DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 2025 Páx. 6070

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI434B) (Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero).

BDNS (Identif.): 809486.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Para ser beneficiaria destas axudas a solicitante deberá reunir, na data de solicitude da axuda e manter ata o momento en que se resolva a dita solicitude, os seguintes requisitos: a) Ser muller vítima de violencia de xénero segundo o disposto no artigo 1 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro. Esta condición acreditarase con algún dos documentos establecidos no artigo 8.1.a); b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo; c) Non convivir co agresor; d) Ter especiais dificultades para obter un emprego; e) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

Esta axuda poderá percibirse en máis dunha ocasión cando a vítima sufrise violencias diferenciadas acreditadas de forma separada, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos nestas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

Estas axudas de indemnización concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento SI434B).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de dous millóns seiscentos setenta e oito mil douscentos oitenta e tres euros (2.678.283,00 €).

O importe xeral desta axuda será o equivalente a seis meses do subsidio por desemprego vixente, e que pode chegar a ser o equivalente a doce, dezaoito ou vinte e catro meses do subsidio por desemprego vixente en función das rendas e ingresos, das responsabilidades familiares, ou do grao de discapacidade da solicitante e/ou familiares ou menores acollidos/as a cargo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 28 de novembro de 2025.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade