As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano están orientadas a erradicar a pobreza nas súas múltiples dimensións, construír a resiliencia de persoas e comunidades, reducir as desigualdades, promover a realización efectiva dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais e favorecer modelos de produción e de consumo sustentables para a conservación do planeta.
Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución da Axenda 2030 e os obxectivo de desenvolvemento sustentable (ODS).
As accións da cooperación galega oriéntanse, entre outros, á promoción de cambios positivos e sustentables e a longo prazo nas condicións de vida das persoas para a realización do dereito ao desenvolvemento humano integral e sustentable dos países e comunidades con que se asocia.
Coa aprobación da nova Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Comunidade Autónoma reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario, sustentable e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade, igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.
Actualmente, a cooperación galega atópase desenvolvendo o seu V Plan director 2023-2026, aprobado sen votos en contra no Parlamento de Galicia o 15 de xuño de 2023, o cal se refire a unha cooperación galega aliñada coa Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas e os ODS e orientada a resultados de desenvolvemento, empregando tamén novos instrumentos para aumentar o impacto e alcance no logro de resultados das intervencións financiadas.
Neste sentido, o dito plan establece que se promoverán programas co fin de mellorar o alcance e impacto das actuacións financiadas e aumentar a duración e a media de financiamento das intervencións en cooperación exterior.
Os programas son instrumentos que garanten, a través da coherencia das accións, a definición conxunta coas persoas beneficiarias e a complementariedade con outras institucións, organismos e entidades doantes, un mellor impacto das intervencións de desenvolvemento.
Para recibir financiamento con cargo a esta convocatoria de axudas, as entidades solicitantes deberán contar coa capacidade financeira, de xestión, social e estratéxica necesaria para executar os programas, tal e como veñen exixindo outras entidades financiadoras públicas españolas que están a empregar este instrumento.
Con base en todas estas consideracións, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, de acordo con estas bases reguladoras, que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.
No Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, publicado no DOG número 101, do 27 de maio, establécense no seu artigo 47, punto 1.d), as competencias da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior nesta materia.
O expediente tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, ao existir crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 17 de outubro de 2024.
O gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento do expediente entenderanse condicionados a que, no momento en que se aprobe o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e dereito existentes no momento en que se produciron aqueles actos.
En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo único
1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo I desta orde para a concesión de subvencións a programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (código de procedemento PR804C).
2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o período 2025-2027 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán cun importe total de un millón oitocentos mil euros (1.800.000 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 05.07.331A.490.0, 540.000 euros no ano 2025, 630.000 euros no ano 2026 e 630.000 euros no ano 2027.
3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras a declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpor os seguintes recursos:
a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a orde no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional primeira
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 3.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.
Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición adicional segunda
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO I
Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento
Artigo 1. Obxecto
O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais de desenvolvemento para a execución de programas no exterior, ben individualmente ou ben mediante unha agrupación de entidades (código de procedemento PR804C).
Os programas son unha ferramenta de longo percorrido que contribúe á consolidación de procesos de desenvolvemento a medio prazo. Están encamiñados a apoiar procesos de transformación integrais nos países en vías de desenvolvemento, polo que contribuen dun xeito efectivo á loita contra a pobreza mediante a promoción dun desenvolvemento socioeconómico e cultural sustentable.
Artigo 2. Entidades beneficiarias
2.1. Poderán optar a esta subvención, como entidades solicitantes, as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A, Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de cooperación para o desenvolvemento no exterior e que demostren contrastada experiencia neste sector.
No caso das entidades agrupadas, estas deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación en calquera das súas seccións, agás aquelas entidades que, sendo axentes de cooperación segundo o disposto na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, estean excluídas da dita obriga.
2.2. Non se considerarán agrupacións de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación á cal pertenza a devandita entidade, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do programa, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.
Artigo 3. Sucesión de entidades
3.1. Con respecto ao cómputo de experiencia en relación cos artigos 4 e 10 destas bases, observaranse as seguintes regras:
a) Nos supostos de fusión ou absorción, considerarase a suma da experiencia executada por cada unha das entidades preexistentes.
b) No suposto de escisión, considerarase a entidade que conserve a personalidade xurídica preexistente. De non conservarse esta, todas serán consideradas como de nova creación.
c) No suposto de cambio de natureza xurídica, recoñecerase a executada pola entidade orixinaria.
3.2. No caso de se produciren ao longo da vida do programa procesos de fusión, absorción ou escisión de entidades solicitantes de subvencións ou calquera outro cambio de natureza xurídica, deberá acreditarse:
a) A disolución das entidades preexistentes.
b) A transferencia de todos os dereitos e obrigas das entidades preexistentes á/ás nova/s entidade/s ou á que permaneza.
c) A constancia nos estatutos da/das nova/s entidade/s ou naquela en que permaneza/n de que se produciu a mencionada sucesión.
Artigo 4. Requisitos das entidades solicitantes e dos programas presentados
Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran os requisitos seguintes:
4.1. Requisitos das entidades solicitantes e agrupadas:
a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, cinco anos de antelación á data da publicación desta convocatoria. As comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas, dependente da Secretaría Xeral da Emigración, e as universidades quedan exentas de cumprir este requisito.
b) Ter realizado nos últimos cinco anos un mínimo de cinco proxectos de cooperación para o desenvolvemento financiados pola Xunta de Galicia no marco das convocatorias públicas de axudas publicadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, subvencionados con cargo á orde de proxectos de desenvolvemento no exterior (código de procedemento PR803D).
c) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación para o desenvolvemento para a anualidade 2021 e anteriores antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas se dictase unha resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.
d) Non estar incursa/s en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Contar, polo menos, cunha persoa contratada en Galicia durante os últimos 5 anos, contados desde a data da publicación desta convocatoria. Entenderase por persoal contratado aquel vinculado por contrato laboral por conta allea coa entidade solicitante ou agrupada.
4.2. Requisitos dos programas:
a) Non estar iniciada a súa execución con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2025. Os programas terán unha duración mínima de 25 meses e máxima de 36 meses, e deberá estar executada en todo caso a totalidade do programa antes do 31 de decembro de 2027.
b) O programa deberá executarse necesariamente nun país definido como prioritario e enmarcarse nalgún dos cinco primeiros ámbitos estratéxicos do V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026.
c) Que se identifiquen as contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do programa e na xestión dos recursos, e que conste expresamente o seu compromiso no programa. Estas deberán ter experiencia de traballo conxunto coa entidade solicitante ou agrupada de, polo menos, 3 anos nos últimos 5.
Non terán a consideración de contrapartes ou socios locais as delegacións de entidades españolas distintas da entidade solicitante, aínda que estean legalizadas no país de execución. As contrapartes ou socios locais deben estar legalmente constituídos e inscritas no rexistro correspondente no país de intervención, de ser o caso, con anterioridade á data da publicación desta convocatoria.
d) O programa deberá contar cunha liña de base inicial que permita medir os avances e resultados que se obteñan coa súa execución.
e) Será obrigatorio presentar o informe de avaliación en programas que dean continuidade a intervencións anteriores.
f) Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regulada ou a investigación oficial.
g) Que o programa redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias, é dicir, que conte coa participación das persoas beneficiarias no desenvolvemento do programa, que non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión, orixe ou orientación sexual, que fomente a igualdade entre homes e mulleres e que sexa respectuoso coa protección do ambiente.
h) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas e intereses estratéxicos da poboación das zonas máis desfavorecidas do país en que se execute, atendendo de xeito prioritario ás diferenzas derivadas das fendas de xénero, e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción e das comunidades beneficiarias.
i) Que o programa se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte ou socio local, co fin de asegurar a súa viabilidade.
j) Os programas deberán estar vinculados de xeito directo á realización das prioridades transversais, segundo o establecido no V Plan director da Cooperación Galega 2023- 2026.
k) O orzamento deberá cumprir co que establece o artigo 9, gastos subvencionables, desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.
l) O cofinanciamento correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia, non pode ser o 100 % valorizado, terá que existir nalgún caso achega financeira ao programa.
m) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados a esta convocatoria.
Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
5.1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
5.2. As entidades poderán presentar un programa, como máximo, independentemente da súa condición de entidade solicitante ou agrupada. Polo que respecta ás universidades, esta limitación aplicarase por departamento.
Artigo 6. Documentación complementaria
6.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante. No caso de agrupación de entidades, deberase achegar tamén de cada unha das entidades agrupadas.
a) Copia das contas anuais da entidade das dúas últimas liquidacións do orzamento rendidas e aprobadas polo órgano competente da entidade, con excepción das universidades.
b) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade, incluíndo unha listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento financiados por entidades públicas ou privadas nos últimos cinco anos. A maiores, farase referencia a actuacións levadas a cabo na mesma zona e sector do programa que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias e co mesmo socio local.
c) Planificación/estratexia de cooperación para o desenvolvemento da entidade para os seguintes anos en que se enmarca o programa presentado. No caso de empresas ou agrupacións empresariais, deberán incluír, de ser posible, o Plan de responsabilidade social corporativa en que se insire o programa.
d) Acreditación como ONGD cualificada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), de ser o caso.
e) No caso de agrupación de entidades, deberá xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que posúan a representación legal das entidades, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do programa e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.
No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que exerza a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, os seguintes aspectos:
Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propias que executará por cada unha delas en cada anualidade.
Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado e de comunicación ante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos.
A/as entidade/s agrupada/s distinta/s da solicitante deberá/n xuntar unha declaración de que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e coas obrigas de reintegro de subvencións, e de que non está/n incursa/s en ningunha das restantes circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo do anexo III.
A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do programa. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá asinalo a persoa que exerza a súa representación legal.
f) Os axentes de cooperación que, pola súa natureza xurídica, posúan ánimo de lucro achegarán un documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o establecido no artigo 97.2 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia. O devandito documento estará asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade.
g) As universidades incluirán unha certificación, expedida pola persoa que exerza a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, en que se autorice a presentación do programa á convocatoria e, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.
Carpeta 2: información relativa á contraparte ou socio local (no caso de seren varias entidades, deberase achegar de cada unha delas).
a) Carta de compromiso de participación por parte da contraparte local, asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade.
b) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que exerza actualmente a representación legal. Esta documentación será coincidente coas sinaturas do resto dos documentos relacionados nesta epígrafe.
c) Declaración da persoa que exerza a representación legal da entidade en que se especifique a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, a cuantificación do número de socios/as da entidade, o seu organigrama e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao seu servizo.
d) Copia dos estatutos da entidade.
e) Copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da contraparte ou socio local.
f) Copia do número de identificación fiscal da entidade ou documentos similares no país de orixe.
g) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.
h) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade, incluída unha listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento financiados por entidades públicas ou privadas nos últimos dous anos.
i) Planificación/estratexia da entidade para os seguintes anos en que se enmarca o programa presentado.
j) No caso de que a contraparte ou socio local sexa unha Administración, universidade ou outra entidade pública, deberá presentar:
– Carta de compromiso de participación.
– Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que exerce actualmente a representación legal ou certificación expedida polo órgano competente. Esta documentación será coincidente coas sinaturas do resto dos documentos relacionados na presente epígrafe.
– Memorias, informes, plans, estratexia e/ou relación de proxectos ou actividades de cooperación para o desenvolvemento e outros traballos relacionados co programa presentado.
Carpeta 3: información relativa ao programa.
A información presentarase nos seguintes documentos normalizados, que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega, https://cooperacion.xunta.gal/
– Formulario de presentación, en formato PDF ou Word.
– Orzamento, en formato Excel.
Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal
6.2. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1, 2 e 3 impedirá a avaliación do programa se non se emenda dentro do prazo establecido no artigo 11 da presente orde. Quedará excluído de emenda o non envío ou o envío noutro formato dos documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 3.
6.3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
6.4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6.5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.
6.6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Comprobación de datos
Para tramitar este procedemento poderán consultarse automaticamente, tanto da entidade solicitante como da/das entidade/s agrupada/s, de ser o caso, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– NIF da entidade solicitante.
– NIF da entidade agrupada, de ser o caso.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.
– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.
– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
– Concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos anexos II e III, de ser o caso, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Non obstante o anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non ser debedora por resolución de procedencia de reintegro; declaración que se considerará suficiente para os efectos da concesión e pagamento da subvención, de ser o caso.
Artigo 8. Condicións de financiamento
8.1. A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do programa, ben que a subvención concedida non superará en ningún caso os 600.000 euros.
A contía mínima que a entidade solicitante deberá achegar a través de fondos propios ou doutros nunca poderá comprender financiamento solicitado ou concedido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a través de calquera dos medios previstos no V Plan director da Cooperación Galega.
Aceptarase o financiamento solicitado ou concedido por outros organismos financiadores que sexan distintos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, sempre que en ningún caso a totalidade do programa quede financiado con fondos da Xunta de Galicia.
As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizadas.
8.2. A subvención concedida distribuirase da seguinte forma: o 30 % no ano 2025, o 35 % no ano 2026 e a mesma porcentaxe no ano 2027. No caso de que na solicitude de subvención a entidade solicitante non respecte esta porcentaxe, axustaraa de oficio a Administración concedente e comunicarase coa resolución de concesión; e entenderase a súa conformidade coa aceptación posterior da subvención da entidade beneficiaria. Esta distribución non será obrigada no caso da última subvención concedida, a cal poderá acadar unhas porcentaxes diferentes en función do crédito que estea dispoñible para cada anualidade.
8.3. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.
Artigo 9. Gastos subvencionables
9.1. Gastos subvencionables:
1º. Todos os gastos deberán cumprir as condicións establecidas no presente artigo, con independencia de quen os financie, e consideraranse subvencionables tanto os custos directos como os indirectos, agás no suposto de que as entidades posúan ánimo de lucro, caso en que se subvencionarán exclusivamente os custos directos.
2º. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do programa, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos, en particular:
a) Aqueles derivados da identificación con perspectiva de xénero da intervención no terreo, sempre que se realice nos tres meses anteriores á data de presentación de solicitudes desta convocatoria, e aqueles gastos derivados da elaboración de liñas de base, que necesariamente deberán imputarse na primeira anualidade do programa.
Para que poidan imputarse á subvención solicitada, tanto a identificación como a liña de base deberán ser realizadas por persoal externo ás organizacións beneficiarias; en caso contrario, deberán ser financiadas coas achegas doutros financiadores.
O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar os 20.000 euros.
b) Terreos e inmobles no país de execución do programa (inclúe compra ou arrendamento). No suposto de adquisición de bens inmobles, inclúe os gastos necesarios para a compra de terreos e inmobles e a súa inscrición legal nos rexistros locais de propiedade (impostos, taxas, gastos notariais, licenzas legais, etc.). Debe achegarse un certificado de taxador/a independente debidamente acreditado/a e inscrito/a no correspondente rexistro oficial.
Non se poderán imputar nesta partida os gastos de alugamento ou adquisición da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade beneficiaria ou socio local. O arrendamento dos locais da entidade beneficiaria en terreo ou do socio local imputarase na partida de funcionamento en terreo.
c) Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas: inclúe a elaboración do proxecto, os planos e estudos técnicos, a man de obra, a dirección de obra, a licenza de obras e as taxas, os materiais de construción e o transporte destes, as obras de acceso e as instalacións de auga, eléctricas e de saneamento, a construción de pozos e sistemas de regadíos, etc. No caso de que a man de obra ligada a estas tarefas sexa achegada pola contraparte local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente en relación cos prezos do mercado local. Nos gastos imputados á construción de inmobles, deberán especificarse o réxime de propiedade e a titularidade.
Non se poderán imputar gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou socio local.
d) Equipamentos e materiais.
Considerarase equipamento e materiais inventariables a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, como maquinaria, mobiliario, equipos informáticos (hardware e software), dotación de bibliotecas e outro equipamento. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío, traslado e posta en funcionamento dos equipos, taxas aduaneiras ou portuarias, etc. Así mesmo, no caso de programas produtivos, inclúese tamén a adquisición de animais, árbores, sementes, etc., o seu transporte e o seu almacenamento.
Considéranse materiais consumibles a adquisición de elementos que se consomen o usan en prazos inferiores a un ano: material de escritorio, material informático, material de formación, libros, materiais didácticos, materiais sanitarios, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria, utensilios, etc. Tamén se inclúe o arrendamento de maquinaria, instalacións e ferramentas necesarias para a execución da intervención.
e) Adquisición de medios de transporte de dúas rodas e de vehículos especializados e vinculados coa actividade subvencionada (como ambulancias, cisternas de auga, tractores, etc.).
f) Persoal. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por:
Persoal expatriado: aquel persoal da entidade española, sometido á lexislación española, que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela. Para o envío de persoas expatriadas achegarase unha memoria xustificativa da necesidade do devandito envío e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.
Persoal local: aquel persoal da contraparte ou socio local ou contratado ao servizo do programa, sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto da subvención e no que presta os seus servizos de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño; estarán as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato no país ou zona onde se execute.
Persoal en sede: aquel da entidade en Galicia, sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse, ocasional ou regularmente, aos países de execución, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos, a imputación poderá ser total ou parcial, en función da dedicación.
A entidade solicitante deberá recorrer, na medida do posible, aos recursos humanos locais.
Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, liquidacións proporcionais ao período imputado ao programa, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. No caso de imputar como gasto as pagas extras e liquidacións, estas deberán computarse en proporción aos meses durante os cales o persoal está imputado ao programa.
O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 70 % do orzamento total, incluído o persoal imputado na partida de custos indirectos, se é o caso. Este límite non será aplicable cando o período de execución do programa sexa ampliado en máis de seis meses.
g) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión ou outras necesidades recollidas na formulación da intervención (distintos aos de identificación, elaboración de liñas de base, avaliación e auditoría, que se imputan nas súas partidas correspondentes). Incluiranse, como contribución das entidades solicitantes, as achegas valorizadas do traballo do seu persoal voluntario para realizar os servizos previstos nesta partida.
Tamén se incluirán os gastos derivados de pólizas de seguros de accidente, enfermidade e de responsabilidade civil subscritos a favor do voluntariado da organización que non perciba contraprestación económica e que participe directamente nos programas subvencionados, así como calquera outro gasto en que poida incorrer e que estea directamente relacionado coa intervención.
As bolsas de formación que consistan no pagamento da matrícula ou entrega monetaria inclúense nesta letra. As bolsas de transporte, alimentación ou material incluiranse na epígrafe que corresponda segundo o obxecto da bolsa.
h) Funcionamento no terreo: gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do programa. Inclúese o arrendamento de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguridade (incluídos os gastos de persoal vinculados a estas actividades), ata un máximo do 8 % do orzamento do programa.
i) Viaxes, aloxamento e axudas de custo. Inclúense, entre outros, os gastos vinculados á mobilidade individual ou colectiva do persoal (local, expatriado e en sede), das persoas voluntarias e beneficiarias, necesarios para a execución da intervención (incluíndo, combustible, seguros, arrendamento e mantemento de vehículos), así como o aloxamento, manutención das persoas participantes en formacións e capacitacións e, de ser necesarios, os incentivos (monetarios e en especie) ás persoas beneficiarias que sexan membros de comités, redes ou similares, necesarios para a boa execución do programa.
j) Avaliación externa con enfoque de xénero obrigatoria ao final da intervención e requirida polas bases desta convocatoria no caso dos programas que reciban unha subvención superior a 150.000 euros. A avaliación externa deberá realizala unha persoa ou unha entidade de recoñecida experiencia en Galicia ou no país de execución, para o cal se acreditará a súa solvencia e experiencia na realización destas avaliacións, e xuntarase a documentación que a xustifique. Así mesmo, consideraranse subvencionables aqueles gastos de similar natureza non obrigatorios que se recollan no documento de formulación que se xunta coa solicitude de subvención.
Consonte o que establece o artigo 22.1 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, a avaliación externa poderá realizarse tras a finalización do prazo de execución do programa, nun prazo máximo de tres meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario.
A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará os 12.000 euros.
k) Auditoría contable. Será obrigatoria para subvencións por importe superior a 50.000 euros e para os programas executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros. O importe máximo imputado a este concepto non excederá os 6.000 euros.
Consonte o que establece o artigo 22.1 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo, a auditoría externa poderá realizarse tras a expiración do prazo de execución do programa, nun prazo máximo de 3 meses, con independencia de que se supere o termo do correspondente exercicio orzamentario.
As universidades están eximidas da presentación da dita auditoría contable.
As entidades que posúan ánimo de lucro terán a obriga de encargar pola súa conta unha auditoría contable, que deberá ser efectuada por persoal profesional independente inscrito, no caso de persoal español, no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC). As persoas auditoras exercentes no país onde se levará a cabo a revisión consideraranse como tales sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da profesión e, se é o caso, sexa preceptiva a obriga de someter a auditoría os seus estados contables. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da profesión, a revisión prevista poderá realizalas un/unha auditor/a establecido/a no dito país, sempre a designación deste/a siga uns criterios técnicos que garantan a calidade axeitada.
l) Fondo rotatorio: enténdese por tal a cantidade económica que se emprega como préstamos directos ou en especie ás persoas beneficiarias, que deben ser devoltos por elas nas condicións contractuais que se establezan, destinadas a garantir a súa devolución. Achegarase, en todo caso, o regulamento do funcionamento do fondo. Inclúense os gastos de funcionamento, administración e xestión do fondo. O fondo rotatorio non poderá superar o 9 % do orzamento total.
m) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira e os gastos rexistrais e periciais son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a adecuada preparación ou execución desta, e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Tamén serán subvencionables os gastos bancarios producidos pola conta do programa e os gastos derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución; os derivados da compulsa de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois e os gastos de tradución de documentos cando se requira na convocatoria.
3º. Custos indirectos: son os gastos de natureza corrente propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local para o sostemento da execución do programa, así como da difusión da execución e do seguimento en Galicia e os gastos de sensibilización ata un límite de 10.000 euros. O persoal imputado nesta partida computará para o cálculo do límite establecido para gastos de persoal do 70 % do orzamento total.
A porcentaxe máxima aplicable ao concepto de custos indirectos será de ata o 10 % do importe total do orzamento.
Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales importes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
O dito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE pola entidade solicitante mediante unha certificación desagregada e detallada dos gastos incluídos e asinada pola persoa que exerza a representación legal.
Se a entidade solicitante é unha entidade con ánimo de lucro, non se subvencionarán os custos indirectos.
4º. Aceptaranse, por parte da entidade solicitante, as achegas en especie ou as valorizacións nos seguintes conceptos:
a) Aqueles derivados da identificación con perspectiva de xénero da intervención no terreo, sempre que se realicen tres meses antes da data de presentación de solicitudes desta convocatoria.
b) Gastos derivados da elaboración de liñas de base.
c) Traballo realizado por persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan en cada actividade e o custo suposto (que non deberá exceder os 20 euros por hora). Todo traballo voluntario será realizado baixo a forma de contrato privado, no cal se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/da voluntario/a. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria.
5º. Aceptaranse como achegas locais nos conceptos de gasto susceptibles de axuda achegas monetarias ou en especie e as valorizacións.
Considéranse valorizacións as achegas de terreos, locais, equipos, materiais e servizos por parte da poboación beneficiaria final, socios locais e outras entidades locais distintas das beneficiarias, así como tamén a man de obra das persoas beneficiarias finais directamente vinculadas á execución das actividades orzadas e que, en caso de terreos, locais ou equipos, vaian ser transferidas definitivamente cando acabe a execución, xunto co resto de bens adquiridos con cargo ao programa obxecto de axuda. Tamén poden valorarse os bens, persoal voluntario da contraparte ou socio local e os locais postos temporalmente á disposición da execución directa do programa, por un importe equivalente ao alugueiro destes durante o tempo en que sexan utilizados dentro do prazo de execución. Todos estes gastos deberán estar suficientemente acreditados e intrinsecamente vinculados, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.
As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final ou da entidade que achegue os bens e servizos. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total.
As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipos e bens, deben ter en conta a antigüidade.
6º. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 15.000 euros, no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
7º. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, unha vez rematada esta actuación, estes deberán destinarse ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante dez anos, no caso de bens inscritibles nun rexistro público, e durante dous anos o resto de bens. Esta afectación no uso e a súa temporalidade deberán figurar na escritura ou documento de adquisición ou cesión que corresponda, e deberá constar nel como adquirente, propietario ou cesionario unha Administración pública do país beneficiario, a contraparte ou socio local ou as persoas beneficiarias directas. No citado documento deberá mencionarse que estes adquirentes, propietarios ou cesionarios se fan responsables da utilización dos bens para o fin creado e do seu correcto mantemento, como mínimo, durante o período indicado.
No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberán facerse constar na escritura todas estas circunstancias, así como o importe da subvención concedida, e estes aspectos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente.
O incumprimento da devandita obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 74 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita Lei 9/2007, e quedará o ben afecto ao pagamento do reintegro, calquera que sexa a persoa ou entidade posuidora, salvo que resulte ser unha terceira protexida pola fe pública rexistral, ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título, ou en establecemento mercantil ou industrial, no caso de bens mobles non inscritibles.
8º. Permítese a subcontratación nunha porcentaxe non superior ao 60% da actividade subvencionada. Enténdese por subcontratación a concertación con terceiros da execución total ou parcial desta, e quedan fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para realizar por si mesma a actividade subvencionada.
9.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:
– Os elementos de transporte externos, con excepción dos vehículos de dúas rodas e vehículos especializados, como ambulancias, cisternas de auga, tractores, etc.
– Os gastos de arrendamento ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.
– Os xuros debedores das contas bancarias.
– Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.
– Os gastos de procedementos xudiciais.
– As amortizacións de bens inventariables.
– Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).
– Os billetes de avión en primeira clase ou en clase preferente.
– As indemnizacións por despedimento do persoal.
Artigo 10. Criterios e valoración dos programas
As prioridades xeográficas e transversais e os ámbitos estratéxicos serán os establecidos no V Plan director da Cooperación Galega.
Nos programas que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras avaliarase a entidade solicitante, a entidade socia local e a proposta do programa, tendo en conta os seguintes criterios:
10.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 20 puntos.
1. Experiencia relevante en accións de cooperación para o desenvolvemento (no sector de actuación do programa e no país, zona, comunidade onde se vai executar, co mesmo socio local ou poboación destinataria) suficientemente descrita nas carpetas 1 e 3, para os obxectivos e características do programa. Máximo: 5 puntos.
2. Capacidade de execución do programa pola entidade (xestión, recursos humanos capacitados para desenvolver o seu traballo con perspectiva de xénero e baixo o resto das prioridades transversais recollidas no V Plan director da Cooperación Galega e recursos técnicos e económicos para o desenvolvemento do programa). Máximo: 5 puntos.
3. Estratexia de cooperación da entidade en que se insire a proposta presentada e que incorpore a perspectiva de xénero e/ou a política de xénero da entidade, así como o resto de prioridades transversais recollidas no V Plan director da Cooperación Galega para os vindeiros anos. Máximo: 3 puntos.
4. Valor engadido da participación de entidades agrupadas, así como outras entidades públicas o privadas en apoio á intervención. Máximo: 3 puntos.
5. Contribución da entidade solicitante ao fomento do sector galego de cooperación (valoraranse o traballo e a presenza en Galicia, a súa base social, a participación en redes, a adecuación ás liñas estratéxicas da cooperación). Máximo: 2 puntos.
6. Estar en posesión da cualificación outorgada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) regulada na Resolución do 17 de setembro de 2013, da Presidencia da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, pola que se establece o procedemento para a obtención, revisión e revogación da cualificación polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (BOE número 250, do 18 de outubro de 2013). Máximo: 1 punto.
7. Achega de cofinanciamento de polo menos un 5 % do custo total da intervención proposta. Máximo: 1 punto.
10.2. Aspectos relacionados co socio local: ata 20 puntos.
1. Experiencia de traballo en proxectos de cooperación para o desenvolvemento na zona ou comunidade onde se vai executar o programa e no sector de actuación deste, descrita suficientemente nas carpetas 2 e 3 para os obxectivos e características do programa. Máximo: 5 puntos.
2. Capacidade de execución do programa pola contraparte ou socio local. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade mediante a intervención do socio local. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do programa. Máximo: 5 puntos.
3. Estratexia que incorpore a perspectiva de xénero, en que se enmarque o programa para os seguintes anos. Máximo: 3 puntos.
4. Participación en redes, foros, espazos locais, rexionais ou internacionais no ámbito do sector de actuación do programa ou que xeren sinerxías coa proposta. Máximo: 3 puntos.
5. Participación no programa xunto con outras organizacións ou institucións locais, especialmente no caso dos titulares de obrigas e responsabilidades e se existen convenios de colaboración ou compromisos de participación deles. Máximo: 3 puntos.
6. Achega de cofinanciamento de polo menos un 5 % do custo total da intervención proposta. Máximo: 1 punto.
10.3. Valoración do contido da intervención proposta: ata 50 puntos.
a) Análise de contexto e diagnóstico das necesidades da poboación meta diferenciada por xénero. Máximo: 5 puntos.
b) Participación do colectivo meta e calidade da identificación. Máximo: 5 puntos.
c) Calidade da formulación e coherencia da proposta no seu conxunto. Máximo: 5 puntos.
d) Condicións previas necesarias para a posta en marcha da intervención, definición de riscos e da súa monitorización e mitigación. Máximo: 5 puntos.
e) Viabilidade e sostibilidade da proposta. Máximo: 5 puntos.
f) Calidade dos indicadores e fontes de verificación e do sistema previsto para o seguimento e a avaliación. Máximo: 5 puntos.
g) Apropiación e aliñamento, entendido como o liderado e participación da poboación meta e das autoridades públicas e a utilización de recursos locais, con especial atención á creación de sinerxías. Máximo: 5 puntos.
h) Complementariedade con outras intervencións. Máximo: 5 puntos.
i) Consideración dos enfoques transversais, en especial valorarase a correcta incorporación do enfoque de xénero. Máximo: 5 puntos.
j) Valoración da coherencia cos obxectivos e prioridades da cooperación galega e española. Máximo: 5 puntos.
Artigo 11. Instrución
A instrución do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixeren, desistirán da súa petición, logo dunha resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos nos artigos 21, 22 e 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 12. Notificacións
12.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
12.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
12.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
12.4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda.
12.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Valoración das solicitudes
14.1. Para a súa valoración constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, artigos 25 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico so sector público.
A Comisión compoñerase polas seguintes persoas:
– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.
– Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.
– Vogais: dous/dúas funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.
A Comisión, para unha mellor valoración dos programas e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os devanditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que realizalos persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.
As persoas que interveñan na Comisión de Valoración manifestarán de forma expresa a ausencia de conflitos de intereses, e non poderán participar nas comisións persoas en que exista o devandito conflito.
14.2. Para superar a fase de valoración das solicitudes será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % en cada unha das tres epígrafes a que se refire o artigo 10 destas bases.
No caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:
– A maior puntuación obtida na valoración do programa.
– A maior puntuación obtida na valoración da entidade solicitante.
– A maior puntuación obtida na valoración da contraparte ou socio local.
Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións acadadas en orde descendente para cada un dos programas presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles en que sexa posible.
14.3. Cando da prelación dos programas avaliados resulte que o último con financiamento non acada a totalidade da subvención solicitada, a Comisión de Avaliación, en virtude do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, instará a entidade beneficiaria a reformular a súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable, a cal será novamente avaliada pola dita comisión para os efectos de comprobar que se respecten o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes ou peticións.
14.4. No suposto de que non se esgoten os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os devanditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no V Plan director da Cooperación Galega, e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e as leis anuais de orzamentos.
Artigo 15. Prazo de resolución
O prazo de resolución e notificación será de catro meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse unha resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.
Artigo 16. Resolución
Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente, por delegación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, resolverá o procedente.
Artigo 17. Compatibilidade de subvencións
As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do programa subvencionado.
Non obstante o anterior, as entidades beneficiarias da presente convocatoria só poderán presentar unha solicitude de axuda con cargo á convocatoria para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (código de procedemento PR803D), tanto na súa modalidade de individual como agrupada, e durante o tempo de duración do programa. A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
Artigo 18. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento
Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de dez días, pola sede electrónica accedendo á Carpeta cidadá unha declaración por escrito da aceptación da axuda, en que conste o seu compromiso de achegar directamente, ou cubrir con outras achegas, a diferenza entre o custo total do programa e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o devandito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente, deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.
Así mesmo, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou presentar unha readaptación á subvención concedida, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total aprobado. Esta solicitude de readaptación será sometida a unha nova análise para os efectos de comprobar que non afecte a orde de prelación dos programas subvencionados. Tras as comprobacións pertinentes ditará, de novo, unha resolución o mesmo órgano que ditou a resolución inicial, a cal lle será notificada á entidade no prazo dun mes.
De se produciren renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros programas ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, quedasen sen financiamento ou este non acadase a totalidade da subvención solicitada.
Artigo 19. Anticipos
19.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 94.3.a) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % da anualidade de que se trate mediante unha resolución motivada e sen necesidade de exixir garantía, e será obrigatorio presentar un informe técnico de seguimento na primeira e segunda anualidades e o informe técnico final na terceira anualidade, nos termos establecidos no artigo seguinte.
19.2. Para o pagamento do primeiro anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo IV desta orde asinado dixitalmente polo/a representante legal da entidade, xunto coa ficha de datos estatísticos do programa, que poderá descargarse da páxina web da Cooperación Galega, https://cooperacion.xunta.gal/
No caso de subvencións outorgadas a entidade/s agrupada/s, aquelas distintas da solicitante deberán achegar o anexo III de declaración do artigo 10 da Lei de subvencións para entidades agrupadas distintas da solicitante actualizado, ou os documentos que acrediten as ditas circunstancias.
19.3. Para o pagamento da subvención concedida na segunda e terceira anualidades e unha vez executada e xustificada a subvención concedida na primeira ou segunda anualidades polo menos nunha porcentaxe dun 75 % en virtude do disposto no artigo 94.3.b) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, de acordo coas previsións do artigo 20.4 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo VI de solicitude do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinado dixitalmente polo/a representante legal da entidade.
No caso de subvencións outorgadas a entidade/s agrupada/s, aquelas distintas da solicitante deberán achegar o anexo III de declaración do artigo 10 da Lei de subvencións para entidades agrupadas distintas da solicitante actualizado ou os documentos que acrediten esas circunstancias.
Artigo 20. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas
20.1. Con base no que establece o artigo 94.3 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos programas e as características das persoas destinatarias, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes. A xustificación dos programas realizarase sobre o seu custo total, incluíndas, de ser o caso, as cantidades xeradas polo cambio no mercado monetario e os xuros bancarios.
20.2. As entidades beneficiarias xustificarán cada anualidade independentemente. A primeira e a segunda anualidade, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, e a terceira anualidade, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, con data máxima do 31 de marzo de 2028, en virtude do establecido no artigo 94.3.d) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
20.3. Para a presentación dos informes técnicos de seguimento e final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web https://cooperacion.xunta.gal/
20.4. Para a xustificación da primeira e segunda anualidades, a entidade beneficiaria deberá presentar o escrito de presentación da xustificación no modelo que figura como anexo V, xunto cos seguintes documentos:
a) Certificación da persoa que exerza a representación legal da entidade solicitante, acreditativa da execución do programa, de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente polo/a representante legal da entidade.
b) Informe técnico de seguimento sobre o estado de execución, que deberá asinar dixitalmente a persoa responsable da xestión técnica-económica en Galicia.
c) Certificación dos gastos do programa na primeira ou segunda anualidades, por partidas orzamentariass e con indicación das distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.
d) Certificado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.
e) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, e co seu importe en moeda local e o seu contravalor en euros.
f) Documento da liña base, de ser o caso.
20.5. Para a xustificación final e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar o anexo VII acompañado tanto da xustificación técnica como a económica e coa documentación que se sinala a seguir:
20.5.1. Xustificación técnica. Integrada polos seguintes documentos:
– Certificación da persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria, acreditativa da total realización do programa e da aplicación dos fondos ao fin destinado, asinada dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.
– Informe técnico final de execución asinado dixitalmente sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados, que indicará, co máximo detalle, os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de transferencia e a xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura.
Esta xustificación permitirá constatar e verificar o cumprimento dos requisitos técnicos fixados na presente orde de bases, e entenderase suficiente para os efectos do establecido no artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
20.5.2. Xustificación económica e de resultados. Comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e ao resto de financiadores, así como a de avaliación externa de resultados que se recollan no documento de formulación que acompaña a solicitude de subvención e o documento da liña base, no caso de non achegalo na xustificación intermedia. Incorporarase tamén a táboa de medición dos indicadores de rendición de contas (IRC).
A xustificación económica realizarase mediante a forma de conta xustificativa, sen prexuízo do establecido nos números 20.5.3 e 20.5.4 en relación coas universidades e as axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas, que se rexerán polo establecido neles, e incluirá a declaración das actividades realizadas, o seu custo total e o desagregado, e irá acompañada de toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida.
A conta xustificativa poderá ser:
– Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 euros. Exceptúanse desta modalidade de xustificación os programas executados por entidades que posúan ánimo de lucro.
– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, obrigatoria para subvencións por importe superior a 50.000 euros e para os programas executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros.
1. A conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos incluirá:
a) Certificación dos gastos polo importe total, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.
b) Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.
c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.
d) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, e a documentación acreditativa do pagamento.
e) Acta de transferencia dos bens, no suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables.
2. A conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, para subvencións por importe superior a 50.000 euros e para os programas executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros, incluirá:
a) Certificación dos gastos polo importe total, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.
b) Certificado desagregado e detallado de custos indirectos, asinado dixitalmente pola persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria.
c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.
d) Acta de transferencia dos bens, no suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables.
e) Informe do/da auditor/a de contas, que deberá estar inscrito/a como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) no caso de ser realizado por persoal sometido á lexislación española, asinado dixitalmente.
No caso de que o informe sobre a conta xustificativa por parte dun/dunha auditor/a de contas se produza no estranxeiro, poderá ser realizado por auditores/as exercentes no país onde se levará a cabo, sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas no dito país, o informe previsto neste artigo poderá ser realizado por un/unha auditor/a establecido/a nel, sempre que a designación deste/a siga uns criterios técnicos que garantan a calidade adecuada. Nestes casos non será obrigatoria a sinatura dixital do/da auditor/a, e substituirase esta por un documento asinado manualmente polo/a auditor/a e, pola súa vez, conformado dixitalmente polo/a representante legal da entidade.
A revisión da conta xustificativa polo/a auditor/a de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.
No caso de que a actividade subvencionada fose executada en todo ou en parte por un socio local ou contraparte estranxeira, non será exixible que os documentos xustificativos do gasto da subvención fosen reflectidos nos rexistros contables da entidade beneficiaria; nese caso, o alcance da revisión do/da auditor/a estenderase ás contas do socio local ou contraparte.
A auditoría realizarase de acordo co establecido na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. A memoria económica deberá abranguer a totalidade dos gastos e pagamentos en que se incorren na realización das actividades subvencionadas, independentemente de quen os financie.
A presentación da auditoría coma forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental, de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou os organismos competentes da Administración da Comunidade Autónoma poderán solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.
Unha vez finalizada a revisión da conta xustificativa, o/a auditor/a deberá emitir un informe en que detallarán os procedementos de revisión levados a cabo, o seu alcance, a porcentaxe de deficiencias advertido e a contía dos gastos afectados.
O informe deberá incluír a listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do programa, selada e asinada polo/a auditor/a.
O informe mencionará se a entidade beneficiaria facilitou canta información lle solicitou o/a auditor/a para realizar o traballo de revisión. No caso de que a entidade beneficiaria non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia, con indicación da información omitida.
O informe referirase ao resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supor un incumprimento por parte da entidade beneficiaria da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, e deberá proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida realizar unha conclusión respecto diso.
20.5.3. No caso dos programas executados por unha agrupación de entidades en que participen as universidades, e conforme o establecido no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación económica, da parte executada directamente pola universidade, consistirá nunha certificación de gastos da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. A persoa que figure na solicitude de subvención como responsable técnica será a encargada de facilitar a remisión desta documentación á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.
20.5.4. Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiránselles como xustificación económica os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico, e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas Nacións Unidas.
20.5.5. Con base no previsto no artigo 94.3.e) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, en casos excepcionais, de se produciren situacións ou fenómenos imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade subvencionada, e que dificulten ou mesmo imposibiliten dispor da adecuada documentación xustificativa do investimento ou do gasto, o órgano xestor poderá aceptar outras formas alternativas de xustificación, como informes de profesionais taxadores independentes e debidamente acreditados e inscritos no correspondente rexistro oficial, declaracións de testemuñas, avaliación por resultados realizada por un profesional verificador acreditado e independente, declaración responsable de provedores ou declaración responsable da entidade beneficiaria en que se detalle o destino dos fondos públicos percibidos e a realización da acción concreta, así como a súa afectación ao bo fin perseguido, ou outras probas de igual valor e credibilidade, sen que sexa preciso achegar máis xustificantes. Así mesmo, se as ditas circunstancias excepcionais, que deberán estar debidamente acreditadas, dificultan ou imposibilitan a execución total do previsto, o reintegro ou a perda do dereito ao cobramento da axuda ou subvención non afectará as cantidades efectivamente investidas e xustificadas se se cumpriron parcialmente os obxectivos.
20.5.6. Cando no programa concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria ten que xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que no sexan Administración pública.
Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente ten que acreditarse a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emita o resto de administracións públicas que financiaron o programa ou actividade. As previsións que contén este número non alteran as funcións que a lexislación vixente lle outorga á Intervención Xeral da Administración autonómica.
No caso de non xustificar a totalidade do programa, o importe da subvención concedida reducirase na mesma proporción en que se reduza a cantidade xustificada respecto do orzamento total presentado. O importe resultante poderá ser devolto á Administración de forma voluntaria, consonte o establecido no artigo 23 destas bases.
20.5.7. No suposto de adquisición de bens inmobles, debe achegarse un certificado dun taxador/a independente debidamente acreditado/a e inscrito/a no correspondente rexistro oficial.
20.5.8. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 15.000 euros, no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá presentar as tres ofertas solicitadas conforme o disposto no artigo 9.1.6 destas bases.
20.5.9. No caso de programas con subvencións de capital superiores a 60.000 euros, destinadas a investimentos en activos tanxibles, e conforme o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria deberá presentar a xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.
20.6. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos, desde a presentación da xustificación final do programa. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.
Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa. Con carácter previo á realización da copia, é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, o número de expediente, así como a referencia «Proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia», con indicación, ademais, do tanto por cento de financiamento que se lle imputa a cada unha das entidades financeiras do programa. No suposto de documentos de gasto en que resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia como consecuencia do seu tamaño, do seu formato electrónico ou por outras razóns, acompañaranse dunha relación destes en que se faga constar a mencionada dilixencia.
Tamén poderán utilizarse, como xustificantes de gasto, os recibos de caixa en que conste o nome da entidade beneficiaria, o importe, o nome e apelidos da persoa que presta o servizo, o concepto do gasto e o nome do programa subvencionado. Este recibo deberá ser asinado pola persoa que presta o servizo (vendedor/a, transportista, etc.).
A utilización de recibos deberá ser, como criterio xeral, autorizada con carácter previo polo órgano concedente da subvención, e poderá tamén ser validada con posterioridade por el, sempre que este considere que a autorización se produciría de terse solicitado con carácter previo.
Poderán, así mesmo, utilizarse recibos de caixa en lugar de facturas, sexa cal sexa o seu importe ou a contía que representen sobre a subvención concedida e sen necesidade de autorización previa, sempre que na documentación xustificativa se inclúa unha acreditación de que as persoas perceptoras de tales pagamentos non están suxeitas á obriga de emitir factura no país en que se efectuou o gasto. A devandita acreditación deberá ser documentada a través da normativa aplicable ou por un organismo público competente.
Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros, acompañado dun xustificante de recepción do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Os criterios establecidos para os xustificantes de gastos e de pagamentos deberán respectar as normas e especificidades dos países en que se desenvolva.
Cando existan xustificantes redactados nun idioma estranxeiro distinto do inglés, francés, italiano ou portugués, deberán ser debidamente traducidos, con indicación da data, importe, concepto de gasto, persoa perceptora e provedora.
20.7. No caso de que a xustificación, parcial ou total, non estea completa ou presente defectos, o prazo para a súa emenda e para a entrega da documentación complementaria requirida polo órgano que efectuase a revisión será de corenta e cinco días hábiles, consonte o que establece o artigo 22.2 do Decreto 29/2017, do 9 de marzo.
20.8. Os impostos susceptibles de recuperación serán atendidos como un anticipo con cargo á subvención concedida en canto non sexan efectivamente recuperados. No momento da presentación da xustificación da subvención concedida achegarase, de ser o caso, unha declaración responsable de non recuperar os devanditos impostos.
Se a recuperación destes se produce durante o prazo de execución, os importes recuperados serán aplicados para sufragar gastos vinculados á actividade, dentro do seu prazo de execución, sen que sexa necesaria autorización previa do órgano concedente, salvo que a súa aplicación implique cambios ou modificacións que afecten obxectivos, resultados, localización territorial, contraparte ou socio local ou poboación beneficiaria.
No caso de que a recuperación se produza nos catro anos seguintes á finalización do prazo de execución da actividade, a entidade beneficiaria poderá propor a súa aplicación a actividades asociadas ou complementarias á actuación subvencionada. O órgano concedente emitirá unha resolución de autorización da aplicación dos fondos, e indicará o prazo de execución e xustificación destes, salvo que o devandito órgano entenda que as actividades ás cales se pretenden aplicar as cantidades recuperadas non poden ser consideradas como asociadas ou complementarias á actuación subvencionada; nese caso emitirá unha resolución de denegación da aplicación dos fondos. Se a resolución fose denegatoria, devolverase o anticipo para o pagamento dos impostos.
A obriga de devolverlle á Administración concedente os impostos recuperados subsistirá durante catro anos dende a presentación da xustificación, ao cabo dos cales, de non se recuperaren aínda os impostos, deberá emitirse unha declaración responsable que acredite a devandita circunstancia.
Artigo 21. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos programas
21.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos, considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación, de terse efectuado.
21.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do programa subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
21.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitarlle ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos programas subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
21.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do programa subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.
Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/
Os documentos ou material divulgativo publicados, tanto en papel como en soporte audiovisual e/ou electrónico, que sexan resultado de actuacións financiadas pola Xunta de Galicia, ademais de conter o logotipo e o nome da Xunta de Galicia como financiador, deberán incluír o seguinte paragrafo, traducido ás linguas en que se publiquen os documentos ou materiais divulgativos: «Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido da dita publicación é responsabilidade exclusiva de <NOME DA ENTIDADE> e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia».
21.5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e a propia Unión Europea.
21.6. A xestión dos programas poderá ser examinada durante a súa execución, ou unha vez finalizada, por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o cal a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como calquera outra documentación relevante na execución do programa.
A avaliación final analizará, de xeito sistemático e obxectivo, a pertinencia, a eficacia, a eficiencia, o impacto e a sustentabilidade do programa financiado, e adaptarase á especificidade deste nos termos de referencia (TdR).
A estrutura dos informes de avaliación seguirá tamén a metodoloxía e o formato utilizados pola Cooperación Española e a Unión Europea e recollerán como mínimo:
– Resumo: debe ser formulado de xeito compacto e breve (non máis de 5 páxinas) para ser empregado como un documento separado, centrándose nos puntos analíticos máis importantes e indicando as maiores conclusións, leccións adquiridas e recomendacións específicas.
– Texto principal: comezando por unha descrición do programa avaliado e os obxectivos da avaliación, deberá seguir os cinco criterios de avaliación describindo os feitos e analizándoos segundo cada un.
– Conclusións e recomendacións: en función da análise dos criterios de avaliación, as recomendacións deberían ser realistas, operativas, pragmáticas e orientadas a audiencias de todos os niveis.
– Anexos: termos de referencia da avaliación, nomes dos/das avaliadores/as e das súas empresas, metodoloxía para o estudo (fases, métodos de recollida de datos, etc.), marcos lóxicos (orixinal e actualizado), lista de persoas ou organizacións consultadas, literatura e documentación, outros anexos técnicos, etc.
O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
21.7. As entidades beneficiarias, en relación co seu persoal expatriado cooperante, obríganse a cumprir co establecido no Real decreto 708/2024, do 23 de xullo, polo que se aproba o Estatuto das persoas cooperantes.
Artigo 22. Modificación das condicións
Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do programa, entendendo por tal aquela que afecte aspectos cualitativos dos seus obxectivos, resultados ou poboación destinataria, ou o lugar ou prazo de execución ou xustificación, así como a modificación ou incorporación dos socios locais. As solicitudes de modificacións substanciais deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.
Conforme o que establece o artigo 94.3.c) da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, o prazo de execución das actividades subvencionadas poderá ser ampliado automaticamente ata un máximo de seis meses, sen necesidade de autorización previa polo órgano xestor, e deberá a entidade beneficiaria comunicarllo previamente ao órgano competente antes de que expire o prazo de execución inicial. Entenderase automaticamente ampliado o prazo coa dita notificación, e será indistinto que se exceda o límite do correspondente exercicio orzamentario. As ampliacións do prazo de execución superiores a seis meses requirirán a autorización previa do órgano xestor.
Excepcionalmente, poderá solicitarse e outorgarse unha segunda ampliación de prazo de execución antes de expirar a primeira, fundamentada en situacións ou fenómenos excepcionais e imprevisibles, como desastres naturais, enfrontamentos armados, crises humanitarias, actuacións retardatarias das autoridades locais ou outras continxencias análogas, que afecten de maneira directa a execución da actividade subvencionada, e deberá acreditarse de forma fidedigna e sempre que non concorran circunstancias imputables á entidade beneficiaria. Nesta segunda ampliación excepcional, o novo prazo outorgarase polo tempo indispensable para facilitar que a entidade beneficiaria supere as devanditas circunstancias ou continxencias. No caso de que a situación excepcional impedise continuar coa execución da actividade financiada ou subvencionada, poderase solicitar unha modificación da finalidade para a cal fose outorgada a dita subvención.
Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención
De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172 de titularidade da Xunta de Galicia, pertencente á entidade Abanca, en concepto de devolución voluntaria da subvención, de conformidade co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na disposición adicional terceira da Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global.
En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe, o motivo da devolución e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 24. Reintegro por incumprimento
24.1. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
24.2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar por posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación:
a) O incumprimento total das obrigas e os fins para os cales se outorgou a subvención e o incumprimento total das obrigas de xustificación dará lugar ao reintegro da totalidade da cantidade concedida.
b) A cantidade que se deberá reintegrar no caso de incumprimento parcial na execución das accións ou gastos e no caso de incumprimento parcial na xustificación será determinada, de acordo co criterio de proporcionalidade, polo volume e grao de incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.
c) No caso de demora na presentación da documentación xustificativa da subvención, e sempre que o cumprimento pola entidade beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite por estes unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, solicitarase a devolución do 10 % da subvención concedida.
Artigo 25. Información aos órganos fiscalizadores
As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
Artigo 26. Transparencia e bo goberno
26.1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
26.2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 27. Recursos
As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os recursos seguintes:
a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de que o acto fose expreso. Se este non o fose (acto presunto), a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpolo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que este se produza, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
b) Directamente, un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 28. Remisión normativa
Para o non previsto nestas bases, será de aplicación a Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia; o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento; a Lei 1/2023, do 20 de febreiro, de cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Artigo 29. Información ás persoas interesadas
29.1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
29.2. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberáselle transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2025. Diego Calvo Pouso, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.
