En decembro de 2017, apróbase o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ratificado polos distintos grupos parlamentarios, goberno, comunidades autónomas, cidades de Ceuta e Melilla e as entidades locais representadas na Federación Española de Municipios e Provincias.
O Pacto de Estado contra a violencia de xénero consta de 10 eixes e un total de 292 medidas. O eixe 4 recolle de maneira específica medidas para «a intensificación da asistencia e protección de menores». A protección específica dos e das menores parte do seu recoñecemento como vítimas directas e comporta a necesidade de ampliar e mellorar as medidas dirixidas á súa asistencia e protección, coa implantación de novas prestacións nos casos de orfandade como consecuencia da violencia de xénero, de revisar as medidas civís relativas á custodia dos menores, de fomentar as actuacións de reforzo no ámbito educativo e de impulsar a especialización dos puntos de encontro familiar para os casos relacionados coa violencia de xénero.
As medidas relativas ao compromiso económico vinculado ao desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero establecían que o financiamento debía acadar o horizonte temporal necesario para materializar o conxunto de medidas acordadas nel e desde a súa aprobación incluían un primeiro escenario, que abarcaba os primeiros cinco exercicios orzamentarios desde a aprobación do Pacto, isto é, desde 2018 a 2022. Con todo, prevíase que este horizonte temporal podía actualizarse e redefinirse dentro da propia Comisión de Seguimento do Pacto constituída no Congreso dos Deputados.
O día 25 de novembro de 2021, catro anos despois da aprobación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero de 2017, a maioría dos grupos políticos con representación parlamentaria, conscientes de que o Pacto de Estado non pode ter como horizonte temporal o mes de setembro de 2022, senón que debe continuar vertebrando a nosa resposta como país fronte á violencia machista, asinaron un acordo de renovación onde novamente se plasmou a vontade de todos os axentes institucionais de seguir traballando polo cumprimento das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o establecemento dun marco ampliado e permanente para o desenvolvemento de políticas públicas que o fortalezan.
Con base en todo o anterior, o 22 de xullo de 2022 a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o Acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto de asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia. Posteriormente, o Acordo da Conferencia Sectorial de Igualdade, do 3 de marzo de 2023, polo que se aproba o Plan conxunto plurianual en materia de violencia contra as mulleres (2023-2027), establece como un dos obxectivos a procura do mantemento e a mellora da rede de recursos, servizos e prestacións destinados á protección, asistencia, apoio, recuperación e reparación das vítimas de violencia contra as mulleres.
Son as comunidades autónomas as que asumen as competencias da asistencia social ás mulleres vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas, e están, polo tanto, chamadas a xogar un papel clave na prevención, atención e reparación do dano.
Así o exposto, de conformidade co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndelle a este órgano superior, entre outras, a función de impulsar as actuacións conducentes á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e na demais lexislación aplicable na materia.
Esta orde supón a continuidade no apoio e protección dos e das menores orfos, e tamén das mulleres vítimas que por causa de agresións de violencia de xénero sufran lesións graves que requiran hospitalización, articulando axudas económicas de indemnización cando carezan de recursos, e enmárcase no ámbito de acción das medidas 72, 171 e 210 do documento refundido de medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente no orzamento crédito adecuado e suficiente. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta orde queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no seu artigo 5, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
Esta orde, que se tramita en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación
1. O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán a concesión de axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e aos fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, de axudas de indemnización económica dirixidas a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, así como as axudas para os familiares ascendentes e descendentes en 1º ou 2º grao de consanguinidade das mulleres vítimas mortais por violencia de xénero e dos seus fillos e fillas falecidos, destinadas a sufragar os gastos de traslado, funeral, inhumación e/ou incineración das mulleres vítimas mortais por violencia de xénero e, de ser o caso, dos fillos e fillas das vítimas, falecidos como consecuencia da violencia de xénero.
Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2025.
2. A finalidade das axudas é dar cumprimento a varias das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, e proporcionarlles apoio económico ás persoas citadas no número anterior, cunha indemnización de axuda directa, co obxecto de garantir que o feito causante (morte da nai ou lesións graves por mor de violencia de xénero, gastos de funeral) supoña un menor prexuízo económico para os fillos e fillas orfos e para as propias vítimas gravemente feridas.
3. As indemnizacións recollidas nesta orde serán de aplicación a todas as persoas beneficiarias sinaladas no número 1 anterior, que no momento dos feitos residan na Comunidade Autónoma de Galicia.
4. As axudas de indemnización recollidas nesta orde recoñeceranse cando o feito causante se produza desde o 1 de outubro de 2024, coa excepción do sinalado no artigo 4.1.
5. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI460A.
Artigo 2. Tipos de axudas
As axudas a que se refire esta orde fan referencia ás seguintes modalidades:
a) Axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e aos fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero.
b) Axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que resultasen gravemente feridas, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.
c) Axudas para gastos de traslado, funeral, inhumación e/ou incineración das mulleres e/ou dos seus fillos e fillas vítimas mortais por violencia de xénero.
Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra a) do artigo 2, en réxime de igualdade, cada un dos fillos e fillas da vítima mortal da violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, sempre que na data do falecemento da súa nai cumpran algún dos seguintes requisitos:
a) Ser menores de idade e convivir coa nai ou que manteñan con ela unha relación de contacto habitual, independentemente da renda familiar.
b) Ser maiores de idade ata 30 anos incluídos, e depender economicamente da nai e/ou do pai agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando, na data do falecemento, as persoas beneficiarias non percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual superen doce (12) mensualidades do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.
2. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra b) do artigo 2 as mulleres feridas gravemente, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero, sempre que na data en que se producisen os feitos se cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser muller, maior de idade ou emancipada.
b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
c) Encontrarse nunha situación de precariedade económica. Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a beneficiaria, divididos polo número de membros que a compoñen, non superen o importe do IPREM vixente, durante os doce (12) meses anteriores.
3. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista no letra c) do artigo 2 desta orde os familiares ascendentes e descendentes en 1º ou 2º grao de consanguinidade das mulleres vítimas mortais da violencia de xénero e, de ser o caso, dos fillos e fillas da muller vítima, falecidos como consecuencia da violencia de xénero, sempre que non tivesen participación no suceso causante.
Artigo 4. Prazo e solicitude
1. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de decembro de 2025.
As axudas de indemnización económica dirixidas a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero poderán solicitarse no prazo dun ano desde a curación ou a determinación do alcance das secuelas.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, asinado pola persoa solicitante ou a persoa representante legal, de ser o caso.
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 5. Orzamento
1. Para a concesión destas indemnizacións destínase crédito polo importe de 70.000,00 € na aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.2, código do proxecto 2018 00112.
O financiamento enmárcase nos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para 2025.
2. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas nos ditos artigos.
Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións tramitadas nesta orde queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Artigo 6. Contía das axudas
1. O importe das indemnizacións reguladas nesta orde fíxase na cantidade de sete mil euros (7.000,00 €), que será aboada unha única vez por cada persoa beneficiaria e para o mesmo feito causante, no casos das axudas ás fillas e aos fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero e das axudas dirixidas ás mulleres que resultasen gravemente feridas con lesións que requiran hospitalización como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.
2. No suposto de axudas para os gastos de funeral, traslado, inhumación e/ou incineración das mulleres e dos fillos e fillas da muller vítima, falecidos como consecuencia da violencia de xénero, o importe da indemnización non poderá superar o custo total dos gastos subvencionables. O importe máximo subvencionable será de sete mil euros (7.000,00 €).
Artigo 7. Aboamento das indemnizacións en casos de menores e polos gastos de funeral
Cando as persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra a) do artigo 2 sexan menores de idade, a indemnización aboaráselles ás persoas que asuman a súa patria potestade, garda, custodia ou acollemento permanente.
Cando se trate dos gastos do funeral, a indemnización aboaráselles aos familiares ascendentes e descendentes en 1º ou 2º grao de consanguinidade das mulleres vítimas mortais por violencia de xénero e dos seus fillos e fillas falecidos.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. Para a indemnización prevista na letra a) do artigo 2, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Copia do libro de familia, certificación expedida polo Rexistro Civil ou calquera outro documento que acredite fidedignamente a relación de filiación coa vítima.
b) No caso de fillos e fillas menores de idade, resolución xudicial de custodia, informe dos servizos sociais, certificado de empadroamento colectivo onde consten todos os membros da unidade familiar, ou calquera outra documentación que acredite a asunción da patria potestade, garda, custodia ou acollemento permanente por parte da persoa a quen se lle aboará a indemnización.
2. Para a indemnización prevista na letra b) do artigo 2, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
b) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, da persoa solicitante e dos membros da unidade familiar de convivencia, de ser o caso (nómina, recibo).
c) Documentación acreditativa da composición da unidade familiar de convivencia, de ser o caso.
d) Certificado dos servizos sanitarios que acrediten a hospitalización, con indicación dos días de ingreso hospitalario.
e) Modelo anexo II, Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto.
3. Para a indemnización prevista na letra c) do artigo 2, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Copia do libro de familia, certificación expedida polo Rexistro Civil ou calquera outro documento que acredite fidedignamente a relación de filiación coa vítima.
b) Facturas e documentos acreditativos do pagamento destas nos casos de funeral, traslado, inhumación e/ou incineración.
c) Documentación acreditativa da composición da unidade familiar de convivencia, de ser o caso.
4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. As solicitantes deberán comunicar á Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, calquera modificación que se produza nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento. No caso das prestacións do Servizo Público de Emprego, non será preciso achegar a dita documentación agás que se lle denegue expresamente á Consellería de Política Social e Igualdade a dita consulta.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Certificado de residencia legal da persoa solicitante estranxeira.
d) Certificado de residencia da persoa solicitante.
e) Certificado de defunción da nai.
f) Certificado de defunción dos fillos e fillas.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Resolución administrativa de acollemento familiar, emitida pola Xunta de Galicia.
b) Prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal (área de Galicia) da persoa solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
c) Renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Instrución
1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral con competencias en materia do tratamento da violencia de xénero. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.
2. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a resolución.
3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na orde de convocatoria, a Subdirección Xeral con competencias en materia do tratamento da violencia de xénero requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, indicándolle que se, non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, e sempre que sexa preciso, a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, requiriralles ás solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
5. De conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará directamente a proposta de resolución ao órgano concedente, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.
6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión ou desestimación, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.
Artigo 12. Resolución
1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario.
3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, esta entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 13. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Réxime de recursos
As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, ante a Consellería de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 15. Pagamento das axudas
1. O pagamento da axudas axustarase ao establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. A contía da axuda concedida aboaráselles, nun pagamento único, ás persoas beneficiarias da axuda, agás no caso previsto no artigo 7.
3. As subvencións ás persoas beneficiarias concederanse en atención á concorrencia dos requisitos sinalados no artigo 3 e non requirirán outra xustificación que a acreditación dos ditos requisitos ao abeiro do artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo do cumprimento das obrigas sinaladas no seguinte artigo.
4. O pagamento das axudas reguladas nesta orde farase unicamente na conta que as persoas solicitantes fagan constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.
Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias
1. As persoas beneficiarias e as persoas que asuman a patria potestade, garda, custodia ou acollemento permanente no caso de orfos/as menores de idade que perciban as axudas reguladas nesta orde quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Así mesmo, teñen a obriga de comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias que fundamentan o dereito a percibir estas axudas, de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, e de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Artigo 17. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, de ser o caso, á revogación sen prexuízo do disposto no número segundo do artigo 18.
Artigo 18. Reintegro
1. O órgano concedente poderá proceder á apertura do expediente declarativo de reintegro total ou parcial e dos xuros de demora devendicados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:
a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta orde.
b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos para a súa concesión ou falseando ou ocultando feitos ou datos que terían impedido a súa concesión.
c) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a axuda.
2. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia, que lles será facilitada polo órgano concedente, en concepto de devolución voluntaria da subvención. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar, ante o órgano concedente, copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.
Artigo 19. Incompatibilidades
1. Coa excepción establecida no número seguinte deste artigo, as axudas de indemnización reguladas nesta orde son incompatibles coa percepción doutra indemnización establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, destinadas ao mesmo fin e en relación co mesmo feito causante.
2. As axudas de indemnización establecidas nesta orde son compatibles coas axudas previstas na Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, así como con calquera outra axuda económica de carácter autonómico ou local concedida pola situación de violencia de xénero.
Artigo 20. Transparencia e bo goberno
A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Artigo 21. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberanse transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.
Artigo 22. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI460A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, nas unidades administrativas de Igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 981 54 53 61/981 95 72 68 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal
Artigo 23. Infraccións e sancións
As persoas beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establecen a Lei 9/2007, do 13 de xuño, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa de aplicación.
Artigo 24. Remisión normativa
En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa de aplicación.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde, así como para realizar os actos de autorización e disposición de gasto, recoñecemento de obrigas e proposta de pagamentos previstos no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición adicional segunda. Facultade de desenvolvemento
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero para ditar as instrucións que sexan necesarias para desenvolver esta orde.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
