DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Luns, 20 de xaneiro de 2025 Páx. 5079

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a construción, rehabilitación, ampliación, reforma, adquisición e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI427D).

BDNS (Identif.): 809354.

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades locais de Galicia titulares de centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025 as subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a construción, ampliación, rehabilitación, reforma, adquisición e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM).

2. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as seguintes actuacións:

a) Os gastos de demolición, cimentación ou estrutura, a construción de novos edificios e a ampliación das construcións xa existentes.

b) Obras de reforma que impliquen a modernización, a mellora, a remodelación ou adaptación do inmoble, entendendo por tales, entre outras, as obras encamiñadas á mellora da conservación, á mellora da eficiencia enerxética, á mellora da accesibilidade e á mellora da habitabilidade dos edificios dos CIM.

c) Adquisición de equipamento informático como ordenadores, monitores, impresoras e similares, de equipamento de oficina como fotocopiadoras e similares, e mobiliario como mesas, cadeiras e similares.

d) Gastos de honorarios profesionais derivados de elaboración de anteproxectos e/ou proxectos de obra, estudos de viabilidade, memorias técnicas e outros similares relacionados coa actuación subvencionable.

e) Gastos de honorarios profesionais en concepto de dirección de obra e/ou de coordinación de seguridade e saúde e outros similares relacionados coa actuación subvencionable.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a construción, rehabilitación, ampliación, reforma, adquisición e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento SI427D).

Cuarto. Importe

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe de setecentos setenta mil catrocentos sesenta e seis euros (770.466,00 euros), que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.06.313D.760.0 (código do proxecto 2018 00112).

Esta partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade