A presente modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral e de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia xustifícase pola necesidade de axustala, maiormente, á creación e modificación de postos derivados da execución de sentenzas xudiciais firmes de recoñecemento de situacións de persoal laboral indefinido non fixo, en concordancia coa natureza funcionarial ou laboral en relación coas funcións asignadas nas correspondentes sentenzas xudiciais firmes, e adscribir aos postos o persoal afectado.
Está xustificada tamén pola necesidade de atender os compromisos derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público (BOE número 312, do 29 de decembro).
Cómpre destacar que os postos afectados por esta modificación se crean nas relacións de postos de traballo vixentes, actualmente en proceso de adaptación aos cambios efectuados polos recentes cambios de decretos de estrutura.
En consecuencia, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación da Comunidade Autónoma e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 27 de decembro de 2024, adoptou o seguinte
ACORDO:
Primeiro. Aprobar a modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral e de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos que se sinalan no anexo deste acordo.
Segundo. Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para os efectos da entrada en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.
Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 27 de decembro de 2024, relativo á aprobación da modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral e de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de cumprir o dito acordo, de conformidade coa Orde da Consellería de Facenda do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (DOG número 16, do 24 de xaneiro), dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo desta resolución.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
