Expediente: IN407A 2024/303-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS RED714 e reforma CT Cidadelle 36CC46.
Concello: Redondela.
Feitos:
1. O 16.9.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS RED714 e reforma CT Cidadelle 36CC46.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Victoriano González Lemos, colexiado 2980 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 109.539,75 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas no lugar de Cidadelle, na parroquia de Chapela, no concello de Redondela (Pontevedra):
– Reforma do centro de transformación de tipo pombal Cidadelle (36CC46) mediante a substitución de celas existentes por celas prefabricadas telecontroladas en SF6 e a substitución do transformador actual de 400 kVA por outro de 630 kVA.
– Déixase sen servizo o tramo REDE714, con condutor legalizado LAC-80, desde o apoio 2 HV-160/8 ao apoio HV-250/9 (incluíndo a liña que actualmente alimenta o centro de transformación Cidadelle), un total de 207 metros de lonxitude.
– Instalación dunha nova liña de media tensión subterránea (LMTS) de 121 metros de lonxitude desde o empalme na LMTS RED714 ata o paso aéreo subterráneo no apoio A1LSKMIG.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Redondela e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1 de 121 metros de lonxitude (55+66), con orixe no empalme proxectado na LMTS RED714 e final no paso aéreo subterráneo proxectado no apoio existente A1LSKMIG, facendo entrada e saída no centro de transformación Cidadelle 36CC46.
– Reforma do centro de transformación Cidadelle (36CC46) consistente na substitución das celas existentes por celas prefabricadas telecontroladas en SF6 e na substitución do transformador de 400 kVA, por un de 630 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V.
A instalación está situada en Cidadelle, na parroquia de Chapela, no concello de Redondela (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS RED714 e reforma CT Cidadelle 36CC46, expediente IN407A 2024/303-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 23 de decembro de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
