DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 15 de xaneiro de 2025 Páx. 3754

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Ponteareas (expediente IN407A 2024/273-4).

Expediente: IN407A 2024/273-4.

Promotora: Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.

Denominación: Reforma LMTA Salvaterra-Ponteareas para a urbanización Eroski.

Concello: Ponteareas.

Feitos:

1. O 7 de agosto de 2024, a empresa Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Reforma LMTA Salvaterra-Ponteareas para a urbanización Eroski.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial José A. Fernández González, colexiado 1968 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no que figura un orzamento total de 12.021,00 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas na liña media tensión Salvaterra-Ponteareas, tramo subderivación Moreira-Ponteareas, no lugar de Searas, na parroquia de Angoares, no concello de Ponteareas (Pontevedra):

– Retirada de tres apoios de formigón: HV-630/15 (4AM00724), HV-400/15 (4AM00725) e HV-1000/13 (4AM00726).

– Desmontaxe de 384 metros de liña de media tensión aérea Salvaterra-Ponteareas entre os apoios retirados.

– Substitución dun apoio de formigón tipo HV-800/15 por un apoio metálico de celosía C-4500/22 fin de liña, no cal se instalará un paso aéreo subterráneo.

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 32 metros para conectar co centro de transformación de propiedade da empresa distribuidora Sestelo y Cía. (ESC059).

–Retensado de 56 metros da liña de media tensión aérea contigua ao apoio proxectado.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Ponteareas e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 32 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-4500/22 na LMTA subderivación Moreira-Ponteareas, mediante un paso aéreo subterráneo, e final no centro de transformación existente Sestelo (ESC059).

– Retensado do van aéreo contiguo ao apoio proxectado C-4500/22 (56 metros de condutor LA-56).

– Retirada de tres apoios e 384 metros de cable LA-56.

– A instalación está situada nas Searas, na parroquia de Angoares, no concello de Ponteareas (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Reforma LMTA Salvaterra-Ponteareas para a urbanización Eroski, expediente IN407A 2024/273-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e a posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 13 de decembro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra