A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20 da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, polo que na súa virtude aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. De conformidade co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndelle a este órgano superior da Administración autonómica impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero.
A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, establece, no seu artigo 27, o dereito a unha axuda económica para aquelas mulleres vítimas de violencia de xénero que se sitúen nun determinado nivel de rendas e sobre as que se presuma que pola súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais, teñen especiais dificultades para obter un emprego. Trátase dun dereito subxectivo, mediante o que se pretende facilitar a súa integración social.
En aplicación da disposición derradeira cuarta desta lei aprobouse o Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula a axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e que se xustifica na necesidade de concretar os factores que inflúen na capacidade de inserción profesional das mulleres vítimas de violencia de xénero e tamén nas posibilidades de modulación da contía da axuda en atención ás distintas circunstancias en que se poden encontrar as vítimas. Estas axudas fináncianse con cargo aos orzamentos xerais do Estado, polo que o importe dos pagamentos será reembolsado polo ministerio competente na súa integridade; non obstante, a concesión correspóndelles ás administracións competentes en materia de servizos sociais. Así, o artigo 40 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, determina que a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, regulará as bases da convocatoria e tramitará as axudas que se definan na lexislación estatal, segundo o disposto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro.
En virtude da disposición derradeira primeira do Real decreto 664/2024, do 9 de xullo, polo que se regulan as axudas económicas a vítimas de violencias sexuais, e polo que se modifica o Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula a axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, publicado no Boletín Oficial del Estado número 166, do 10 de xullo de 2024, modíficase o citado Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, para adaptalo aos cambios en materia de acreditación da condición de vítima de violencia de xénero introducidos na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, e na Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual.
Por outra banda, o Fondo Galego de Garantía de Indemnizacións regulado no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, indica que a Xunta de Galicia concederá indemnizacións a favor das mulleres que sofren violencia de xénero e/ou das e dos menores ou persoas dependentes afectadas que residan en Galicia e que non poidan percibir as indemnizacións que lles correspondan polos danos e perdas causados, e que resultarán fixadas mediante sentenza xudicial ditada polos xulgados e tribunais con sede no territorio galego. Estas indemnizacións aboaranse cando exista constatación xudicial de incumprimento do deber de satisfacelas por insolvencia económica e este incumprimento comporte unha situación de precariedade económica.
Así o exposto, a través da presente orde establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas previstas nos anteditos preceptos legais, e convócanse para o ano 2025.
A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente no orzamento crédito axeitado e suficiente. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta orde queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no seu artigo 5, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e normas de desenvolvemento, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán a concesión das axudas previstas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2025.
2. A finalidade das axudas establecidas no referido artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero. Así mesmo, a finalidade das indemnizacións previstas no referido artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.
3. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI434B.
Artigo 2. Tipos de axudas
As axudas a que se refire esta orde fan referencia ás seguintes modalidades:
a) Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, comprende as axudas dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.
b) Indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, comprende as axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e/ou as e os menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de incumprimento, por insolvencia, por parte do obrigado a satisfacelas.
Artigo 3. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes
1. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 28 de novembro de 2025.
De acordo co disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes de subvención establecido nas correspondentes convocatorias en ningún caso será inferior a un mes.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 4. Orzamento
1. Para a concesión destas axudas destínase crédito polo importe e nas aplicacións seguintes:
a) Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro: 2.678.283,00 € na aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.0, código de proxecto: 2015 00180.
b) Indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo: 55.000,00 € na aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.1, código de proxecto: 2015 00150.
2. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.
3. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións tramitadas nesta orde queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Artigo 5. Contía das axudas
1. As axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, comprenderán:
a) Con carácter xeral, o importe desta axuda será equivalente ao de seis meses do subsidio por desemprego vixente.
b) O importe desta axuda será equivalente a doce meses do subsidio por desemprego nos seguintes casos:
1º. Cando a vítima tivese a cargo un familiar ou menor acollido/a.
2º. Cando a vítima, sen responsabilidades familiares, teña unha discapacidade igual ou superior ao 33 %.
c) O importe desta axuda será equivalente a dezaoito meses do subsidio por desemprego nos seguintes casos:
1º. Cando a vítima tivese ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a.
2º. Cando a vítima teña ao seu cargo un familiar ou menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ela ou a persoa dependente.
d) O importe desta axuda será equivalente a vinte e catro meses do subsidio por desemprego nos seguintes casos:
1º. Cando a vítima teña ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ela ou algunha das persoas dependentes.
2º. Cando a vítima de violencia de xénero con responsabilidades familiares ou o familiar ou menor acollido/a con quen conviva teña recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.
3º. Cando a vítima de violencia de xénero e o familiar ou menor acollido/a con quen conviva teña recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
2. As axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, comprenderá, sen prexuízo do disposto no seguinte parágrafo, a contía fixada pola resolución xudicial correspondente que quede pendente de pagamento tras a declaración de insolvencia do obrigado a esta, excluídos os xuros de mora.
A contía máxima da indemnización establécese en 6.000,00 € por cada persoa beneficiaria, excluídos os xuros de mora.
Artigo 6. Requisitos
1. Para ser beneficiaria das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, a solicitante deberá reunir, na data de solicitude da axuda e manter ata o momento en que se resolva a dita solicitude, os seguintes requisitos:
a) Ser muller vítima de violencia de xénero segundo o disposto no artigo 1 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro. Esta condición acreditarase con algún dos documentos establecidos no artigo 8.1.a).
b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
A residencia legal en España acreditarase mediante a inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros, no caso de mulleres nacionais dos Estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou da Confederación Suíza, ou coa tarxeta de familiar de cidadán da Unión ou autorización de residencia, en calquera das súas modalidades, no caso de mulleres estranxeiras doutra nacionalidade. Tamén poderá acreditarse a residencia legal en España, coa autorización provisional de residencia expedida pola autoridade que sexa competente para outorgar a autorización de residencia por circunstancias excepcionais, mentres se resolve sobre esta última autorización.
c) Non convivir co agresor.
d) Ter especiais dificultades para obter un emprego, que se acreditará a través do Informe do Servizo Público de Emprego recollido no artigo 10.
e) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
Esta axuda poderá percibirse en máis dunha ocasión cando a vítima sufrise violencias diferenciadas acreditadas de forma separada, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos nestas bases reguladoras.
2. En relación coas axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, poderán ser beneficiarias as mulleres vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e asistencialmente dunha muller que sufra violencia de xénero, nas cales concorran as seguintes circunstancias:
a) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia.
A residencia legal en España acreditarase mediante a inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros, no caso de mulleres nacionais dos Estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou da Confederación Suíza, ou coa tarxeta de familiar de cidadán da Unión ou autorización de residencia, en calquera das súas modalidades, no caso de mulleres estranxeiras doutra nacionalidade. Tamén poderá acreditarse a residencia legal en España, coa autorización provisional de residencia expedida pola autoridade que sexa competente para outorgar a autorización de residencia por circunstancias excepcionais, mentres se resolve sobre esta última autorización.
b) Non convivir co agresor.
c) Ter dereito á percepción dunha indemnización, por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento.
e) Que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida, segundo o establecido no artigo 7.2.
3. Unha vez presentada a solicitude das axudas previstas nesta orde, a obriga de manter o empadroamento e a residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia ata a resolución da súa solicitude poderá ser excepcionada, para ambas as axudas, no caso daquelas mulleres que, por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero, se vexan obrigadas ao traslado a outra comunidade autónoma do territorio nacional sempre que se xustifique con carácter previo esta circunstancia a través dun informe dos servizos de acollida ou dos servizos sociais da Administración pública galega autonómica ou local, ou de informe xudicial, do Ministerio Fiscal ou das forzas e corpos de seguridade.
Artigo 7. Regras para o cálculo da contía das axudas
1. En relación coas axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de conformidade co disposto no artigo 4 do Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula esta axuda, para os efectos de determinar o requisito de carencia de rendas, unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen, para estes efectos, as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima. Non obstante, se a solicitante da axuda tivese responsabilidades familiares segundo o establecido no artigo 11, entenderase que cumpre o requisito de carencia de rendas cando a renda mensual do conxunto da unidade familiar, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o 75 % do salario mínimo interprofesional. No suposto de que a solicitante percibise axudas ao abeiro da Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, estas deberán computarse como ingresos.
2. En relación coas axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a persoa beneficiaria divididos polo número de membros que a compoñen non superen o importe do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
3. Consideraranse rendas ou ingresos computables calquera ben, dereito ou rendemento derivado do traballo, do capital mobiliario ou inmobiliario, incluíndo os incrementos de patrimonio, das actividades económicas e os de natureza prestacional, agás as asignacións económicas da Seguridade Social por fillo/a ou menor acollido/a a cargo. Tamén se considerarán os rendementos que poidan deducirse do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o 50 % do tipo do xuro legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola solicitante e dos bens cuxas rendas sexan computadas. As rendas que non procedan do traballo e se perciban con periodicidade superior ao mes computaranse, para estes efectos, rateándose mensualmente.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. En relación coas axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero. As situacións de violencia de xénero que dan lugar ao recoñecemento do dereito a esta axuda económica acreditaranse mediante algún dos seguintes documentos:
1º. Orde de protección a favor da vítima, cando esta estea en vigor.
2º. Sentenza condenatoria definitiva, ou definitiva e firme, que conteña medidas de protección vixentes que acrediten a actualidade da situación de violencia.
3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de que a denunciante é vítima de violencia de xénero, mentres non se dite a orde de protección.
4º. Informe dos servizos sociais, dos servizos especializados, ou dos servizos de acollida destinados a vítimas de violencia de xénero da Administración pública competente. No caso de que a vítima sufrise violencias diferenciadas, no informe deberá facerse constar, e explicar de xeito claro e conciso, os distintos feitos que deron lugar ás violencias diferenciadas e que se acreditan de forma separada.
Estas acreditacións administrativas serán expedidas polas entidades e organismos habilitados polas administracións públicas competentes de conformidade co procedemento acordado no marco da conferencia sectorial correspondente.
5º. No caso de vítimas menores de idade, a acreditación poderá realizarse, ademais, por documentos sanitarios oficiais de comunicación á Fiscalía ou ao órgano xudicial.
b) No caso de que a solicitante teña ao seu cargo polo menos un familiar por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao, deberá achegar a seguinte documentación:
1º. Documentación para acreditar o vínculo familiar: libro de familia ou outro documento que acredite os vínculos familiares da solicitante coas persoas ao seu cargo.
No caso de menores acollidas/os a cargo, resolución administrativa ou xudicial de acollemento, nos supostos en que esta fose expedida por unha Administración distinta da Administración autonómica de Galicia.
2º. Documentación para acreditar que está/n ao seu cargo: se houbese convivencia cos/coas familiares a cargo, presentarase a resolución xudicial de custodia, informe dos servizos sociais, certificado de empadroamento colectivo onde consten todos os membros da unidade familiar e/ou calquera outra documentación que acredite suficientemente as responsabilidades familiares e a convivencia.
De non existir convivencia, presentarase o convenio regulador ou resolución xudicial en virtude dos cales exista obriga de alimentos.
No caso de que a convivencia estea interrompida por motivos derivados da situación de violencia de xénero, deberá acreditarse a través de informe dos servizos sociais da Administración pública autonómica ou local.
c) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, da solicitante e dos membros da unidade familiar de convivencia, de ser o caso, nómina, recibo ou resolución de calquera tipo de prestación ou subsidio.
d) Acreditación da discapacidade da solicitante e/ou das/dos familiares ao seu cargo ou menores acollidas/os, nos supostos en que fose expedida por unha Administración distinta da Xunta de Galicia, de ser o caso.
e) Anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, de ser o caso.
2. En relación coas axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Testemuño da resolución xudicial firme, ou copia desta, que recoñeza o dereito a unha indemnización por danos e perdas froito dunha situación de violencia de xénero.
b) Testemuño da resolución xudicial, ou copia desta, que recoñeza a insolvencia do debedor.
c) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, da solicitante e dos membros da unidade familiar de convivencia, de ser o caso, nómina, recibo ou resolución de calquera tipo de prestación ou subsidio.
d) Documentación acreditativa da composición da unidade familiar de convivencia, de ser o caso.
e) No caso de que a persoa solicitante sexa un/unha menor de idade que dependa dunha muller que sufra violencia de xénero ou unha persoa maior de idade que dependa económica e asistencialmente dunha muller que sufra violencia de xénero, deberá acreditarse a dita dependencia mediante o libro de familia e informe dos servizos sociais, resolución xudicial de custodia ou calquera outro documento que acredite suficientemente esta circunstancia.
f) Anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, de ser o caso.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. As solicitantes deberán comunicar á Consellería de Política Social e Igualdade calquera modificación que se produza nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante.
b) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a da persoa representante.
c) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante.
d) Certificado de residencia da persoa solicitante.
e) Certificado de residencia legal da persoa solicitante estranxeira.
f) Certificado ou volante de empadroamento, onde conste o domicilio da solicitante, con data da última variación padroal.
g) Certificado ou resolución do Servizo Público de Emprego Estatal en que consten os importes da prestación de desemprego percibidos na data actual.
h) Certificado ou resolución do Servizo Público de Emprego Estatal en que consten os importes da prestación de desemprego percibidos nun período.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Resolución de acollemento familiar emitida pola Xunta de Galicia.
b) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da solicitante e/ou dos/das familiares ou menores acollidos/as.
c) Certificado do grao e nivel de dependencia da solicitante e/ou dos/das familiares ou menores acollidos/as.
d) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) da solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
e) Certificado das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal, Maternidade e Paternidade da solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
f) Certificado da renda (IRPF).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Informe do Servizo Público de Emprego
1. Segundo dispón o Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, o informe do Servizo Público de Emprego deberá facer constar que a muller solicitante desta axuda, debido á súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais, non vai mellorar de forma substancial a súa empregabilidade pola súa participación nos programas de emprego específicos establecidos para a súa inserción profesional.
2. Para estes efectos, na elaboración do itinerario persoal de inserción laboral valorarase cada un dos factores mencionados no número anterior e a incidencia conxunta destes na capacidade de inserción profesional da vítima e sobre a mellora da súa empregabilidade.
3. Na apreciación da idade teranse en conta aquelas idades das cales o Servizo Público de Emprego, de acordo coa experiencia da muller solicitante, poida inferir a dificultade para a inserción laboral.
4. Na valoración das circunstancias relativas á preparación xeral ou especializada da vítima estimaranse, fundamentalmente, aqueles supostos de total falta de escolarización ou, se é o caso, de analfabetismo funcional.
5. Na valoración das circunstancias sociais atenderanse as relacionadas coa situación de violencia sufrida e a súa repercusión na participación ou aproveitamento dos programas de inserción, co grao de discapacidade recoñecido e calquera outra que, a xuízo do Servizo Público de Emprego competente, poidan incidir na empregabilidade da vítima.
Artigo 11. Responsabilidades familiares e convivencia
1. Consonte o establecido no artigo 7 do Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, existirán responsabilidades familiares cando a beneficiaria teña ao seu cargo, polo menos, un familiar por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive, co que conviva. Non se considerarán a cargo os/as familiares con rendas de calquera natureza superiores ao salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
2. As responsabilidades familiares deberán concorrer no momento da solicitude, agás no suposto de fillas e fillos que nazan dentro dos trescentos días seguintes. Neste suposto procederá revisar a contía da axuda percibida, de acordo co disposto no artigo 18, para adecuala á cantidade que lle correspondería se, na data da solicitude, concorren esas responsabilidades.
3. Entenderase que existe convivencia cando esta estea interrompida por motivos derivados da situación de violencia de xénero.
4. Non será necesaria a convivencia cando exista obriga de alimentos, en virtude de convenio ou resolución xudicial. Presumirase a convivencia, salvo proba en contrario, cando os/as familiares teñan recoñecida a condición de beneficiarios/as de asistencia sanitaria da Seguridade Social no documento que apareza estendido a nome da vítima.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Instrución
1. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección xeral con competencias en materia de violencia de xénero. A tramitación efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.
2. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a resolución.
3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na orde de convocatoria, a subdirección xeral con competencias en materia de violencia de xénero requirirá a interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, indicándolle que, se non o fixer se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro.
A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, e sempre que sexa preciso, a subdirección xeral con competencias en materia de violencia de xénero requirirá ás solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
5. O órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para as axudas concedidas polo procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos, formulará a proposta de concesión directamente ao órgano concedente.
6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.
7. Durante a tramitación do procedemento, o órgano instrutor solicitará a información necesaria co obxecto de comprobar que, antes de ditarse a resolución de concesión da axuda, se manteñen os requisitos para ser beneficiaria, especialmente no caso das axudas do artigo 2.1, que as medidas de protección seguen en vigor e que a solicitante non reiniciou a convivencia co agresor.
8. No caso das axudas da letra a) do artigo 2, á solicitude incorporarase o Informe do Servizo Público de Emprego, solicitado directamente pola Consellería de Política Social e Igualdade, para acreditar que a participación en programas de formación e/ou emprego non vai incidir de forma substancial na mellora da empregabilidade da beneficiaria.
Artigo 14. Resolución
1. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse na data de presentación da solicitude, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ao se aceptar coa presentación da solicitude.
3. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario. De producirse o esgotamento de crédito nunha data en que existan varias solicitudes que cumpran os requisitos para a concesión da axuda, establécense os seguintes criterios de prioridade e por esta orde para a súa resolución:
1º. Menores ingresos brutos en cómputo mensual, segundo o artigo 7.
2º. Maior grao de discapacidade da solicitante e/ou das/dos familiares e/ou menores acollidos/as a cargo.
3º. Maior número de familiares e/ou menores acollidas/os a cargo.
4º. Maior idade da solicitante.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, esta entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 15. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 16. Réxime de recursos
As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.
Artigo 17. Pagamento das axudas
1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A contía da axuda concedida aboaráselle ás beneficiarias nun pagamento único polo importe que lle corresponda, segundo a resolución de concesión.
2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que as solicitantes fagan constar na solicitude, que debe permanecer activa, para estes efectos, mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.
Artigo 18. Revisión da contía
1. No caso de fillas e fillos que nazan dentro dos trescentos días seguintes á solicitude, segundo o previsto no artigo 11 parágrafo segundo, a beneficiaria poderá solicitar a revisión da contía no prazo de tres meses desde o nacemento, para o cal deberá achegar a seguinte documentación:
a) Partida de nacemento da filla/o ou fillas/os que motivan a solicitude da revisión, ou do libro de familia en que figuran.
b) No caso de concorrer discapacidade nalgunha das fillas ou fillos nados con posterioridade á concesión da axuda, a certificación acreditativa de tal condición. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que fose expedida pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas competencias e se autorizase expresamente a Consellería de Política Social e Igualdade para o acceso telemático aos seus datos. Non obstante, deberá facer constar tal situación na solicitude de revisión.
2. Á solicitude de revisión seralle aplicable todo o procedemento xeral previsto para a tramitación destas axudas.
Artigo 19. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, de ser o caso, á revogación sen prexuízo do disposto no segundo parágrafo do artigo 21.
Artigo 20. Obrigas das beneficiarias
1. As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Así mesmo, teñen a obriga de comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias que fundamentan o dereito a percibir estas axudas, de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Política Social e Igualdade e de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
3. No caso das indemnizacións establecidas no artigo 2 letra a), de producirse o pagamento total ou parcial desa indemnización por parte do obrigado a satisfacela dentro dos catro anos seguintes á concesión da axuda, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicalo á Consellería de Política Social e Igualdade e a devolver total ou parcialmente, segundo o caso, a indemnización percibida, no prazo de dez (10) días contado desde que se realizase o pagamento.
Artigo 21. Reintegro
1. O órgano concedente poderá proceder á apertura do expediente declarativo de reintegro total ou parcial e dos xuros de mora devindicados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes supostos:
a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta orde.
b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos para a súa concesión ou falseando ou ocultando feitos ou datos que tivesen impedido a súa concesión.
c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.
2. No caso das indemnizacións establecidas no artigo 2 letra b), procederá tamén o reintegro das cantidades percibidas cando se producise o pagamento total ou parcial desa indemnización por parte do obrigado a satisfacela dentro dos catro anos seguintes á concesión da axuda e a persoa beneficiaria non o comunicase á Consellería de Política Social e Igualdade e non devolvese total ou parcialmente, segundo o caso, a indemnización percibida.
3. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da subvención. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.
Artigo 22. Incompatibilidades
1. O dereito á axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, será compatible coas axudas previstas na Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, coas pensións de invalidez e de xubilación da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva, así como con calquera outra axuda económica de carácter autonómico ou local concedida pola situación de violencia de xénero.
2. Cando se trate dun caso de violencia sexual cometido por quen sexa ou fose o seu cónxuxe o por quen estea ou estivese ligado á vítima por similares relacións de afectividade, aínda sen convivencia, a vítima deberá optar entre a axuda prevista no Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, e a axuda prevista no Real decreto 664/2024, do 9 de xullo.
3. A axuda de indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, é incompatible coa percepción de calquera outra axuda establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada destinadas ao mesmo fin.
4. Por teren distinta finalidade, a axuda económica e a indemnización reguladas nesta orde serán compatibles entre si.
Artigo 23. Transparencia e bo goberno
A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Artigo 24. Información ás persoas interesadas
1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 981 54 53 73 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal
2. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.
Artigo 25. Infraccións e sancións
As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa de aplicación.
Artigo 26. Remisión normativa
En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, no Real decreto 664/2024, do 9 de xullo, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa de aplicación.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición adicional segunda. Solicitudes pendentes de resolución
As solicitudes recibidas no prazo establecido na Resolución do 20 de decembro de 2023 pola que se regulan as bases reguladoras para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, que ao remate do exercicio anterior non acadasen a fase de resolución por non estaren completos os trámites previos, resolveranse con cargo aos créditos desta orde.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde
Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de violencia de xénero da Consellería de Política Social e Igualdade para ditar os actos e instrucións que sexan necesarios para o desenvolvemento e a execución desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
