DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2025 Páx. 6689

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de xaneiro de 2025 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa que presta servizos de mantemento dos hospitais do Servizo Galego de Saúde na Área Sanitaria da Coruña e Cee, que se desenvolverá, con carácter indefinido, a partir das 00.00 horas do día 27 de xaneiro de 2025.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

Así mesmo, o artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo establece que cando a folga se declare en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade e concorran circunstancias de especial gravidade, a autoridade gubernativa poderá acordar as medidas necesarias para asegurar o funcionamento dos servizos.

Ademais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, entre outras STC 183/2006, do 19 de xuño, vén considerando como servizos esenciais aqueles que satisfagan dereitos e intereses dos cidadáns vinculados aos dereitos fundamentais, liberdades públicas e bens constitucionalmente protexidos, como son os dereitos á protección da saúde e o dereito á seguridade e hixiene no traballo.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en aras de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Os representantes do persoal da empresa Veolia Servicios Norte, S.A.U., que presta servizos de mantemento nos hospitais do Servizo Galego de Saúde da Área Sanitaria da Coruña e Cee, comunicaron a convocatoria dunha folga que se desenvolverá, con carácter indefinido, a partir das 00.00 horas do día 27 de xaneiro de 2025.

Con base no que antecede, e logo da audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada afecta todos/as os/as traballadores/as da empresa Veolia Servicios Norte, S.A.U., que prestan servizos de mantemento nos hospitais do Servizo Galego de Saúde da Área Sanitaria da Coruña e Cee, e terá lugar, de luns a domingo, durante as 24 horas, con carácter indefinido, a partir das 00.00 horas do día 27 de xaneiro de 2025.

En consecuencia, tivéronse en conta para a determinación dos servizos esenciais os seguintes factores para a cobertura da seguridade en relación co ambiente sanitario: o risco para os/as pacientes, usuarios/as e traballadores/as derivado da realización de actividades e do uso de materiais sobre os que se proxectan as tarefas de mantemento, a súa conseguinte afectación á actividade asistencial e o volume de población atendida no devandito ámbito.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a cobertura axeitada do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E ao propio tempo responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza dun mínimo de persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito –nomeadamente a reparación de eventuais avarías nos equipamentos e instalacións e o cumprimento normativo en materia de mantemento das instalacións–, determinan que se opte, como criterio reitor para a fixación dos servizos mínimos, pola presenza dos efectivos dun domingo ou festivo.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base no criterio anterior faraa a empresa coordinadamente coa Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee, e a súa fixación debe estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe contar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta resolución recóllese o número de efectivos de servizos mínimos acordado para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos/das usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Hospital Teresa Herrera

Mañá

Tarde

Noite

1

1

1

Hospital Abente e Lago

Mañá

Tarde

Noite

1

1

1

Hospital Marítimo de Oza

Mañá

Tarde

Noite

1

1

1*

*Noites con servizo de garda.

Hospital Virxe da Xunqueira

Mañá

Tarde

Noite

1

1

1*

*Noites con servizo de garda.

Lavandaría

Mañá

Tarde

Noite

1

1

0

Ademais destas presenzas, habería un profesional de apoio, centralizado no Hospital Teresa Herrera.