BDNS (Identif.): 809358.
De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta orde os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2025, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de doce (12) mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 23 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI461A).
Cuarto. Importe
1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de dous millóns cincocentos mil euros (2.500.000,00 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.06.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112).
A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2024
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
