DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 2025 Páx. 6036

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e aos fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI460A).

BDNS (Identif.): 809853.

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra a) do artigo 2, en réxime de igualdade, cada un dos fillos e fillas da vítima mortal da violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, sempre que na data do falecemento da súa nai cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Ser menores de idade e convivir coa nai ou que manteñan con ela unha relación de contacto habitual, independentemente da renda familiar.

b) Ser maiores de idade ata 30 anos incluídos, e depender economicamente da nai e/ou do pai agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando, na data do falecemento, as persoas beneficiarias non percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual superen doce (12) mensualidades do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

2. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista na letra b) do artigo 2 as mulleres feridas gravemente, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero, sempre que na data en que se producisen os feitos se cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada.

b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.

c) Encontrarse nunha situación de precariedade económica. Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a beneficiaria, divididos polo número de membros que a compoñen, non superen o importe do IPREM vixente, durante os doce (12) meses anteriores.

3. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista no letra c) do artigo 2 desta orde os familiares ascendentes e descendentes en 1º ou 2º grao de consanguinidade das mulleres vítimas mortais da violencia de xénero e, de ser o caso, dos fillos e fillas da muller vítima, falecidos como consecuencia da violencia de xénero, sempre que non tivesen participación no suceso causante.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán a concesión de axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e aos fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, de axudas de indemnización económica dirixidas a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, así como as axudas para os familiares ascendentes e descendentes en 1º ou 2º grao de consanguinidade das mulleres vítimas mortais por violencia de xénero e dos seus fillos e fillas falecidos, destinadas a sufragar os gastos de traslado, funeral, inhumación e/ou incineración das mulleres vítimas mortais por violencia de xénero e, de ser o caso, dos fillos e fillas das vítimas, falecidos como consecuencia da violencia de xénero.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e aos fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI460A).

Cuarto. Importe

1. Para a concesión destas indemnizacións destínase crédito polo importe de 70.000,00 € na aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.2, código do proxecto 2018 00112.

O financiamento enmárcase nos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para 2025.

2. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas nos ditos artigos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de decembro de 2025.

As axudas de indemnización económica dirixidas a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero poderán solicitarse no prazo dun ano desde a curación ou a determinación do alcance das secuelas.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade