DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2025 Páx. 6674

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT811C).

BDNS (Identif.): 810265.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que acrediten a adopción dun animal doméstico de compañía abandonado que proveña dalgún dos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, ademais de se cumpriren con respecto ao animal obxecto de adopción os requisitos establecidos no artigo 24.2 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas a fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT811C).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 20 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT811C).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de corenta mil euros (40.000 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2025.

Sexto. Outros datos

Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde os custos derivados da identificación, esterilización, desparasitación e vacinación, segundo proceda, que o propio centro de recollida ou un centro veterinario colaborador deste poida repercutir sobre quen adopte un animal doméstico de compañía abandonado acollido nun dos centros de recollida autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia no período comprendido desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambos incluídos.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático