BDNS (Identif.): 810390.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A, Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de cooperación para o desenvolvemento no exterior e que demostren contrastada experiencia neste sector.
No caso das entidades agrupadas, estas deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación en calquera das súas seccións, agás aquelas entidades que, sendo axentes de cooperación segundo o disposto na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, estean excluídas da dita obriga.
Non se considerará agrupación de entidades aquela que estea formada por unha asociación ou federación á cal pertenza a devandita entidade, ou aquela en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.
Segundo. Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais de desenvolvemento para executar programas no exterior, ben individualmente ou ben mediante unha agrupación de entidades (código de procedemento PR804C).
Os programas son unha ferramenta de longo percorrido que contribúe á consolidación de procesos de desenvolvemento a medio prazo. Están encamiñados a apoiar procesos de transformación integrais nos países en vías de desenvolvemento, polo que contribúen dun xeito efectivo á loita contra a pobreza mediante a promoción dun desenvolvemento socioeconómico e cultural sostible.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 8 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento PR804C).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínase un crédito total de 1.800.000 euros, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 05.07.331A.490.0 e que se distribuirá do seguinte xeito: 540.000 euros no ano 2025, 630.000 euros no ano 2026 e 630.000 euros no ano 2027.
O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do programa, e non superará en ningún caso a subvención concedida os 600.000 euros. Así mesmo, a subvención concedida distribuirase da seguinte maneira: un 30 % no ano 2025 e un 35 % en cada unha das anualidades 2026 e 2027.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
