DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2025 Páx. 6879

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convoca concurso de traslados entre o persoal funcionario dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza.

A Dirección Xeral de Xustiza, coordinadamente co Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, de conformidade co establecido no título VIII da Lei 19/2003, do 23 de decembro, que modifica a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e no artigo 43 e seguintes e disposición derrogatoria única do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, dispuxo convocar concurso de traslados para a provisión dos postos de traballo vacantes na Administración de xustiza dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial, dotados orzamentariamente, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

En atención ao dito, a cobertura das vacantes que se relacionan no anexo I farase consonte as seguintes bases:

Primeira. Postos que se poden solicitar

1. As funcionarias e os funcionarios participantes poderán solicitar calquera das prazas incluídas no anexo I, sempre que reúnan as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e que os manteñan todos ata a resolución definitiva do concurso, sen ningunha limitación por razón da localidade de destino.

2. As ditas vacantes identificaranse polo número de orde do órgano xudicial. Coa soa solicitude do número de orde dun órgano xudicial enténdense solicitadas todas as prazas vacantes anunciadas para ese número de orde do corpo existentes no dito órgano e, así mesmo, todas as súas posibles resultas, naqueles casos en que se anuncien.

3. Tamén poderán solicitar as prazas que queden vacantes como consecuencia da resolución deste concurso, que se incorporarán en concepto de resultas ás vacantes ofertadas, salvo que estean ocupadas por persoal funcionario titular adscrito provisionalmente, que se pretendan amortizar en virtude de proxecto de modificación do cadro de persoal orgánico, redistribución ou reordenación de efectivos, ou cando a dotación asignada a un órgano xudicial se encontre sobredotada por un ou máis funcionarias ou funcionarios titulares, en que casos non se xerará ningunha resulta correspondente ás prazas do corpo de que se trate. Tampouco producirá resulta o persoal funcionario que, estando a ocupar unha praza en adscrición provisional, participe neste concurso e obteña unha praza con carácter definitivo. Poderanse solicitar intercaladas vacantes e resultas.

As prazas que se anuncien unicamente en calidade de posibles resultas teñen que se identificar igualmente polo número de orde do órgano xudicial. Coa soa solicitude do número de orde dun órgano xudicial enténdense solicitadas todas as posibles resultas que se poidan producir para ese número de orde do corpo correspondente.

Non teñen a consideración de resultas aquelas prazas que deixe desertas o persoal funcionario participante noutros concursos simultáneos a este.

Co fin de que as persoas participantes no concurso poidan exercer o dereito que se lles recoñece de solicitar as resultas producidas pola súa resolución, desde a data de publicación desta convocatoria e durante o período de presentación de solicitudes, expóñese na páxina web do Ministerio de Xustiza (www.mjusticia.gob.es) e nos departamentos competentes das consellerías das comunidades autónomas con transferencia de funcións en materia de provisión de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, a relación de órganos xudiciais, fiscais e servizos da Administración de xustiza da mesma natureza que os convocados que se poden solicitar, con indicación do número de orde dos ditos órganos.

As funcionarias e os funcionarios participantes deberanse asegurar de que os números de orde de convocatoria que especifiquen na súa instancia se corresponden cos publicados para este concurso, tanto no anexo I como nas resultas, co fin de evitar que se indiquen outros códigos correspondentes a outros concursos.

4. As siglas VSM que aparecen en determinadas prazas significan que estes órganos xudiciais compatibilizarán as súas funcións correspondentes á orde civil e penal coa materia relativa á violencia sobre a muller, segundo o Acordo do 22 de xuño de 2005 do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (BOE do 28 de xuño). O resto de siglas que figuran na columna «Denominación» e «ATP» significan o seguinte: AV (asistencia á vítima); CP (centro penitenciario); DE (dedicación especial); GU (gardas); HE (horario especial); ML (medicina legal), PERS. ADTVO. D. PROV. (persoal administrativo en delegacións provinciais).

5. Neste concurso xeral anual e a resultas, o número máximo de órganos xudiciais que se poderá solicitar entre prazas vacantes e resultas non poderá superar os 200 números de orde, entendendo que cada número de orde comprende todas as vacantes anunciadas e posibles resultas, se for o caso, do órgano xudicial de que se trate. Establécese este límite de acordo coa facultade que permite o artigo 42 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, co obxecto de axilizar o concurso, dada a participación masiva de funcionarios/as e que se trata dun concurso xeral que afecta os tres corpos ou escalas, e en virtude do disposto no acordo marco subscrito entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas que recibiron o traspaso de competencias de medios persoais e materiais.

6. Non se admitirá ningunha modificación á solicitude de destino formulada unha vez transcorrido o prazo de presentación de instancias. Tampouco se admitirá, unha vez resolto o concurso definitivamente, a renuncia ao destino obtido, por ningún motivo alegado, nin tampouco polo feito de se ter equivocado a persoa concursante á hora de cubrir os números de orde da instancia, polo que as persoas interesadas que participen no concurso deberán asegurarse de que todos os números de orde de convocatoria que solicitan se corresponden exactamente coas denominacións dos órganos xudiciais ofertados.

7. Poderase admitir a renuncia á participación no concurso dentro do prazo de presentación de instancias e durante os dez días hábiles subseguintes ao do remate do dito prazo.

8. Excepcionalmente, poderase eliminar algunha das prazas anunciadas como vacantes ou resultas no caso de que se produza de forma sobrevida algunha circunstancia que obrigue a facelo así.

9. No suposto de que se produza unha separación de xurisdicións nalgún partido xudicial do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, as prazas afectadas pola dita separación, anunciadas no anexo I desta convocatoria, e as súas respectivas resultas, entenderanse referidas aos órganos xudiciais coa nova denominación.

Segunda. Requisitos e condicións xerais de participación

1. Poderán tomar parte neste concurso e solicitar as vacantes de órganos xudiciais dos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza as funcionarias e os funcionarios pertencentes aos ditos corpos ou escalas, calquera que sexa a súa situación administrativa, agás aquelas persoas que, tendo obtido destino en anteriores concursos, non tomasen posesión do destino que lles foi adxudicado; aquelas persoas declaradas en suspensión firme, mentres dure a suspensión, e aquelas persoas sancionadas con traslado forzoso, ata que transcorra un ou tres anos, para obteren destino na mesma localidade en que se lles impuxo a sanción, se se trata de falta grave ou moi grave, respectivamente; neste caso, computaranse os prazos de conformidade co previsto no artigo 43.2.c) do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro.

O persoal funcionario en situación de servizo activo deberá manter esta situación ata a resolución definitiva do concurso. Aquelas persoas que se encontren nas situacións de servizos especiais ou excedencia voluntaria por coidado de familiares, no suposto de reingresaren ao posto de traballo reservado, non serán excluídas da participación no concurso. Tampouco será excluído o persoal funcionario en activo que pase á situación de servizos especiais ou excedencia voluntaria por coidado de familiares.

No caso de que as persoas concursantes que se encontren nas situacións de servizo activo, servizos especiais ou excedencia voluntaria por coidado de familiares pasen, durante o proceso de resolución do concurso, ás situacións de excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público, excedencia voluntaria por interese particular, excedencia voluntaria por agrupación familiar ou suspensión definitiva, serán excluídas da participación no concurso.

Se o persoal funcionario en situación de excedencia voluntaria por estar a prestar servizos como substituta ou substituto no corpo de letrados da Administración de xustiza participa no concurso solicitando o reingreso e, ao longo do proceso do concurso, é adscrito provisionalmente no corpo de xestión, non se considerará que se modifica a súa situación administrativa para os efectos previstos na base primeira, punto 1. Tampouco sería excluído por motivo de cambio de situación administrativa o persoal funcionario adscrito provisional no corpo de xestión, procedente da situación de excedencia voluntaria por prestar servizos como letrada substituta ou letrado substituto, se, unha vez transcorrido o prazo de presentación de instancias, volve ser nomeado letrada substituta ou letrado substituto.

2. As funcionarias e os funcionarios dos corpos ou escalas de xestión, tramitación e auxilio só poderán participar para o mesmo corpo ou escala en que están en activo se, na data de remate do prazo de presentación de instancias, transcorreu un período de dous anos desde que se ditou a resolución pola que se convocou o concurso de traslados en que o persoal funcionario obtivo o seu último destino definitivo no corpo ou escala desde o cal participa, ou a resolución en que se lle adxudicou destino definitivo, se se trata de persoal funcionario de novo ingreso. Para o cómputo dos anos, considerarase como primeiro ano o ano natural en que se ditaron as resolucións de que se trate, con independencia da súa data, e como segundo ano o ano natural seguinte (artigo 46.1 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro).

3. O persoal funcionario reingresado ao servizo activo mediante adscrición provisional (artigo 68.c) do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro), obrigado a participar nos concursos de acordo coa normativa vixente, estará excluído da limitación temporal prevista no número 2 desta base. Estará obrigado a solicitar todas as prazas vacantes e posibles resultas anunciadas correspondentes ao seu corpo ou escala da provincia onde se encontre adscrito. De non participar no primeiro concurso convocado con posterioridade á adscrición provisional, pasará á situación de excedencia voluntaria por interese particular. No caso de que, existindo prazas na provincia de adscrición, non solicite todos os postos de traballo ou solicite postos de traballo doutra provincia, e non obteña destino, o órgano competente da comunidade autónoma transferida ou do ámbito do ministerio en que estea adscrito adxudicaralle, con carácter definitivo, unha praza no ámbito da provincia en que estea adscrito provisionalmente e, na súa falta, no ámbito da comunidade autónoma.

No caso de non obter destino definitivo e de que se cubrise o posto de traballo que ocupaba provisionalmente, adscribiraáse de novo de forma provisional a un posto de traballo vacante de calquera oficina xudicial ou centro de destino situado na provincia ou na área territorial en que se agrupasen as vacantes para o efecto de concurso. Se non obtivén destino definitivo no seguinte concurso, adxudicaráselle de forma definitiva calquera dos postos de traballo que resulten vacantes no dito concurso en calquera ámbito territorial (artigo 69 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro). Deberá achegar, canda a súa instancia, o documento F1R polo que se adscribiu provisionalmente á praza na que se encontre desempeñando actualmente as súas funcións.

Con relación ao persoal funcionario adscrito provisional destinado nalgunha unidade organizativa dentro dos partidos xudiciais afectados pola primeira fase de implantación e axuste dos tribunais de instancia, en virtude da Lei orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza, non terá a obriga de concursar, xa que as prazas que deberían solicitar non se anuncian neste concurso, polo que permanecerá na situación de adscrición provisional. Con todo, aquel persoal que desexe concursar poderá facelo e, en caso de non obter destino, seguirá en situación de adscrición provisional.

4. O persoal funcionario que se encontre na situación de excedencia voluntaria establecida no artigo 506.d) da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, que modifica a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial (excedencia por prestación de servizos no sector público), non terá ningunha restrición temporal para reingresar no corpo en que figure na dita situación.

O persoal funcionario que se encontre nas situacións de excedencia voluntaria establecidas no artigo 506, letras e) e f), da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, que modifica a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo do poder xudicial (excedencia por interese particular e por agrupación familiar), só poderá participar no concurso se na data de remate do prazo de presentación de solicitudes transcorreron dous anos, como mínimo, desde que foi declarado en tal situación.

5. O persoal funcionario en situación de excedencia para o coidado de familiares ao abeiro do disposto no artigo 509 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, só poderá concursar se transcorreron os dous anos establecidos no artigo 46.1 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro.

6. O persoal funcionario en situación de suspensión definitiva que se encontre adscrito con carácter provisional (artigo 68.e) do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro) deberá participar neste concurso co obxecto de obter un posto de traballo definitivo. De non participar neste concurso ou non obter o posto de traballo solicitado, destinarase, se for o caso, con carácter definitivo, a calquera dos non adxudicados ao resto de persoas concursantes dentro do ámbito territorial correspondente onde se encontre adscrito.

7. O persoal funcionario do corpo de xestión procesual e administrativa que se encontre adscrito provisionalmente, con anterioridade ao 24.12.2024, por cesar como letrada substituta ou letrado substituto, desfrutará de dereito preferente para ocupar, a primeira vez que se anuncien a concurso, postos de traballo xenéricos na localidade onde se encontre adscrito, segundo o establecido no artigo 70.3 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, e non perderá a preferencia se, unha vez transcorrido o prazo de presentación de instancias, volve ser nomeado letrada substituta ou letrado substituto. Se non pode chegar a ocupar tales postos de traballo por concorrer a eles con outro persoal funcionario tamén con dereito preferente, continuará en situación de adscrición provisional ata que se lle poida adxudicar posto de traballo definitivo en virtude da súa participación nos sucesivos concursos e solicitude neles de todas as prazas vacantes na localidade de adscrición.

De non pedir a preferencia indicada, non participar no concurso ou non solicitar todas as prazas vacantes do anexo I da localidade en que se encontre adscrito, mesmo cando non fose anunciada a praza en que se encontre adscrito provisional, derivando diso a non obtención de posto de traballo, será destinado, polo órgano competente da comunidade autónoma transferida ou do ámbito do ministerio en que estea adscrito, con carácter definitivo a calquera dos postos non adxudicados.

Se a dita adscrición provisional se efectuou dentro do prazo de presentación de instancias, non ten a obriga de concursar.

Con relación ao persoal funcionario que cesase como letrado/a substituto/a e que estea en adscrición provisional con anterioridade ao 24.12.2024 nalgunha unidade organizativa dentro dos partidos xudiciais afectados pola primeira fase de implantación e axuste dos tribunais de instancia, en virtude da Lei orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza, non terá a obriga de concursar, xa que as prazas que deberían solicitar non se anuncian neste concurso, polo que permanecerá na situación de adscrición provisional. Con todo, aquel persoal que desexe concursar, poderá facelo, pero sen a preferencia establecida no primeiro parágrafo deste punto, e, no caso de non obter destino, seguirá en situación de adscrición provisional.

8. O persoal funcionario que renunciase a un posto de traballo obtido por concurso específico (artigo 68.a) do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro) téndoselle atribuído o desempeño provisional dun posto de traballo, desfrutará de dereito preferente para ocupar, a primeira vez que se anuncie a concurso, un posto de traballo xenérico na mesma localidade onde servía cando se produciu o seu cesamento, para o cal deberá solicitar todos os postos de traballo que se convoquen na dita localidade, segundo o establecido no artigo 54 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro. De non participar neste concurso, adxudicaráselle con carácter definitivo calquera dos postos non adxudicados.

O persoal funcionario que renunciase ou que fose cesado nun posto de traballo obtido por libre designación (artigos 62 e 68.a) do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro) téndoselle atribuído o desempeño provisional dun posto de traballo, desfrutará de dereito preferente para ocupar, a primeira vez que se anuncie a concurso, un posto de traballo xenérico na mesma localidade onde servía cando se produciu o seu cesamento, para o cal deberá solicitar todos os postos de traballo que se convoquen na dita localidade. De non participar neste concurso ou de non obter ningún dos destinos solicitados, adxudicaráselle con carácter definitivo calquera dos postos non adxudicados.

Con relación ao persoal funcionario que renuncie ou cese nun posto obtido por concurso específico ou libre designación nalgunha unidade organizativa dentro dos partidos xudiciais afectados pola primeira fase de implantación e axuste dos tribunais de instancia, en virtude da Lei orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza, e que estea adscrito provisional, non terá a obriga de concursar, xa que as prazas que debería solicitar non se anuncian neste concurso, polo que permanecerá na situación de adscrición provisional. Con todo, aquel persoal que desexe concursar, poderá facelo sen a preferencia establecida no primeiro e segundo parágrafos deste punto e, no caso de non obter destino, seguirá en situación de adscrición provisional.

9. Regulación do dereito de preferencia á localidade indicado nos puntos 7 e 8 desta base:

9.1. A preferencia estende os seus efectos a todos os números de orde vacantes dunha localidade determinada, pero iso non implica que se lle deba adxudicar o primeiro número de orde de preferencia que solicite na súa instancia a persoa interesada, senón que a norma establece que a persoa concursante con este dereito obteña destino en calquera número de orde anunciada como vacante nunha localidade determinada, coas especificacións que se indicarán nos puntos seguintes, polo que, para exercer este dereito, deberá solicitar obrigatoriamente todos os números de orde de convocatoria vacantes do anexo I que se oferten na localidade para a cal se exerce a preferencia e agrupar estas peticións nos primeiros números de orde de preferencia da solicitude, ordenando o resto dos números de orde de convocatoria pedidos sen preferencia a continuación, entre os cales tamén se poderá solicitar voluntariamente o resto de números de orde de convocatoria a resultas da localidade para a cal se exerce a preferencia. Igualmente deberá solicitalo na súa instancia, especificando a localidade do destino onde se encontre adscrito na epígrafe P-1, achegando o documento acreditativo da dita preferencia (adscrición provisional) segundo o establecido na base cuarta, punto 7.

9.2. De non obter destino coa súa puntuación nalgún dos números de orde de convocatoria solicitados na localidade para a cal se exerceu a preferencia e de non existir outro persoal funcionario tamén con preferencia para a mesma localidade e con maior puntuación, adxudicaráselle aquel número de orde da dita localidade do anexo I que obtivese a persoa concursante con menor puntuación; en caso de empate dirimirase entre varias persoas concursantes polo número de escalafón, perdendo, e este perderá o dereito para obter destino nese número de orde, pero podendo optar aos seguintes da súa solicitude de participación.

9.3. Non se terá en conta a preferencia se non cumpre cos seguintes requisitos: solicitar todos os números de orde de convocatoria vacantes do anexo I da localidade de que se trate nos primeiros postos de preferencia da solicitude; facer constar expresamente na epígrafe P-1 do modelo de instancia a localidade para a cal desexa acollerse á preferencia, e achegar o documento aludido no punto 9.1.

10. O persoal funcionario rehabilitado adscrito provisionalmente a que se refiren o artigo 68.f) e o número 2 do artigo 72 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, deberá participar no primeiro concurso de traslados que se convoque, co obxecto de obter un posto de traballo. De non participar neste concurso ou non obter o posto de traballo solicitado, destinarase, se for o caso, con carácter definitivo a calquera dos non adxudicados ás outras persoas concursantes en calquera ámbito territorial.

11. O persoal funcionario cuxo posto de traballo lle fose adxudicado de forma forzosa por mor da reordenación de efectivos prevista no artigo 52 do Regulamento orgánico dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, poderá participar nos concursos de traslados mesmo cando non transcorrese o prazo legalmente establecido. Así mesmo, terá dereito preferente, por unha soa vez, para obter outro posto do propio centro de traballo (artigo 51 do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro) con ocasión de concurso ordinario en que se ofreza e tomando parte nel.

Para poder exercer o dito dereito, deberá axustarse ás seguintes especificacións:

– Solicitar nos primeiros lugares de orde de preferencia da solicitude aqueles postos de traballo pertencentes ao centro de traballo para o cal desexa acollerse á citada preferencia.

– Indicar no modelo de instancia marcado como V-3, na epígrafe P-2, o centro de traballo e a localidade para a cal desexa acollerse á preferencia.

– Achegar documento acreditativo do seu nomeamento con carácter forzoso para o centro de traballo e a localidade indicados na epígrafe P-2.

No caso de que non se sigan as instrucións especificadas nos tres parágrafos anteriores, perderá, para este concurso, o dereito preferente que lle recoñece o citado artigo 52.c).

12. O persoal funcionario cuxo posto de traballo lle fose adxudicado mediante un proceso de reasignación forzosa previsto no artigo 67 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, poderá participar nos concursos de traslados mesmo que non transcorrese o prazo legalmente establecido no artigo 46.1 do mesmo regulamento. Así mesmo, terá dereito preferente para obter un posto de traballo no seu centro de destino de orixe no primeiro concurso de postos xenéricos en que se oferten prazas do dito centro.

Para poder exercer este dereito, deberá axustarse ás seguintes especificacións:

– Solicitar nos primeiros lugares de orde de preferencia da solicitude aqueles postos de traballo pertencentes ao centro de destino para o cal desexa acollerse á citada preferencia.

– Indicar no modelo de instancia marcado como V-3, na epígrafe P-2, o centro de traballo e a localidade para os cales desexa acollerse á preferencia.

– Achegar documento acreditativo do seu nomeamento por reasignación forzosa para o centro de destino e a localidade indicados na epígrafe P-2.

No caso de que non se sigan as instrucións especificadas nos tres parágrafos anteriores, perderá, para este concurso, o dereito preferente que lle recoñece o citado artigo 67.

13. O persoal funcionario que estea a desempeñar un posto singularizado por concurso específico ou por libre designación poderá participar neste concurso sempre que desempeñase o citado posto polo menos durante un ano, contado desde a data da súa toma de posesión (artigo 54 ou 62 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro).

14. Ao resultaren irrenunciables os destinos obtidos por instancia do persoal funcionario, no caso de que a persoa reingresada ao servizo obteña destino mediante concurso de traslados, quedará automaticamente en excedencia no corpo en que se encontraba en activo. Non obstante, aqueles/as funcionarios/as que obtivesen un posto de traballo por concurso específico poderán renunciar a este se antes da finalización do prazo de toma de posesión obteñen un destino definitivo neste concurso, e a persoa interesada quedará obrigada a comunicarllo ao órgano convocante. De incumprir este deber de comunicación, deberá tomar posesión no primeiro dos destinos adxudicados, segundo o establecido no artigo 53 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro.

Se o concurso específico se resolve con anterioridade á resolución definitiva do concurso ordinario, prevéndose tamén o transcurso do prazo posesorio daquel, o persoal funcionario afectado deberá tomar posesión do destino obtido no concurso específico, e non terá xa opción para o concurso ordinario. Se o concurso específico se resolve con posterioridade ao concurso ordinario, tendo transcorrido o prazo posesorio deste, perderá a opción para o concurso específico.

Terceira. Baremos

A valoración de méritos para a adxudicación dos postos de traballo farase de acordo co baremo establecido para valorar a antigüidade (artigo 48.1.a) do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro) e o coñecemento da lingua oficial propia das comunidades autónomas, segundo o establecido na alínea b) do mesmo artigo.

1. Antigüidade. Polos servizos efectivos prestados como funcionario/a de carreira ou interino/a no corpo ou escala para o cal participa outorgaranse dous puntos por cada ano completo de servizos, e computaranse proporcionalmente os períodos inferiores (0,00555556 por día). Para estes efectos, os meses consideraranse de trinta días e ata un máximo de 60 puntos.

Para iso sumarase, ao tempo de servizos prestados como funcionario/a de carreira segundo o seu escalafón, o tempo de servizos prestado como funcionario/a interino/a, ambos os períodos de tempo referidos ao corpo ou escala para o cal participa.

O desempate, a igualdade de tempo de servizos efectivos, efectuarase mediante o número de escalafón como funcionario/a de carreira.

Cada xerencia territorial de xustiza ou comunidade autónoma transferida cubrirá un ficheiro excel, relativo ao persoal funcionario que participe no concurso e que estea a prestar nese momento os seus servizos no ámbito territorial da xerencia ou comunidade autónoma indicadas, cos datos de NIF e número de días totais como persoal funcionario interino, e este tempo computarase segundo as regras establecidas no primeiro parágrafo desta base.

2. Coñecemento oral e escrito da lingua oficial propia das comunidades autónomas. Nas prazas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, o coñecemento oral e escrito da lingua galega, debidamente acreditado por medio de certificación oficial da Comunidade Autónoma, ou homologación do título achegado e do nivel a que corresponda o título, supón o recoñecemento, só para estes efectos, de ata doce puntos segundo o nivel de coñecementos acreditado, nos termos seguintes:

1. Certificado Celga 4 ou equivalente: catro puntos.

2. Curso medio de linguaxe xurídica galega: oito puntos.

3. Curso superior de linguaxe xurídica galega: doce puntos.

A achega de documentos acreditativos do coñecemento de idioma realizarase nos casos previstos no punto 3.6 do Manual do asistente de inscrición. O asistente proporá ao concursante un nivel de idioma que o Ministerio teña rexistrado de concursos anteriores, ou non proporá nada se non hai ningún dato rexistrado. No caso de que se propoña un nivel e este non cambiase, non é necesario achegar documentación.

Pola contra, se se selecciona un novo nivel ou idioma, deberase achegar o certificado correspondente. No caso de que variase o nivel ou o idioma e non se achegue este certificado, non se terá en conta.

Os méritos valoraranse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Estes certificados non serán acumulativos, polo que, no caso de que a persoa concursante posúa títulos de varios niveis, só se valorará o superior.

Cuarta. Modelos e prazos de presentación de solicitudes

O modelo da solicitude de inscrición é o anexo II que aparece publicado nesta resolución, o cal non ten validez para a súa presentación salvo como dato informativo das epígrafes que contén, xa que se confeccionará e presentará exclusivamente polos medios indicados no punto 7 desta base.

1. Anexo II. Recadro V-1: O persoal funcionario destinado definitivamente en postos de traballo dos corpos e escalas de xestión, tramitación e auxilio, así como o que se encontre en situación de servizos especiais e excedentes por coidado de familiares que teñan reservado o seu posto de traballo, radicados no territorio nacional, sen competencias transferidas, cubrirá a súa solicitude sinalando o recadro V-1 do anexo II, enchendo todas as epígrafes que se lle exixan, e presentaraa no prazo de sete días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, segundo o mecanismo indicado no punto 7 desta base.

2. Anexo II. Recadro V-2: O persoal funcionario destinado en postos de traballo doutros corpos e escalas da Administración de xustiza ou doutras administracións, que se encontre na excedencia do artigo 506. d) da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, que modifica a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, nos corpos e escalas de xestión, tramitación ou auxilio, que desexe solicitar prazas ofertadas neste concurso, cubrirá a súa solicitude sinalando o recadro V-2 do anexo II, enchendo todas as epígrafes que se lle exixan, e presentaraa no prazo de sete días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, segundo o mecanismo indicado no punto 7 desta base.

3. Anexo II. Recadro V-3: As funcionarias e os funcionarios solicitantes que se encontren en calquera das seguintes situacións:

– Excedencia voluntaria por agrupación familiar ou por interese particular.

– Adscrición provisional por reingresar desde a situación de suspensión definitiva.

– Adscrición provisional por reingresar ao seren rehabilitados/as.

– Adscrición provisional por reingresar ao servizo activo que non teñan reserva de posto de traballo.

– Adscrición provisional por cesamento ou renuncia dun posto obtido por libre designación ou por renunciar a un posto obtido por concurso específico.

– Adscrición provisional por reingresar ao cesar como letrada substituta ou letrado substituto.

– Aquel persoal funcionario incurso en reordenación de efectivos do artigo 52.c) do Real decreto 249/96, do 16 de febreiro, ou en reatribución forzosa do artigo 67 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro.

Cubrirá a súa solicitude sinalando o recadro V-3 do anexo II, enchendo todas as epígrafes que se lle exixan, e presentaraa no prazo de sete días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, segundo o mecanismo indicado no punto 7 desta base.

4. O persoal funcionario en situación de excedencia voluntaria por interese particular xuntará á súa solicitude a documentación acreditativa do seu paso á dita situación, e unha declaración xurada de que non foi separado de ningunha das administracións públicas, ambas nun mesmo documento en formato pdf.

O persoal funcionario en situación de excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público segundo o artigo 506.d) da Lei orgánica do poder xudicial deberá xuntar á súa solicitude de participación no concurso unha declaración xurada de non se encontrar en situación de suspensión firme de funcións.

5. A solicitude para tomar parte neste concurso será única para cada participante, aínda que se soliciten prazas radicadas no territorio das comunidades autónomas con competencias transferidas que, polo tanto, figuren nas convocatorias que simultaneamente a esta realicen os gobernos autónomos e se publiquen, así mesmo, nos boletíns oficiais das comunidades autónomas respectivas.

Do mesmo xeito, mediante unha única instancia, deberán optar por participar desde o corpo en que a persoa concursante se encontre en activo, ou reingresar ao servizo activo noutro corpo do cal formen parte como funcionaria ou funcionario excedente. No caso de presentar dúas instancias solicitando destinos en dous corpos/escalas distintos, serán anuladas as dúas solicitudes, e, polo tanto, a persoa interesada quedará excluída da participación no concurso.

Se algunha persoa concursante desexa rectificar unha instancia xa presentada, poderá cubrir e presentar unha nova solicitude, para o mesmo corpo/escala en que participaba, antes do remate do prazo de presentación de instancias, a cal anulará automaticamente a entregada anteriormente, segundo o indicado no punto 7 desta base.

6. Unha vez finalizado o prazo de presentación de instancias, poderase renunciar á participación no concurso exclusivamente durante os dez días hábiles subseguintes, segundo o indicado na base primeira, punto 7.

7. Mecanismo de confección e presentación das solicitudes.

A) Confección das solicitudes.

Todas as solicitudes dos modelos V1, V2 e V3 se confeccionarán de forma telemática a través do asistente de inscrición.

Todas as persoas interesadas que participen neste concurso de traslados entre funcionarias e funcionarios dos corpos de xestión, tramitación e auxilio, a nivel nacional, deberán cubrir a solicitude por medios telemáticos entrando na páxina web do Ministerio de Xustiza, no seguinte enderezo:

https://www.mjusticia.gob.es/es/ciudadania/empleo-publico/concursos-traslados/Concurso de traslados ordinario Gestión Tramitación y Auxilio 2024

Unha vez que entren na dita páxina, premerán na ligazón que aparece nela co nome «G.T.A. Concurso de traslados», entrarán no asistente de inscrición e o sistema guiaraos/as na confección da solicitude seguindo as instrucións que se lles irán indicando; deberán consultar o Manual do asistente de inscrición web publicado na dita páxina e, se teñen algunha dúbida, poden chamar ao teléfono de atención ao usuario 913 904 605.

Con isto conseguirase o obxectivo de evitar erros na transcrición dos códigos, posto que os datos gravados pola persoa concursante quedarán automaticamente almacenados no sistema informático.

As persoas concursantes, previamente á entrada no asistente de inscrición, deberán identificarse electronicamente por algún dos sistemas que ofrece a plataforma Cl@ve:

– DNI electrónico.

– Certificado dixital.

– Cl@ve Pin 24 h.

– Cl@ve permanente.

B) Presentación das solicitudes.

Este sistema de presentación baséase nos artigos 10.1, 10.2.c) e 36.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Todas as persoas concursantes de ámbito nacional con modelo de instancia V1, V2 ou V3 gravarán e presentarán as solicitudes de acordo coas instrucións descritas no Manual do asistente de inscrición.

Terán en conta basicamente o seguinte:

– Non se presentará ningunha instancia de participación no concurso en formato papel.

– O uso do asistente de inscrición xa non é só para confeccionar a instancia, senón que é un proceso de inscrición completo, é dicir, que unha vez gravada e confirmada a instancia no dito asistente, dentro do prazo establecido, xa estará presentada no departamento correspondente do Ministerio de Xustiza.

– Se algún dos solicitantes quere modificar unha instancia xa confirmada, dentro do prazo de presentación de solicitudes, poderá volver xerar e confirmar unha nova a través do asistente de inscrición.

– Dentro do período de inscrición pódense xerar e confirmar tantas instancias como se desexe, tendo en conta que só terá validez no concurso a última instancia presentada, é dicir, que unha vez gravada e confirmada a primeira instancia, cada nova acción realizada (nova instancia gravada e confirmada, ou renuncia á participación no concurso) anulará a acción realizada anteriormente, polo que quedará activa unicamente a última.

– Pódense presentar, canda a instancia, os documentos necesarios nos casos en que se requira.

– Serán rexeitadas aquelas solicitudes que non se confeccionasen telematicamente co dito asistente de inscrición.

C) Renuncias.

Durante o prazo de presentación de instancias, as funcionarias e os funcionarios participantes poderán presentar cantas instancias coiden oportunas, así como renunciar á participación no concurso, e manterase activa unicamente, como xa se indicou na epígrafe B, a última acción realizada.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, poderán renunciar á participación no concurso, segundo o indicado na base primeira, punto 7, durante os dez días hábiles subseguintes ao do remate do dito prazo, pero non se poderá realizar a través do asistente de inscrición, pois xa estará pechado a modificacións, polo que enviarán asinado e escaneado o anexo IV (modelo de alegacións), a través do correo electrónico concursos.admonjusticia@mjusticia.es, e confirmarase a súa recepción a través dunha mensaxe de resposta coa palabra «Recibido». No caso de que non teñan constancia da dita resposta, deberán envialo novamente.

Ao enviar o correo electrónico, indicarán na epígrafe «Asunto» RENUNCIA, nun único ficheiro, o cal terá a denominación de apelidos, nome, NIF e modelo de instancia da persoa interesada, co seguinte formato PEREZ PEREZ_LUÍS_00000000K_ V1

Quinta. Peticións condicionadas

No caso de estaren interesadas nas vacantes que se anuncian para un mesmo municipio, partido xudicial ou provincia dúas persoas concursantes do mesmo ou distinto corpo/escala, poderán condicionar a súa petición ao feito de que ambas as dúas obteñan destino no mesmo municipio, partido xudicial ou provincia, entendéndose, en caso contrario, desistidas das peticións condicionadas efectuadas por ambas. As funcionarias e os funcionarios que se acollan a esta petición condicionada deberán concretalo na súa instancia na epígrafe C, especificando o nome e apelidos e NIF da persoa con quen condiciona. Se algunha das persoas concursantes non o indica na epígrafe C, quedarán anuladas ambas as instancias.

Polo feito de cubrir a epígrafe C da instancia, enténdese que se acollen á petición condicionada prevista no artigo 48.2 do Regulamento de ingreso e provisión de postos de traballo en todos os números de orde solicitados.

Sexta. Tramitación

O Ministerio de Xustiza efectuará a baremación en función das bases de datos de antigüidade e idioma existentes nas súas dependencias e dos datos que figuren nas solicitudes, e poderá solicitar información complementaria ás comunidades autónomas con competencias transferidas, se for necesario.

Sétima. Adxudicacións

1. A orde de prioridade para a adxudicación dos postos de traballo virá dada pola puntuación total obtida segundo os baremos establecidos na base terceira desta convocatoria.

2. En caso de empate na puntuación total, incluído o idioma, acudirase para dirimilo ao número de escalafón como funcionario/a titular no corpo de que se trate.

Oitava. Resolución definitiva

Dado que a implantación dos tribunais de instancia na súa primeira fase debe estar finalizada en xullo de 2025, faise necesario que o proceso deste concurso finalice coa antelación suficiente para reflectir todos os traslados que se produzan no sistema Aino@, polo que a fase provisional será omitida, e pasará a resolverse de forma definitiva de forma coordinada cos órganos competentes das comunidades autónomas con competencias transferidas.

Novena. Prazo posesorio

1. As resolucións do concurso poderanse separar por corpos, co fin de que os cesamentos das funcionarias e dos funcionarios concursantes poidan ser graduais no tempo, se a Administración considera que a súa acumulación nunha mesma data pode ser prexudicial para o servizo público.

2. Se non se logra a simultaneidade de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, os prazos computaranse desde o día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial del Estado.

3. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de localidade da funcionaria ou do funcionario; oito días hábiles se implica cambio de localidade dentro da comunidade autónoma, e vinte días hábiles se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, Comunidade Autónoma de Illes Balears, Cidade de Ceuta e Cidade de Melilla, en que será dun mes tanto se o posto de traballo nas illas ou nas cidades é o de orixe coma se é o de destino.

Este prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día hábil seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar nas datas que se indiquen na resolución definitiva do concurso.

4. O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando finalicen as vacacións, os permisos ou licenzas que se encontre desfrutando o persoal funcionario, agás que, por circunstancias excepcionais debidamente motivadas, se suspenda ou revogue o seu desfrute.

Décima. Carácter dos destinos adxudicados

1. Os traslados que deriven da resolución deste concurso terán a consideración de voluntarios para os efectos previstos no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

2. Os destinos adxudicados na resolución definitiva serán irrenunciables.

Décimo primera. Limitación para concursar

Quen obteña destino definitivo neste concurso non poderá participar noutro concurso de traslados para o mesmo corpo ou escala ata que non transcorran os prazos establecidos no artigo 529.3 da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, que modifica a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e artigo 46.1 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro.

Décimo segunda. Recursos

Contra esta resolución poderá interporse recurso potestativo de reposición, ante a Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, segundo o establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Galicia, no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 9 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Nota aclaratoria. O anexo I, que contén a relación das vacantes que pode solicitar o persoal funcionario participante neste presente concurso de traslado, figura na publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2025

José Tronchoni Albert
Director xeral de xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file