DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 2025 Páx. 6074

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Cultura, pola que se regulan as condicións para a participación na plataforma de novidades editoriais a que fai referencia a Orde do 16 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia (código de procedemento CT235A).

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no artigo 16.3 establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, os produtos editoriais galegos, segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura pública.

Pola súa parte, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e as restantes normas vixentes en materia de procedementos administrativos, facilitan o uso das tecnoloxías nos procedementos, polo que a posta en marcha dun sistema de adquisición de novidades editoriais en lingua galega, acorde á nova realidade da dixitalización dos servizos públicos e que facilite a xestión de provedores e demandantes dos materiais obxecto da axuda, debe ser a forma habitual de relacionarse con estas entidades.

Esta é a razón para ofrecer un sistema de adquisición dos libros editados como novidades editoriais a través dunha plataforma dixital electrónica, https://novidadeseditoriais.xunta.gal/nedito/bienvenida (Nedito), que facilitará a visibilidade e a celeridade da subministración do material bibliográfico aos servizos bibliotecarios dependentes da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, ao tempo que se inicia a súa comercialización.

O sistema de adquisición de novidades editoriais que puxo en marcha esta consellería hai uns anos funciona a través da devandita aplicación web e permite a xestión en liña da compra das novidades editoriais en lingua galega en formato físico por parte dos concellos titulares de bibliotecas e axencias de lectura públicas, no marco da convocatoria de axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura, integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, para a adquisición de novidades editoriais en galego... (código de procedemento CT235A).

Con este sistema garántese a actualización continua dos fondos bibliográficos en galego nas bibliotecas públicas, á vez que serve de escaparate único e dinámico de todas as publicacións en galego que realizan as editoriais.

Para a posta en marcha deste sistema cómpre que as editoriais poidan incorporar as súas novidades editoriais, en galego e en formato físico, á plataforma Nedito; para iso, mediante esta resolución, infórmanse as empresas editoras interesadas de que se abre a plataforma para que, as que cumpran os requisitos establecidos, poidan ofrecer as súas obras a través deste sistema ás bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular a plataforma de novidades editoriais en galego para o ano 2025 e anunciar a súa activación no enderezo electrónico https://novidadeseditoriais.xunta.gal, co fin de permitir ás editoriais incorporar as súas novidades editoriais en galego e en formato físico, publicadas entre o 1.9.2024 e o 30.9.2025.

A plataforma estará activada entre o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución e o 31 de outubro de 2025 (incluído).

As obras incorporadas poderán ser adquiridas polas bibliotecas públicas beneficiarias da subvención establecida no Programa A, a que fai referencia a Orde do 16 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura, integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (código de procedemento CT235A).

Segundo. Destinatarios

Esta resolución vai dirixida ás persoas físicas ou xurídicas que teña a condición de editora, tanto as que se inscriban por primeira vez na plataforma de adquisición de novidades editoriais en galego, como as inscritas en anos anteriores que queiran reactivar a súa conta para a convocatoria de 2025.

Terceiro. Condicións e obrigas das editoriais para a inscrición na plataforma

1. Poderá inscribirse ou solicitar a reactivación da súa conta toda persoa física ou xurídica que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de editora. Para estes efectos, no imposto de actividades económicas (IAE) debe figurar a epígrafe «edición de libros» ou outra en que quede claro a condición de editora.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. As editoriais que participen nesta convocatoria non poderán incorporar libros á plataforma electrónica, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, con data posterior ao 15 de outubro de 2025.

3. Se a editorial, ao longo do período de inscrición das súas publicacións, non cumpre cos requisitos mencionados, a Dirección Xeral de Cultura anulará o seu dereito de permanecer na plataforma dixital ata que regularice a súa situación.

Cuarto. Condicións e obrigas das obras editoriais incorporadas á plataforma

1. As novidades editoriais ofertadas polas editoriais presentadas na plataforma dixital deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar publicadas en lingua galega, de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo) e en formato impreso.

b) A primeira edición deberá estar publicada entre o 1 de setembro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, ambos incluídos.

c) Non seren libros de texto ou outro material curricular.

2. As novidades editoriais que se inscriban estarán dispoñibles na plataforma dixital, ben como publicacións xa editadas, ben como futuras; neste último suposto, a editorial deberá cambialas de estado na plataforma dixital no momento en que inicie a súa comercialización; en ambos os dous casos deben estar editadas dentro do seguinte período: 1 de setembro de 2024 a 30 de setembro de 2025, ambos incluídos.

Quinto. Prazo, condicións e forma de inscrición e/ou reactivación

1. As persoas físicas ou xurídicas que cumpran os requisitos establecidos no punto terceiro poderán inscribirse ou, se é o caso, solicitar a reactivación da súa conta a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 15 de setembro de 2025 (incluído) na plataforma dixital de novidades editoriais da Xunta de Galicia, https://novidadeseditoriais.xunta.gal

2. Os fondos bibliográficos para incorporar á plataforma deberán cumprir as condicións establecidas nesta resolución (punto cuarto).

3. A inscrición ou reactivación da conta na plataforma electrónica comporta a autorización á Dirección Xeral de Cultura, unidade tramitadora desta plataforma, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o imposto de actividades económicas (IAE). Non obstante, a editorial ou o representante que se opoña á consulta debe enviar as correspondentes certificacións á Dirección Xeral de Cultura, a través dos sistemas establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e informar de tal punto para facilitar a xestión no seguinte enderezo de correo electrónico: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal

4. As editoriais deberán inscribirse seguindo o seguinte procedemento:

a). Editoriais que non estivesen dadas de alta en anos anteriores.

Para proceder á inscrición na plataforma, as editoriais que cumpran os requisitos establecidos nesta resolución poden acceder a ela a través do enderezo electrónico https://novidadeseditoriais.xunta.gal , premer en «se é unha editorial e non se rexistrou no sistema previamente..» e cumprimentar os datos para solicitar a alta.

b) Editoriais xa inscritas na plataforma en convocatorias anteriores.

As editoriais xa inscritas na plataforma que desexen volver participar na nova convocatoria deben acceder a ela a través do enderezo electrónico https://novidadeseditoriais.xunta.gal, solicitar a activación da alta, premendo en «se dispón de usuario e contrasinal ..» e solicitar a reactivación.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos pola Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, activaranse os permisos para que podan subir as súas obras.

Sexto. Procedemento de adquisición por parte das bibliotecas públicas

1. A plataforma dixital xestionará os pedidos recibidos desde os titulares de bibliotecas da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante, asumindo estas os custos da distribución. O pedido deberá ser enviado e recibido coa maior brevidade posible, sen que poida superar un prazo máximo de 15 días naturais desde a súa data de recepción.

2. A entidade local, titular das bibliotecas ou axencias de lectura pública que realizase os pedidos de libros a través da plataforma, será a encargada de realizar o pagamento ás editoriais que os entregaron.

3. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través do Servizo do Libro e Publicacións, excluirá as publicacións que non cumpran os requisitos antes mencionados. O incumprimento relativo ao ano de edición do libro suporá, ademais, a exclusión da editorial da plataforma para as dúas seguintes convocatorias.

Sétimo. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2025

Anxo Manuel Lorenzo Suárez
Director xeral de Cultura