DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2025 Páx. 6686

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 1/2025, do 13 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vila de Cruces, do treito final da PO-204 de titularidade da Xunta de Galicia, xunto co seu dominio público viario.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Vila de Cruces solicita á Xunta de Galicia a titularidade do treito final da estrada PO-204, (p.q. 17+142 a p.q. 17+240), o cal se corresponde cunha parte da rúa Sergio Iglesias Pazos, integrado no núcleo urbano de Vila de Cruces.

A estrada PO-204 está categorizada funcionalmente polo Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG) como rede local e discorre entre o núcleo de Bandeira, no concello de Silleda, e o núcleo de Vila de Cruces, no concello do mesmo nome. Trátase dunha estrada que non constitúe un itinerario entre capitalidades municipais, ao non ser o núcleo de Bandeira capital do municipio de Silleda. O seu p.q. final, no núcleo de Vila de Cruces, non conecta coas estradas PO-905, PO-205 e PO-206, polo que non existe continuidade co resto da rede autonómica. O treito final desta estrada discorre por solo clasificado como urbano e ten un marcado carácter local e urbano, polo que o treito solicitado polo Concello de Vila de Cruces cumpre co indicado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG), o cal indica que «os cambios de titularidade de treitos de estrada a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de xaneiro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vila de Cruces, do treito final da PO-204 de titularidade da Xunta de Galicia, xunto co seu dominio público viario:

Denominación

Pqi

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Pqf

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Lonx.

(metros)

Superficie

DPV (m2)

Treito final da PO-204

(rúa Sergio Iglesias Pazos)

17+142

X= 567.840

y= 4.738.158

17+240

X= 567.910

y= 4.738.227

98

1.162

Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño (DOG núm. 129, do 8.7.2021), no sentido de reflectir este cambio de titularidade, que quedaría da seguinte forma:

Clave

Denominación

Treito

PQi

Pqf

Lonxitude treito (km)

Lonxitude total (km)

Categoría funcional

Clase de estrada

Provincia

PO-204

Bandeira (N-525)-Vila de Cruces

Bandeira (N-525)-Vila de Cruces

0+000

17+142

17,142

17,142

Local

Estrada convencional

Pontevedra

O documento do Catálogo e as súas modificacións posteriores poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Vila de Cruces deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Vila de Cruces, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas