O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral, sendo a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, de acordo co Decreto 147/2024, do 20 de maio, pola que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a quen lle corresponden as competencias e funcións nesta materia, e entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral subsidiadas na Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que depende da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, polo que dando cumprimento ao artigo 5.3 e concordantes da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, está a levar a cabo a promoción da prevención de riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral.
Con data do 25 de xullo de 2023 foi publicada no Boletín Oficial del Estado a Orde TES/864/2023, do 21 de xullo, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
Correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia establecer a súa normativa propia para a xestión e concesión das correspondentes subvencións, en función das súas especialidades derivadas da súa organización administrativa e a normativa de aplicación no seu ámbito de xestión. Os artigos considerados comúns pola Orde TES/864/2023 e que teñen carácter básico foron incorporados na presente convocatoria.
Así mesmo, correspóndelle executar a Axenda 20 para o Emprego que ten entre os seus fins a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega, así como cumprir cos obxectivos da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2023-2027.
De acordo cos obxectivos da Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia: horizonte 2027 (ESSTG27), priorizaranse as actuacións recollidas dentro dos obxectivos estratéxicos desta, especialmente no eido dos riscos laborais derivados dos novos escenarios no traballo e da nova realidade laboral, da promoción da saúde no traballo e a consecución do benestar laboral e do coñecemento especializado no ámbito da prevención de riscos laborais a través da sensibilización, do asesoramento técnico e da formación.
Por primeiro ano, unifícanse os fondos propios e os fondos estatais destinados á realización de accións en materia de prevención de riscos laborais e que ata o de agora se diversificaban en dúas ordes de axudas.
Son destinatarias finais das accións da liña I (TR852A) as persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego, persoas traballadoras autónomas, delegados e delegadas de prevención, recursos preventivos e persoas traballadoras designadas que asuman con medios propios a actividade preventiva da empresa. Así mesmo, son destinatarias finais das accións da liña II (TR852B) as persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego, persoas traballadoras autónomas e aquelas empresas cuxo cadro de persoal sexa menor de 50 persoas traballadoras.
A Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 17 de outubro de 2024.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou do compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
O importe global das axudas destinadas a estas accións ascende a un total de 2.289.820 € (1.655.103 € correspondentes á liña I: TR852A e 634.717 € correspondentes á liña II: TR852B) que figura no proxecto de Lei de orzamentos para o ano 2025 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 17 de outubro de 2024.
Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, e obtidos os informes da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
TÍTULO I
Obxecto, actividades subvencionables, beneficiarias e importe
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2025 da concesión de subvencións, pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de levar a cabo accións de formación, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia (código de procedemento TR852A) e para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (código de procedemento TR852B).
Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables
Esta orde de convocatoria estrutúrase en dúas liñas de axudas que, pola súa vez, comprenden dúas subliñas cada unha delas:
Liña I (TR852A): accións de formación e asesoramento en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial e sectorial.
Subliña I.1: formación e actividades de asesoramento e asistencia técnica en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial.
As axudas desta subliña están destinadas á realización de actividades de asesoramento en relación coa normativa de prevención de riscos laborais por parte dos gabinetes técnicos de seguridade e saúde laboral das entidades que resulten beneficiarias, cursos de carácter intersectorial e o deseño dos métodos e dos contidos dos programas dos cursos que puidesen ser impartidos en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial.
As actividades de asesoramento e asistencia técnica son entendidas como aquelas que estean dirixidas ao estudo e resolución de problemas derivados da aplicación práctica e material das actuacións preventivas, así como o asesoramento en materia de prevención de riscos laborais, a través de servizos de asesoramento e asistencia técnica de carácter gratuíto e libre acceso, abertos a persoas traballadoras, empresas e persoas autónomas con persoas traballadoras a cargo. Estas consultas poderán ser presenciais, telemáticas, telefónicas ou mediante visita ou acompañamento á persoa demandante de asistencia técnica.
Subliña I.2: formación en materia de prevención de riscos laborais de carácter sectorial.
As axudas desta subliña están destinadas a cursos de formación sectoriais e ao deseño dos métodos e dos contidos dos programas dos cursos que puidesen ser impartidos en materia de prevención de riscos laborais de carácter sectorial, é dicir, en sectores e subsectores da actividade produtiva, en especial, naqueles cuxa estrutura estea constituída fundamentalmente por pequenas empresas.
En todos os programas dos cursos deben incluírse unidades didácticas sobre a perspectiva de xénero e a súa integración nas políticas preventivas e de promoción da saúde, para abordar as diferenzas existentes en relación cos riscos característicos e as necesidades de mulleres e homes. Así mesmo, serán incorporados contidos relativos ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo no traballo.
Liña II (TR852B): realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, de carácter intersectorial e sectorial.
Subliña II.1: realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, de carácter intersectorial: accións de información e promoción do cumprimento da normativa, xornadas de sensibilización de carácter intersectorial, estudos de carácter tamén intersectorial e accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais.
Subliña II.2: realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, de carácter sectorial: accións de información e promoción do cumprimento da normativa, xornadas de sensibilización de carácter sectorial, estudos de carácter tamén sectorial e accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais.
As accións de información e promoción do cumprimento da normativa subvencionadas na liña II serán aquelas que persigan a difusión entre persoas traballadoras e empresarias dos principios de acción preventiva dos riscos laborais ou das normas concretas de aplicación de tales principios, así como aquelas que fomenten o coñecemento e a aplicación das disposicións legais, regulamentarias e convencionais en materia de prevención de riscos laborais, en especial, a través de mecanismos e instrumentos desenvolvidos nos ámbitos sectoriais e territoriais da actividade produtiva.
Todas as actividades subvencionadas nesta orde de convocatoria deberán respectar na súa realización a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, así como o emprego dunha linguaxe inclusiva, mediante o uso dunha linguaxe, mensaxes e contidos visuais que contribúan á transformación social, e afastados dos estereotipos sexistas configurados a partir dunha asignación de roles e valores diferenciados en función do sexo.
Artigo 3. Entidades beneficiarias e o seu financiamento
1. Subliña I.1:
Poderán ser entidades beneficiarias da subliña I.1 as asociacións sindicais intersectoriais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e as asociacións empresariais intersectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
Esta subliña I.1 ten un orzamento total de 1.000.000 de euros con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.324A.481.1, código de proxecto 2015 00507, procedente de fondos propios e que se distribuirá do seguinte xeito: o 50 % para as asociacións empresariais intersectoriais e o 50 % restante para as organizacións sindicais intersectoriais.
2. Subliña I.2:
Poderán ser entidades beneficiarias da subliña I.2:
a) As asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
b) As organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial. No caso das organizacións sindicais intersectoriais da subliña I.1, poderanse presentar un máximo de dúas solicitudes por organización, e as actuacións recollidas en cada unha das dúas solicitudes presentadas por cada organización sindical do antedito tipo poderán conter distintos plans sectoriais en función das necesidades preventivas e a formación demandada polas persoas traballadoras en cada un destes sectores, sen máis limitación que as cantidades máximas de subvención establecidas para cada solicitude. No caso de presentar unha solicitude intersectorial na subliña I.2, non se poderán presentar solicitudes por parte das organizacións sectoriais da mesma organización sindical.
c) As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.
d) Asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
Esta subliña I.2 ten un orzamento de 655.103 euros con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.324A.481.1, código de proxecto 2015 00507, procedente de fondos propios e que se distribuirá do seguinte xeito: o 50 % para as asociacións empresariais e asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas e o 50 % restante para as organizacións sindicais e fundacións sectoriais paritarias.
3. Subliña II.1:
Poderán ser entidades beneficiarias da subliña II.1 as asociacións sindicais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e as asociacións empresariais intersectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
Esta subliña II.1 ten un orzamento total de 380.830,20 €, con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.324A.481.1 e código de proxecto 2023 00244, procedente de fondos finalistas do Estado e que se distribuirá do seguinte xeito, 190.415,10 € para as asociacións empresariais intersectoriais e 190.415,10 € para as organizacións sindicais intersectoriais.
4. Subliña II.2:
Poderán ser entidades beneficiarias da subliña II.2:
a) As asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.
b) As organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.
c) As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.
d) Asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
Esta subliña II.2 ten un orzamento de 253.886,80 € con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.324A.481.1, código de proxecto 2023 00244, procedente de fondos finalistas do Estado e que se distribuirá do seguinte xeito: 126.943,40 € para as asociacións empresariais e asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas e 126.943,40 € para as organizacións sindicais e fundacións sectoriais paritarias.
5. Conforme o disposto no artigo 25.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a concesión destas subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, todos os actos ditados no expediente enténdense condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.
6. No caso de que o solicitante sexa unha fundación ou outra entidade constituída por unha organización sindical ou asociación empresarial, substituirá esta última para todos os efectos previstos nesta orde, e non poderán concorrer na convocatoria, as solicitudes da dita fundación coas da organización sindical ou asociación empresarial da que formen parte; darase prioridade neste suposto ás solicitudes presentadas por estas últimas.
7. Cando a entidade beneficiaria sexa unha persoa xurídica, os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta da primeira terán, igualmente, a consideración de entidades beneficiarias.
8. Debe designarse unha única persoa responsable e de contacto co órgano instrutor, para o seguimento e control dos aspectos técnicos de todas as accións incluídas na solicitude, que se identificará no anexo de solicitude, polo seu nome, teléfono e correo electrónico.
Artigo 4. Entidades non beneficiarias
a) Aquelas entidades nas que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
c) As organizacións que se atopen integradas nunha entidade de ámbito federal ou confederal máis ampla, cando a federación ou confederación da que formen parte sexa tamén beneficiaria na mesma subliña desta subvención.
Artigo 5. Acumulación do remanente
Unha vez atendidas as solicitudes presentadas nas distintas subliñas de cada liña, no caso de existir remanente de crédito, este poderá acumularse, á outra subliña.
De persistir este remanente, poderase acumular á outra liña. A dita incorporación realizaríase de forma preferente na mesma subliña da que derivase o remanente.
Artigo 6. Resolucións complementarias
Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións, inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das presentadas inicialmente.
TÍTULO II
Liña I (TR852A): accións de formación e asesoramento en materia
de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial e sectorial
Artigo 7. Importe máximo subvencionable
1. Por entidade:
a) Na subliña I.1: ningunha entidade beneficiaria poderá percibir unha contía que supere a proporción que lle corresponda entre as organización sindicais solicitantes, en función da súa representatividade o 31 de decembro do ano 2024, e, en todo caso, non poderá superar os 460.000 €. No caso de existiren remanentes, estes serán redistribuídos ata esgotar o orzamento existente, tendo en conta a representatividade relativa, resultando de dividir a representatividade da cada entidade, en cada subliña, entre a suma das representatividades das entidades beneficiarias.
b) Na subliña I.2: o importe máximo por solicitude non poderá superar os 30.000 €.
2. Por actividade: o importe máximo de cada curso non poderá exceder do importe resultante de multiplicar 160 € polo número total de horas impartidas.
3. Excepcionalmente e debido á complexidade técnica dos seguintes cursos tanto sectoriais como intersectoriais: traballos en espazos confinados, traballos en altura, traballos verticais, plataformas elevadoras móbiles de persoal, montaxe e desmontaxe de estadas, operador/manexo seguro de carretillas elevadoras, operador de guindastre autocargante, non poderán exceder do importe de multiplicar 200 € polo número total de horas impartidas. O mesmo criterio se aplicará, só no caso de cursos sectoriais, referidos á técnicas de evacuación, rescate industrial especialmente no sector marítimo pesqueiro, extinción de incendios e traballos de movemento de terras.
Artigo 8. Accións non subvencionables
1. Os cursos que conten cun número de participantes menor a 8.
2. Na subliña I.2, os cursos de nivel básico, previstos no artigo 35 do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención.
3. Cursos que supoñan o cumprimento de obrigas legais en materia preventiva das persoas integrantes das entidades solicitantes e, en particular o cumprimento do artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
4. Os cursos, cunha duración inferior a 8 horas, que versen sobre as seguintes materias: traballos en espazos confinados, traballos en altura, traballos verticais, plataformas elevadoras móbiles de persoal, montaxe e desmontaxe de estadas, operacións de manexo seguro de carretillas elevadoras e de guindastre autocargante.
Artigo 9. Execución da formación
a) As entidades solicitantes poderán executar os cursos obxecto da axuda en modalidade presencial, teleformación, aula virtual (que seguirá tendo a consideración de formación presencial) ou modalidade mixta.
b) Considerarase aula virtual a contorna de aprendizaxe en que a persoa titora-formadora e o alumnado interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.
Artigo 10. Requisitos de asistencia
1. Exixirase un mínimo de 15 persoas asistentes aos cursos, sectoriais e intersectoriais.
2. En casos excepcionais, debidamente motivados a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, poderá autorizar a realización dos cursos cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor a oito. Esta autorización será solicitada pola entidade beneficiaria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. O número máximo de cursos que poden ser realizados con menos de 15 participantes non poderá ser superior ao 15 % dos cursos que se considerasen subvencionables na resolución de concesión de cada entidade. No suposto de superarse esta porcentaxe ditos cursos non percibirán a subvención que lles correspondería.
4. Durante a execución da actividade non se permitirá a ausencia de cada participante a máis dun 20 % do tempo total de duración desta. No caso de que o curso se desenvolvese por módulos, non se permitirán ausencias de máis dun 10 % en ningún dos módulos.
5. Nos cursos impartidos na modalidade de teleformación a porcentaxe necesaria de realización periódica que debe realizar o alumnado para que se considere que cumpre os requisitos de asistencia é dun 80 % dos controis periódicos de seguimento da súa aprendizaxe, con independencia das horas de conexión.
Artigo 11. Gastos subvencionables e período de imputación
1. Os cursos propostos e os gastos que se deriven dos mesmos, que se detallarán no anexo III, poderán realizarse desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de outubro de 2025, sen prexuízo do disposto no artigo 29.
2. Os gastos derivados de persoal adscrito aos gabinetes técnicos de seguridade e saúde laboral, incluído o persoal de xestión administrativa, coordinación e dirección técnica, poderán imputarse desde o 1 de novembro de 2024 ata o 31 de outubro de 2025.
3. Os gastos das actividades levadas a cabo serán imputables de acordo ao seguinte:
a) Gastos xerais de execución:
1º. Terán relación directa coa actividade subvencionable e poderán comprender: compra de material funxible, gastos de deseño, maquetación, impresión, distribución, publicidade (cuñas informativas, folletos, trípticos, carteis e similares) e de arrendamentos de aparellos e equipamentos.
2º. O período para imputar os gastos de publicidade será de catro (4) meses como máximo antes de realizar as actividades, e para os relativos á difusión, un (1) mes como máximo despois do final de todas as actividades relativas aos cursos.
3º No caso de reedición de material de carácter didáctico que sexa necesario para desenvolver os cursos, só se subvencionará cando a súa tiraxe sexa coherente coas estimacións de asistentes á actividade, que en ningún caso poderá superar o 10 % das persoas participantes que iniciasen o curso.
b) Gastos derivados da subcontratación, segundo o previsto no artigo 17 desta orde.
c) Gastos de persoal técnico propio:
A súa porcentaxe máxima non poderá exceder o 60 % do custo mensual laboral (nómina e seguros sociais a cargo da entidade); no caso de que as persoas beneficiarias das actividades formativas superen os 800 participantes, a porcentaxe máxima de imputación será do 80 %.
Nas accións correspondentes aos gabinetes técnicos de seguridade e saúde laboral, na que será do 100 %, deberase ter en conta que o referido límite calcularase en función das nóminas do período que corresponda á actividade para realizar, non en función do custo total anual, e deberán especificarse as horas destinadas en cada acción, de acordo co seguinte:
1º. Para as accións relativas a cursos imputarase como máximo o gasto de catro (4) meses antes do inicio efectivo das accións e un (1) mes posterior ao seu final.
2º. De ter que achegarse gastos de persoal técnico propio vinculado á actividade subvencionable deberase indicar a correlativa porcentaxe de gasto e a natureza dos traballos que realizará o persoal propio ou contratado.
d) Gastos de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento da actividade subvencionable, poderá imputarse o 100 % do custo laboral.
e) Gastos de axudas de custos do persoal técnico e docente: poderán ser por desprazamento coa contía máxima de 0,26 € por quilómetro.
f) Gastos indirectos: gastos tales como consumo eléctrico, teléfono, entre outros, poderán imputarse ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións tendo en conta que:
• Non se poderán imputar estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.
• Período máximo para imputar estes gastos, para as accións relativas aos cursos, na fase de planificación e organización será de catro (4) meses anteriores ao do inicio efectivo das accións e un (1) mes posterior ao seu final. Para a fase de realización efectiva o período estará en función das datas efectivas en que teñan lugar as accións.
Os gastos de mensaxería cando sexan directamente derivados da xestión administrativa dos cursos de carácter presencial, poderán imputarse na súa totalidade, tendo a consideración de gastos directos.
g) Gastos específicos: poderán ser os das persoas docentes, alugueiro de aulas, os dos alugamentos de materiais de protección e seguridade e os de seguro de accidentes das persoas participantes, sempre que estean referidos ás datas efectivas do programa de actividades e quede acreditada a natureza do gasto en relación coa acción realizada, mediante documento xustificativo ou certificación acreditativa de cada organización.
4. Admitirase o movemento entre partidas de gastos relacionados neste artigo na porcentaxe máxima do 10 % do total do orzamento. Excepcionalmente, no caso de que se desexe unha porcentaxe superior, deberá solicitarse previamente, sendo potestade da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais a súa autorización ou denegación.
5. O cobro destas subvencións será compatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.
O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.
6. Serán subvencionables os custos necesarios para a impartición en liña do curso e que se atopen debidamente xustificados.
Artigo 12. Gastos non subvencionables
1. Non se poderán imputar os gastos do persoal directivo ou dos cargos electos executivos das entidades solicitantes, nin as axudas de custos para asistentes a cursos.
2. Non se admitirán gastos referidos a manutención nin ningún outro de carácter protocolario.
3. No caso de cursos que se impartan na modalidade de teleformación ou que se impartan mediante aula virtual, non se considerarán financiables os gastos de transporte, manutención e aloxamento das persoas participantes e/ou formadoras.
Artigo 13. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No suposto previsto no artigo 3.7, deberase achegar:
1º. Certificado expedido por quen desempeñe estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, en que se acredite a condición de membro asociado integrante da asociación.
2º. Copia do compromiso de execución formalizado polas entidades asociadas ou agrupadas, subscrito pola representación legal destas, concretando que partes do proxecto realizará cada entidade.
3º. Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución en tanto non transcorresen os prazos de prescrición legalmente previstos.
b) Documentación común para a solicitude das actividades:
1º. Actuación para a que se solicita a subvención (anexo III). Na solicitude deberase recoller o conxunto de todas as accións solicitadas, individualizando por cada unha delas no anexo III, especificando o seu custo. Indicarase se a entidade colabora no financiamento e, se é o caso, a cantidade que achega. De colaborar no financiamento do custo total, para o caso de que se concedan importes inferiores, débese manter, polo menos, a porcentaxe de cofinanciamento inicial.
2º. Memoria que deberá conter o proxecto sinalando as accións que se van a levar a cabo.
3º. Vida laboral da entidade solicitante dos 30 días inmediatamente anteriores á data da solicitude, ou un certificado asinado pola persoa competente de que a entidade non ten persoas traballadoras contratadas.
4º. Orzamento total do solicitado por accións (anexo IV).
5º. De conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación.
6º. Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.
c) No caso de presentar a solicitude para actividades de cursos:
1º. No caso de que un mesmo proxecto implique distintos cursos, no encabezamento do anexo III deberá constar:
a) A subliña de axudas a que se opta.
b) Na denominación do curso proposta, terase que definir o contido do curso evitando títulos xenéricos ou de carácter publicitario ou comercial.
2º. Presentarase unha memoria que deberá de conter o proxecto que a solicitante quere desenvolver, sinalando de forma independente e separada os cursos que se van a levar a cabo e co contido mínimo que a seguir se indica.
Se un curso se desenvolvese en varias edicións ou sesións, na mesma ou distintas localidades, presentarase unha única memoria, pero indicando o número de edicións ou sesións que se van a realizar e a localidade onde se desenvolverá cada unha delas.
Cada memoria exporá de forma numerada e separada, o contido dos seguintes elementos:
a) A denominación da organización ou entidade solicitante.
b) A denominación do curso proposto acorde co contido do mesmo.
c) A descrición do curso solicitado, indicando o seu obxectivo, necesidade no sector no que se vai impartir e sinalando a finalidade perseguida na prevención de riscos laborais.
d) A planificación temporal dos cursos solicitados.
e) O número de sesións ou edicións que se van a impartir por cada curso solicitado, con indicación do municipio, onde se vai impartir cada un deles.
f) Deberá indicarse, ademais dos elementos indicados nos puntos anteriores:
– O programa docente que se vai a impartir, indicando de forma separada os seus módulos.
– As horas de formación teórica e práctica, cando proceda, de cada módulo.
– A titulación da persoa docente que debe de impartir cada módulo.
– O importe de cada un dos cursos.
3º. No caso de que as entidades solicitantes leven a cabo a formación obxecto de axuda en modalidade de teleformación ou aula virtual deberán presentar como documentación complementaria unha declaración responsable de que a entidade facilitará a todo o alumnado do curso os suficientes medios técnicos e didácticos, con enumeración de cales son estes medios que, ademais, como mínimo, se deberán referir á habilitación e posta a disposición dun número de teléfono e dun enderezo de correo electrónico que recolla e resolva as dúbidas, incidencias ou problemas de uso e manexo.
4º. No caso de entidades que queiran levar a cabo a formación en modalidade de teleformación deberán acreditar, ademais, que dispoñen dunha plataforma que deberá conter, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Infraestrutura tecnolóxica mínima que permita a xestión dun número mínimo de 100 participantes cunha velocidade de resposta axeitada a un funcionamento de 24 horas e 7 días á semana.
b) Capacidade de xestionar cursos de xeito independente e xerar un número mínimo de cursos.
c) Software: compatibilidade co estándar SCORM e paquetes de contidos LMS.
d) O servidor da plataforma de teleformación debe cumprir con todos os requisitos establecidos sobre protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
e) Compatibilidade tecnolóxica e posibilidades de integración con calquera sistema operativo, base de datos, navegador de internet dos máis usuais ou servidor web.
f) Servizo de soporte ao alumnado.
g) Visualización que se adapte ao tipo de pantalla que se utilice, así como a distintos dispositivos.
h) Facilidade de utilización de código de terceiros; a plataforma debe permitir integrar ou incrustar elementos externos como vídeos ou presentacións no contido.
5º. No caso das entidades que soliciten a utilización de aula virtual para a impartición total ou parcial do curso tamén deberán presentar:
a) Acreditación técnica e documental de que a formación se estrutura e se organiza de forma que se garanta, en todo momento, que exista conectividade sincronizada entre a persoa formadora e o alumnado participante, así como bidireccionalidade nas comunicacións.
b) Acreditación técnica e documental de existencia dun rexistro de conexións xerado pola aplicación da aula virtual en que se identifiquen, para cada curso desenvolvido a través deste medio, as persoas participantes na aula, así como as súas datas e tempos de conexión, así como contar cun mecanismo que posibilite a conexión durante o tempo de impartición da aula por parte dos órganos de control, para os efectos das actuacións de seguimento e control previstas nesta orde.
c) No caso de presentar a solicitude para o deseño de métodos e contidos dos programas dos cursos, as entidades presentarán unha memoria descritiva e cadro resumo do deseño e planificación, así como dos contidos dos cursos, indicando a carga lectiva do mesmo ou equivalente do número de horas de impartición da acción obxecto desa planificación, de tal xeito que o orzamento subvencionable segundo a duración prevista do curso sería o seguinte:
– Programación, deseño, contido do curso de formación ata 15 horas: 1.500 euros.
– Programación, deseño, contido do curso de formación de 16 a 30 horas: 2.000 euros.
– Programación, deseño, contido do curso de formación de 31 horas ou máis: 2.500 euros.
d) No caso de presentar a solicitude para actividades de asesoramento e asistencia técnica dos gabinetes técnicos da subliña I.1:
1º. Se se trata dun gabinete técnico de seguridade e saúde laboral que prestará asesoramento en relación coa normativa de prevención de riscos laborais, deberase achegar:
a) Unha memoria explicativa das funcións que vai desenvolver o gabinete.
b) Unha relación das persoas que van conformar o gabinete e as funcións que vai desenvolver cada unha delas. As persoas integrantes de dito gabinete deberán ter unha titulación mínima de técnico de grao intermedio en prevención de riscos laborais e deberán ter polo menos unha persoa con titulación de técnico superior en prevención de riscos laborais.
TÍTULO III
Liña II (TR852B): realización de actividades no ámbito da prevención
de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro,
de prevención de riscos laborais, de carácter intersectorial e sectorial
Artigo 14. Importe máximo subvencionable
1. Por entidade:
a) Na subliña II.1: ningunha entidade beneficiaria poderá percibir unha contía que supere a proporción que lle corresponda entre as organizacións sindicais solicitantes en función da súa representatividade o 31 de decembro do ano 2024 e, en todo caso, non poderá superar os 175.000 €. No caso de existiren remanentes, estes serán redistribuídos ata esgotar o orzamento existente, tendo en conta a representatividade relativa, resultando de dividir a representatividade da cada entidade, en cada subliña, entre a suma das representatividades das entidades beneficiarias.
b) Na liña II.2: o importe máximo por solicitude non poderá superar os 21.000 €.
2. Por actividade:
a) O importe máximo subvencionable por cada xornada de sensibilización será de 1.500 €.
b) O importe máximo subvencionable por estudo será de 10.000 €. Subvencionarase un único estudo por entidade.
Artigo 15. Gastos subvencionables e período de imputación
1. As actividades propostas e os gastos que deriven delas, que se detallarán no anexo III, poderán realizarse desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de outubro de 2025, sen prexuízo do disposto no artigo 29.
2. Serán subvencionables os gastos derivados da subcontratación, segundo o previsto no artigo 17 desta orde.
3. Serán subvencionables os gastos de axudas de custos do persoal técnico e docente: poderán ser por desprazamento coa contía máxima de 0,26 € por quilómetro.
4. O cobramento destas subvencións será compatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.
O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.
5. Admitirase o movemento entre partidas de gastos na porcentaxe máxima do 10 % do total do orzamento. Excepcionalmente, no caso de que se desexe unha porcentaxe superior, deberá solicitarse previamente, e será potestade da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais a súa autorización ou denegación.
6. Serán subvencionables os custos necesarios para a impartición en liña da xornada e que se atopen debidamente xustificados.
Artigo 16. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No suposto previsto no artigo 3.7, deberase achegar:
1º. Certificado expedido por quen desempeñe estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, en que se acredite a condición de membro asociado integrante da asociación.
2º. Copia do compromiso de execución formalizado polas entidades asociadas ou agrupadas, subscrito pola representación legal destas, concretando que partes do proxecto realizará cada entidade.
3º. Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución en tanto non transcorresen os prazos de prescrición legalmente previstos.
b) Documentación para a solicitude de accións:
1º. Acción solicitada, segundo o anexo III. Na solicitude deberase recoller o conxunto de todas as accións solicitadas, individualizando por cada unha delas no anexo III, especificando o seu custo. Indicarase se a entidade colabora no financiamento e, se é o caso, a cantidade que achega. De colaborar no financiamento do custo total, para o caso de que se concedan importes inferiores, debe manterse, polo menos, a porcentaxe de cofinanciamento inicial.
2º. Memoria que deberá conter o proxecto sinalando as accións que se van levar a cabo.
3º. Vida laboral da entidade solicitante dos 30 días inmediatamente anteriores á data da solicitude, ou un certificado asinado pola persoa competente de que a entidade non ten persoas traballadoras contratadas.
4º. Orzamento total do solicitado por accións (anexo IV).
5º. De conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, agás o establecido no artigo 17.3 desta orde de convocatoria.
6º. Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.
c) No caso de presentar a solicitude para accións de información e promoción do cumprimento da normativa e/ou accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais:
1º. No caso de que un mesmo proxecto implique distintas accións, no encabezamento do anexo III delas deberá constar:
– A subliña de axudas a que se opta.
– Na denominación da acción proposta terase que definir o contido da acción evitando títulos xenéricos ou de carácter publicitario ou comercial.
2º. Presentarase unha memoria que deberá conter o proxecto que se desenvolva e co contido mínimo que a seguir se indica, sinalando de forma independente e separada as accións que se van levar a cabo, que poderán consistir no emprego dos seguintes produtos:
– Xornadas, seminarios.
– Estudos e traballos técnicos.
– Libros e manuais.
– Publicacións periódicas.
– Dípticos, trípticos, folletos, pegatinas e carteis.
– Vídeos.
– Anuncios en medios de comunicación escritos e audiovisuais.
– Soportes informáticos, páxinas web/app.
– Material publicitario.
Cada memoria expoñerá, de forma numerada e separada, o contido dos seguintes elementos:
– Denominación da organización ou entidade solicitante.
– A denominación da acción proposta acorde co seu contido.
– Datas da realización desta, ou previsión delas no caso de non telas executadas.
Se se trata dunha xornada deberá indicarse, ademais dos elementos indicados nos puntos anteriores:
– O programa que se vai impartir, indicando de forma separada os seus módulos.
– As horas de duración.
– A titulación ou formación da persoa formadora da xornada ou seminario.
– O importe de cada un dos produtos empregados.
3º. No caso de entidades que queiran levar a cabo xornadas en modalidade de teleformación ou aula virtual, deberán presentar como documentación complementaria unha declaración responsable de que a entidade lle facilitará a todo o alumnado da xornada os suficientes medios técnicos e didácticos, con enumeración de cales son estes medios que, ademais, como mínimo, se deberán referir á habilitación e posta á disposición dun número de teléfono e dun enderezo de correo electrónico que recolla e resolva as dúbidas, incidencias ou problemas de uso e manexo.
As ditas entidades deben acreditar, ademais, que dispoñen dunha plataforma que deberá conter, como mínimo, os seguintes requisitos:
– Infraestrutura tecnolóxica mínima que permita a xestión dun número mínimo de 100 participantes cunha velocidade de resposta axeitada a un funcionamento de 24 horas e 7 días á semana.
– Capacidade de xestionar as ditas accións de xeito independente e xerar un número mínimo.
– Software: compatibilidade co estándar SCORM e paquetes de contidos LMS.
– O servidor da plataforma de teleformación ou aula virtual debe cumprir con todos os requisitos establecidos sobre protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
– Compatibilidade tecnolóxica e posibilidades de integración con calquera sistema operativo, base de datos, navegador da internet dos máis usuais ou servidor web.
– Servizo de soporte ao alumnado.
– Visualización que se adapte ao tipo de pantalla que se utilice, así como a distintos dispositivos.
– Facilidade de utilización de código de terceiros; a plataforma debe permitir integrar ou incrustar elementos externos como vídeos ou presentacións no contido.
No caso das entidades que soliciten a utilización de aula virtual para a impartición total ou parcial da xornada tamén deberán presentar:
– Acreditación técnica e documental de que a formación se estrutura e se organiza de forma que se garanta, en todo momento, que exista conectividade sincronizada entre a persoa formadora e o alumnado participante, así como a bidireccionalidade nas comunicacións.
– Acreditación técnica e documental de existencia dun rexistro de conexións xerado pola aplicación da aula virtual en que se identifiquen, para cada xornada desenvolvida a través deste medio, as persoas participantes na aula, así como as súas datas e tempos de conexión, así como contar cun mecanismo que posibilite a conexión durante o tempo de impartición da aula por parte dos órganos de control, para os efectos das actuacións de seguimento e control previstas nesta orde.
d) No caso de presentar a solicitude para a realización de estudos, deberase xustificar a súa necesidade e o obxectivo que se pretende acadar, así como indicar o seu carácter innovador. Non serán subvencionables aqueles estudos que non sexan innovadores e que consistan exclusivamente en traducións, adaptacións ou adecuacións de publicacións en calquera formato así como os subvencionados en anos anteriores ou os que xa estean realizados por outras entidades cuxos resultados estean publicados e accesibles ao público por calquera medio.
TÍTULO IV
Disposicións comúns
Artigo 17. Subcontratación
1. As entidades beneficiarias poderán subcontratar a realización das accións financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción subvencionada, e deberá ser realizada de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, as subcontratistas deberán facilitarlle aos organismos de xestión, auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe da acción, cos límites previstos nos artigos 7 e 14 desta orde.
2. Acreditarase a necesidade de recorrer á contratación de servizos externos, determinando o traballo encomendado, a súa duración e o servizo que se vai prestar, así como o sistema de coordinación coa entidade principal.
3. En ningún caso poderá concertar a beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas coa beneficiaria, salvo que concorran as seguintes circunstancias:
a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
b) Que se obteña a autorización previa da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais presentando unha memoria xustificativa para ese efecto.
4. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e sexa superior a 60.000 euros, subscribirase un contrato por escrito. Con carácter previo á sinatura do contrato, solicitarase, por escrito, autorización á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
5. Non se poderán imputar gastos de persoal propio no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.
Artigo 18. Prazo para a presentación de solicitudes e o seu contido
1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes e, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
2. Cada entidade solicitante debe presentar unha solicitude de axudas por subliña de cada liña, agás o recollido no artigo 3.2.b) desta orde. Nos restantes casos, cando se presentase máis dunha solicitude, só será tida en conta aquela que se presentou en primeiro lugar.
3. Para as accións previstas nas liñas I.1 e II.1 que soliciten as organizacións que se integren noutra entidade que tamén sexa solicitante, considerarase unicamente a da entidade que teña un ámbito territorial máis amplo.
Artigo 19. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I e/ou anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Todos os requisitos exixidos ás entidades solicitantes entenderanse cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 20. Forma de presentación da documentación
1. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electrónicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa por parte da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
1º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
2º. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
3º. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 22. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
– Certificado de estar ao día das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado para tal efecto no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 23. Instrución
1. A instrución do procedemento corresponderalle ao Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
2. O procedemento que se seguirá na instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes:
a) Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou a documentación presentada contivese erros ou fose insuficiente, o órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirá á entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos requiridos coa advertencia de que, se así non o fixer, considerarase desistida da súa petición, despois de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.
b) O órgano instrutor poderá solicitar a outros organismos os informes técnicos que considere necesarios para a idónea valoración dos proxectos.
Artigo 24. Avaliación e Comisión de Valoración
1. O órgano instrutor á vista das solicitudes e a documentación que se presente verificará o cumprimento das condicións esixidas nesta orde e, no caso de non cumprir coas condicións para ser entidade beneficiaria, a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ditará a resolución de exclusión, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
2. A Comisión de Valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, e dúas persoas vogais, unha das cales será elixida de entre as persoas adscritas á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, que exercerá as funcións de secretaría, con voz pero sen voto, e outra vogal que será unha persoa experta do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga). Se, por calquera causa, no momento no que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir será substituída pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
Poderá asistir as reunións da comisión de valoración, con voz e sen voto, calquera outra persoa que se considere necesaria, elixida de entre as persoas adscritas á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais.
Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.
3. Para unha mellor avaliación dos expedientes, a Comisión de Valoración, de maneira motivada, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa coa solicitude.
4. A Comisión de Valoración, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, realizará un informe, para determinar a contía máxima das subvencións tendo en conta a orde de prelación conseguida polas solicitantes e en base aos criterios de valoración que se establecen nesta orde.
5. A presidencia da Comisión, tendo en conta o informe da Comisión de Valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.
Artigo 25. Criterios de avaliación
1. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas por cada unha das liñas e subliñas de forma separada, de acordo cos criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:
a) Ámbito territorial de alcance da entidade (de 1 a 4 puntos):
– Para entidades con ámbito territorial autonómico: 4 puntos.
– Para as entidades con ámbito territorial provincial: 2 puntos.
– Para as entidades con ámbito territorial local: 1 punto.
b) Alcance territorial das accións a desenvolver (de 1 a 4 puntos):
– Se o alcance territorial é autonómico: 4 puntos.
– Se o alcance territorial é interprovincial: 3 puntos.
– Se o alcance territorial é provincial: 2 puntos.
– Se o alcance territorial é inferior a provincial: 1 punto.
c) No caso de accións de formación, accións de información e promoción do cumprimento da normativa, xornadas de sensibilización, estudos ou accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais, daráselles prioridade a determinadas materias (0 ou 4 puntos):
– 4 puntos: cando a programación presentada das diferentes accións, verse ao menos sobre dúas das seguintes materias:
• Prevención de riscos laborais en poboación traballadora de máis de 55 anos.
• Prevención de riscos laborais e perspectiva de xénero.
• Prevención de riscos laborais nas novas formas de organización do traballo.
• Prevención de accidentes in itinere.
• Prevención de riscos psicosociais.
• Prevención de riscos ergonómicos.
• Prevención de risco químico.
• Prevención de riscos laborais derivados da presenza de radon.
• Traballos con risco por exposición ao amianto.
• Exposición ao po de sílice.
• Fomento de hábitos de vida saudables.
• Prevención de riscos laborais en sectores laborais feminizados.
• Riscos asociados á manipulación de nanomateriais.
• Prevención de accidentes marítimos.
• Prevención de riscos laborais en poboación traballadora de máis de 45 anos con dereito a coeficiente redutor da idade de xubilación por razón da súa actividade.
• Traballos que implican unha natureza en extremo penosa, tóxica, perigosa e insalubre, onde existe risco permanente de sinistros ou morbilidade.
– 0 puntos: Cando non verse sobre dúas ou mais das materias mencionadas.
d) Taxa de estabilidade do persoal da entidade (de 0 a 4 puntos): entenderase por tal a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total do cadro de persoal da entidade:
• Menos do 15 %: 0 puntos.
• Do 15 % e ata o 30 %: 1 punto.
• Máis do 30 % e ata o 50 %: 2 puntos.
• Máis do 50 % e ata o 80 %: 3 puntos.
• Máis de 80 %: 4 puntos.
e) Paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal da entidade solicitante (2 puntos):
• Entre un 40 % - 60 % (incluído): 2 puntos.
f) Sinistralidade do sector ao que vai dirixido a acción (de 0 a 5 puntos):
– Cando a sinistralidade sexa menor do 50 % do índice de incidencia medio: 0 puntos.
– Cando a sinistralidade sexa igual ou maior do 50 % do índice de incidencia medio: 1 punto.
– Cando coincida co índice de incidencia medio: 2 puntos.
– Cando sexa maior do índice de incidencia medio: 5 puntos.
Terase en conta a media dos índices de sinistralidade para Galicia do período correspondente aos anos 2021, 2022 e 2023 que é: 2.826,82.
Desagregada por sectores a media dos índices é: agricultura: 3.903,68; pesca: 4.376,81; industria: 4.969,30; construción: 5.785,57 e servizos: 2.010,87.
g) Cofinanciamento da acción (1 ou 3 puntos):
• Entre o 20 % de cofinanciamento e o 50 %: 1 punto.
• Máis do 50 %: 3 puntos.
A porcentaxe de cofinanciamento que se indique no anexo III deberá manterse sexa cal sexa o importe da subvención concedida.
h) Cumprimento das obrigas derivadas das subvencións concedidas no período dos exercicios 2023 e/ou 2024 nas subvencións obxecto da presente orde: pola renuncia á subvención concedida ou por unha execución inferior ao 60 %, descontárase 2 puntos da puntuación total acadada.
i) Polo compromiso do emprego efectivo da lingua galega, e de conformidade con establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Polo emprego efectivo da lingua galega: 3 puntos.
2. Unha vez instruídas todas as solicitudes, no caso de que o importe das axudas a conceder sexa inferior ao orzamento previsto nesta orde, non se procederá a aplicar os criterios de avaliación.
3. Nas subliñas I.1 e II.1 e respecto ás solicitudes das organizacións sindicais intersectoriais, no caso de que cos criterios de representatividade establecidos nos artigos 7 e 14 desta orde de convocatoria sexan suficientes para a súa valoración, non se procederá a aplicar os criterios de avaliación.
Artigo 26. Criterios de desempate
No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterio de desempate, a puntuación establecida en cada un dos criterios de valoración segundo a orde de prelación establecida no artigo anterior desta orde. No caso de persistir o empate, terase en conta a paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal da entidade solicitante.
Artigo 27. Resolución e recursos
1. A resolución dos expedientes corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que será notificada ás entidades interesadas no prazo de dez días desde que se dite. Unha vez notificadas as resolucións as entidades interesadas dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
2. No caso de que a resolución de concesión prevexa unha subvención menor da solicitada as entidades beneficiarias poderán presentar para a súa autorización a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) unha reconfiguración da súa programación formativa adaptada a resolución aprobatoria e a resposta será comunicada por vía electrónica ao solicitante.
3. No momento en que se teña constancia da aceptación da subvención concedida, poderanse realizar pagamentos anticipados, logo de solicitude en concepto de anticipo e de acordo coas seguintes condicións establecidas no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata o 80 % da subvención concedida.
b) Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, poderanse conceder pagamentos dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.
Neste caso, as entidades solicitantes de dito pagamento anticipado quedan exoneradas da constitución de garantía segundo o disposto no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os cinco (5) meses. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude.
5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
6. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicará na súa páxina web (https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions) e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.
Artigo 28. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 29. Prazo de finalización e de xustificación das accións
1. Todas as accións deberán estar finalizadas con data límite, o 31 de outubro de 2025, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior. Esta data estará comprendida dentro do exercicio orzamentario 2025.
2. No relativo á presentación da documentación xustificativa será ata o 11 de novembro de 2025.
Artigo 30. Documentación requirida para a xustificación do pagamento
1. A acreditación da aplicación da subvención aos fins para os que foi concedida realizarase mediante a presentación da xustificación económica e a xustificación técnica ou informe final dirixida á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Toda a documentación que deba ser entregada en soporte físico, presentarase en folios separados sen a utilización de canudo para a súa encadernación.
A relación das persoas participantes dos cursos para os que se concedeu a axuda deberá ser entregada nun formato (tipo Calc ou Excel), que permitan extraer datos para súa posterior consulta e que deberá incluír o nome, apelido, DNI ou NIE. Os datos deben estar desagregados por sexo. Para tales efectos, as entidades beneficiarias deberán achegar cuberta unha táboa, segundo o modelo que figura na sede electrónica.
2. No caso de cofinanciamento deberase xustificar o importe calculado sobre o custo total xustificado, e deberá respectar a porcentaxe indicada no anexo III.
3. Deberá achegar os seguintes documentos:
a) Certificado da entidade no que figure a mención das accións realizadas, o importe xustificado e a relación de facturas e os gastos de persoal (anexo V).
b) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, incluído as resolucións correspondentes, e da cantidade que achega a entidade para o financiamento da acción, se é o caso, así como o xustificante de pago do financiamento propio (anexo VI).
c) Xustificantes de gastos e de pagamentos realizados durante as distintas fases de execución da actividade, separando planificación e organización e realización efectiva da acción. Non se poderán presentar xustificantes de data posterior ao vencemento do prazo de xustificación.
d) No caso de que as actividades sexan no formato de teleformación ou aula virtual deberá achegarse a declaración do alumnado de que dispón dos medios técnicos suficientes e axeitados para a súa realización, propios ou facilitados pola entidade, con carácter previo ao comezo destas.
4. A xustificación técnica ou o informe final do proxecto será conforme o modelo que se inclúe como anexo VII ao final deste texto articulado.
5. Os documentos e as demais accións que se realicen deberán levar a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal) e o depósito legal no seu caso.
6. Requisitos formais das facturas:
a) Cada factura deberá conter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario de cada actividade da acción realizada, aplicable igualmente para o caso de subcontratar cun terceiro a execución parcial ou total.
b) Conterán os datos identificativos do expedidor (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo), así como do destinatario, que deberá ser a entidade subvencionada.
c) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo deberá indicarse «IVE incluído», así como o lugar e a data.
d) Presentarase o comprobante bancario do seu pagamento. Se a transferencia engloba varias facturas, presentarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de abono en metálico. Os pagos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria.
e) As facturas deberán indicar a conformidade da entidade beneficiaria coa prestación recibida. Esta conformidade manifestarase mediante selo para o efecto na propia factura, no que conste expresamente a conformidade co gasto, o nome e a sinatura da persoa responsable/coordinadora designada da entidade beneficiaria, ou mediante certificación da devandita conformidade, que fará referencia a presente orde, emitida pola persoa responsable/coordinadora designada na cal figure a listaxe completa das facturas conformadas, que conterá obrigatoriamente a identificación da empresa (nome e NIF), o concepto da factura e o seu importe, e que se xuntará as copias das facturas.
Artigo 31. Xustificación segundo o tipo de gasto
Os tipos de gastos adecuaranse ás accións realizadas e imputaranse cos límites que se establecen nas disposicións desta orde de convocatoria.
1. Gastos xerais de execución: achegarase copia e o seu xustificante de pagamento. Se é o caso, achegarase coa solicitude de xustificación unha unidade física dos respectivos materiais elaborados. No caso dos gastos de publicidade e difusión, presentarase ademais documento gráfico ou material que acredite a súa realización: prensa, difusión en páxina web, díptico, cartel. Os devanditos materiais, unha vez feita a comprobación pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, deberán ser retirados pola propia entidade nun prazo de dous meses desde o pagamento, e no caso de non retirarse, pasarán a ser propiedade da Administración.
2. Gastos derivados da subcontratación:
a) No suposto recollido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que o importe do gasto subvencionable supere a contía establecida na lexislación vixente de contratos do sector público para os contratos menores deberán presentarse, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores que a entidade beneficiaria deberá solicitar con carácter previo á contratación, agás o establecido no artigo 17.3 desta orde de convocatoria.
b) Para xustificar este gasto presentarase a copia da factura, coa explicación detallada do gasto e o prezo unitario de cada actividade relacionada coa acción, e o documento acreditativo do seu pagamento.
3. Gastos de persoal:
a) Persoal técnico propio: deberán presentar certificado da persoa representante legal da entidade no cal conste o número de horas da xornada de traballo ordinaria dedicada á actividade subvencionada e o seu custo.
b) Persoal técnico contratado expresamente para a actividade: terá que presentarse o contrato de traballo no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado.
c) Para xustificar os gastos deste persoal deberán presentar, así mesmo, o seguinte:
1º. Copia das nóminas de cada un dos meses que se imputan á actividade subvencionada, xunto co comprobante do pagamento expedido pola entidade bancaria.
2º. Cadro en que figuren os cálculos realizados para obter o importe da imputación da subvención: horas, conceptos, importes, porcentaxes aplicadas, totais. Nun formato (tipo Calc ou Excel), que permitan extraer datos para súa posterior consulta.
3º. Xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa proxecto Creta) e ás respectivas transferencias bancarias do seu pago.
d) No caso de entidades nas que as persoas beneficiarias superen os 800 participantes, presentarase un certificado da entidade no que se desagregue o número de participantes por cada curso.
4. Axudas de custos: deberán presentar o documento xustificativo do servizo que se realizou vinculado á acción, a súa efectiva liquidación e o xustificante de pagamento.
5. Gastos indirectos: certificado emitido pola persoa representante legal da entidade beneficiaria, sen prexuízo de que a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais solicite, en calquera momento, as correspondentes facturas e os documentos acreditativos do seu pagamento.
6. Gastos específicos das accións: copia da factura e o seu xustificante de pagamento.
7. Gastos correspondentes á actividade de deseño dos métodos e dos contidos dos programas de formación:
a) Memoria descritiva do proxecto que incluirá, por un lado, a exposición do método e programación do curso, e por outro, un resumo dos contidos deste establecendo o número de horas lectivas de impartición do curso.
b) Deseño, planificación e contidos dos programas que terán que acadar a calidade necesaria trala avaliación técnica desta consellería que deberá ser achegado en formato dixital.
c) Gastos de persoal.
Artigo 32. Memoria técnica das actividades
1. A xustificación técnica ou informe final axustarase ao modelo do anexo VII e especificará co máximo detalle as accións realizadas e a súa relación directa cos xustificantes do gasto:
Cando a actividade realizada sexan cursos ou xornadas de sensibilización, faranse constar a/as data/s, o lugar e o sitio de realización, o programa formativo, a descrición do colectivo destinatario, o profesorado, o material didáctico utilizado e entregado; e o control de asistencia do alumnado coas sinaturas dos asistentes e do profesorado.
Así mesmo, debe constar a relación das persoas asistentes para os cales se concedeu a axuda (nome, apelidos, DNI/NIE); os datos deben estar desagregados por sexo.
2. O incumprimento do deber de presentar a xustificación técnica así como a de incluír os aspectos antes sinalados dará lugar ao non pagamento e/ou á revogación da axuda.
3. Para garantir a asistencia das persoas participantes nos cursos e/ou xornadas levada a cabo na modalidade de teleformación ou aula virtual exixirase o uso de medios electrónicos, sempre que quede debidamente acreditada a súa identidade e reúna os requisitos de seguridade xurídica.
Permítese a sinatura electrónica das persoas responsables de formación, persoas formadoras e alumnado mediante captura de firma dixitalizada ou calquera dos documentos que precisen da súa firma, que terá que estar asociada ao correspondente NIF ou DNI.
O sistema de captura de sinatura dixitalizada deberá garantir en todo caso a autenticidade dos datos correspondentes a ela.
Para os efectos da identificación do alumnado, cabe a posibilidade de que a propia persoa achegue unha fotografía do anverso do seu DNI a través do seu teléfono ou correo electrónico.
Artigo 33. Corrección de defectos da xustificación e pagamento
1. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a entidade beneficiara da subvención presentase a documentación exixida, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. Así mesmo, cando a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais na comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola/s beneficiaria/s, poñerao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).
2. Tras a recepción da documentación requirida procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución. Unha vez feita a revisión, realizarase a proposta de pagamento ou a revogación da subvención.
3. Revisada a xustificación e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais emitirá as certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.
4. Poderán acordarse pagamentos parciais á medida que as entidades beneficiarias xustifiquen as actividades xa realizadas.
Estes pagamentos, conxuntamente cos pagamentos anticipados, nunca serán superiores ao 80 % da subvención concedida.
5. De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías os beneficiarios e as beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, transferencias correntes, destinados a familias e institucións sen fins de lucro.
Artigo 34. Obrigas das entidades beneficiarias
1. Executar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
2. Antes do inicio das actividades, comunicarlle ao órgano instrutor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención así como dos compromisos e obrigas asumidos.
3. Comunicar a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público estatal ou internacional.
4. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obriga de facilitar información, tal como establece o artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
7. Dar a adecuada publicidade de carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención nos termos regulamentariamente establecidos; en concreto, deberá consignarse a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal) en todas as actividades de difusión, así como no material que se realice con motivo das actuacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria, e tamén deberá observarse o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, así como calquera outra das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
8. Calquera outra das obrigas establecidas nos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
9. Estarán obrigadas a ceder ao uso público, sen ánimo de lucro, todos aqueles materiais que resulten da execución da actividade, manuais, dípticos, enquisas, conferencias, relatorios que se poidan aproveitar noutros sectores.
10. Deberán estar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. No suposto de existiren débedas tanto antes de ditar a resolución de concesión como no momento da xustificación para a liquidación do pago, procederase a efectuar requirimento á entidade solicitante para que emende a situación.
11. No caso da axuda para gabinetes técnicos de seguridade e saúde laboral, un compromiso da entidade solicitante no que se indique que os locais que vai ocupar estarán debidamente identificados.
Artigo 35. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 de Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición de multas coercitivas prevista no punto 4 do citado artigo.
Artigo 36. Publicación na Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 37. Perda do dereito ao cobro das axudas e o reintegro
1. Procederá a perda de dereito ao cobro das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Procederá non realizar o pagamento ou o posterior reintegro da totalidade da axuda concedida, nos seguintes casos:
a) O incumprimento das obrigas esixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención, recollidas no artigo 34.1, 34.2, 34.4, 34.5, 34.6, e 34.10
b) No caso de que non se presente ningunha da documentación esixida nos artigos 30, 31 e 32.
c) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impidan a concesión.
d) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.
3. Procederá o pagamento parcial ou, a posteriori, o reintegro parcial, en proporción ao gasto non xustificado ou aos datos coñecidos despois do pago, nos seguintes supostos:
a) A presentación só de parte da documentación exixida.
b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.
c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.
d) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro parcial do 10 % da axuda concedida.
e) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas nesta orde dará lugar ao reintegro parcial do 10 % da axuda concedida.
f) O incumprimento mínimo de 8 participantes nos cursos, conforme o establecido no artigo 10.2 e 10.3 desta orde.
g) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, en ambos os casos, na porcentaxe correspondente aos investimentos non efectuados ou non xustificados.
Artigo 38. Modificación de resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, fóra dos casos permitidos nesta orde, ou que o importe supere o custo total da actividade subvencionada que desenvolverá a entidade beneficiaria poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, á súa revogación.
Artigo 39. Revogación
1. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das competencias que ten a Inspección de Traballo e Seguridade Social, en virtude do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
Artigo 40. Seguimento e control
1. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados.
2. Co fin de garantir o adecuado seguimento e control destas subvencións, unha vez notificadas as resolucións de concesión, as entidades beneficiarias deberán achegar a planificación definitiva e só se comunicarán os cambios que afecten a dita planificación definitiva. Estes cambios comunicaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Artigo 41. Indicadores
Esta convocatoria de axudas atópase incluída no PEG 2021-2030, no seu obxectivo estratéxico 01.01.04. Consolidar un marco de relacións laborais moderno que facilite unhas condicións de traballo saudables e seguras e favorecer a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.
O dito obxectivo estratéxico correspóndese co eixe 1: o reto demográfico, e coa prioridade de actuación 01.: 1.1. Acadar un nivel de emprego elevado e de calidade, que garanta o equilibrio entre a vida profesional e a privada.
Para a súa medición e seguimento, en liña tamén co financiamento comunitario, establecéronse os seguintes indicadores de produtividade e de resultados e coas estimacións de valores previstos seguintes:
P00325: accións de formación e información desenvoltas en materia de prevención de riscos laborais. Valor previsto: 286.
P00326: campañas e accións de sensibilización de prevención de riscos laborais. Valor previsto: 132.
P00327: actuacións de asesoramento realizadas en prevención de riscos laborais. Valor previsto: 2.170.
P0076B: entidades beneficiadas en materia de prevención de riscos laborais. Valor previsto: 55.
Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión, das que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Disposición adicional segunda. Outra documentación
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá requirir, en todo momento, a documentación que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas da subvención concedida, agás aquela que, de acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xa se encontre en poder da Administración actuante.
Disposición derradeira primeira. Remisión normativa
En todo o non disposto nesta orde será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais, en canto lle sexa de aplicación e, con carácter supletorio a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento
Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta disposición.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
