Mediante a Resolución da Xerencia do 3 de decembro de 2024 (DOG núm. 239, do 12 de decembro) convócase a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo que se relaciona no anexo desta resolución.
De conformidade co establecido nos artigos 82 e 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no 25 do Convenio colectivo para o persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela, emitiuse informe motivado o 13 de xaneiro de 2025 por parte do director do Gabinete do Reitor, en relación co posto convocado. Neste informe especifícanse tanto os criterios de interese xeral considerados como prioritarios para decidir o nomeamento como os méritos e capacidades que o candidato proposto reúne para o desempeño do posto de traballo.
Acreditada a observancia do procedemento, así como o cumprimento por parte do candidato dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria, o xerente, no exercicio das competencias delegadas que se lle recoñecen pola Resolución reitoral do 21 de abril de 2022,
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, efectuada mediante a Resolución da Xerencia, do 3 de decembro de 2024, e adxudicarlle o posto convocado á persoa que se relaciona no anexo desta resolución.
Segundo. O destino adxudicado é irrenunciable, agás que antes de rematar o prazo de toma de posesión se obteña outro destino mediante convocatoria pública; neste caso, o interesado queda obrigado a comunicarllo á Xerencia no prazo de tres días.
Terceiro. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. No caso de que a persoa adxudicataria do posto reingrese ao servizo activo, o prazo para a toma de posesión será dun mes.
Cuarto. O prazo para tomar posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas de maternidade ou paternidade concedidos ás persoas interesadas. Igual tratamento terán os supostos de incapacidade temporal, en que o cómputo do prazo posesorio se iniciará a partir da correspondente alta.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2025
Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO
Denominación do posto: xefe do Gabinete de Comunicacións.
Número de praza: PL000002.
Grupo: I.
Categoría laboral: xornalista.
Complemento: 1.2.
Quenda: mañá/dispoñibilidade horaria.
Localidade: Santiago de Compostela.
Apelidos e nome: Castro Sieiro, Roberto David.
DNI: ***2226**.
