DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Luns, 20 de xaneiro de 2025 Páx. 5052

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a construción, rehabilitación, ampliación, reforma, adquisición e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI427D).

En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso, creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe en que se identificasen e analizasen os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero, e no cal se incluísen un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais.

Pola súa banda, a Comisión de Igualdade do Senado decidiu, o 21 de decembro de 2016, a creación dunha ponencia que estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, analizase a estratexia para acadar e implementar un Pacto de Estado contra a violencia de xénero e examinase a Lei orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O 13 de setembro de 2017, o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o Informe da Ponencia de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero, e culminou a súa ratificación en decembro de 2017.

As medidas relativas ao compromiso económico vinculado ao desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero establecían que o financiamento debía alcanzar o horizonte temporal necesario para materializar o conxunto de medidas acordadas nel e desde a súa aprobación incluían un primeiro escenario, que abarcaba os primeiros cinco exercicios orzamentarios desde a aprobación do Pacto, isto é, desde 2018 a 2022. Con todo, prevíase que este horizonte temporal puidese actualizarse e redefinirse dentro da propia Comisión de Seguimento do Pacto constituída no Congreso.

O 25 de novembro de 2021 foi acordada pola maioría dos partidos políticos con representación parlamentaria a renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Con base en todo o anterior, o 22 de xullo de 2022, a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o Acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto de asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia.

O Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, establece que lle corresponde a este órgano superior, entre outras, a función de impulsar as actuacións conducentes á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e na demais lexislación aplicable na materia.

Así o exposto, os centros de información ás mulleres (en adiante, CIM) son un conxunto de recursos das entidades locais, desde os cales se articula unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, revelándose como instrumentos dunha importancia decisiva no ámbito local na loita contra a violencia de xénero e na promoción da igualdade, así como na atención prestada ás mulleres vítimas de violencia de xénero, converténdose en ferramentas decisivas na prevención, detección, tratamento e loita en xeral contra a violencia de xénero desde unha relación de proximidade e atención directa.

Para consolidar estes recursos e para contribuír a que oferten uns servizos de calidade nunha contorna adecuada, considérase necesario incidir na mellora das súas instalacións e do seu equipamento, o que permitirá, non só desenvolver dun xeito normal as súas actividades cotiás senón tamén, favorecer o traballo en rede e a utilización de ferramentas das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

Esta orde, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Por outra banda, a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian a imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para a cobertura orzamentaria do gasto.

Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións tramitadas nesta orde queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da dita Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no seu artigo 5, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025 as subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a construción, ampliación, rehabilitación, reforma, adquisición e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM).

O código do procedemento correspondente a esta subvención é o SI427D.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

3. As subvencións recollidas nesta orde teñen por obxecto o financiamento de actuacións de construción, ampliación, rehabilitación, reforma, adquisición e mellora do equipamento dos CIM realizadas con posterioridade á publicación destas bases reguladoras.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe de setecentos setenta mil catrocentos sesenta e seis euros (770.466,00 euros), que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.06.313D.760.0 (código de proxecto 2018 00112).

Esta partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinarase á concesión daqueloutras solicitudes que por insuficiencia de crédito non chegaron a obter subvención.

4. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións tramitadas nesta orde queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades locais de Galicia titulares de centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento.

2. Para poder acceder ás subvencións, as entidades beneficiarias deberán cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Para poder acceder ás subvencións as entidades beneficiarias deberán ter presentado a memoria anual do CIM correspondente ao ano inmediatamente anterior ao da publicación desta orde ante a Consellería de Política Social e Igualdade, segundo os termos e prazos establecidos no artigo 14 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

5. Para poder ser beneficiaria destas axudas, a entidade local deberá ter cumprido con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, coa súa obriga de remisión das contas do exercicio orzamentario 2023 ao Consello de Contas de Galicia.

6. No suposto previsto no artigo 2.6 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, cando se trate da prestación conxunta do servizo de CIM por varias entidades locais, todas elas teñen que cumprir os requisitos indicados nos puntos anteriores, así como as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta orde, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Neste caso, as entidades locais que presten conxuntamente o servizo de CIM nomearán unha persoa como representante única, que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, e que será quen solicite, reciba e xustifique a subvención no nome do CIM de xestión compartida.

7. As entidades locais que se agrupen ou asocien deberán presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor.

Se non achegan o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega, logo do requirimento efectuado para o efecto, considerarase que desisten da súa solicitude.

8. As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola súa secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio que participan no proxecto ou servizo para o cal se solicita subvención.

9. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes ou ben na data en que remate o prazo para a contestación do requirimento para a documentación sinalada nos números 4 e 5.

Artigo 4. Accións e gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as seguintes actuacións:

a) Os gastos de demolición, cimentación ou estrutura, a construción de novos edificios e a ampliación das construcións xa existentes.

b) Obras de reforma que impliquen a modernización, a mellora, a remodelación ou a adaptación do inmoble, entendendo por tales, entre outras, as obras encamiñadas á mellora da conservación, á mellora da eficiencia enerxética, á mellora da accesibilidade e á mellora da habitabilidade dos edificios dos CIM.

c) Adquisición de equipamento informático como ordenadores, monitores, impresoras e similares, de equipamento de oficina como fotocopiadoras e similares, e mobiliario como mesas, cadeiras e similares.

d) Gastos de honorarios profesionais derivados de elaboración de anteproxectos e/ou proxectos de obra, estudos de viabilidade, memorias técnicas e outros similares relacionados coa actuación subvencionable.

e) Gastos de honorarios profesionais en concepto de dirección de obra e/ou de coordinación de seguridade e saúde e outros similares relacionados coa actuación subvencionable.

2. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable pola entidade solicitante.

3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables os gastos que reúnan algunha das seguintes características:

a) Os gastos de persoal propio e os impostos, taxas ou tributos.

b) Os gastos de material para o normal funcionamento dos equipamentos informáticos, ofimáticos, transmisión e outros, a adquisición de soportes e memorias externas e de gravación en xeral, os paquetes estándar de software e similares.

c) Os bens funxibles non susceptibles de inclusión en inventario e os gastos previsiblemente reiterativos.

Artigo 5. Contía da subvención

A contía máxima que se pode conceder a cada entidade beneficiaria, ao abeiro desta convocatoria de axudas, será de 300.000,00 euros, sempre e cando se cumpran os requisitos sinalados na orde de convocatoria.

Artigo 6. Compatibilidade con outras axudas ou subvencións públicas

A percepción destas subvencións é incompatible con calquera outra subvención, axuda pública ou incentivo para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), conforme o anexo I desta orde, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada destas bases reguladoras.

3. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II: orzamento desagregado do proxecto de construción, ampliación, reforma, rehabilitación ou para o equipamento do CIM, asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante.

b) Documentación acreditativa da remisión das contas xerais do exercicio 2023 ao Consello de Contas.

c) Memoria descritiva das actuacións que se van realizar. No caso dos CIM con xestión compartida, deberán indicar con que concellos comparten os servizos.

d) As entidades locais que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación.

e) As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar unha certificación expedida pola súa secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio.

f) Calquera outra documentación pertinente para unha mellor valoración da solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de xeito motivado o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite a correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 13. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

Artigo 14. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección xeral con competencias en materia de violencia de xénero.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de entrada das solicitudes no rexistro do órgano competente para a tramitación.

3. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión ou desestimación, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

4. Cando o importe da subvención, por esgotamento de crédito, sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar a entidade beneficiaria á reformulación da súa solicitude para axustala aos compromisos e condicións da subvención outorgable.

En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, condicións e finalidade da subvención.

Artigo 15. Resolución

1. As resolucións de concesión das subvencións, tras a fiscalización das propostas do órgano instrutor, correspóndenlle á persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, esta entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación, comprometéndose a executar a actuación subvencionada no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado entenderase tacitamente aceptada.

4. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta orde poñerán fin a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Política Social e Igualdade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e aos requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 19. Pagamento anticipado

Poderase realizar un pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación das resolucións de concesión e logo de solicitude da entidade beneficiaria. As entidades beneficiarias quedan exoneradas da obriga de constituír garantías.

O 50 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As entidades beneficiarias das subvencións deberán presentar a solicitude de pagamento coa data límite do 28 de novembro de 2025. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data do 28 de novembro de 2025.

3. Para proceder ao pagamento, deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo III: solicitude de pagamento da axuda, debidamente cuberta e asinada pola persoa que teña a representación legal da entidade, na cal deberá facer constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o importe total do investimento realizado, segundo o sinalado no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Anexo IV: certificación dos gastos realizados polo órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación, cunha relación ordenada das facturas ou documentos con valor probatorio equivalente segundo o concepto a que se atribúe, xunto cos xustificantes bancarios ou os documentos que acrediten o seu pagamento. No xustificante bancario deberá constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura.

c) Deberase cumprir o disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso da obra, á prestación do servizo ou á entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

d) Anexo V: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións e declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Memoria explicativa do proxecto de investimento efectivamente realizado en relación coa axuda concedida, xunto coas fotografías da actuación de construción, ampliación, rehabilitación ou reforma realizada ou do equipamento adquirido, nas cales se deixe constancia do cumprimento das obrigas de información e publicidade derivadas do seu financiamento público.

4. Transcorridos os prazos indicados sen que as entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez días.

5. A falta de presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención.

Así mesmo, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

Artigo 21. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Consellería de Política Social e Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) A entidade beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto dos bens, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo perante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta orde e na de concesión.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Incorporar nun lugar visible do inmoble unha referencia expresa a que as actuacións de construción, ampliación, reforma, rehabilitación ou adquisición do equipamento foron financiadas pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e polo Ministerio de Igualdade, e deberán incluír o logo do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Esta información debe levar o logotipo oficial da Xunta de Galicia previsto no manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual) e na seguinte ligazón https://violenciagenero.igualdad.gob.es/logospacto/

Todos os carteis e placas deberán colocarse nun lugar ben visible de acceso ao público.

f) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta orde e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente, poida realizar o persoal técnico da Consellería de Política Social e Igualdade.

i) No caso de obras de construción, ampliación, reforma e rehabilitación, conservar toda a documentación técnica exixida polas normas legais na materia, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 23. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas e condicións contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. O incumprimento da obriga de destino sinalada no artigo 22.1.a) desta orde será causa do reintegro das cantidades percibidas.

3. Procederá o reintegro total da subvención percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións que financien as actuacións subvencionadas.

4. Procederá o reintegro do 10 % da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

6. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia, que lle será facilitada polo órgano concedente, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e a denominación da axuda concedida.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código de procedemento SI427D, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, nas unidades administrativas de igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/portada, ou da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 95 72 68 e 981 54 53 61 ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 26. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde, así como para realizar os actos de autorización e disposición de gasto, recoñecemento de obrigas e proposta de pagamentos previstos no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero para ditar as instrucións que sexan necesarias para desenvolver esta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file