A área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago foi declarada o 17 de decembro de 2010, no seo da Comisión Bilateral de Seguimento do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, e ampliada o 12 de abril de 2019, mediante acordo da Comisión Bilateral de Seguimento do Plan de vivenda 2018-2021, co obxecto de incluír no seu ámbito de aplicación dous novos camiños: o Camiño de Inverno e o Camiño Portugués pola Costa. Coa inclusión destes dous novos camiños, o ámbito de actuación desta área afecta 662 parroquias de 126 concellos dentro das catro provincias galegas.
Pola súa parte, a área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra foi declarada mediante Resolución da presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo do 21 de febreiro de 2020.
De conformidade co previsto no artigo 53 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, as áreas de rehabilitación integral citadas xestiónaas directamente o Instituto Galego da Vivenda e Solo, polo que corresponde ao dito organismo regular especificamente a participación das persoas e entidades interesadas no ámbito destas áreas e, así mesmo, ditar unhas bases reguladoras para a concesión das correspondentes axudas.
O 2 de xullo de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 20 de xuño de 2019 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018-2021 e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas (códigos de procedemento VI408F e VI408G).
Pola súa parte, o 2 de xullo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 22 de xuño de 2020 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018-2021 e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra (códigos de procedemento VI408L, VI408M e VI408N).
No Diario Oficial de Galicia do 29 de marzo de 2022 publicouse a Resolución do 22 de marzo de 2022 pola que se acorda ampliar ata o 30 de xuño de 2025 o prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan de vivenda 2018-2021 (códigos de procedemento VI408F, VI408G, VI408L e VI408M).
O 30 de outubro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 23 de outubro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 22 de marzo de 2022 pola que se acorda ampliar ata o 30 de xuño de 2025 o prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan de vivenda 2018-2021 (códigos de procedemento VI408F, VI408G, VI408L e VI408M), e pola que se regula o procedemento para participar no programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás citadas áreas de rehabilitación integral e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento VI408O, VI408P e VI408Q).
Exclúense desta convocatoria os ámbitos da área de rehabilitación integral do Parque Nacional das Illas Atlánticas por non existir na data da presente resolución solicitudes de cualificación provisional.
A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2025 habilítanse créditos para o financiamento destas axudas.
De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2025 o Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral (en diante, ARI) dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra (código de procedemento VI408Q).
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no punto un do ordinal quinto da Resolución do 23 de outubro de 2023, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Bases reguladoras
1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas na Resolución do 23 de outubro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 22 de marzo de 2022 pola que se acorda ampliar ata o 30 de xuño de 2025 o prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das ARI dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan de vivenda 2018-2021 (códigos de procedemento VI408F, VI408G, VI408L e VI408M), e pola que se regula o procedemento para participar no programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas ARI dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás citadas ARI e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento VI408O, VI408P e VI408Q), publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) do 30 de outubro de 2023.
2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución será de aplicación a seguinte normativa:
a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
En defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables.
Terceiro. Definicións
Ao abeiro do establecido no punto un do ordinal terceiro da Resolución do 23 de outubro de 2023, para os efectos da aplicación deste programa, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:
a) Unidade de convivencia: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas.
b) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.
c) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.
Para os efectos desta axuda, tomarase en consideración o valor do IPREM de 2024.
d) Edificio de tipoloxía residencial colectiva: edificio composto por máis dunha vivenda, cuxo uso predominante sexa o residencial e onde cada vivenda conta coa correspondente referencia catastral.
e) Vivenda unifamiliar: vivenda situada nun edificio independente, cuxo uso predominante sexa o residencial e no cal non existe ningunha outra vivenda, e que conte coa correspondente referencia catastral. As vivendas unifamiliares poden ser illadas ou agrupadas en fila.
f) Residencia habitual e permanente dunha unidade de convivencia: domicilio no cal constan empadroadas as persoas integrantes da correspondente unidade.
g) Cualificación provisional: resolución administrativa que contén a identificación da persoa ou entidade solicitante, o tipo de actuación que se vai executar, o seu prazo de execución, o orzamento máximo subvencionable e, de ser o caso, o número de vivendas e locais que comprenda a actuación, así como a relación das persoas propietarias partícipes nas obras.
h) Cualificación definitiva: resolución administrativa que constata a realización das actuacións e na cal se expresa o tipo de actuación realizada, o importe do orzamento subvencionable, así como o gasto efectivamente xustificado.
Cuarto. Crédito orzamentario
1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.3, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe total de 1.000.000,00 euros, coa seguinte distribución por ARI:
|
ARI Camiños de Santiago |
800.000,00 € |
|
ARI Ribeira Sacra |
200.000,00 € |
|
Total |
1.000.000,00 € |
2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.
3. No suposto de existir remanente nalgunha das ARI, poderase utilizar para financiar solicitudes da outra ARI, de acordo co previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Quinto. Persoas e entidades beneficiarias
1. De conformidade co punto dous do ordinal quinto da citada Resolución do 23 de outubro de 2023, poderán ser beneficiarias destas subvencións:
a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
b) As agrupacións de persoas propietarias.
c) As persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de edificios ou vivendas.
2. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou, no suposto das persoas estranxeiras, ter a residencia legal en España.
3. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. No caso de que a solicitante sexa unha comunidade ou agrupación de comunidades de propietarios/as ou agrupación de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos números anteriores deberán cumprilos todos os seus membros.
5. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo asumido por cada unha delas. As persoas beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que tanto o importe dela como o custo das obras deba repercutirse nas persoas propietarias e, de ser o caso, nos locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.
Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias incorra nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á dita propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se rateará entre as restantes persoas membros da comunidade ou agrupación.
6. As agrupacións de persoas propietarias non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de catro anos, contados desde que venceu o prazo para presentar a xustificación da subvención por parte da entidade beneficiaria.
7. Será requisito necesario para poder solicitar a axuda estar en posesión da cualificación definitiva.
Sexto. Actuacións subvencionables
Serán subvencionables con cargo a esta convocatoria as actuacións previstas no punto dous do ordinal cuarto da Resolución do 23 de outubro de 2023:
1. As actuacións de rehabilitación que teñan o seguinte obxecto:
a) Actuacións destinadas a garantir a seguridade:
1º. As actuacións necesarias de reforzo, reparación ou consolidación da estrutura portante do edificio para garantir as condicións de seguridade necesarias e para evitar deformacións na estrutura que produzan danos noutros elementos da edificación.
2º. As actuacións necesarias para eliminar, reparar ou substituír aqueles elementos construtivos que, polo seu estado de conservación ou polas súas características, poidan supor un risco para os usuarios do edificio ou producir danos nos edificios ou espazos contiguos.
3º. As actuacións necesarias para garantir a protección dos edificios fronte ao lume e garantir a seguridade en caso de incendio. Inclúense nesta epígrafe as actuacións dirixidas a evitar a propagación do lume en caso de incendio, instalar ou reparar os sistemas de protección contra incendios, illar a estrutura do edificio para garantir a súa resistencia en caso de incendio, así como as actuacións necesarias para facilitar a evacuación do edificio en caso de incendio.
4º. A execución das obras precisas para garantir a utilización do edificio en condicións de seguridade, eliminando o risco de caídas, de danos por impacto, atrapamento ou aprisonamento.
5º. A protección do edificio fronte á acción do raio.
b) Actuacións destinadas a garantir a protección fronte a auga e a humidade:
1º. As actuacións sobre as fachadas, carpintaría exterior e cubertas das edificacións que teñan por obxecto protexer o edificio fronte a auga de chuvia.
2º. As actuacións que teñan por obxecto protexer o edificio fronte á auga proveniente do terreo.
3º. As actuacións que teñan por obxecto evitar a condensación da auga nos paramentos ou elementos construtivos da vivenda mediante a eliminación de pontes térmicas, o establecemento de elementos ou sistemas de ventilación, o incremento do illamento térmico, a colocación de barreiras fronte ao vapor de auga, etc.
c) As actuacións destinadas a garantir as condicións de salubridade da vivenda:
1º. O establecemento de sistemas de ventilación, activa ou pasiva, que garantan a calidade do aire exterior.
2º. A execución de medidas para evitar a entrada no edificio do gas radon ou adopción de medidas para garantir a súa eliminación do interior das vivendas.
3º. As actuacións de reparación ou dotación das instalacións axeitadas para a subministración de auga.
4º. As actuacións de reparación ou dotación das instalacións axeitadas para a evacuación de augas residuais.
d) As actuacións destinadas a adecuar, total ou parcialmente, á normativa vixente as instalacións dos edificios e vivendas. Estas actuacións inclúen as de reparación, actualización, mellora ou substitución das instalacións indicadas a continuación, co fin de garantir as súas adecuadas prestacións ou adaptalas, total ou parcialmente, á normativa específica de aplicación:
1º. As instalacións de abastecemento de auga.
2º. As instalacións de evacuación de augas residuais.
3º. As instalacións de electricidade.
4º. As instalacións de infraestruturas comúns de telecomunicacións.
5º. As instalacións de auga quente sanitaria.
6º. As instalacións térmicas dos edificios.
7º. As instalacións de subministración e almacenamento de combustibles.
e) As actuacións destinadas a mellorar a protección fronte ao ruído (cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do Código técnico da edificación DB-HR).
Estas actuacións incluirán as intervencións necesarias sobre os elementos construtivos (na envolvente do edificio e nos elementos de separación entre usuarios), encamiñados á mellora do illamento a ruído aéreo e ruído de impacto.
f) As actuacións destinadas a garantir que as edificacións cumpran as condicións de ornato público, adecuación ao contorno e de protección do patrimonio cultural ou paisaxístico:
1º. As obras destinadas á reparación ou adecuación das edificacións para garantir o ornato público exixible.
2º. O remate de fachadas con materiais axeitados ao contorno, cando aquelas teñan á vista elementos concibidos para ser revestidos.
3º. A eliminación e substitución de materiais, elementos ou sistemas construtivos das edificacións que non resulten congruentes co seu contorno.
4º. As obras de reparación, rehabilitación e/ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións mediante o emprego de materiais que polas súas características e cores, resulten acordes cos das edificacións tradicionais do contorno e coa paisaxe en que estean localizados.
5º. En xeral, todas aquelas destinadas a garantir a harmonización das edificacións coas edificacións tradicionais ou históricas do seu contorno e co medio natural onde estean localizadas.
6º. As actuacións que teñan por obxecto adecuar os edificios ás exixencias derivadas da normativa sobre protección do patrimonio cultural ou paisaxístico.
g) Obras para mellorar as condicións de accesibilidade aos edificios e os accesos ás vivendas e locais:
1º. A instalación ou substitución de ascensores e salvaescaleiras.
2º. A eliminación das barreiras arquitectónicas que poidan supor un atranco para a súa utilización.
3º. A execución de obras ou instalacións, así como a súa adecuación para a utilización por persoas con limitacións sensoriais ou motrices.
4º. A instalación de mobiliario de cociña adaptado.
5º. A execución de baños e aseos ou a adaptación destes ou dos seus elementos.
6º. A adecuación dos espazos da vivenda co obxecto de permitir ou facilitar a súa correcta utilización.
7º. A adición e acondicionamento á vivenda de espazos que tivesen un uso distinto ao de vivenda cando aquela non reunise os requisitos de accesibilidade precisos.
2. As actuacións de renovación que teñan por obxecto a construción de edificios de vivendas ou vivendas de nova construción, en substitución de edificios ou vivendas previamente demolidos.
Sétimo. Requisitos das actuacións
1. De acordo co disposto no punto tres do ordinal cuarto da Resolución do 23 de outubro de 2023, serán subvencionables as actuacións realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva, así como nas vivendas situadas nestes edificios que cumpran as seguintes condicións:
a) Estar rematados antes de 2006. Esta circunstancia acreditarase mediante escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais. Non se exixirá este requisito no suposto de que na vivenda ou no edificio obxecto da actuación habiten persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
b) Que, polo menos, o 50 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial de vivenda.
Para os efectos deste programa, para que un edificio de máis dunha vivenda poida ser considerado edificio de tipoloxía residencial colectiva, cada vivenda deba contar coa súa referencia catastral.
2. Así mesmo, será necesario que as actuacións cumpran estes outros requisitos:
a) Deberán dispor do acordo da comunidade ou comunidades de persoas propietarias debidamente agrupadas, de ser o caso.
b) Deberán dispor de licenza municipal ou, se é o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.
c) Deberán axustarse ao proxecto de execución das obras, presentado coa solicitude de cualificación provisional ou, de ser o caso, á memoria elaborada para a súa execución. A memoria deberá estar asinada por técnico/a competente, sendo este/a o/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra.
O proxecto ou a memoria técnica deberá conter todas as especificacións que xustifiquen as actuacións que se van executar, coa desagregación establecida no modelo de solicitude de cualificación provisional, así como un resumo en capítulos dos tipos de obra que se vaian executar, sinalando o seu importe. Para estes efectos, o custo de todas as actuacións subvencionables poderá incluír tamén os honorarios das persoas profesionais que interveñan, o custo da redacción dos proxectos, direccións técnicas ou facultativas, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e calquera outro gasto similar, derivado da actuación, sempre que estean debidamente xustificados. O dito custo subvencionable non poderá superar os custos medios do mercado que correspondan a tales actuacións, os cales se determinarán de conformidade coa última edición publicada da base de prezos da construción de Galicia. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas ou outros tributos.
No caso de actuacións de renovación, poderá incluírse o custo das obras de demolición.
d) Deberán realizarse de conformidade cos criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.
e) Non poderán estar iniciadas antes do 1 de xaneiro do ano en que se presente a solicitude de cualificación provisional nin poderán estar finalizadas á data da presentación da dita solicitude.
f) Deberán executarse no prazo máximo determinado na resolución de cualificación provisional.
3. Ademais, no caso de actuacións de renovación, os novos edificios e/ou vivendas deberán ter unha cualificación enerxética mínima B.
Oitavo. Contía da subvención
1. A contía máxima das axudas determinarase atendendo ao custo total da intervención reflectido na cualificación definitiva, que incluirá, de ser o caso, os custos desagregados da actuación de rehabilitación ou renovación.
2. O gasto subvencionable fixado na cualificación definitiva determinarase logo da comprobación da execución de todas as actuacións e da emisión do informe favorable dos servizos técnicos das áreas provinciais do IGVS, en atención ás facturas e aos documentos bancarios de pagamento que se presenten como xustificación destas.
3. A contía máxima das axudas non poderá exceder, de forma individualizada, o 50 % do custo subvencionable da actuación.
No caso de actuacións en vivendas unifamiliares ou actuacións no interior de vivendas situadas nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, esta porcentaxe máxima poderá ser do 75 %, cando resulten acreditados ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou usufrutuaria, promotora da actuación e residente na vivenda, e estes sexan inferiores a tres veces o IPREM.
Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite na unidade de convivencia da persoa propietaria, promotora da actuación e residente na vivenda, que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
4. A contía máxima determinarase atendendo ao custo total da actuación e calcularase multiplicando o número de vivendas polas axudas unitarias establecidas a seguir:
a) Ata 12.000 euros por cada vivenda que se rehabilite, sexa unifamiliar ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva.
No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, incrementaranse estas contías con 80 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declaradas bens de interese cultural (en adiante, BIC), catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.
Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos, será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación.
b) Ata 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.
5. No suposto de actuacións cualificadas provisional ou definitivamente con cargo ao réxime transitorio establecido no ordinal sétimo da Resolución do 23 de outubro de 2023, as contías das axudas serán as establecidas no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018-2021.
Noveno. Compatibilidade das axudas
As subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma do importe de todas elas non supere o custo total da actuación concreta.
Décimo. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 27 de xaneiro de 2025 e rematará o 27 de febreiro de 2025, e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. As solicitudes presentadas fóra do prazo anterior serán inadmitidas.
Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
Décimo primeiro. Solicitudes
1. As solicitudes realizaranse mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I desta resolución, debidamente cuberto. Deberán dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou edificio.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. A presentación electrónica será obrigatoria para as entidades sen personalidade xurídica e para as súas persoas representantes.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos suxeitos obrigados á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. No formulario de solicitude a persoa ou entidade solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de non estar incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) Declaración responsable de que se está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
e) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Décimo segundo. Documentación complementaria
1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos
b) Anexo II, de ser o caso, de certificado da persoa que exerza as funcións de secretaría da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou de quen representa á agrupación de persoas propietarias, no que se recolla tanto o acordo de solicitar a subvención do Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación ou renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra, como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente á comunidade de persoas propietarias, á agrupación de comunidades de persoas propietarias ou á agrupación de persoas propietarias.
c) Anexo III, de ser o caso, debidamente cuberto, no que se relacionen as persoas propietarias das vivendas e locais do edificio, partícipes nas actuacións de rehabilitación ou renovación e interesadas na subvención. Neste anexo cubriranse, de ser o caso, as declaracións de non estar incursos en ningunha das circunstancias do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) Anexo IV, de declaración responsable e comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia da persoa solicitante, no caso de actuacións en vivendas unifamiliares ou actuacións no interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva.
e) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia nas que concorra a dita circunstancia, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
f) No caso de edificios ou vivendas declarados BIC, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, documentación xustificativa destas circunstancias, se non constaba na documentación anterior.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, deberase indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
Décimo terceiro. Forma de presentación da documentación complementaria
1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
2. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algún destes suxeitos presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tiña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo cuarto. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou entidade interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso, así como das persoas propietarias dunha vivenda ou local do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación ou renovación e interesadas na subvención, de ser o caso.
b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.
c) DNI ou NIE da persoa física representante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificados acreditativos do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), de obrigas coa Seguridade Social e/ou coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, así como da entidade solicitante e, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
f) Certificación catastral de titularidade correspondentes á persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
g) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van a levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso pola persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
h) Consulta de bens inmobles correspondentes á persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.
2. No caso de actuacións realizadas en vivendas unifamiliares ou de actuacións no interior de vivendas situadas nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.
b) Certificado da renda sobre as persoas físicas (IRPF) e nivel de renda da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
c) Certificado das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
d) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
e) Importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
f) Certificado acreditativo da discapacidade, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia en que concorra a dita circunstancia e fagan constar na solicitude que lle é de aplicación. No suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberá achegarse a correspondente documentación.
g) Consulta de datos de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante, para os efectos do cálculo da porcentaxe máxima do 75 % do custo subvencionable da actuación, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I, III e IV e achegar os documentos correspondentes.
4. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Décimo quinto. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas
Os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2023. Para a valoración das solicitudes, utilizarase o valor do IPREM de 2024.
Décimo sexto. Trámites posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas e entidades interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Décimo sétimo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento
1. A instrución do procedemento e a formulación da proposta de concesión da subvención correspóndelles ás áreas provinciais do IGVS onde se atope o edificio ou a vivenda obxecto da actuación de rehabilitación ou renovación.
2. A resolución de concesión será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Décimo oitavo. Procedemento de concesión das subvencións
1. De acordo co disposto no punto oito do ordinal quinto da Resolución do 23 de outubro do 2023, o procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da resolución de convocatoria no DOG.
2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos na Resolución do 23 de outubro e/ou na presente convocatoria, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a persoa ou entidade solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. O órgano instrutor, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos, elevará a proposta de resolución de concesión de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Esta proposta conterá a identificación da persoa ou entidade beneficiaria, o tipo de actuación, o orzamento da actuación, o gasto subvencionable e a subvención máxima que lle corresponde.
5. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, á vista da proposta efectuada e tendo en conta a dispoñibilidade orzamentaria, resolverá o que en dereito proceda.
Décimo noveno. Resolución e recursos
1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda solicitada.
2. A resolución estimatoria acordará o outorgamento da subvención, con identificación da persoa ou entidade beneficiaria, tipo de actuación, data da cualificación definitiva, número de vivendas e locais, gasto subvencionable e importe da subvención concedida.
3. O prazo para resolver e notificar a concesión será dun mes, contado desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas ou entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
4. A resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS é susceptible de recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.
Vixésimo. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Vixésimo primeiro. Causas de denegación
1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nesta resolución, na Resolución do 23 de outubro de 2023 ou no resto da normativa que resulte de aplicación.
2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da orde cronolóxica de entrada da solicitude completa en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos na resolución de convocatoria.
Vixésimo segundo. Xustificación e pagamento da subvención
1. A resolución da cualificación definitiva das actuacións terá a consideración de memoria de actuación e memoria económica, para os efectos do previsto no artigo 48 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como de comprobación material do investimento para os efectos previstos no artigo 30, números 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta sinalada para estes efectos pola persoa ou entidade beneficiaria no anexo I.
Vixésimo terceiro. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias
Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas e das entidades beneficiarias:
a) Facilitarlles aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente, a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
c) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.
Vixésimo cuarto. Perda e reintegro da subvención
1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:
a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.
b) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.
2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 xuño, agás que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.
3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 xuño.
Vixésimo quinto. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas e entidades interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas e entidades interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
No caso de persoas e entidades interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésimo sexto. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Vixésimo sétimo. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o texto da convocatoria e a información requirida no punto oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación, de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.
Vixésimo oitavo. Habilitación para o desenvolvemento
Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste programa, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.
Vixésimo noveno. Datos de carácter persoal
De acordo co establecido no artigo 14.1.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas ou entidades beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Trixésimo. Recursos contra a presente resolución
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas e entidades interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Trixésimo primeiro. Produción de efectos
Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
