DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2025 Páx. 5885

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2025 pola que se notifican as resolucións das solicitudes de axudas financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) relativas aos pagamentos directos á agricultura e gandaría reguladas na Orde do 15 de marzo de 2023.

A Orde do 15 de marzo de 2023 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 55, do 20 de marzo) prevé no seu artigo 26 que a notificación das resolucións poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha ligazón á páxina web do Fogga.

De acordo co anterior, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade na web do Fogga á Resolución do 8 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as listaxes das resolucións das solicitudes das liñas de axudas reguladas no artigo 2.1 da Orde do 15 de marzo de 2023 citada.

Na web publicaranse as listaxes de concesión e de denegación das diversas liñas de axudas, con indicación da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade, de ser o caso, concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como, se for o caso, as causas da desestimación.

As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:

https://Fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/beneficiario_de_axudas_pac/campana-2023

Estas axudas son financiadas integramente polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

Segundo. Poñer á disposición das persoas interesadas as resolucións completas das solicitudes indicadas no punto primeiro mediante a aplicación para teléfonos móbiles Sga@pp, dispoñible en Google Play ou en App Store, e no portal de axudas PAC, a través da seguinte ligazón:

https://Fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac

Neste portal, cada persoa interesada poderá acceder ao contido da súa resolución individualizada mediante certificado dixital, DNI-e (DNI electrónico) ou empregando o código de identificación persoal (CIP) asignado a cada solicitante para a autenticación no portal de axudas PAC e na aplicación Sga@pp.

Terceiro. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Fogga, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade no artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2025

Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria