: fortalecemento e consolidación empresarial, no cal se integra o programa de actuación B1: capacitación e competitividade innovadora.
En Galicia existe un contorno moi propicio para o progreso da innovación toda vez que o ecosistema de innovación galego conta con numerosos axentes de primeiro nivel tanto no eido público como no privado, tales como centros tecnolóxicos e empresas especializadas en servizos de apoio á innovación ou empresas provedoras de servizos tecnolóxicos e de tecnoloxías facilitadoras, que dotan a nosa comunidade dunha oferta moi importante de coñecemento científico e técnico para o tecido empresarial galego.
A abundante e diversa oferta de axentes presentes no ecosistema rexional de innovación non é incompatible, con todo, coa existencia ao mesmo tempo dunha baixa taxa de absorción, por parte das pequenas e medianas empresas, da innovación xerada na rexión, e de forma moi especial polas pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais.
Para incrementar o potencial de innovación das pequenas e medianas empresas, ao mesmo tempo que se aumentan os fluxos de transferencia de tecnoloxía, é necesario crear instrumentos áxiles que incentiven a adquisición de servizos técnicos específicos de apoio á innovación e desenvolvemento tecnolóxico por parte das pequenas e medianas empresas, como ferramentas para a mellora dos seus produtos, procesos e servizos, e da súa produtividade.
Estas axudas establécense, en suma, para promover unha maior absorción por parte das empresas galegas dos servizos de apoio á innovación, como instrumento para a diferenciación dos seus negocios no mercado e para o aumento da súa produtividade, coa finalidade última de crear e consolidar nas pequenas e medianas empresas unha actitude innovadora que faga innecesarios estes incentivos nun futuro a medio prazo.
Ademais, a incorporación do deseño nas empresas no contexto actual de transformación representa un elemento de carácter estratéxico de cara á xestión da incerteza, xa que ten incidencia no incremento do seu valor empresarial. O deseño, unido á ciencia e á tecnoloxía, axuda na transformación dese coñecemento en produto, actúa como «unha disciplina clave para levar as ideas ao mercado, transformándoas en produtos ou servizos atractivos e amigables» (Innovation Union, Europe 2020 Flagship Initiative).
Co obxectivo de impulsar o uso de servizos de deseño e innovación por parte das empresas galegas, preténdese desenvolver o procedemento que facilite o acceso das pequenas e medianas empresas á tecnoloxía e a innovación, mediante a concesión de axudas, na modalidade de subvención, dirixidas ás pemes e grandes empresas.
Para iso incentivarase a colaboración activa entre as empresas, os centros tecnolóxicos e as empresas especializadas na prestación de servizos de apoio á innovación, mediante acordos que conleven a prestación de servizos técnicos de apoio á innovación empresarial, incluídos os relativos á xestión da innovación e a súa implantación no mercado.
Os principais beneficiarios destas actuacións serán pequenas e medianas empresas galegas e de forma moi especial, as pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais non intensivos en innovación.
Para acadar estes obxectivos poderanse publicar diferentes convocatorias en concorrencia competitiva que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. As convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.
As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007.
Artigo 1. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas a pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas con centro de traballo en Galicia, co obxectivo de incrementar a capacidade innovadora das mesmas, mediante a introdución de innovacións significativas que incrementen a súa competitividade, a través da aplicación do deseño, da xeración e incorporación de coñecementos, tecnoloxías e innovacións destinadas á mellora de procesos e á creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido.
Igape Innova financiará actividades integradas en plans de deseño e innovación, segundo a súa finalidade, mediante as seguintes liñas de actuación:
Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización.
Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.
2. Os plans de innovación e deseño estarán constituídos por un conxunto completo e coherente de actividades enfocadas a implementar melloras significativas nas funcións empresariais relacionadas coa produción, deseño, prestación e distribución de produtos, bens e servizos, así como nos métodos organizativos e prácticas comerciais empregadas pola empresa, e que permitan incrementar a capacidade innovadora e de deseño dando lugar a diferenzas substanciais, non exclusivamente tecnolóxicas, coas prácticas anteriores.
As actuacións deben circunscribirse ao estudo, deseño, posta en marcha e validación das innovacións a nivel de pilotos ou demostrativos, coa finalidade de diferenciar estes das implantacións con carácter produtivo e comercial na empresa, que terían a consideración de actuacións e custos correntes.
Non se consideran subvencionables os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou mellorados de xeito significativo.
3. As actividades asociadas aos plans deberán de estar aliñados cos retos da RIS3 Galicia.
4. As condicións particulares de cada liña e, polo tanto, de cada plan, son as que se detallan a continuación:
a) Liña 1. Plans de innovación en procesos e organización.
1º Innovación en procesos.
Unha innovación en procesos fai referencia a un proceso novo ou mellorado para unha ou máis funcións de negocio que difiren significativamente do proceso de negocio anterior da empresa e que se poñen en uso por primeira vez na empresa. A continuación, lístanse exemplos de innovación en procesos:
• Métodos de fabricación ou produción de bens ou servizos innovadores, incluíndo enxeñería e probas técnicas de soporte á produción. Tamén inclúe as actividades para conseguir, identificar, desenvolver ou adaptar procesos. Esta función pode ser levada a cabo de forma sistemática ou ad hoc, tanto dentro da empresa como externamente.
• Sistemas loxísticos ou métodos de entrega ou distribución: transporte e servizos de entrega, almacenaxe e xestión de pedidos.
• Métodos de procesamento de información ou comunicación con intensificación tecnolóxica.
• Métodos de márketing para promoción, embalaxe, fixación de prezos, posicionamento do produto ou servizos pos-venda. Admitiranse actuacións de definición ou testaxe de innovacións en novos procesos ou significativamente mellorados con esta finalidade. Non se admitirán implementacións finalistas e, polo tanto, directamente vencellados a obxectivos e retornos comerciais.
• Innovacións en procesos con beneficios medioambientais, inclúe entre outros: a redución do uso de material, auga, enerxía, pegada de carbono; a redución da contaminación (solo, acústica, auga ou aire); a substitución de materiais por outros menos contaminantes ou perigosos, así como enerxías máis limpas; ou reciclaxe de produtos/materiais ou extensión da vida útil.
• Testaxe a escala preindustrial e pilotos de tecnoloxías facilitadoras (TFE) relacionadas coa: nanotecnoloxía, biotecnoloxía, materiais avanzados e fabricación e procesamento avanzado, nas que se inclúen especificamente a intelixencia artificial, ciberseguridade, impresión 3D, automatización avanzada e robótica, realidade aumentada, etc.
2º Innovación en organización.
Método novo ou mellorado para unha ou máis funcións relativas á organización empresarial e as súas interaccións, que difiren significativamente dos métodos anteriores da empresa e que se poñen en uso por primeira vez. A innovación ten un alcance ou percepción a nivel de empresa, sendo para esta a novidade ou mellora significativa, aínda que non o sexa para o seu sector ou mercado.
i) Creación de departamentos/unidades de I+D+i.
• Creación e ampliación da capacidade tecnolóxica estable dentro das empresas mediante a contratación de persoal especializado.
• Creación de estruturas de investigación e innovación de dimensión apropiada para a xeración de desenvolvemento tecnolóxico e non asociadas á actividade produtiva.
ii) Deseño e desenvolvemento de novos procesos de organización que impacten, entre outros: nos métodos de produción, distribución, así como a experiencia do usuario, tanto no sector industrial como de servizos.
iii) Validación, a través de pilotos, de novos métodos ou metodoloxías enfocadas á:
• Mellora organizacional no negocio ou a organización do traballo.
• Xestión do coñecemento ou a toma de decisións.
• Xestión dos recursos humanos e a responsabilidade social.
• Relacións cara o exterior (con provedores, clientes, intermediarios…).
• Establecemento de relacións de cooperación e innovación aberta.
• Redefinición das estratexias de comercialización e relación con clientes e provedores ou a apertura de novos mercados. Non se inclúen as actuacións relativas á comercialización que non poidan ser considerados pilotos de innovación.
b) Liña 2. Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.
1º Deseño de produto/servizo.
Concepción e desenvolvemento de produtos/servizos novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico.
Para isto, as actividades subvencionables de cada unha das fases do plan de deseño deberán incluír:
Fase I: Análise, estratexia e conceptualización.
Esta fase ten como obxectivo a análise do contexto do proxecto, a definición de claves para o deseño e a materialización de solucións en forma de conceptos visuais. Esta fase deberá comprender, como mínimo, as seguintes actividades:
• Análise da organización interna da empresa e do deseño das súas estratexias, posicionamentos e carteira de produtos/servizos, nos seguintes ámbitos.
• 1.2 Briefing: Resumo do posicionamento, insights e keys de deseño. Obxectivos e especificacións de deseño.
• Conceptualización-brainstorming: conceptos e estilo do produto con base nas solucións asociadas a obxectivos; presentación de conceptos de produto-estilo asociado a unha aproximación a custos e investimentos; selección final.
Fase II: Deseño de detalle e desenvolvemento.
Esta fase ten como obxectivo definir integramente o deseño a partir do concepto seleccionado na fase I, así como da súa arquitectura xeral e despezamento, tanto desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo como económico.
Esta fase deberá comprender, como mínimo, as seguintes actividades:
• 2.1. Deseño de detalle:
Deseño funcional e dimensional do produto: análise de todos os usos para garantir o correcto funcionamento e a interacción co usuario. Definición da arquitectura de produto e despezamento.
Selección de materiais, procesos e compoñentes.
Refinamento estético (axuste de proporcións e encontros entre os diferentes compoñentes).
Deseño de gráfica aplicada. Selección de acabados. Integración da marca.
• 2.2. Desenvolvemento:
Definición técnica dos diferentes compoñentes (adecuación a cada proceso produtivo e optimización da montaxe e transporte).
Desenvolvemento dos diferentes sistemas e mecanismos; modelado 3D das pezas e xeración de planos para produción.
Fase III: Preindustrialización.
Esta fase ten como obxectivo integrar todas as melloras necesarias nas diferentes pezas e compoñentes do produto. Elaborarase o material necesario para a contratación de útiles ou moldes de fabricación e a produción dos diferentes compoñentes para a súa produción seriada.
Esta fase deberá comprender, como mínimo, as seguintes actividades:
• 3.1. Análise de secuencia de ensamblaxe e puntos críticos de axuste.
• 3.2. Deseño e modelado 3D de pezas para produción.
• 3.3. Solucións para mantemento e reparación.
• 3.4. Especificacións de montaxe.
Nos proxectos de deseño de produto /servizo que se presenten a esta convocatoria, tamén se poderán considerar outras disciplinas do deseño para a innovación que se interrelacionen para a consecución do resultado final do dito proxecto, son as seguintes:
• Deseño circular: mediante esta liña de subvención, preténdese impulsar o deseño circular de cara a conseguir novos produtos sustentables. Esta convocatoria pretende poñer en marcha novas solucións sustentables para contribuír á transición ecolóxica mediante o deseño de novos produtos.
• Deseño dixital: nos casos nos que o deseño do produto supoña o desenvolvemento de deseños dixitais, poderán ser incluídos como actividade subvencionable sempre que estean asociados ao novo produto.
• Deseño de identidade de produto: os proxectos poderán incluír elementos de identidade gráfica, envase, embalaxe e comunicación sempre que estean asociados ao novo produto.
Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.
3. As axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, publicado no Diario Oficial da Unión Europea, e máis concretamente no descrito nos seus artigos 25, 28 e 29, axudas a proxectos de investigación e desenvolvemento; axudas á innovación en favor das peme; axudas á innovación en materia de procesos e organización, respectivamente.
4. A presente convocatoria finánciase mediante Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
As axudas concedidas polo Igape ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) 651/2014 que se indican e que teñen a consideración de intensidade máxima.
Artigo 4. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas galegas (en diante, pemes) ou cun centro de traballo en Galicia para as liñas 1 e 2 e as grandes empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia para a liña 2.
2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que, á data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.
3. As persoas beneficiarias das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán na resolución de concesión correspondente, conforme o disposto no artigo 10.2 da presente resolución.
4. Non poderán ter a condición de empresas beneficiarias:
a) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014.
d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
e) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración na que se integren.
f) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
g) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
5. As empresas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 para considerar unha empresa en crise.
Artigo 5. Actividades que se subvencionan
1. Poderán presentarse solicitudes a unha ou ambas as dúas liñas da presente resolución.
2. Cada liña recollerá actividades diferenciadas que estarán incluídas en plans de innovación en procesos e organización (no caso da Liña 1) e en plans de deseño para a innovación (no caso da Liña 2).
3. As actividades que se subvencionan para cada unha das liñas serán as indicadas no artigo 1 da presente convocatoria.
4. Os plans reunirán, necesariamente, as seguintes características:
a) Constituirán un conxunto completo e coherente de actividades para cada unha das liñas, incluídas nas respectivas memorias descritivas da solicitude, e permitirán implementar e/ou incrementar as capacidades innovadoras e de deseño da empresa solicitante.
b) O orzamento subvencionable para cada plan será dun mínimo de 50.000 euros e dun máximo de 250.000 euros por plan. A presentación dun plan cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
c) A duración máxima de cada plan será ata o 30 de outubro de 2026; a presentación dun plan cunha duración fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
5. Soamente se financiarán as actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega.
6. Será requisito indispensable para ser elixible o aliñamento do proxecto cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de Especialización de Galicia (RIS3).
7. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador. O comezo do plan terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executado con posterioridade á solicitude.
Artigo 6. Conceptos subvencionables
1. Consideraranse os custos directos que se subvencionan os seguintes:
a) Custos de persoal, propio ou de nova contratación, rexeranse polo disposto no artigo 8 destas bases.
b) Subcontratacións: aquelas actuacións contratadas con terceiros, que supoñan a execución dunha parte das actividades incluídas no plan que constitúe o obxecto da subvención. Rexeranse polo disposto no artigo 9 destas bases. A subcontratación máxima será do 50 % do custos directos elixibles do plan.
c) Custos de material, subministracións e produtos similares.
Poderanse imputar os gastos de materiais directamente destinados ás actividades do plan. Para estes efectos, deberán recollerse de forma detallada e concisa e xustificados na memoria presentada na solicitude.
Os gastos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto, xa que se consideran incluídos dentro da porcentaxe de custos indirectos.
Entrarán neste concepto do custo as licenzas de software mediante subscrición, pagamento por uso, ou similar.
d) Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, así coma a obtención de certificacións.
No relativo a patentes, inclúese a xestión da tramitación de novas patentes, modelos de utilidade e os dereitos de propiedade intelectual tanto en España coma internacionalmente, excluíndo o mantemento ou ampliación das existentes.
As patentes deberán ser adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas á entidade solicitante, coa condición de que a operación se realice en condicións de plena competencia e sen ningún elemento de colusión.
No relativo á obtención de certificacións, aceptaranse os custos de normas oficiais vinculadas aos obxectivos innovadores presentados na memoria técnica da solicitude, como, a modo indicativo, a especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como Pequena ou Mediana Empresa innovadora», EA0043 «Requisitos da Xove Empresa Innovadora» e as incluídas na serie de Normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i» e outras certificacións específicas que se consideren axeitadas para o desenvolvemento da actividade empresarial innovadora dentro do plan.
e) Custos de servizos de asesoramento en materia de deseño e/ou innovación empresarial: consultoría, e asistencia nos ámbitos da transferencia de coñecemento, a adquisición, protección e explotación de activos inmateriais, e o uso de normas e regulamentos que os incorporan, así como a consultoría e a asistencia sobre a introdución ou a utilización de tecnoloxías e solucións innovadoras (incluídas as tecnoloxías e as solucións dixitais).
f) Custos de servizos de apoio en materia de innovación: a subministración ou accesos a bases de datos, bibliotecas, estudo de investigación de mercados, laboratorios, etiquetaxe de calidade, ensaio, experimentación e certificación ou outros servizos relacionados –incluídos os servizos prestados por organizacións de difusión de investigación e coñecementos, infraestruturas de investigación e infraestruturas de ensaio e experimentación ou outras agrupacións empresariais innovadoras, co fin de desenvolver produtos, procesos ou servizos máis eficaces ou tecnoloxicamente avanzados, incluída a aplicación de tecnoloxías e solucións innovadoras (incluídas as tecnoloxías e as solucións dixitais).
g) Custos de adquisición de propiedade industrial: corresponden exclusivamente á adquisición de licenzas de propiedade industrial, que deberán ser adquiridas ou obtidas de fontes externas, sempre e cando a operación se realice en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.
h) Custos de equipamento e material instrumental inventariables, de nova adquisición.
Serán subvencionables os custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición na medida e durante o período en que se utilice para o proxecto.
Se o equipamento e material se dedican exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgota ao termo do período de execución, será subvencionable o custo de adquisición. Deberase xustificar na memoria técnica do proxecto a vida útil do equipamento ou material.
Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para o proxecto, por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Para que este custo sexa subvencionable, deberá detallarse na memoria técnica do proxecto o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización, tendo en conta o tempo concreto de imputación ao proxecto.
A compra de novas licenzas e as renovacións de licenzas de software están dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto e non de uso xeral e son coherentes cos obxectivos presentados na memoria técnica.
A instalación do equipamento ou material instrumental, sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento, poderase incluír no custo amortizable.
Tamén se inclúen os activos necesarios para o prototipado ou validación de pilotos.
Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
• Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao finalizar o contrato de leasing.
• Soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.
• As cotas de arrendamento subvencionables deberán ser constantes ou crecentes e comezar posteriormente á data de presentación da solicitude da subvención. Só se poderán imputar as cotas pagadas dentro do período de execución de cada anualidade.
• Non serán gastos subvencionables a marxe do arrendador, os custos de refinanciamento dos xuros, os gastos xerais e os gastos de seguro.
2. Consideraranse subvencionables os custos indirectos, que son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos que se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción e teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza. O custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 20 % aos custos directos do plan.
3. En ningún caso poderá concertar a empresa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades, ou prestación de servizos ou subministracións subvencionadas coas persoas ou entidades relacionadas no punto 5 do artigo 9 destas bases reguladoras.
4. Non serán subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.
5. En ningún caso serán subvencionables as actuacións ou actividades habituais da empresa, nin a modificación ou adaptación de produtos ou servizos existentes, de procesos produtivos ou de procesos en materia de organización, que non supoñan unha innovación. En concreto exclúense os custos derivados de:
a) O cumprimento de normativa obrigatoria.
b) As análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculados ao proxecto subvencionable.
c) Implantación de certificados de calidade, medio ambiente, boas prácticas ou similares.
d) Análise, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes.
e) Calquera tipo de acción formativa.
f) Accións de implantación de solucións dixitais na empresa que non supoñan innovacións en servizos, procesos e organización: como melloras de aplicacións ou software xa existente ou a súa adaptación, os desenvolvementos ofimáticos (ERPs, CRMs, páxinas web, plataformas de comercio electrónico, xestións de redes, clientes, intelixencia e análise de negocios), e ferramentas de oficina virtual, financeiros ou contables e calquera outra aplicación asimilable ás anteditas.
g) Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.
h) Arrendamento de equipos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías.
i) Instalacións de edificios e obra civil (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións, etc.).
j) Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades de innovación e deseño: zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina.
k) Investimentos no ámbito da fabricación dos produtos, así como a renovación de activos xa existentes na empresa.
6. Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Comparabilidade: deberán referise á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos nas que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.
d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
7. Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
8. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrera nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas modificacións posteriores.
9. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Artigo 7. Contía da axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos
1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida a cada empresa beneficiaria determinarase sobre o investimento total que se subvenciona e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 25, 28 e 29 do Regulamento (UE) 651/2014, segundo a seguinte táboa:
|
Liña |
Plan/Orzamento |
Subvención peme |
Subvención Gran empresa |
Peme |
Gran empresa |
|
Liña 1: Plan de innovación |
De 50.000 € 250.000 € |
De 25.000 € a 125.000 € |
--- |
50 % |
--- |
|
Liña 2: Plan de deseño |
De 50.000 € a 250.000 € |
De 25.000 € a 125.000 € |
1. De 12.500 € a 62.500 * 2. De 20.000 € a 100.000 € |
50 % |
1. 25 % 2. * 40 % |
* No caso de plans para o desenvolvemento experimental de proxectos de deseño postos en marcha por grandes empresas, a intensidade da axuda poderá aumentar ata o 40 %.
Esta ampliación aplicarase cando os resultados do proxecto de desenvolvemento de deseño se difundan amplamente por medio de conferencias, publicacións, bases de libre acceso ou programas informáticos gratuítos ou de fonte aberta.
2. A avaliación de cada plan de innovación e deseño, que reúna os requisitos exixidos nestas bases, realizarase sobre un total de 100 puntos que se outorgarán atendendo aos obxectivos e aspectos técnicos e económico-financeiros que se detallan a continuación:
|
Criterios de avaliación plans de innovación e deseño |
Puntuación |
|
1. Calidade técnica do plan |
75 |
|
1. Descrición do proxecto |
20 |
|
a) Grao de análise previa da situación: descrición clara e concreta do problema ou a necesidade que se pretende abordar, así como as condicións de contorno |
10 |
|
b) Claridade na definición e obxectivos |
5 |
|
c) Grao de elaboración e concreción da proposta |
5 |
|
2. Adecuación do proxecto |
20 |
|
a) Descrición de aspectos claves, actuacións, entregables e grao de axuste da solución proposta co modelo de negocio da empresa solicitante |
10 |
|
b) Coherencia na organización e planificación do traballo |
5 |
|
c) Viabilidade técnica e económica, custo da solución e tempo de implementación, adecuación do orzamento e dos medios humanos |
5 |
|
3. Tipo de solucións e melloras esperadas |
35 |
|
a) Grao de definición, claridade e adecuación das actividades aos obxectivos do proxecto en termos de innovación e como son abordados |
10 |
|
b) Grao de definición, claridade e adecuación das actividades aos obxectivos do proxecto en termos de sustentabilidade (incluída circularidade) e como son abordados |
10 |
|
c) Estimación cualitativa e cuantitativa das melloras esperadas, que se avaliará en función da coherencia entre o plan e os resultados previstos |
5 |
|
d) Amplitude da solución proposta, grao de madurez e nivel tecnolóxico :Valoraranse os proxectos baseados en tecnoloxía máis avanzada, que afecten a maior cantidade de ámbitos da empresa, a ámbitos máis relevantes, ou desenvolvan con intensidade salientable un ámbito concreto |
10 |
|
2. Capacidade da empresa solicitante para a execución do proxecto |
25 |
|
a) Viabilidade do proxecto fronte ao volume da empresa: ratio de investimento fronte a facturación declarada |
10 |
|
b) Coherencia económica do orzamento: Xustificación da necesidade da/s partida/s en que se distribúe o orzamento do proxecto. Valorarase que o orzamento estea distribuído axeitadamente entre as diversas actividades que constitúen un plan coherente de innovación e deseño |
5 |
|
c) Adecuación do equipo humano do proxecto para acadar os obxectivos do plan: ata 10 puntos |
10 |
3. No caso de empate nas puntuacións, como criterio de desempate terán preferencia as empresas que dispoñan dun plan de igualdade dos previstos no capítulo I do título III do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. No caso de persistir o empate, terase en conta a puntuación obtida do criterio de valoración establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente. No caso de que persista o empate, en último termo terá preferencia a solicitude que teña o número de expediente máis baixo.
Artigo 8. Custos de persoal
1. Poderanse subvencionar:
a) Os custos de persoal propio que participa no plan e cuxos custos se imputen na solicitude da axuda, deberán ter relación contractual coa empresa beneficiaria.
b) Os custos de persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para a realización do plan e que se deberá dedicar de xeito exclusivo a este. Este persoal debe ser contratado con posterioridade á data de solicitude da axuda ao abeiro desta resolución e cumprir o indicado no punto 7 deste artigo.
2. Subvencionarase un máximo de cinco persoas dedicadas a cada plan, incluíndo tanto o persoal propio como o de nova contratación.
3. Tanto no suposto do persoal propio como no de persoal de nova contratación, só serán subvencionables os custos de persoal relativos aos salarios fixados nun contrato de traballo, nun acordo laboral ou na lei (agás os custos de viaxes e as indemnizacións ou axudas de custo) e a parte proporcional do custo da Seguridade Social por conta da empresa.
4. No caso de persoal propio, deberán xustificarse os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao proxecto sobre a base dos fitos ou traballos concretos que se van desenvolver no proxecto. Non será suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.
5. O custo de persoal propio poderá ser, como máximo, o 60 % do custo subvencionable total do plan.
6. Poderán subvencionarse os custos de persoal directivo e xerencial que realice tarefas de innovación e deseño no plan cunha dedicación máxima mensual do 30 %.
Para estes efectos, só terá a consideración de persoal directivo o persoal de alta dirección definido no artigo 1 do Real decreto 1382/1985, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de Alta Dirección.
Na memoria técnica que se achegue coa solicitude xustificaranse detalladamente as funcións ou tarefas concretas de innovación que desenvolverá este persoal nas diferentes fases e actividades recollidas no plan de traballo do proxecto.
Estas funcións deberán ser compatibles coa súa labor directiva ou xerencial. A contía do gasto non poderá exceder os custos máximos anuais por grupo de cotización que figuran no punto nove. O persoal autónomo societario retribuído a través de nómina asimilarase á súa titulación para os efectos do indicado nos puntos 8 e 9 deste artigo.
7. No caso de persoal de nova contratación deberá cumprir o seguinte:
a) Dedicarse de xeito exclusivo cunha dedicación do 100 % ao plan para o cal é contratado, debendo estar contratado polo menos durante a metade da duración do plan.
b) Estar contratado a xornada completa.
c) Non poderá ter contrato laboral coa empresa ou empresa vinculada nos 6 meses anteriores á formalización do contrato.
d) Non se admitirán os contratos de prácticas.
e) A retribución anual bruta que percibirá cada persoa contratada adscrita ao plan, deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 19.000 €.
8. Para os efectos do disposto nestas bases, o persoal imputado ao plan deberá cumprir a coherencia entre os grupos de cotización e a titulación, segundo a seguinte táboa:
|
Titulación/categoría profesional |
Grupo de cotización |
|
Enxeñeiros, licenciados, persoal de alta dirección |
1 |
|
Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados, diplomados |
2 |
|
Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas) |
3 |
|
Axudantes non titulados |
4 |
|
Oficiais administrativos |
5 |
9. Só serán subvencionables aqueles gastos de persoal relacionados con actividades do plan que se subvenciona e que a entidade non levaría a cabo se non se realizase o plan. Consideraranse custos de persoal subvencionables os custos de salario base do persoal e a parte proporcional do custo da seguridade social a cargo da empresa, cos máximos que se establecen no seguinte cadro:
|
Titulación/categoría profesional |
Grupo de cotización |
Total anual (salario base + % seguridade social a cargo da empresa) |
|
Enxeñeiros, licenciados, persoal de alta dirección |
1 |
37.350,00 € |
|
Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados, diplomados |
2 |
32.682,00 € |
|
Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas) |
3 |
26.145,00 € |
|
Axudantes non titulados |
4 |
21.475,00 € |
|
Oficiais administrativos |
5 |
21.475,00 € |
10. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao proxecto deberá ser motivada e xustificada, e para a súa realización será necesario obter a autorización previa do Igape. Só se admitirán cambios de persoal entre traballadores/as da mesma categoría profesional e cunha titulación ou traxectoria profesional que permita desempeñar as mesmas funcións.
Excepcionalmente, no caso de persoal de nova contratación, non será necesario obter a autorización previa de Igape para contratar persoal adicional sempre que o novo perfil sexa idéntico ao inicialmente concedido.
11. Non se considerarán subvencionables:
a) Os gastos relacionados con aqueles/as traballadores/as que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolve o proxecto.
b) Os gastos de persoal que non teña relación contractual laboral coa empresa beneficiaria da subvención, agás que se trate de socios que traballen baixo o réxime de autónomos, cunha dedicación máxima mensual do 30 %.
c) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión e tramitación do financiamento solicitado.
d) Os custos de viaxes, as indemnizacións ou axudas de custos.
e) Os pagamentos salariais xustificados mediante factura.
f) As contratacións en formación, as de prácticas, as de bolseiros/as e as contratacións a tempo parcial.
Artigo 9. Subcontratacións
1. As empresas beneficiarias das axudas poderán subcontratar as actividades subvencionadas ata unha porcentaxe máxima do 50 % dos custos directos do plan respectando para iso o establecido nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei e no artigo 6 destas bases.
2. Considéranse subcontratacións as actuacións contratadas a terceiros que supoñan a execución total ou parcial das actividades do plan que constitúe o obxecto da subvención e que non poden ser realizadas polas empresas beneficiarias, punto que haberá que xustificar e motivar na memoria técnica de solicitude do plan.
Queda fóra deste concepto:
a) A contratación daqueles gastos nos que teña que incorrer a empresa beneficiaria para a realización por si mesmo da actividade subvencionada. As tarefas subcontratadas non poderán ser realizadas polas empresas beneficiarias cos seus propios medios, tanto humanos como materiais.
b) Os custos correspondentes a calquera forma de consultoría asociada á xestión e tramitación do financiamento solicitado.
3. Conforme o establecido no artigo 27.3 da citada Lei 9/2007, que establece que cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da actividade subvencionada e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Que o contrato se subscriba por escrito.
b) Que a súa subscrición a autorice previamente o Igape.
Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.
4. En ningún caso as empresas beneficiarias poderán subcontratar con:
a) Persoas ou entidades incursas nalgunhas das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.
b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.
c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.
d) Persoas ou entidades solicitantes de axuda na mesma convocatoria que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzaren a valoración suficiente.
e) Persoas ou entidades vinculadas ou asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial coa persoa beneficiaria.
f) Persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.
Artigo 10. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. Para presentar a solicitude, a empresa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da empresa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios.
2. No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á empresa solicitante:
a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como o deber de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme ao disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014.
d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.
e) No caso da liña 1 do programa relativa a plans de innovación en procesos e organización, que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.
f) Que non iniciou o plan e que non existe acordo irrevogable para realizalo.
g) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á empresa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables durante un prazo de 4 anos desde a súa presentación.
h) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
i) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos.
j) Declaración das axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.
k) Para as entidades suxeitas á inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obrigación de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obrigación de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996 do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de lei de sociedades de capital.
l) Que non está suxeita a unha orde de recuperación de axudas a consecuencia dunha decisión da Comisión Europea que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.
m) Que ten implantado un Plan de igualdade, identificando o código do localizador no rexistro de convenios e acordos colectivos, de ser o caso.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).
Artigo 11. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de avaliación e selección de plans aplicables (artigo 7).
b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 6 destas bases reguladoras.
c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil. No caso de sociedades rexistradas no Rexistro Mercantil, poderá solicitarse, motivadamente, algunha ou algunhas das escrituras referidas no parágrafo anterior cando a información obtida do Rexistro Mercantil non resulte suficiente para concluír sobre a personalidade da sociedade ou da súa representación.
d) Declaración do imposto de sociedades do último exercicio pechado.
e) As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de deber de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a empresa estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Así mesmo, no caso de que a solicitante estea integrada nun grupo de sociedades que consolide contas, anexará as contas anuais consolidadas. Anexaranse, igualmente, as contas anuais de tódalas entidades que deban ser tidas en conta para os efectos de determinar a consideración ou non de peme da persoa solicitante, salvo que estas estean integradas nas contas consolidadas que, se é o caso, fosen presentadas.
f) En relación á declaración doutras axudas para o mesmo plan, cando teña axudas concedidas, deberá achegar copia das resolucións de concesión.
g) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pago previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.
2. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
i. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pago establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste apartado, en base á información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
ii. No caso de que non sexa posible emitir a certificación do auditor á que se refire o número anterior, «Informe de Procedementos Acordados» elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, en base á revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pago a provedores da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pago da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no apartado segundo da letra d) da disposición final sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 12. Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Consulta da documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 11.1.c) das bases.
e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.
g) Imposto de actividades económicas (IAE).
h) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
j) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo a través da dirección de internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Artigo 14. Órganos competentes
O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Innovación Empresarial do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador composto por tres membros de entre o persoal da Área de Innovación Empresarial: o/a subdirector/a de Innovación Empresarial, que actuará como presidente, un/unha técnico/a da Área de Innovación, que actuará como secretario/a con voz e voto, e un/unha técnico/a de servizos xerais. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 15. Instrución do procedemento
1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.
Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia de memoria descritiva do proxecto ou a presentación dunha memoria descritiva ilexible non será emendable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.
2. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, quen elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación, desempate e puntuación mínima establecidos no artigo 7 destas bases.
Artigo 16. Resolución, publicación e notificacións
1. A Área de Innovación Empresarial do Igape ditará a proposta de resolución en base a este procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, a elevará á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.
2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención indicando as obrigas que corresponden á persoa beneficiaria.
3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.
4. O anuncio da publicación do texto completo da resolución definitiva no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.
5. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido este poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
6. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 17. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 18. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, admitíndose, modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Concretamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis aló das datas límites establecidas na resolución de convocatoria nin aquelas que supoñan unha maior subvención para o proxecto.
2. A empresa beneficiaria deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 10 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral Igape. A solicitude de modificación deberá presentala cunha antelación mínima dun mes á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, ás persoas interesadas.
Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das empresas beneficiarias:
a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter, no seu caso o investimento no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.
b) Xustificar ante o Igape, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións da axuda, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, ou calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.
Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 4 anos dende a súa presentación.
d) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobro da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 7 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver a persoa beneficiaria ou as que resulten da normativa aplicable ás axudas concorrentes.
e) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración da convocatoria no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos de seguimento.
f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.
g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, segundo o establecido no anexo III a estas bases durante a execución do proxecto.
h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.
i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
j) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración da convocatoria no marco da avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027 ou doutros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i.
Artigo 20. Xustificación da subvención
1. Para o cobramento da subvención concedida, a empresa beneficiaria, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.
2. A persoa beneficiaria deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, a persoa beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.
4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu Regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá á persoa beneficiaria das sancións que, conforme á lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.
5. Xunto coa solicitude de cobramento, a empresa beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.
b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pago ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:
1º Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria no que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
2º Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.
No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.
No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.
As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.
c) Memoria técnica de execución do plan na que se poña de manifesto a finalización do proxecto subvencionado segundo o establecido no artigo 1. Esta memoria deberá ter, polo menos os seguintes contidos:
• Cronograma de desenvolvemento do proxecto.
• Descrición do plan realizado, resultados obtidos e unha proxección anual dos resultados esperados durante os cinco anos posteriores á finalización do proxecto.
• Modificacións e desviacións sobre o proxecto orixinal (incluíndo eventuais cambios de provedor).
• Documentación gráfica dos investimentos realizados (fotografías de equipos, capturas de pantalla de aplicacións, ...).
• Licenzas adquiridas ou contratos de licenzas, de ser o caso.
d) As tres ofertas que deba ter solicitado a empresa beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 6.6 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.
e) Calquera soporte dos establecidos no anexo III das bases onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público.
f) Aqueles plans nos que as colaboracións externas ou a adquisición de activos inmateriais superen os 30.000 €, ou ben o importe total de investimento supere os 45.000 €, deberán entregar informe dun enxeñeiro colexiado, cualificado no ámbito no que se desenvolva o proxecto e con ausencia de conflito de interese, que se pronuncie sobre a adecuación ao mercado dos prezos aboados pola persoa beneficiaria e o efectivo desenvolvemento do proxecto de acordo coa memoria técnica xustificativa e dentro do período de execución.
6. A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.
8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, no seu caso, das cantidades previamente aboadas.
9. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.
10. Para a xustificación de custos de persoal, deberá achegarse:
a. Certificación dos custos de persoal debidamente asinada, segundo os formularios normalizados da convocatoria, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades do proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades do proxecto de deseño.
b. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao proxecto de deseño subvencionado asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable da entidade, segundo o formulario normalizado.
c. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do proxecto de deseño, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración e as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.
d. Copias das nóminas ou documentos correspondentes do persoal dedicado ás actividades do proxecto de deseño, así como as copias dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas ou documentos que correspondan deberán vir detallados os seus receptores e o concepto, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.
e. Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria. No caso de traballadores autónomos, deberanse achegar nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento, así como xustificantes de pagamento das cotas á Seguridade Social.
f. Informe de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación e que comprenda toda a anualidade. No caso de persoal autónomo, certificado de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación.
g. No caso de persoal de nova contratación deberá achegarse copia do contrato de traballo en que se poida verificar a contratación para o desenvolvemento de actividades do proxecto de deseño, conforme os requisitos desta convocatoria, xunto coa certificación da súa titulación académica.
Artigo 21. Pagamento das axudas
1. O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.
Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.
O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.
2. As persoas beneficiarias poderán solicitar anticipos de ata o 70 % do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente, no momento da solicitude de axuda, activando, no seu caso, a casilla habilitada a tal fin no formulario de solicitude. Neste suposto exímese aos beneficiarios da obrigación de constituír garantías, previa a súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009. A resolución de concesión da axuda, cando o solicitante active a casilla habilitada para a solicitude de anticipo, conlevará tamén a súa concesión. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada, ao abeiro do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 22. Perda do dereito á subvención e reintegro
Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, de concorrencia das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.
d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario.
e) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o investimento subvencionable sexa inferior ao 50 % do concedido.
f) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa totalidade da subvención prevista nestas bases suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, do 100 % da subvención concedida.
g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo III destas bases.
i) Non acreditar estar ao corrente das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.
4. Entre as causas de perda parcial, inclúese:
No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo se é o caso reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.
5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos nos que se aplique o artigo 19.a) destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.
Adicionalmente, non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 19.g) destas bases, ou o plan de igualdade, suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.
6. Devolución voluntaria da subvención.
De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 23. Réxime sancionador
Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 24. Fiscalización e control
As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 25. Comprobación de subvencións
1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de 4 anos desde a súa presentación.
2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.
3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.
Artigo 26. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións teñen a obriga de subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 27. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:
a) Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
b) Artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014: definición de microempresa, pequena e mediana empresa.
c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo.
d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións pública.
e) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
g) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento Xeral de Protección de Datos).
h) No resto da normativa que resulte de aplicación.

