Feitos:
Primeiro. O MVMC Laxa Corga, Rebordechá e Leboreiro, San Martín e Val do Santo, e Almocela foi clasificado, o 26.9.1979, a favor dos veciños da parroquia de Porqueirós.
Segundo. O 20.12.1991 publicouse no DOG o Decreto 410/1991, do 12 de decembro, polo que se declara de utilidade pública e interese social a urxente execución da concentración parcelaria da zona de Porqueirós (Muíños-Ourense), que afectou boa parte do perímetro do dito monte.
Terceiro. O 25.4.2002 adquiriu firmeza o acordo de concentración de Porqueirós e o proceso rematou formalmente o 30.6.2010 coa entrega dos correspondentes títulos da propiedade.
Cuarto. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe, o día 24 de maio de 2024, en que propón unha revisión de oficio do esbozo do MVMC Laxa Corga, Rebordechá e Leboreiro, San Martín e Val do Santo, e Almocela. Nel realízanse as seguintes consideracións.
– Non existe constancia de que mediase a comunicación formal de reorganización da propiedade a que fai referencia o artigo 70.6 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Porén, si hai constancia da relación de predios adxudicados á CMMVVMC da parroquia de Porqueirós, cuxo parcelario, ademais, está xa incorporado no Catastro.
– En datas recentes, o Catastro elevou varias consultas relativas á titularidade de parcelas situadas dentro do perímetro do monte inicialmente clasificado, que denotan máis inseguridade do habitual en torno a esta cuestión.
– Non hai, grosso modo, parcelas adxudicadas á CMVMC da parroquia de Porqueirós que antes non fosen monte veciñal en man común e que pasasen a selo tras a concentración. Si hai zonas nas cales se modifica o perímetro estremeiro entre o monte veciñal en man común e as propiedades particulares, pero trátase de variacións que encaixan no que sería unha definición máis precisa do perímetro e, polo tanto, compatibles co concepto da revisión de esbozo.
– Con posterioridade á entrega dos predios adxudicados, concretamente o 16.10.2007, o Xurado Provincial aprobou unha conciliación entre a CMVMC da parroquia de Porqueirós e a de Taboadela e Seoane de Taboadela, que modifica ou recorta lixeiramente unha das parcelas atribuídas na concentración á primeira delas (predio núm. 337), modificando na práctica o límite da zona de concentración, pero sen que houbese constancia dese acordo nos datos do órgano concentrador.
Quinto. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un novo informe o día 7 de agosto de 2024, en que sinala que durante o desenvolvemento de tarefas rutineiras de actualización cartográfica se detectou un erro na actualización dos predios do monte veciñal derivado do proceso de concentración. En consecuencia, a superficie regularizada do MVMC Laxa Corga, Rebordechá e Leboreiro, San Martín e Val do Santo, e Almocela, é de 190,65 ha.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta os informes do Servizo de Montes dos días 24 de maio de 2024 e 7 de agosto de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 16 de decembro de 2024:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Laxa Corga, Rebordechá e Leboreiro, San Martín e Val do Santo, e Almocela, pertencente á CMVMC da parroquia de Porqueirós, no concello de Muíños.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 13 de xaneiro de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
