DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Luns, 20 de xaneiro de 2025 Páx. 5424

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se procede á convocatoria do Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra para o ano 2025 (código de procedemento VI408Q).

BDNS (Identif.): 809326.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións:

a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

b) As agrupacións de persoas propietarias.

c) As persoas físicas propietarias o usufrutuarias de edificios ou vivendas.

Será requisito necesario para poder solicitar a axuda estar en posesión da cualificación definitiva.

Segundo. Obxecto

1. Estas subvencións están dirixidas a financiar as actuacións de rehabilitación ou renovación nas áreas de rehabilitación integral (en diante, ARI) dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra (código de procedemento VI408Q).

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no punto un do ordinal quinto da Resolución do 23 de outubro de 2023, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas na Resolución do 23 de outubro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 22 de marzo de 2022 pola que se acorda ampliar ata o 30 de xuño de 2025 o prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das ARI dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan de vivenda 2018-2021 (códigos de procedemento VI408F, VI408G, VI408L e VI408M), e pola que se regula o procedemento para participar no programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas ARI dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás citadas ARI e se procede a súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento VI408O, VI408P e VI408Q), publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) do 30 de outubro de 2023.

2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución será de aplicación a seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puideran resultar aplicables.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, por un importe total de 1.000.000,00 euros, coa seguinte distribución por ARI:

ARI Camiños de Santiago

800.000,00 €

ARI Ribeira Sacra

200.000,00 €

Total

1.000.000,00 €

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. No suposto de existir remanente nalgunha das ARI, poderase utilizar para financiar solicitudes da outra ARI, de acordo co previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 27 de xaneiro de 2025 e rematará o 27 de febreiro de 2025, e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. As solicitudes presentadas fóra do prazo anterior serán inadmitidas.

Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo