No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ten entre as súas funcións apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña. Co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.
As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os Estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local co fin de acadar unha estratexia común de acción.
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7ª da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.
Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a dita Consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, do relativo ás políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do respectivo Plan anual de fomento do emprego digno (PAFED), e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.
No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia.
Ademais o Real decreto 818/2021, de 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema Nacional de Emprego, establece os contidos esenciais que deben formar parte dos mesmos e recolle os programas comúns do conxunto do Sistema Nacional de Empleo, regulando na súa Sección 5.ª Programas do eixo 5 «Emprendemento», Subsección 1, os «Programas de fomento do emprego autónomo».
Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar ás persoas emprendedoras como axentes dinamizadores da economía na Comunidade Autónoma. O emprego autónomo supón unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais, emprendedoras e empresarias que opten polo desempeño da súa actividade laboral por conta propia, contribuíndo de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.
Con data 9 de novembro de 2023 o Consello da Xunta aprobou a «Estratexia Impulso Autónomo: Horizonte 27», coa finalidade de potenciar a percepción do emprego autónomo non como refuxio en tempos de crise, senón como a vía óptima para que calquera persoa poida desenvolver o seu proxecto profesional de xeito equilibrado coa súa vida persoal, aproveitando as vantaxes que presenta en canto á súa flexibilidade na organización e planificación do traballo. O emprego autónomo ofrece a oportunidade, mellor que ningunha outra formula, para deseñar un itinerario profesional á medida das necesidades e circunstancias da persoa traballadora. Por este motivo, a Estratexia Impulso Autónomo Horizonte 27 céntrase en apoiar e promover o nacemento de iniciativas de emprego autónomo sólidas e en apoiar a súa consolidación.
A presente orden recolle cinco programas de axudas, baixo outros tantos procedementos, que se articulan nun capítulo común de disposicións xerais e cinco capítulos para cada un dos programas; capítulo II: Programa de Promoción do emprego autónomo en Galicia (código de procedemento TR341D), capítulo III: Programa do bono nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas (TR790A), capítulo IV: Programa do bono autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341Q), capítulo V: Programa do bono remuda para o fomento da remuda xeracional (TR353D) e capítulo VI: Programa de axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas (TR341R).
O Programa I de promoción do emprego autónomo está cofinanciado pola Unión Europea, nunha porcentaxe do 60 %, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular no Obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; Prioridade 1: «Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social»; Obxectivo específico ESO4.1: «Mellorar o acceso ao emprego e as medidas de activación de todos os demandantes de emprego, e en particular das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da Garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e os grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social» e Medida 1.A.01: «Axudas para apoio a persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia».
Sinalar tamén en relación a este Programa I que o Real decreto-lei 13/2022, do 26 de xullo, polo que se establece un novo sistema de cotización para as persoas traballadoras por conta propia ou autónomos e se mellora a protección por cese de actividade, regula un sistema de cotización por ingresos reais e a mellora da protección social das persoas traballadoras por conta propia ou autónomos, prevendo a implantación desta modificación a partir do 1 de xaneiro de 2023, de forma gradual, hasta un máximo de nove anos. O mesmo Real decreto-lei 13/2022 procede á modificación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, dando unha nova redacción ao artigo 38, ao que se engade o apartado ter.
Así, o citado artigo 38 ter determina que a cota reducida por inicio de actividade será aplicable durante doce meses naturais completos a todas aquelas persoas que inicien a súa actividade por conta propia.
O Programa I conta con dúas liñas de subvencións: a liña 1, consistente nunha subvención para o inicio de actividades económicas das persoas traballadoras autónomas, e a liña 2, consistente nunha axuda equivalente ao custo da cota reducida prevista para o pagamento das cotas das persoas traballadoras por conta propia regulada no apartado 1 do artigo 38 ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo.
O Programa II baséase na necesidade de seguir adoptando medidas de apoio a novas iniciativas empresariais no contexto económico actual, que posibilite seguir atendendo o mantemento da actividade económica e o emprego das nova persoas autónomas; Nestes últimos anos moitos negocios tiveron que pechar a súas portas pois as necesidades do mercado requiren da posta en marcha de novas fórmulas de negocio. Apoiar e acompañar ás novas iniciativas empresariais resulta imprescindible na actual coxuntura económica . Galicia non pode permitirse desaproveitar o capital humano de quen tivo a experiencia de emprender e non tivo o éxito esperado. Como sociedade temos a obriga de pór en valor esa experiencia e facilitar a volta ao emprendemento das persoas traballadoras autónomas que tiveron que pechar os seu negocios e desexan emprender de novo. A decisión de calquera persoa que desexe pór en marcha unha idea de emprego por conta propia debe ser apoiada pola Administración pública. O cese na actividade da persoa traballadora autónoma non debe representar o final da súa vida emprendedora.
Con este programa do bono nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas búscase apoiar a segunda oportunidade desas persoas emprendedoras que adquiriron experiencia e que por diversas causas tiveron que cesar na súa actividade, pero queren volver a emprender un negocio e poñer en valor a experiencia adquirida, apoiando a aquelas que estean inscritas como demandantes de emprego previamente á nova alta como persoa traballadora autónoma.
No que respecta ao Programa III do bono autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341Q), este xurde da premisa de considerar que a consolidación do emprendemento é un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade, por iso é esta consolidación a que subxace na liña de apoio que desenvolve este programa. A opción de calquera persoa que desexe pór en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaina. Así cimentar a consolidación de proxectos que xa superaron os tres primeiros anos busca contribuír á súa mellora competitiva, que é o obxeto final deste programa.
O Programa IV do bono remuda para o fomento da remuda xeracional (TR353D) enmárcase no Eixe 2 da «Estratexia Impulso Autónomo: Horizonte 27»: «Fortalecer o ecosistema competitivo do emprego autónomo en Galicia», que recolle como unha das súas liñas de actuación a de «Potenciar a remuda xeracional mediante un programa experto de transmisión, cun espazo virtual de matching e un encontro anual de referencia».
Moitos negocios das persoas traballadoras autónomas tiveron que pechar as súas portas por falta de remuda xeracional, de maneira que estas axudas tentan facilitar que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente que pecha por xubilación, incapacidade ou falecemento da persoa titular.
Por último, o Programa V establece axudas á conciliación para as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas para que unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento dun fillo ou filla, contraten a unha persoa para apoialos na súa actividade empresarial e permitirlles conciliar a vida persoal e laboral, e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial, sendo tamén posible a contratación de persoas traballadoras destinadas especificamente ao coidado de menores e/ou maiores e dependentes no propio domicilio, contribuíndo tamén así á xerar emprego. Tamén se recollen axudas para o apoio no custo de centros e servizos de conciliación.
No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), establécese que na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade y da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Igualmente, o artigo 38 regula as bonificacións tanto da persoa autónoma durante o período de descanso por nacemento, como da persoa desempregada que a substitúe durante ese período, de maneira que o primeiro dos programas desta Orde de axudas pretende reforzar o apoio á persoa traballadora autónoma na contratación celebrada para a súa substitución durante os períodos de descanso por nacemento, adopción e acollemento, así como a transformación dese contrato en indefinido cando se dea o caso.
Nos mesmos termos, a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia regula na sección terceira do título III as medidas de fomento e apoio á conciliación e á racionalización e flexibilización dos horarios nas empresas e entidades do sector terciario.
Asi mesmo, a Lei 5/2021, de 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, no seu artigo 50 establece que as administracións públicas de Galicia porán a disposición das familias solucións efectivas ás súas necesidades de conciliación.
A presente orde cumpre cos principios de boa regulación, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, e eficiencia previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.
Estas axudas ampáranse, segundo o sector ao que pertenzan as persoas emprendedoras e empresas beneficiarias, e o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 15.12.2023, Serie L), no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE 24.12.2013, L352/9), e no Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE 28.06.2014, L190/45).
En canto ao procedemento de concesión establécese un procedemento para os programas desta orde que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.
A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e o artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.
Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Dirección xeral de Promoción da Igualdade, da Dirección xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras polas cales se rexerán as subvencións ás persoas traballadoras autónomas a través dos seguintes programas, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025:
a) Programa I: Promoción do Emprego Autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341D), destinado a apoiar as persoas desempregadas que inicien a súa actividade empresarial como persoas traballadoras autónomas, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
b) Programa II: Nova Oportunidade das persoas traballadoras autónomas (TR790A), destinado a facilitar a volta á actividade económica da persoa traballadora autónoma que non tivo éxito no seu anterior intento.
c) Programa III: Bono das persoas traballadoras autónomas (TR341Q), destinado a apoiar a consolidación de proxectos que superaron os 42 meses de vida, co obxecto de mellorar a súa competitividade.
d) Programa IV: Bono Remuda das persoas traballadoras autónomas (TR353D), destinado a evitar o peche de negocios por falta de relevo xeracional.
e) Programa V: Axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas (TR341R), destinado a apoiar e promover a conciliación das persoas traballadoras autónomas.
Artigo 2. Marco normativo
1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de outubro de 2024, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.
2. Ademais, para o caso do Programa I Promoción do Emprego Autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341D), cofinanciado polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, resulta de aplicación a seguinte normativa específica: Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados; Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021 polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) n. 1296/2013 e pola Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
Artigo 3. Principios de xestión
A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 4. Orzamento
As subvencións obxecto desta convocatoria destinase un crédito por un importe total de 40.706.500 €, distribuídos en cinco programas, que se imputarán as aplicacións seguintes:
|
Programa-procedemento |
Aplicación |
Proxecto |
Importe total |
|
Programa I-artigo 1.a)-TR341D |
14.02.322C.472.0 |
2023 102 |
28.956.500 € |
|
Programa II-artigo 1.b)-TR790A |
14.02.322C.470.6 |
2023 125 |
1.500.000 € |
|
Programa III-artigo 1.c)-TR341Q |
14.02.322C.770.0 |
2023 103 |
8.000.000 € |
|
Programa IV-artigo 1.d)-TR353D |
14.02.322C.472.0 |
2024 189 |
1.250.000 € |
|
Programa V-artigo 1.e)-TR341R |
14.02.322C.470.6 |
2023 100 |
1.000.000 € |
De acordo co disposto no artigo 25.2 e 25.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 23 de xuño, de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de Orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ao ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
2. O Programa I (artigo 1.a), de Promoción do Emprego Autónomo, código de procedemento TR341D, está cofinanciado pola Unión Europea, nunha porcentaxe do 60 %, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular, no Obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; Prioridade 1: «Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social»; Obxectivo específico ESO.4.1 «Mellorar o acceso ao emprego e as medidas de activación de todos os demandantes de emprego, e en particular das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da Garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e os grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social» e Medida 1.A.01: «Axudas para apoio a persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia».
3. O Programa IV (artigo 1.d) está financiado con fondos finalistas do Estado procedentes do Servizo de Emprego Público Estatal. Os créditos que financian esta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.
4. Os Programas II (artigo 1.b), III (artigo 1.c) e V (artigo 1.e), están financiados con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
5. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas no exercicio corrente xa que a convocatoria non é plurianual.
6. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modificado pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas), e o artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou unha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007 (concorrencia non competitiva).Ademais, no caso do Programa I (artigo 1.a) é necesario informe favorable previo da modificación orzamentaria que corresponda por parte do Organismo Intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos.
7. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 13.4 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora.
Artigo 5. Definicións
1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.
Considérase persoa inscrita aquela que figure como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia con anterioridade ou no mesmo día da alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, ou mutualidade, ou con anterioridade, ou no mesmo día no caso de que se subvencione a contratación.
Considérase persoa que carece de ocupación aquela que non estea en situación de alta no día anterior á súa alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional.
No caso de que se subvencione a contratación, se o día anterior á dita contratación coincide coa data de baixa en vida laboral da persoa que se contrata, considerase que non carece de ocupación.
A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.
A comprobación de carecer de ocupación, segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na data da súa alta na Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocupar os empregos estables creados e tidos en conta para o cálculo da subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.
Quedan excepcionadas de dita inscrición as persoas recollidas no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.
2. Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social este sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, polo menos, 360 días durante os 540 días anteriores a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, ou mutualidade do colexio profesional correspondente.
3. Data de inicio da actividade laboral: entenderase como data de inicio da actividade laboral a da alta inicial como persoa traballadora autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional; esta data será a que figure recollida no documento de alta do Ministerio de Traballo e Economía Social, así como nos informes de vida laboral.
4. Persoa con discapacidade ou dependencia: aquela a que a Administración competente recoñézalle ben un grao de discapacidade igual ou superior o 33 % ou un grao de dependencia segundo a lexislación vixente.
De acordo co artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, modificado pola Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, tamén se considera que presentan unha discapacidade de grao igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servicio ou inutilidade.
A comprobación da condición de persoa con discapacidade ou dependencia realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada ou de que a discapacidade ou a dependencia fora recoñecida por outra Administración distinta a propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade ou dependencia.
5. Comunidade de bens, sociedade civil ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación: aquelas que inicien a súa actividade empresarial a partires do 30 de setembro de 2024, segundo a data na que se deu de alta no imposto de actividades económicas ou, no seu caso, na data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria.
6. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zoa densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística: https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl.
A ditos efectos considéranse concellos rurais todos os concellos galegos excepto os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.
7. Persoas en situación ou risco de exclusión social: teñen a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia no momento do inicio da actividade laboral, ou membros da súa unidade de convivencia, ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo de dita situación social, trala verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2023, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia. Equipararanse ás persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia as persoas perceptoras do ingreso mínimo vital.
8. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de galego retornado as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e a descendencia de primeiro grao das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:
a) Ser persoa galega e nacida en Galicia.
b) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.
c) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculado a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.
d) Estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para adquirir esta condición de emigrante retornado non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.
9. Persoa estranxeira: aquela que careza de nacionalidade española e estea en posesión de autorización ou permiso de residencia e traballo en España.
10. Persoa trans: persoa cuxa identidade sexual non se corresponde co sexo asignado o nacer.
11. Ocupacións masculinizadas ou con subrepresentación feminina na contratación: tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2019-2023 nos grupos ocupacionais segundo a Clasificación Nacional de Ocupacións (CNO-11) aprobada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, téñense en conta os grupos ocupacionais que en 2023 reflicten unha diferenza porcentual de polo menos 20 puntos entre os valores de contratación masculina e feminina, e segundo o cal se elabora unha lista de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións, que figura como anexo na sede electrónica da Xunta de Galicia.
12. Compra de maquinaria: conxunto de máquinas ou bens de equipo mediante as cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos.
13. Compra e/ou instalacións para a mellora da eficiencia enerxética: toda aquela compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, o que vai desde o cambio de sistemas de iluminación a cambios de maquinaria ou instalacións.
14. Inversións para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos: entendendo por tal o cambio de máquinas e instalacións de enerxías fósiles a enerxías limpas.
15. Compra de utillaxe e ferramentas: conxunto de utensilios ou ferramentas que se poden utilizar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria, incluídos os moldes.
16. Reforma do local do negocio: refírense a obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica. Consisten normalmente en pequenas obras de mellora e reparación, decoración, ou ornato, que non modifican a estrutura construtiva. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos, ou cuxa actividade sexa o comercio retallista fóra de establecementos comerciais permanentes, e outras actividades vencelladas a feiras e verbenas. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.
17. Equipamento informático: considérase equipamento informático a efectos desta orde as tablets ou similares, ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles, equipos de rede, escáneres, e outros similares.
18. Equipamento de oficina e/ou negocio: considerarase equipamento de oficina todo aquel elemento susceptible de ser usado nun entorno de traballo, tales como impresoras, destrutoras de papel e outros similares, e por equipamento do negocio o conxunto de mobles que sirvan para a actividade normal da empresa como mesas, cadeiras, estanterías, mostradores e vitrinas.
19. Rótulos para negocios: carteis físicos identificativos dos negocios e da súa localización, ou cuxa actividade sexa o comercio retallista fóra de establecementos comerciais permanentes, e outras actividades vencelladas a feiras e verbenas.
20. Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais: importe satisfeito pola propiedade ou polo dereito ao uso de programas informáticos. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento das páxinas web que a empresa adquira, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios, a creación e desenvolvemento de apps, así como os gastos de creación e mantemento, e coa condición da previsión de utilización ao longo de varios exercicios así como o apoio a creación, desenvolvemento e deseño de redes sociais.
21. Deseño de marca: creación de símbolo formado por imaxes ou letras/caracteres que serve para identificar un negocio e todo o con el relacionado .
22. Remuda: a efectos do Programa IV, enténdese por remuda a transmisión do negocio da persoa ou entidade titular do mesmo a unha ou varias persoas, sempre que supoña a continuación da actividade, que de outra maneira pecharía, e os motivos da transmisión sexan por incapacidade permanente, nos seus graos de total, absoluta, ou gran invalidez, por xubilación, proximidade a idade de xubilación (62 anos ou máis), ou falecemento da persoa titular do negocio.
23. Menores: terán a condición de menores a efectos desta orde as/os que teñan doce ou menos anos no momento da solicitude, e que residan no mesmo domicilio que o da persoa solicitante.
24. Maiores: terán a condición de maiores a efectos desta orde, as persoas de setenta ou máis anos no momento da solicitude, este requisito de idade non aplica as persoas que acrediten a dependencia nos seus diferentes graos.
Artigo 6. Axudas do Estado
1. As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos seguintes regulamentos, segundo o sector ao que pertenzan as persoas beneficiarias e o ámbito da súa actividade:
a) Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante calquera período de tres anos.
b) Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 50.000 euros durante calquera período de tres anos.
c) Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 40.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro.
Estes límites máximos aplícanse a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola persoa beneficiaria, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
2. As persoas solicitantes das axudas están obrigadas a declarar as axudas percibidas baixo o réxime de minimis, segundo o recollido nos anexos I de solicitudes de cada un dos programas.
3. Informarase por escrito á persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento concreto de minimis que sexa de aplicación.
Artigo 7. Requisitos xerais
As persoas traballadoras autónomas deberán cumprir os seguintes requisitos xerais á hora de solicitar as axudas:
a) Ter cumpridos os 18 anos.
As persoas beneficiarias das axudas do Programa I e do Programa II deben figurar inscritas como demandantes de emprego desempregadas no Servicio Público de Emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de Vida Laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social, e manterse nesa situación ata o momento en que se produza a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou, no seu caso, na mutualidade correspondente.
b) As persoas beneficiarias das axudas de todos os programas deberán desenvolver a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
A efectos das presentes axudas de todos os programas, entenderase que a persoa beneficiaria desenvolve a sua actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, cando o domicilio da actividade e o centro de traballo estean situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para determinar onde se desenvolve a actividade económica, a efectos desta orde, considerarase:
– Se a actividade se desenvolve nun establecemento físico, no domicilio deste.
– Se a actividade se desenvolve sen establecemento físico, no domicilio fiscal do beneficiario ou causante, no seu caso.
Para a comprobación do cumprimento do requisito de desenvolver a sua actividade de persoa traballadora autónoma na Comunidade Autónoma de Galicia, consideraranse os datos recollidos no Censo de Empresarios, Profesionais e Retenedores e os datos de domicilio fiscal, ambos rexistrados pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, e o Informe de Vida Laboral emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.
Artigo 8. Solicitudes e prazo de presentación
1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos de solicitude que figuran como anexos xunto coa documentación e no prazo establecido para cada tipo de programa.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do formulario normalizado dispoñible na dita sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365.
5. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.
6. Ao ser válida unha única solicitude por persoa en cada un dos programas que recolle esta convocatoria, no caso de que algunha persoa presentara unha nova solicitude entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta favorablemente. No caso das sociedades só se poderá presentar unha única solicitude por sociedade, e igualmente, no caso de que se presenten dúas ou máis solicitudes, entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta favorablemente.
7. De ser o caso, no anexo I de cada procedemento vén recollida unha declaración responsable da persoa solicitante, de obrigatorio cumprimento, onde manifestará:
a) Declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.
b) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Que non foi excluído/a do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46.2 do texto refundido da lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba a o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións no orde social.
g) Que coñece que as axudas solicitadas no Programa I desta orde están cofinanciadas polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 nun 60 %.
h) Que posúe a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
i) Que coa presentación da axuda acepta a subvención e as obrigas reguladas nesta orde.
j) Que cumpre todos os requisitos necesarios para a concesión e o pagamento destas axudas e que no caso de ser beneficiaria das axudas aplicará esta aos gastos subvencionables.
k) De ser o caso, que ten presentado ante o rexistro correspondente ou ben aprobadas pola Asemblea Xeral, segundo corresponda as contas anuais do último exercicio.
l) De ser o caso, que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de PEME, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
8. Enténdese que a persoa solicitante desiste da solicitude cando causa baixa no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade, en data anterior á resolución de concesión da axuda. A persoa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ao que solicitou a axuda.
9. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o 24 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 de setembro de 2025.
Artigo 9. Emenda das solicitudes
As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no titulo I da citada lei.
Artigo 12. Comunicación de feitos constitutivos de fraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención General de la Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada ao efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, de 3 de abril, do citado Servizo, no seguinte enderezo:
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx
En tanto non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, ditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte páxina web: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
Con independencia do disposto nos apartados anteriores, calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente orde poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da Canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
Artigo 13. Procedemento de concesión, instrución e tramitación
1. O fin último destas convocatorias é a promoción do emprego autónomo a través do outorgamento de axudas que contribúan a que as persoas autónomas fagan fronte aos distintos gastos xerados, ben no comezo da súa actividade laboral ben durante o desenvolvemento da mesma, polo que para facilitar o financiamento dos proxectos de autoemprego subvencionados ao abeiro desta orde se establece un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas senón que a concesión se realizará pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos de emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. O órgano instrutor dos expedientes para o Programa I (TR341D) e o Programa III (TR341Q) serán os Servizos de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social dos Departamentos Territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración competentes por razón do territorio, que instruirán os procedementos de acordo cos criterios establecidos para os ditos programas.
3. O órgano instrutor dos expedientes para o Programa II (TR790A), o Programa IV (TR353D) e o Programa V (TR341R) será a Subdirección Xeral de Emprego, que instruirá os procedementos de acordo cos criterios establecidos para os ditos programas.
4. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data na que se presentara a documentación completa requirida nestas bases reguladoras para cada un dos programas previsto no artigo 1 desta orde.
5. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea o día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa persoa debedora por resolución de reintegro.
Artigo 14. Documentación complementaria para todos os programas
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude: anexo I.1, anexo I.2, anexo I.3, anexo I.4 ou anexo I.5, segundo o programa do que se trate, a documentación específica que se recolle no capítulo correspondente a cada un dos programas recollidos nesta orde.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán acadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 15. Notificacións
1. As notificacións e resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá as persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 16. Competencia
1. A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagos para o Programa I (TR341D) e para o Programa III (TR341Q), por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, corresponderalle ás persoas titulares dos Departamentos territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no respectivo ámbito provincial onde a persoa solicitante teña o seu domicilio fiscal; no caso de solicitudes con domicilio fiscal fora de Galicia, a competencia será do Departamento territorial onde se houbera presentado a solicitude.
2. A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagos do Programa II (TR790A), do Programa IV (TR353D) e do Programa V (TR341R), corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á persoa titular da Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
Artigo 17. Resolución e recursos
1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, contía da subvención e obrigas que correspondan a persoa beneficiaria.
2. No caso do Programa I, a resolución de concesión emitirase atendendo as manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos serán obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.
3. No caso do Programa I, tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria destas axudas deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ao terse aceptada coa presentación da solicitude.
4. No caso dos Programas II, III, IV e V, a presentación da solicitude supón a aceptación da axuda.
5. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, e deberán serlles notificadas ás persoas interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.
6. O prazo máximo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.
7. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
8. No caso do Programa I deberá notificarse a cada persoa beneficiaria un documento no que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pago da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).
Tamén se lle informará á persoa beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021.
9. As resolucións de todos os programas deberán conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polos Regulamentos UE 2023/2831, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea.
10. As resolucións que se diten no marco desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
11. No suposto de esgotamento do crédito en calquera dos programas, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais publicarase o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas no Diario Oficial de Galicia, co texto integro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo, ou poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición de acordo co disposto no apartado 10 deste artigo.
12. No caso de que unha solicitude de axudas comprenda gastos para os cales non exista crédito suficiente, poderase estimar parcialmente, logo da aceptación pola da persoa ou entidade solicitante. De se producir con posterioridade perdas do dereito ao cobro doutras solicitudes, ou no caso de que se amplíe o crédito, poderá concederse unha contía adicional pola diferencia da estimación parcial.
Artigo 18. Seguimento e control
1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais ou dos Departamentos territoriais, no seu caso, levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.
2. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, o igual que os Departamentos territoriais, no seu caso. Para estes efectos, a persoa ou entidade beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.
3. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.
4. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios propios como alleos estean ao dispor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.
5. Ademais, como consecuencia da cofinanciación polo FSE+ das axudas previstas no Programa I, as persoas beneficiarias deste Programa, someteranse as actuacións de comprobación e control e deberán facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Artigo 19. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención
De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 21. Incompatibilidades e concorrencia
1. Programa I: Promoción do Emprego Autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341D).
A subvención establecida na liña 1 deste programa será incompatible coas establecidas nos distintos programas de promoción do emprego autónomo que subvencionen a alta como persoa traballadora autónoma, cos programas de fomento de cooperativas e do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Así mesmo, a axuda da liña 1 será incompatible coas axudas comprendidas no Programa Nova Oportunidade que se convoque no ano 2025, co programa Emega 2025 para o fomento do emprendemento feminino, convocadas pola Consellería de Política Social e Igualdade así como con outras que, polos mesmos conceptos e para a mesma finalidade poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.
A liña 2 é incompatible con calquera outra axuda pública destinada á mesma finalidade.
Estas axudas serán compatibles coas que a Secretaria Xeral da Emigración convoque en 2025 para promover o autoemprego e actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes retornadas e dos seus descendentes.
2. Programa II: Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas (TR790A).
As axudas do Programa II serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas, así como coas axudas á promoción do emprego autónomo (TR341D),convocadas para o exercicio 2024 e para o exercicio 2025, coas axudas do Programa Emega (SI429A), convocadas para o exercicio 2025, coas axudas do Programa I de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (TR802G) do programa Aprol-Economía social convocadas para o exercicio 2025, e co programa de incentivos as IEBTs (TR340E) convocadas para o exercicio 2025.
Serán compatibles co Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (TR802J) do programa Aprol-Economía social e co programa Re-Acciona da Consellería de Economía e Industria para o ano 2025.
Estas axudas tamén será incompatibles coa orde de promoción do autoemprego das persoas galegas retornadas (PR937A) para os exercicios 2024 e 2025.
3. Programa III: Bono das persoas traballadoras autónomas (TR341Q).
1. As axudas do Programa III serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas.
2. . En ningún caso o importe das subvencións concedidas neste programa poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria.
4. Programa IV: Bono Remuda das persoas traballadoras autónomas (TR353D).
1. As axudas do Programa IV serán incompatibles coas axudas convocadas para o ano 2024 no procedemento TR802R «Es-Transforma», coas axudas ao emprendemento do procedemento TR880A do ano 2023 e 2024 e coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar calquera Administración pública, incluída a Xunta de Galicia, para a mesma finalidade.
2. Estas axudas serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Programa V: Axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas (TR341R).
1. As axudas do Programa V son incompatibles coas axudas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, así como por calquera outra subvención á contratación da mesma persoa por calquera administración pública e con calquera outra axuda ou subvención establecida nos diferentes programas de axuda a conciliación de calquera Administración incluída a Xunta de Galicia.
2. Estas axudas son compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, pero en ningún caso o importe das axudas concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, supere o custo do servizo recibido.
Artigo 22. Exclusións xerais
1. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
CAPÍTULO II
Programa I. Promoción do emprego autónomo en Galicia (código de
procedemento TR341D), cofinanciado pola Unión Europea no marco
do Programa FSE+ Galicia 2021- 2027
Artigo 23. Distribución orzamentaria
No programa I Promoción do emprego autónomo faise unha distribución provincial de créditos para o financiamento de axudas e subvencións previstas, que será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2019-2023, e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, e terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos. Ao amparo disto, en cada unha das provincias galegas o reparto dos anteditos importes por aplicación orzamentaria realizarase en atención as seguintes porcentaxes: A Coruña: 33 %, Lugo: 17 %, Ourense: 17 % e Pontevedra: 33 %. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. A estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 8.3 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dous ou máis solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.
Para este programa no suposto de que o orzamento asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de maneira que exista remanente orzamentario, procederase a realizar un reparto proporcional deste entre as provincias restantes, en función das solicitudes presentadas en cada ámbito provincial. Os créditos sobrantes dunha liña poderán ser empregados na outra liña.
O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, previo informe favorable por parte do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos).
Artigo 24. Finalidade do Programa
1. A finalidade deste programa é a concesión de 2 liñas de axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo e mantemento da súa actividade laboral.
2. Ao abeiro deste Programa subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e os gastos de mantemento da actividade, que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 30 de setembro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas inclusive.
Establécense 2 liñas de axudas:
a) Liña 1: unha axuda para o inicio da actividade económica e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma, cun importe de 19.356.500 €.
b) Liña 2: unha axuda para sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia, equivalente a 12 meses da contía da cota reducida regulada no apartado 1 do artigo 38 ter da Lei 20/2007, de 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, cun importe de 9.600.000 €.
Ambas liñas están cofinanciadas polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
3. Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme ao disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021.
Artigo 25. Persoas beneficiarias e requisitos
1. Serán beneficiarias aquelas persoas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 7 desta orde e que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, entre 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, ambas inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:
1.1. Para a liña 1:
a) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua correspondente, carecendo de ocupación efectiva segundo o disposto artigo 5.1.
b) Ser titular ou cotitular do negocio ou explotación e ter iniciada a actividade laboral con anterioridade á presentación da solicitude da subvención, e non ter ningunha alta inicial anterior como persoa traballadora autónoma nos cinco (5) anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, salvo que dita alta houbera sido como persoa autónoma colaboradora.
c) Atoparse de alta no Imposto de Actividades Económicas.
d) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
e) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude da axuda.
2. Quedan excluídas desta liña as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, os administradores e as persoas autónomas colaboradoras.
1.2. Para a liña 2:
a) Ser persoa autónoma beneficiaria da cota reducida regulada no apartado 1 do artigo 38 ter da Lei 20/2007, de 11 de xullo no momento de presentación da solicitude.
b) Estar inscrita como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoa autónoma ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecendo de ocupación efectiva segundo o disposto no artigo 5.1.
c) Ter iniciada a actividade, segundo a definición do artigo 5.3), con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.
d) Atoparse de alta no Imposto de Actividades Económicas.
e) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
f) Ter o domicilio fiscal en Galicia con anterioridade á solicitude da axuda.
g) No suposto de persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais, cooperativas de traballo asociado e administradores das mesmas, estas deberán ser de nova creación, isto é aquelas que inicien a actividade empresarial desde o 30 de setembro de 2024, segundo a data que figure no Imposto de actividades económicas ou, no seu caso, na data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria.
2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme á Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, a excepción do recollido no punto 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto nas letras f), g) e h) do artigo 28 deste programa.
Artigo 26. Liñas de axuda e contía da subvención
As 2 liñas de axuda establecidas neste capítulo son compatibles entre si, e o seu obxecto é o de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do seu emprego como persoas traballadoras autónomas e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral:
1. Liña 1: axuda para apoiar ás persoas desempregadas no inicio da actividade e no mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral. Establécese unha subvención segundo o método de custes simplificados, para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 25 desta orde, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, coas seguintes contías:
1.1. 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
1.2. 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos no momento de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, que non serán acumulables:
a) Persoas menores de 30 anos.
b) Persoas desempregadas de longa duración.
c) Persoas desempregadas con discapacidade o en situación de dependencia.
d) Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
e) Persoas desempregadas que teñan a condición de emigrante retornada.
f) Persoas desempregadas que teñan a condición de estranxeira.
g) Persoas maiores de 52 anos.
1.3. A contía base correspondente incrementarase nun 15 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable ao apartado g) do punto 1.2 deste artigo).
d) Persoas trans.
e) Profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada, segundo a definición recollida no artigo 5.11) desta orde e cuxa relación figura na Sede electrónica da Xunta de Galicia.
Estes cinco incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 7.000 €.
1.4. Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante; En caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude ou coa que consta no expediente. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo entenderase que solicita pola contía base mínima.
1.5. Para a xustificación dos importes dos incentivos previstos nesta liña establécese un método de custos simplificados consistente nun custo unitario, conforme o disposto no artigo 53.1.b) do Regulamento (UE) nº 2021/1060. Os importes dos citados incentivos establecéronse a través dun método de cálculo xusto, equitativo e verificable conforme o indicado no artigo 53.3.a).i) do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
2. Liña 2: axuda para a sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia das persoas desempregadas que se inician como traballadoras autónomas, equivalente a contía da cota reducida regulada no apartado 1 do artigo 38 ter da Lei 20/2007, de 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, multiplicada por 12, e sempre que se acollan á citada redución. O importe da dita contía, 80 € mensuais, será o determinado polo Real decreto lei 13/2022, do 26 de xullo, polo se establece un novo sistema de cotización para os traballadores autónomos e se mellora a protección por cese de actividade.
2.1. Para a xustificación do importe do incentivo previsto nesta liña establécese un método de custos simplificados consistente nun custo unitario, conforme o disposto no artigo 53.1.b) do Regulamento (UE) nº 2021/1060. O importe do citado incentivo estableceuse a través dun método de cálculo xusto, equitativo e verificable conforme o indicado no artigo 53.3.a).i) do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
Artigo 27. Documentación complementaria para o Programa I
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I.1) a seguinte documentación:
1.1. Para a Liña 1:
a) Alta definitiva no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037); No caso de comunidades de bens ou sociedades sen personalidade xurídica, modelo 036 ou 037 da entidade.
b) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
c) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social, discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia).
d) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.
e) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.
f) No caso de que as persoas solicitante teña a condición de trans, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.
g) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
h) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiros, se é o caso.
1.2. Para a Liña 2:
Ademais da documentación recollida no apartados 1.1.a) 1.1.b) e 1.1.g) anteriores:
a) Acreditación de ser persoa beneficiaria da cota reducida prevista no apartado 1 artigo 38 ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo (boletín de cotización ou calquera outro documento que acredite ser persoa beneficiaria da citada cota reducida).
Artigo 28. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) NIF da entidade representante, de ser o caso
c) Vida laboral dos últimos 5 anos no réxime especial de traballadores autónomos.
d) Alta no imposto de actividades económicas.
e) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego.
f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.
g) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
h) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
i) Certificado de domicilio fiscal en Galicia con anterioridade a data de solicitude da axuda.
j) Condición ser persoa beneficiaria da bonificación ou redución prevista no apartado 1 do artigo 38 ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo.
k) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
l) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
m) Consulta de concesións pola regra de minimis.
n) Consulta do código de conta de cotización.
Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificado de discapacidade ou dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia ou no seu caso, Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade.
b) Consulta de datos de residencia con data de última variación padroal.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. Por tratarse de axudas cofinanciadas polo FSE+ que inclúen algún requisito de mantemento do emprego ou da actividade, a persoa solicitante da axuda autoriza á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e ao Organismo Intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos) para consultar a información (da Administración pública competente) relativa ao cumprimento do mantemento do emprego e da forma xurídica.
No caso de axudas cofinanciadas polo FSE+ que inclúan algún requisito de mantemento do emprego ou da actividade, deberá incorporarse unha autorización do solicitante da axuda en favor do Organismo Intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos) para consultar a información (da Administración pública competente) relativa ao cumprimento do mantemento.
Artigo 29. Forma de pago e xustificación
1. O abono das subvencións reguladas neste programa para as liñas 1 e/ou 2 realizarase polo 100 % do importe da axuda concedida, unha vez comprobados os requisitos esixidos, en concreto, os referidos ás débedas coa Axencia Tributaria do Estado, coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social; O cumprimento do resto dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión; en función desa declaración responsable resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.
2. No prazo máximo de 3 meses desde a recepción da axuda, a persoa beneficiaria deberá xustificar, electronicamente a aplicación desta axuda aos gastos subvencionables, segundo o modelo previsto no anexo II.1, sen prexuízo do establecido no artigo 30 da Lei de subvencións de Galicia .
3. Para a xustificación dos importes das axudas previstas neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente na aplicación de custos unitarios, para cada unha das liñas, conforme ao disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a) i) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021.
Artigo 30. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións previstas neste capítulo, as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Igualmente debe manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
d) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.
e) Manter a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, durante un tempo mínimo de vinte e catro meses de forma ininterrompida as persoas beneficiarias da liña 1, e doce meses as persoas beneficiarias da liña 2, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade:
e.1) Por motivos económicos alleos á vontade do persoa beneficiaria sempre que sexan superiores a contía da axuda percibida e que sexan consecuencia de sentencias xudiciais ou resolucións administrativas, e/ou causados por catástrofes ou acontecementos fortuítos e imprevisibles, tales como incendios, inundacións ou similares, o que deberá acreditar fidedignamente.
e.2) Que o motivo sexa por unhas das seguintes causas: perda de licencia administrativa, violencia de xénero, falecemento, xubilación ou incapacidade permanente, o cal deberá acreditar fidedignamente.
f) As persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante o período de 12 meses a forma xurídica elixida pola que se lles concederon as subvencións, así como o centro de traballo e o domicilio fiscal en Galicia polo mesmo tempo.
g) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021.
h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Organismo Intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos); ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
i) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito Regulamento, nos espazos nos que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración ‘Cofinanciado pola Unión Europea’. Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. que debera manterse durante un mínimo de 24 meses se a axuda concedida se corresponde coa Liña 1 (artigo 24.2.a) e durante un mínimo de 12 meses se a axuda concedida se corresponde coa Liña 2 (artigo 24.2.b).Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nas redes sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.
j) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057.
Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/a dito/a participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior a finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data na que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito Regulamento.
Para estes efectos, facilitarase á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.
k) Segundo o artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno terá a obriga de subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no titulo I da citada Lei. O incumprimento desta obriga determinará, no seu caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.
l) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro
1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.
3. Procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 26 desta orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 30.e), de mantemento da alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade durante un período de vinte e catro (24) meses para as persoas beneficiarias da liña 1, e durante un período de doce meses (12) para as persoas beneficiaras da liña 2.
4. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida para as persoas beneficiarias da liña 1 no suposto de non cumprir a obriga de mantemento da alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, durante un período de vinte e catro (24) meses pero se aproxime de xeito significativo a ela, entendendo como tal a súa alta polo menos dezaoito (18) meses. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos vinte e catro (24) meses.
Igualmente, procederá o reintegro parcial da axuda concedida para as persoas beneficiarias da liña 2 no suposto de non cumprir a obriga de mantemento da alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, durante un período de doce (12) meses pero se aproxime de xeito significativo a ela, entendendo como tal a súa alta polo menos nove (9) meses. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos doce (12) meses.
5. Procederá o reintegro total das axudas concedidas ao abeiro deste programa no suposto de non cumprir co prazo indicado no artigo 30, alínea f), de non manter a forma xurídica durante un período mínimo de doces (12) meses.
6. Procederá o reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 30 alínea b), de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.
7. Procederá o reintegro do 10 % da axuda no caso do incumprimento de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.
8. Procederá o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 30, alínea b), de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.
9. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.
10. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.
11. Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida no caso de incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 30 alínea i).
Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.
12. Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida no caso de incumprimento das obrigas de presentar a documentación establecida no artigo 29.2 (anexo II.1) no prazo de tres meses.
CAPÍTULO III
Programa II. Bono nova oportunidade das persoas
traballadoras autónomas (TR790A)
Artigo 32. Finalidade do programa
A finalidade deste Programa é a concesión de axudas dirixidas ás persoas autónomas que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio como autónomas e son demandantes de emprego no momento previo a nova alta como persoa traballadora autónoma.
Trátase de é facilitar a volta á actividade económica á persoa emprendedora a quen lle foi mal no seu anterior negocio pero ten a experiencia práctica e a iniciativa de volver a emprender, no mesmo ou diferente sector, a través do Bono nova oportunidade para axudar a posta en marcha do novo negocio.
Artigo 33. Persoas beneficiarias e requisitos
1. Serán beneficiarias deste programa as persoas autónomas que teñan sido autónomas con anterioridade, que queren volver a emprender, e cumpran os seguintes requisitos :
a) Ter causado alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 31 de outubro de 2024 ao 30 de setembro de 2025, e atoparse de alta no momento da solicitude.
b) Ter unha alta inicial no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, antes desta nova alta, dentro dos últimos 5 anos desde a data da publicación desta orde.
c) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta, polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional).
d) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo a nova alta, e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral, mantendo a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade correspondente, no momento da tramitación, e durante un tempo mínimo de vinte e catro (24) meses desde a nova alta.
e) Transcorrer un período mínimo de seis (6) meses entre a nova alta como persoa traballadora autónoma no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade correspondente, e a anterior baixa no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade correspondente.
f) Ter o domicilio fiscal en Galicia, con anterioridade a nova alta como persoa traballadora autónoma, e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
g) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.
h) Ter dado a baixa no Imposto de Actividades Económicas da actividade precedente.
2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude e en todo caso con data posterior ao 31 de outubro de 2024.
3. Quedan excluídas das axudas reguladas neste programa as persoas traballadoras autónomas que xa foran beneficiarias con anterioridade desta axuda (TR790A), así como as persoas traballadoras autónomas membros de entidades de economía social e as persoas autónomas administradoras que non acrediten participación na empresa ou negocio. Tamén quedan excluídas as persoas autónomas colaboradoras e os membros das sociedades mercantís e sociedades laborais.
Artigo 34. Contía da subvención
A axuda do bono nova oportunidade será dunha contía única de 7.500 €, dirixida ás persoas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 33, contía que se incrementará en 500 € no caso de que a beneficiaria sexa unha muller.
Artigo 35. Documentación complementaria para o Programa II
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I.2), a seguinte documentación:
a) Documentación que acredite a posta en marcha da actividade: facturas de compra de maquinaria, de alugueiro, de compra de mercadorías ou de calquera outro documento que acredite suficientemente a actividade e a posta en marcha da empresa ou do negocio.
b) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, só no caso que non estea inscrito no Rexistro xeral de apoderamentos de Galicia.
c) Acreditación de baixa no Imposto de Actividades Económicas da actividade precedente (modelo 036 ou 037 da actividade anterior) e certificación censal da nova actividade.
d) No caso de persoas mutualistas no momento da presentación da solicitude, certificado de alta como mutualista.
e) No caso de persoas mutualistas, certificado de baixa como mutualista e certificado do tempo que pasou en situación de mutualista.
f) Contrato ou documento da creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidade sen personalidade xurídica, se fora o caso.
Artigo 36. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante e no seu caso do representante.
b) NIF da entidade solicitante e/ou representante, de ser o caso.
c) Vida laboral das persoas traballadoras autónomas dos últimos 5 anos.
d) Inscrición no Servizo Público de Emprego previamente á nova alta.
e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.
f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
g) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
h) Certificado de domicilio fiscal.
i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
j) Consulta de concesións pola regra de minimis.
k) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
l) Alta no Imposto de actividades económicas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 37. Forma de pago e xustificación
O aboamento das subvencións reguladas neste programa realizarase polo 100 % do importe da axuda concedida, unha vez comprobados os requisitos exixidos, en concreto, os referidos as débedas coa Axencia Tributaria do Estado, coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e a documentación esixida no artigo 35 desta orde; O cumprimento do resto dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento co posterioridade á resolución de concesión; En función desa declaración responsable resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.
Artigo 38. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións previstas neste capítulo:
a) Permanecer de alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional, durante un tempo mínimo de vinte e catro (24) meses desde a súa última alta como persoa traballadora autónoma, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade:
a.1) Por motivos económicos alleos a vontade da persoa beneficiaria, sempre que sexan superiores a contía da axuda percibida e que sexan consecuencia de sentencias xudiciais ou resolucións administrativas, e/ou causados por catástrofes ou acontecementos fortuítos e imprevisibles, tales como incendios, inundacións ou similares, o cal deberá acreditar fidedignamente.
a.2) Que o motivo sexa por unhas das seguintes causas: perda de licencia administrativa, violencia de xénero, falecemento, xubilación ou incapacidade permanente, o cal deberá acreditar fidedignamente.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións.
c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
Ademais, terán a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
g) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. De acordo con esta obriga, as persoas deberán anunciar no seu domicilio social e/ou nos seus centros de traballo que están sendo subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público, de tamaño mínimo A3 que inclúa o nome da entidade, o logotipo da Xunta de Galicia. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre a axuda financeira recibida da Xunta de Galicia.
O rótulo ou o cartel informativo terá que estar exposto durante 12 meses desde a resolución de concesión, no caso de ter establecemento aberto ao público.
Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais que constan na sede electrónica https://sede.xunta.gal/
h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
i) Subministrar á Administración a información requirida no artigo 10 desta orde; o incumprimento desta obriga determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no artigo 4.4. da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Artigo 39. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro
1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente, desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.
3. Procederá o reintegro total no caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria, respecto da obriga establecida no artigo 38, letra a) de manter a actividade empresarial (alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade) durante polo menos vinte e catro (24) meses desde o inicio da actividade
4. Procederá o reintegro parcial no caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria, respecto da obriga establecida no artigo 38 letra a) de manter a actividade empresarial (alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade) durante polo menos vinte e catro (24) meses desde o inicio da actividade, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos 18 meses, e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos; Neste caso procederá o reintegro das subvencións percibidas, de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos 24 meses.
5. Procederá o reintegro total da axuda concedida por non xustificar os requisitos regulados no artigo 33 desta orde.
6. O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do cartel, segundo o previsto no artigo 38.g) suporá un reintegro do 2 % da subvención concedida.
Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.
CAPÍTULO IV
Programa III. Bono autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341Q)
Artigo 40. Distribución orzamentaria
A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas será directamente proporcional ao número de persoas autónomas dadas de alta en cada provincia a 31 de decembro de 2023, de acordo coa seguinte porcentaxe: A Coruña, 40 %; Lugo 15 %; Ourense, 11 % e Pontevedra 34 %.
No caso de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior o número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, procederase a realizar un reparto proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes.
Artigo 41. Finalidade do programa
A finalidade deste Programa é a concesión de axudas dirixidas ás persoas autónomas xa consolidadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para impulsar a mellora da competitividade dos seus negocios mediante investimentos relacionados directamente cos mesmos, segundo o disposto no artigo 43 desta orde.
Artigo 42. Persoas beneficiarias e requisitos
Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste capítulo.
1. As persoas traballadoras autónomas de alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia de Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, que na data da solicitude teñan o domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos computados desde a data da solicitude, na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
b) Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas, declarados na declaración do IRPF anual referida ao ano 2023, inferior a 50.000 euros.
c) Que teñan unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2023.
2. As sociedades de calquera clase, incluídas as unipersonais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
No suposto de persoas autónomas administradoras, terán a consideración de autónomo societario se forman parte da sociedade nunha porcentaxe igual ou superior ao 25 % da súas participacións ou igual ou superior do 33 % do seu capital, o que deberán acreditar fehacientemente mediante certificado do rexistro mercantil, escritura notarial ou calquera outro documento que recolla fidedignamente tanto a dita participación como a súa condición de persoa autónoma societaria con data anterior a presentación da solicitude.
b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído na declaración referida ao ano 2023.
c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2023, inferior a 50.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas este importe de 50.000 euros referirase á suma de todos os rendementos netos reducidos (rendementos da actividade económica da entidade solicitante), declarados no IRPF de cada un dos membros da entidade solicitante (modelo 184).
3. Quedan excluídas do programa regulado neste capítulo:
a) As persoas autónomas colaboradoras e os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
b) As persoas autónomas administradoras, salvo que formen parte da sociedade nunha porcentaxe igual ou superior ao 25 % das súas participacións ou igual ou superior ao 33 % do seu capital, o que deberán acreditar fehacientemente mediante certificado do rexistro mercantil, escritura notarial ou calquera outro documento que recolla fidedignamente tanto a dita participación como a súa condición de persoa autónoma societaria con data anterior a presentación da solicitude.
c) As persoas traballadoras autónomas que foran beneficiarias e percibiran a axuda do bono das persoas autónomas, procedemento TR341Q, nalgunha das cinco últimas convocatorias (2020 a 2024 ambas incluídas).
d) As sociedades que foran beneficiarias e percibiran a axuda do bono das persoas autónomas, procedemento TR341Q, nalgunha das cinco últimas convocatorias (2020-2024 ambas incluídas).
Artigo 43. Liñas de axuda e contía da subvención
1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias deste programa, unha subvención do 60 % de cada unha dos investimentos a subvencionar, cun límite máximo de 7.000 euros totais de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.
2. Esta axuda diríxese á mellora da competitividade, a través dos seguintes tipos de investimentos:
• Compra de maquinaria.
• Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
• Inversións para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
• Compra de utillaxe e ferramentas.
• Reforma do local ou espazo do negocio.
• Equipamento informático.
• Equipamento de oficina e/ou negocio.
• Rótulos.
• Aplicacións informáticas, creación e desenvolvemento de páxinas web, apps e redes sociais.
• Deseño de marca.
En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones. Exclúese a adquisición de bens e servizos que podan ser considerados como mercadoría pola que a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade, e exclúense así mesmo os gastos de xestión de páxinas web, redes sociais e similares, por ter a consideración de gastos corrente.
No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscribibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.
No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.
4. A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de outubro de 2024 e ata a data da solicitude da axuda, efectivamente xustificados, mediante facturas emitidas no período subvencionable e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.
As ditas facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento deben corresponder ao período subvencionable, en concordancia co disposto no artigo 44.
Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Os servizos e os investimentos deben ser contratados con provedores que se adiquen a actividade obxecto da subvención.
Artigo 44. Documentación complementaria para o Programa III
1. As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figuran como anexo I.3 desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:
a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
b) Facturas emitidas no período subvencionable, e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento, onde se identifique de xeito claro as características e o custo do investimento. As facturas que se presenten deberán ser por un importe mínimo de 100 €, IVE excluido.
c) Documentación xustificativa do volume de facturación e base impoñible: Ive, IRPF ou imposto de sociedades e modelo 184, segundo o caso, do exercicio 2023. No caso das persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos será unha declaración responsable da facturación realizada no ano 2023.
d) Documentación xustificativa de que a persoa autónoma societaria identificada no anexo I.3 é socia da entidade que solicita a subvención, de ser o caso.
e) De ser o caso, certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
f) No caso das persoas traballadoras autónomas societarias, declaración responsable de que ningunha outra persoa traballadora autónoma societaria fixo unha solicitude da presente axuda pola mesma sociedade.
g) Relación de investimentos realizados segundo o anexo I.3.
h) No caso de solicitantes aos que se lles aplique o réxime especial de recargo de equivalencia, tributen en réxime de atribución de rendas ou a súa actividade estea exenta da tributación de IVE, certificado de situación censal, modelo 036 ou 037, ou outro documento acreditativo da dita situación.
i) No caso das persoas autónomas administradoras que formen parte da sociedade nunha porcentaxe igual superior ao 25 % das súas participacións, ou igual ou superior ao 33 % do seu capital, certificado do rexistro mercantil, escritura notarial ou calquera outro documento que recolla fidedignamente tanto a dita participación como a súa condición de persoa autónoma societaria con data anterior a presentación da solicitude.
j) No caso de reforma do local, presentarase unha fotografía do local antes da reforma e outra feita despois da reforma.
Artigo 45. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) DNI ou NIE da persoa autónoma pola que se solicita a subvención, no caso de persoas autónomas societarias.
c) Vida laboral da persoa traballadora autónoma solicitante dos últimos 5 anos.
d) Vida laboral da persoa traballadora autónoma pola que se solicita a subvención, no caso de persoas autónomas societarias.
e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
g) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
h) Domicilio fiscal.
i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
j) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
k) Consulta de concesións pola regra de minimis.
l) Certificado de renda (IRPF) da persoa solicitante correspondente ao exercicio 2023.
m) Declaración do IRPF de todos os membros da entidade que solicita a subvención, de ser o caso.
n) NIF da entidade solicitante ou representante, de ser o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro indicado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.
Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude, que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas societarias no que autorizan ou se opoñen a comprobación dos seus datos, segundo o anexo II.3. Este documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, no caso de que algunha das persoas societarias se opoña á comprobación de datos, o solicitante farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que os acrediten.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 46. Forma de pago e xustificación
1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos neste programa.
3. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade a resolución da concesión.
4. A persoa beneficiaria deberá xustificar a aplicación dos fondos mediante a presentación das facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento, onde se identifique de xeito claro as características e o custo do investimento.
Non obstante, a persoa beneficiaria está obrigada a conservar a referida documentación e remitila, si fose requirida para elo, na fase de verificación da axuda ou en calquera control financeiro posterior.
5. Considerarase gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que foi efectivamente pagado entre o 1 de outubro de 2024 e a data de presentación da solicitude. Entenderase que queda por conta da persoa beneficiaria a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada.
6. Se o gasto realizado se acredita mediante facturas, estas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas e pagadas no momento de presentación da solicitude, e en todo caso, ata o 30 de setembro de 2025, data de finalización do prazo para a presentación das solicitudes. As facturas presentaranse en calquera das linguas oficiais de Galicia, ou no se defecto, acompañadas da tradución oficial.
Se o gasto realizado se acredita mediante o pago de cotas ou outros instrumentos financeiros similares, só serán subvencionables as cotas efectivamente pagadas do período que vai desde o 1 de outubro do 2024 ata a data da solicitude da subvención.
7. A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións deste programa deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da subvención. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
8. A xustificación da subvención realízase coa presentación da solicitude, achegando para a dita xustificación a seguinte documentación:
– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas, pago de cotas ou outros instrumentos financeiros similares e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento. As facturas que se presenten deberán ser por un importe mínimo de 100 €, ive excluído.
– No caso de reforma do local, deberase entregarse unha fotografía do local antes da reforma e outra feita despois da reforma.
9. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Artigo 47. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións previstas neste capítulo:
a) Manter a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, durante un tempo mínimo de vinte e catro (24) meses de forma ininterrompida, desde a presentación da solicitude, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade:
a.1) Por motivos económicos alleos a vontade do persoa beneficiaria sempre que sexan superiores a contía da axuda percibida e que sexan consecuencia de sentencias xudiciais ou resolucións administrativas, e/ou causados por catástrofes ou acontecementos fortuítos e imprevisibles, tales como incendios, inundacións ou similares, o que deberá acreditar fidedignamente.
a.2) Que o motivo sexa por unhas das seguintes causas: perda de licencia administrativa, violencia de xénero, falecemento, xubilación ou incapacidade permanente, o cal deberá acreditar fidedignamente.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa ou entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, así como a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
g) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
De acordo con esta obriga, a empresa deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Na Sede electrónica da Xunta de Galicia disporase do modelo de cartel informativo, que terá que estar exposto durante 12 meses desde a resolución de concesión, no caso de ter establecemento aberto ao público.
h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 48. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro
1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.
3. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao non cumprir a obriga establecida no artigo 47 letra a) de manter a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, durante vinte e catro (24) meses dende a presentación da solicitude, pero se aproxime de xeito significativo a ela, entendendo como tal a súa alta polo menos dezaoito (18) meses. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos vinte e catro (24) meses.
4. Procederá o reintegro total respecto da obriga establecida no artigo 47 letra a) de manter a actividade empresarial (alta no RETA, calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade), durante polo menos vinte e catro (24) meses desde a presentación da solicitude.
5. O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do cartel, segundo o previsto no artigo 47.g) suporá un reintegro do 2 % da subvención concedida.
Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.
CAPÍTULO V
Programa IV. Bono remuda para o fomento da remuda xeracional
de negocios (TR353D)
Artigo 49. Finalidade do programa
Este programa ten como finalidade evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente.
Os negocios obxecto de remuda deberán ter o domicilio social e fiscal e o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e estar inscritos na Bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego. Exceptúanse do requisito de inscrición na Bolsa de remuda os negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
A remuda, para ser subvencionable, deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio; Tamén pode estar motivada por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte.
Artigo 50. Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser beneficiarias do Bono Remuda as persoas traballadoras autónomas, as persoas profesionais que estean dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as persoas mutualistas, e as sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, segundo alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
a) O negocio obxecto de remuda debe ter o domicilio social e fiscal e o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e un mínimo de antigüidade de 5 anos.
b) Non teñan transcorrido más de 12 meses entre a publicación desta orde e a baixa no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, e no IAE, da persoa titular do negocio, que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e que se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia do mesmo, salvo que causas de forza maior, imprevisibles e inevitables, imposibiliten que a actividade se poida desenvolver no mesmo local. A estes efectos enténdese por mesma actividade a que coincida polo menos a nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) ou cunha actividade equivalente.
c) O negocio ou actividade obxecto de remuda estea inscrito na Bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia (poderá inscribirse de maneira presencial en calquera dos Polos activos na Comunidade Autónoma de Galicia ou a través da páxina web: https://polosemprendemento.gal/remuda-de-negocios. Exceptúanse deste requisito os negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
d) A transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública, no que necesariamente deberá constar o prezo total e a indicación expresa da remuda como obxecto do devandito contrato; Para os efectos da concesión de axudas abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas no que figure igualmente o prezo total e o obxecto do devandito acordo. O contrato conterá unha descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.
e) No caso de transmisión de persoas autónomas societarias, estas deben posuír, con anterioridade á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, máis do 50 % do porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que se traspasa. Neste caso, detallarase a porcentaxe de accións ou participacións da sociedade que a persoa ou sociedade adquirinte pasa a posuír, que necesariamente debe ser superior ao 50 % para obter a condición de beneficiaria, e sempre que se cumpran o resto de requisitos deste programa.
f) Se realice o cambio de titularidade da licencia de apertura e/ou actividade no concello correspondente, ou de ser o caso, a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, nos casos en que así o requira a lexislación vixente.
g) As persoas que remudan o negocio non poden estar en ningunha situación de xubilación activa cando se produza a remuda.
h) As persoas ou entidades beneficiarias deberán ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións desta axuda.
2. Tamén poden ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que transmitan o negocio e sexan identificadas como tal na solicitude realizada pola persoa remudista, quedando vinculadas ambas persoas para a concesión da subvención.
As persoas que transmitan o negocio deben cumprir algún dos seguintes requisitos:
a) Ter unha idade próxima a xubilación (62 anos ou máis).
b) Foran declaradas en situación de incapacidade total ou absoluta ou grande invalidez recoñecida polos órganos competentes da Seguridade Social.
c) Foran herdeiras da persoa titular do negocio, no caso de falecemento desta.
3. Quedan excluídas do programa regulado neste capítulo:
a) As persoas/entidades que foran beneficiarias e percibiran a axuda do bono remuda, procedemento TR353D na pasada convocatoria (2024).
b) As persoas autónomas que á súa vez sexan autónomas societarias e soliciten para o mesmo negocio as axudas recollidas neste programa, tanto a título individual como a través da sociedade da que forman parte. No caso de realizar máis dunha solicitude, ambas quedarán excluídas.
c) Os traspasos (cesión, venda, alugueiro) de negocios realizados coa persoa cónxuxe ou parella de feito da persoa titular.
d) Os traspasos (cesión, venda, alugueiro) de negocios realizados entre persoas cunha relación de parentesco ata o primeiro grao de consanguinidade cando as persoas ascendentes manteñan a súa alta en vida laboral con actividade no mesmo negocio que se remuda.
Artigo 51. Líneas de axuda e contía da subvención
1. O crédito dispoñible para este programa desagrégase en dúas liñas de axudas:
Liña 1: Bono remuda rural, para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes, dotada con 750.000 €.
Liña 2: Bono remuda xeral, para negocios situados en concellos de 10.000 ou máis habitantes, dotada con 500.000 €.
2. No caso de que existan remanentes nalgunha liña de axudas, logo de atender todas as solicitudes presentadas en cada unha delas, poderán utilizarse os remanentes para atender as solicitudes da outra liña de axudas se fose necesario.
3. O Bono remuda subvenciona o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda, dun negocio ou actividade con domicilio social e fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que previamente estivese inscrito na Bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego. Exceptúase deste requisito os negocios que foran obxecto de remuda antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
3.1. A porcentaxe do prezo do contrato a subvencionar varía segundo a liña de axuda:
– Na liña 1: bono remuda rural subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de remuda.
– Na liña 2: bono remuda xeral subvenciónase un 70 % do prezo do contrato de remuda.
3.2. No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda á remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos, o importe a percibir será o correspondente aos primeiros 18 meses de alugueiro. O importe mensual do alugueiro deberá figurar no contrato de remuda.
3.3. A intensidade da axuda que corresponda en cada caso e en calquera das liñas do apartado 3.1, poderá incrementarse un 5 % máis sobre o total, cando se dea algunha das seguintes circunstancias, acumulables entre si, e só aplicable no caso das persoas físicas:
– Que a persoa que adquire o negocio sexa unha muller.
– Que persoa que adquire o negocio sexa menor de 30 anos na data da solicitude.
– Que a persoa que adquire o negocio teña 52 anos cumpridos na data da solicitude.
– Que a persoa que adquire o negocio sexa desempregada de longa duración.
– Que o negocio que se traspasa teña máis de 5 traballadores.
3.4. Igualmente e no caso da liña 1, Bono remuda rural, a intensidade da axuda que corresponda pode incrementarse un 10 % máis, cando se dea algunha das seguintes circunstancias:
– Que a persoa que adquire o negocio sexa emigrante retornada.
– Que a persoa que adquire o negocio sexa estranxeira.
– Que a persoa que adquire o negocio estea empadroada na mesma localidade na que se atope o negocio ou actividade que se remuda con anterioridade á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
3.5. A contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000 euros, excepto nos casos en que o obxecto da remuda estea constituído por unha licenza de actividade que habilite para o desenvolvemento da mesma, en cuxo caso a contía máxima subvencionable por remuda será de 10.000 euros.
4. Para ser subvencionable o gasto deberá estar realizado e pagado no período comprendido entre o 31 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, salvo nos casos de acceso á remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos.
5. Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Pola súa banda, as persoas traballadoras autónomas previstas no artigo 50.2 que transmitan o negocio, percibirán un importe de 6.000 euros cando o negocio que transmiten se encadre na Liña 1: Bono remuda rural, e de 3.000 euros cando o o negocio que transmiten se encadre na Liña 2: Bono remuda xeral.
Artigo 52. Documentación complementaria para o Programa IV
1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I.4) a seguinte documentación complementaria:
a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada. Quedan excepcionadas de dita representación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.
b) Información da persoa que transmite o negocio (anexo III.4).
c) Plan de negocio segundo o modelo do anexo IV.4, acompañado dun informe de valoración emitido por calquera das asociacións de persoas profesionais autónomas máis representativas de Galicia con as que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración establecera o correspondente acordo de colaboración a tal efecto, ou por calquera dos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Galicia.
d) Cando estea formalizada a transmisión, contrato de remuda elevado a escritura pública, no que figure descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso.
e) No caso de que non estivese formalizada a transmisión mediante contrato de remuda elevado a escritura pública, acordo de transmisión do negocio ou actividade asinado polas dúas partes implicadas, con indicación do prezo total do traspaso e descrición detallada dos elementos que forman parte do traspaso así como que o traspaso ve derivado de remuda xeracional, incapacidade ou falecemento, segundo o caso.
f) Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).
g) Certificado de situación censal do negocio que se traspasa ou calquera outro documento que acredite a antigüidade do negocio.
h) Se for o caso, resolución da incapacidade total ou absoluta, ou gran invalidez, ditada polo órgano competente, no caso de remuda por incapacidade da persoa traballadora transmisora.
i) Se for o caso, documentación xustificativa da herdanza, no caso da transmisión do negocio por parte das persoas herdeiras por falecemento da persoa traballadora autónoma dona do negocio:
j) Se for o caso, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.
k) Se for o caso, certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.
l) Se for o caso, contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica, onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiros.
m) Se for o caso, documento cos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención a aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarias, para agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica.
n) Se for o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación dos períodos de alta na mutualidade, que presupoña ou non, o exercicio de actividade, para as persoas mutualistas.
ñ) No caso de que o negocio que se traspasa teña máis de 5 persoas traballadoras, Informe de vida laboral do código de cotización correspondente ao mes anterior á transmisión do negocio.
o) Documentación xustificativa da axuda sinalada no artigo 54, cando se dispoña dela.
p) Documentos acreditativos das condicións necesarias para que o contrato sexa subvencionable, no caso de que as persoas solicitantes se opuxeran á comprobación dos datos.
Artigo 53. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou entidade interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante, se é o caso.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante, se é o caso.
e) Datos de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante, se é o caso.
f) Inscrición na Bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego .
g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, para os efectos de obter subvencións.
h) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia para os efectos de obter subvencións.
i) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, para os efectos de obter subvencións.
j) Consulta concesións pola regra de minimis.
k) Consulta concesións de subvencións e axudas.
l) Consulta inhabilitación para obter subvencións e axudas.
m) Certificado do domicilio fiscal e centro de traballo en Galicia.
n) Consulta da alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante (IAE).
ñ) Consulta de alta no RETA.
Igualmente, comprobaranse os seguintes datos da persoa que transmite o negocio:
a) DNI ou NIE da persoa que transmite o negocio.
b) Vida laboral dos últimos 12 meses da persoa que transmite o negocio.
c) Informe de vida laboral do código de cotización correspondente ao mes da transmisión do negocio e o seguinte, no caso de que o negocio que se traspasa teña máis de 5 persoas traballadoras.
d) Baixa no IAE (Imposto de Actividades Económicas).
2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 54. Forma de pago e xustificación
1. O prazo para xustificar a axuda por parte das persoas beneficiarias remudistas será de dous (2) meses a contar desde o día seguinte a recepción da notificación da resolución de concesión e como data límite o 30 de outubro de 2025.
Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pago dos gastos xustificativos das subvenciones deste programa deberán terse realizado como data límite o 30 de setembro de 2025.
Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen tela presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido no parágrafo anterior comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.
Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.
2. A documentación xustificativa da axuda deberá presentarse por parte das persoas beneficiarias remudistas, xunto coa solicitude de pagamento segundo o modelo do anexo II.4, acompañada os seguintes documentos:
a) Escritura do contrato de remuda debidamente formalizado onde conste o prezo total do contrato e figure no concepto o de remuda de negocio ou actividade.
b) Comunicación do cambio de titularidade da licencia de apertura e/ou actividade no concello correspondente, ou de ser o caso, comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento.
c) Recibo de transferencia bancaria onde conste o importe do prezo do contrato, a persoa emisora e o receptora, que deben corresponderse coa persoa que adquire o negocio e coa que traspasa. No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda a remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos, recibos de transferencia bancaria onde conste o pagamento do importe do alugueiro dos meses que corresponda.
d) Informe de vida laboral do código de cotización correspondente ao mes da transmisión do negocio e do mes seguinte, no caso de que o negocio que se traspasa teña máis de 5 persoas traballadoras.
e) Alta no rexistro mercantil, de ser o caso.
Non será preciso achegar a documentación sinalada neste apartado 2 cando xa se presentara coa solicitude da axuda.
4. Só se admitirán os documentos bancarios nos que consten o número de conta e a titularidade das persoas receptoras e emisoras dos pagamentos, e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet ou pagamentos con tarxeta. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura ou contrato de remuda. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberase presentar unha desagregación onde se poidan identificar os pagamentos en cuestión.
Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
5. O pagamento da subvención será único e efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía concedida, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.
6. O pagamento realizarase, tanto para as persoas beneficiarias remudistas como para as persoas beneficiarias que transmiten o negocio, unha vez comprobada a documentación xustificativa da axuda e comprobado que as persoas beneficiarias non ten débedas coa Seguridade Social, a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.
7. No caso das persoas remudistas, cando a cantidade xustificada sexa inferior á concedida, declararase a perda do dereito ao cobro polo importe das contías non xustificadas.
Artigo 55. Obrigas das persoas beneficiarias
1. Son obrigas das persoas remudistas e entidades beneficiarias das subvencións previstas neste capítulo:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
b) Manter a alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou na mutualidade de Previsión social do colexio profesional que corresponda, ou no Rexistro Mercantil, durante os trinta e seis (36) meses desde a data da escritura do contrato de remuda.
c) Manter alta no Imposto sobre Actividades Económicas da localidade onde vaia a desenvolver a actividade económica durante os trinta e seis (36) meses desde a data da escritura do contrato de remuda.
Durante un mínimo de doce meses (12) desde á data da escritura do contrato de remuda, deberá manter a mesma actividade económica para a que se lle concedeu a axuda e, no caso de que con posterioridade se producise unha modificación da actividade, deberá comunicalo ao órgano concedente.
No caso de que se adquira unha sociedade con varias sedes, o mantemento dos requisitos recollidos neste apartado afectará a todas as sedes que a sociedade teña na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) No caso de que a persoa beneficiara da axuda acceda á remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos, a obrigatoriedade de permanecer de alta no IAE da localidade onde vaia a desenvolver a actividade económica será tamén de trinta e seis (36) meses dende a data da escritura do contrato de remuda, e deberá manter igualmente durante ese tempo a mesma actividade económica.
e) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa ou entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
Agás aquelas persoas ou entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as persoas ou entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.
h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). De acordo con esta obriga, as persoas deberán anunciar no seu domicilio social e/ou nos seus centros de traballo que están sendo subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público, de tamaño mínimo A3 que inclúa o nome da entidade, o logotipo da Xunta de Galicia e o do Ministerio de Traballo e Economía Social e o SEPE. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre a axuda financeira recibida da Xunta de Galicia.
O rótulo ou de cartel informativo terá que estar exposto durante 12 meses desde a resolución de concesión, no caso de ter establecemento aberto ao público.
Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais que constan na sede electrónica https://sede.xunta.gal/.
i) Cumprir as obrigas de transparencia previstas no artigo 11 quedando suxeitas as persoas beneficiarias ás consecuencias do incumprimento das ditas obrigas, de conformidade co establecido no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos no artigo 56.
k) Notificar a totalidade das axudas obtidas, dentro do réxime de minimis no que se encadra este programa, debendo sinalar ademais cales destas foron obtidas para a mesma finalidade.
l) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
m) No caso de que o negocio que se traspasa teña persoas traballadoras contratadas por conta allea, cumprir coas obrigas de subrogación destas persoas que se derivan do contrato de remuda.
n) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A persoa ou entidade beneficiaria quedaría eximida das obrigas das letras b), c) e d) do apartado 1 deste artigo no caso de cesamento da actividade por causas sobrevidas alleas á súa vontade:
2.1. Por motivos económicos alleos á vontade da persoa beneficiaria sempre que sexan superiores á contía da axuda percibida e que sexan consecuencia de sentencias xudiciais ou resolucións administrativas, e/ou causados por catástrofes ou acontecementos fortuítos e imprevisibles, tales como incendios, inundacións ou similares, o que deberá acreditar fidedignamente.
2.2. Que o motivo sexa por unhas das seguintes causas: perda de licencia administrativa, violencia de xénero, falecemento, xubilación ou incapacidade permanente, o cal deberá acreditar fidedignamente.
Artigo 56. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro
1. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.
2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.
3. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
4. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impidan: reintegro do 100 % da subvención concedida.
b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á persoa beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.
c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 55.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, ou de conservación de documentos, previstas na letra d) do artigo 55, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.
d) O incumprimento da finalidade de manter a mesma actividade económica para a que se lle concedeu a axuda: reintegro do 50 % da subvención concedida.
e) O incumprimento da obriga en materia de publicidade previsto no artigo 55.h) reintegro do 2 % da subvención concedida.
Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir á persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a quince (15) días hábiles, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.
f) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa subvención prevista nese programa: reintegro do 100 % da subvención concedida.
g) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.
h) O incumprimento das obrigas sinaladas nas letras b), c) e d) do artigo 55: reintegro da parte proporcional da axuda.
i) O incumprimento de subrogación das persoas traballadoras sinalado na letra m) do artigo 55, de ser o caso, poderá dar lugar ao reintegro total da axuda.
CAPÍTULO VI
Programa V. Axudas á conciliación das persoas
traballadoras autónomas (TR341R)
Artigo 57. Finalidade do programa
1. A finalidade deste programa é apoiar a conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante:
– O Bono Autónomo Concilia I (contratación dunha persoa traballadora para apoio no negocio durante o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento).
Axudas dirixidas á contratación no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2024 a 30 de setembro de 2025, dunha persoa traballadora para a substitución da persoa autónoma no seu negocio nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento;
Tamén se apoia a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo e/ou a lactancia.
Igualmente, se incentivan os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada para substitución, unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.
– O Bono Autónomo Concilia II (contratación dunha persoa traballadora para apoio no coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia).
Axudas dirixidas á contratación indefinida, no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2024 a 30 de setembro de 2025, dunha persoa traballadora para apoiar á persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas.
– O Bono Autónomo Concilia III (apoio nos custos dos centros e/ou servizos para o coidado de menores e maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia).
Axudas para apoiar os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) a cargo da persoa autónoma, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2024 a 30 de setembro de 2025.
Artigo 58. Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, así como as persoas mutualistas; Asemade poden ser beneficiarias as persoas membros das sociedades mercantís, laborais e civís, e comunidades de bens, a título individual sempre e cando cumpran os seguintes requisitos no momento da solicitude:
a) Ter o seu domicilio fiscal na comunidade autónoma de Galicia.
b) Desenvolveren a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, segundo alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037.
c) Cumprir os requisitos esixidos neste programa e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades cooperativas e as persoas autónomas colaboradoras, así como as persoas traballadoras autónomas administradoras que non teñan parte na sociedade.
2. Para ter dereito á axuda a persoa traballadora autónoma ten que cumprir os seguintes requisitos:
a) Bono Autónomo Concilia I:
Para ser beneficiaria desta axuda a persoa solicitante ten ou tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade, ou situacións asimiladas. O contrato a realizar será de substitución, ou contrato indefinido, segundo o caso.
A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada segundo a definición recollida no artigo 5 desta orde, e debe realizarse dentro do período subvencionable (1 de outubro de 2024 a 30 de setembro de 2025).
O contrato formalizarse por escrito, en modelo oficial, e as tarefas a realizar pola persoa substituta debe ser as mesmas que as da persoa traballadora autónoma substituída.
b) Bono Autónomo Concilia II:
Para ser beneficiaria desta axuda o solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade coa persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia. No caso de non existir a relación de parentesco prevista no parágrafo anterior deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade ( grao igual ou superior ao 33 % ), e/ou dependente, como mínimo nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos non será necesario acreditar a convivencia previa. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada segundo a definición recollida no artigo 5 desta orde.
c) Bono Autónomo Concilia III:
Para ser beneficiaria desta axuda a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia. No caso de non existir a relación de parentesco prevista no parágrafo anterior deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade (grao igual ou superior ao 33 % ), e/ou dependente, como mínimo nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos non será necesario acreditar a convivencia previa.
3. Exclúense dos beneficios deste Programa (TR341R) os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Igualmente exclúense desta axuda os contratos realizados coa mesma persoa en calquera dos mesmos e/ou diferentes bonos concilia previstos neste Programa.
Non será aplicable a exclusión sinalada no parágrafo anterior nos seguintes casos do Bono Concilia I:
a) Cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e ás fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con ela.
b) Cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate a un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
c) Tampouco será aplicable esta exclusión pola contratación de fillos maiores de 30 anos con especiais dificultades para a súa inserción laboral e que teñan unha discapacidade recoñecida nos termos da disposición adicional 10ª da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.
4. Tamén se exclúen deste programa os contratos realizados cunha persoa traballadora que teña prestado servizos nos últimos tres anos para a persoa empregadora, salvo nos casos de contratos indefinidos realizados coa persoa substituta nas baixas de maternidade ou paternidade, e igualmente se exclúen as persoas ou entidades que obtiveran con anterioridade axudas dos programas de conciliación TR341R para a mesma persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia, excepto no caso do programa Concilia III.
Artigo 59. Liñas de axuda e contía da subvención
1. Bono autónomo Concilia I:
a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma para a substitución nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, e pola duración do mesmo. Tamén será subvencionable a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo ou a lactancia, e pola duración da dita baixa, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos neste programa.
a.1) No caso de autónomas embarazadas ou persoas autónomas en proceso de adopción, o contrato de substitución será subvencionable ata dous meses antes do inicio do seu período de descanso, co fin de posibilitar a transferencia do coñecemento necesario á persoa contratada que posibilite o mantemento da actividade durante a correspondente baixa.
a.2) Igualmente se incentivan os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada por substitución, unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.
b) Serán subvencionables as contratacións que cumprindo cos requisitos enumerados nos parágrafos anteriores se inicien entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.
c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 1.100 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, e polo período de duración da baixa de maternidade ou paternidade, salvo nos casos previstos no apartado a.1) anterior, no que se terán en conta tamén os 2 meses previos de contrato.
Nos supostos de risco durante o embarazo o período máximo que se terá en conta para a axuda será de oito meses de contratación, sendo polo tanto o importe máximo que se pode percibir de 8.800 €.
No caso de transformación do contrato de substitución en contrato indefinido (apartado a.2) unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, o importe da subvención será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables entre si:
a) Mulleres.
b) Persoas menor de 30 anos.
c) Persoas desempregadas de longa duración no momento do contrato de substitución.
d) Persoas maiores de 52 anos.
e) Persoas con discapacidade.
f) Persoas en situación ou risco de exclusión social.
g) Persoas emigrantes retornadas.
h) Persoas estranxeiras.
d) As contías previstas no apartado anterior reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial de polo menos o 50 %, ou nos períodos en que a substitución sexa inferior a un mes.
2. Bono autónomo Concilia II:
a) Será subvencionable a contratación indefinida realizada por unha persoa traballadora autónoma para o coidado de menores e/ou maiores, e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos neste programa.
b) Serán subvencionables as contratacións que cumprindo cos requisitos enumerados no paragrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.
c) O importe da subvención para compensar dita contratación será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
a) Mulleres.
b) Persoas menor de 30 anos.
c) Persoas desempregadas de longa duración.
d) Persoas maiores de 52 anos.
e) Persoas con discapacidade.
f) Persoas en situación ou risco de exclusión social.
g) Persoas emigrantes retornadas.
h) Persoas estranxeiras.
d) As contías previstas no apartado anterior reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial, de polo menos o 50 %.
3. Bono autónomo Concilia III:
a) Será subvencionable, o 75 % dos custos do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, ata un máximo de 3.000 €. Os custos deberán ser corresponder a gastos incluídos no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2024 a 30 de setembro de 2025, e os centros e servizos deben estar ubicados na Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso de menores serán subvencionables os servizos de coidado que xurdan en períodos de vacacións escolares, cando os centros educativos están pechados polas ditas vacacións, segundo o calendario escolar oficial; Estes servizos comprenden a asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos, especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, para a atención de menores nos períodos de vacacións escolares; tamén serán subvencionables os mesmos servizos de coidado de menores que xurdan fora do horario escolar, durante o período lectivo do centro onde está escolarizado o/a menor, que deberá acreditarse mediante a presentación do horario oficial do colexio.
Inclúense os gastos de comedor, sempre e cando aparezan desglosados como tales e o seu importe quede reflectido na correspondente factura.
b) Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso de IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Os servizos deben ser contratados con provedores que se dediquen á actividade obxecto da subvención.
4. Os tres tipos de axudas reguladas neste capítulo: Bono Autónomo Concilia I, Bono Autónomo Concilia II e Bono Autónomo Concilia III serán compatibles entre si.
Artigo 60. Documentación complementaria para o Programa V
As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figura no anexo I.5 (solicitude) desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:
a) Documentación xeral.
– No suposto de actuar mediante representante, poder suficiente de actuar en nome da persoa solicitante.
b) Documentación específica bono autónomo concilia I (contrato substitución).
– Resolución da Seguridade Social na que indique o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.
– Informe de vida laboral do Código Conta de Cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora que se contrata e pola que se solicita subvención, ou ben o Informe de vida laboral do Código Conta de Cotización correspondente ao mes en que se realiza a transformación en indefinido do contrato da persoa contratada por substitución, segundo o caso.
c) Documentación específica bono autónomo concilia II
– Informe de vida laboral do Código Conta de Cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora que se contrata e pola que se solicita subvención.
– Contrato de traballo.
– No caso de coidado de menores, acreditación do parentesco directo, co libro de familia ou certificado do Rexistro Civil, ou se é o caso resolución de acollemento.
– No caso de coidado de maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia, acreditación da relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.
– Certificado de discapacidade ou dependencia da persoa pola que se solicita a axuda non recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia, se for o caso.
d) Documentación especifica bono autónomo concilia III.
– Documento acreditativo do custo da mensualidade do centro ou do servizo correspondente.
– No caso de coidado de menores, documento acreditativo do horario oficial do centro no que estea escolarizada a persoa menor pola que se solicita a axuda á conciliación.
– No caso de coidado de menores, acreditación do parentesco directo, co libro de familia ou certificado do Rexistro Civil, ou se é o caso resolución de acollemento.
– No caso de menores acollidos, acreditación do parentesco directo ou certificado de convivencia.
– No caso de coidado de maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia, acreditación do relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.
– Certificado de discapacidade ou dependencia da persoa pola que se solicita a axuda non recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia, se fora o caso.
Artigo 61. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante e no seu caso do representante.
b) DNI ou NIE da persoa traballadora que se contrata.
c) Vida laboral da persoa solicitante traballadora autónoma dos últimos doce meses.
d) Consulta da vida laboral da persoa traballadora contratada dos últimos cinco anos.
e) Presentación do contrato subvencionado da persoa traballadora contratada no Servizo Público de Emprego.
f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
g) Consulta de subvencións e axudas.
h) Consulta da concesión pola regra de minimis.
i) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.
j) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
k) Certificación de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
l) Consulta de código conta de cotización.
m) Certificado de domicilio fiscal.
n) Informe de períodos de inscrición no Servicio Público de Emprego da persoa traballadora contratada.
2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
– Datos de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante, no seu caso.
– Datos de residencia con data da última variación padroal, no caso de maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia que convivan coa persoa solicitante.
– Certificado de discapacidade ou grao de dependencia da persoa pola que se solicita a axuda.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude, que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, no que autorizan ou se opoñen a comprobación dos seus datos, segundo o anexo III.5. Este documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 62. Forma de pago e xustificación
1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos, e no modo establecidos na resolución ou, se é o caso ata o 15 de outubro de 2025.
2. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos xustificativos das subvencións deste programa deberán terse realizado antes do 1 de outubro de 2025.
As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas, en todo caso, ata o 30 de setembro de 2025.
A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións deste programa deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento.
Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
3. Documentación xustificativa para a subvención:
a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas baixo o réxime minimis, ou de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo II.5).
b) No caso do Bono Concilia I e/ou do Bono Concilia II, última nómina da persoa traballadora contratada obxecto da subvención.
c) No caso do Bono Concilia III, documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento, onde conste expresamente a identificación con nome, apelidos e DNI/NIE da persoa beneficiara da axuda. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.
5. A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función da xustificación presentada e de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.
A persoa beneficiaria está obrigada a conservar toda a documentación e presentala de ser requirida para iso en calquera control financeiro posterior.
Artigo 63. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións previstas neste capítulo.
a) Obriga de mantemento do emprego: manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada indefinida durante un período mínimo de tres anos, excepto no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora, caso no que a persoa beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla, no prazo máximo de 15 días polo tempo que reste para cumprir a obriga de mantemento do emprego, por outra persoa que cumpra os requisitos establecidos neste programa ou, polo contrario, optar por devolver voluntariamente a axuda.
No caso de optar por unha nova contratación, esta debe serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda xunto cun novo anexo III.5 referido a nova contratación, e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención. A suma do tempo de contrato da persoa traballadora inicial e da substituída debe ser, como mínimo, igual ao tempo polo que se concedeu a subvención.
b) No caso do Bono Concilia III xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións así como a realización do servizo, e acreditar con facturas e transferencias bancarias os gastos realizados.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
g) Manter no seu poder o anexo III.5 de comprobación de datos de terceiras persoas. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo deberá informar ás persoas cuxos contratos laborais se subvencionan ao abeiro neste programa dos seguintes aspectos:
– Da comunicación dos datos á administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.
– Da posibilidade de que a administración realice as consultas precisas para comprobar entre outros extremos, a súa veracidade.
– Do dereito de oposición que lles asiste a que a administración trate os seu datos, suposto no que deberá comunicar a súa oposición á administración aos efectos oportunos
h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e colocar un cartel nun lugar visible do lugar do traballo segundo o modelo que consta na Sede electrónica da Xunta de Galicia.
O rótulo ou o cartel informativo terá que estar exposto durante 12 meses desde a resolución de concesión, no caso de ter establecemento aberto ao público.
i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
j) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das subvencións.
Artigo 64. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro
1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas neste programa, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
2. Así mesmo, procederá o reintegro da totalidade da axuda no caso de que a contratación indefinida realizada teña unha duración inferior a trinta e seis (36) meses, segundo o disposto no artigo 63.a).
3. Quedan excepcionados do reintegro previsto no apartado anterior os contratos indefinidos incentivados cando se rescindan por causas de falecemento da persoa pola que se solicitou a axuda; Neses casos o reintegro será proporcional ao tempo que reste para cumprir a obriga de mantemento da contratación.
4. Procederá o reintegro parcial da axuda no caso de que se reduza a xornada inicial pola que se lle concedeu a axuda, pola diferencia entre a concedida e a que lle correspondería coa xornada máis baixa.
5. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:
a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.
b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.
c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.
d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
e) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do cartel, segundo o previsto no artigo 63.h) suporá un reintegro do 2 % da subvención concedida.
Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.
Disposición adicional primeira. Seguimento
Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento deste programa.
Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean a disposición da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.
Disposición adicional segunda. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos.
Igualmente apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais e nas persoas responsables das correspondentes Departamentos territoriais desta Consellería para resolver respectivamente, a concesión ou denegación das subvencións previstas nos programas recollidos nos capítulos III, V e VI desta orde e nos capítulos II e IV desta orde, para autorizar, dispor, recoñecer as obrigas e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Disposición adicional terceira. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de Subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Facúltase á persoa titular da Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
