Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Monte Vilar do Barrio, pertencente á CMVMC de Vilar de Barrio, no concello de Vilar de Barrio, con propiedades particulares, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Vilar de Barrio presentou un escrito (Rexel 2022/2415014), en que solicita a aprobación dun deslindamento coas propiedades particulares.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Certificacións do acordo da asemblea xeral.
– Memoria.
– Arquivos dixitais vectoriais en formato shape.
Segundo. O 30.3.2023, o Servizo de Montes de Ourense emitiu un informe favorable ao considerar que non existe unha afección significativa sobre a integridade territorial do monte, ben que tamén indicaba que procedía excluír da proposta 2,8 ha que invadirían terreos do MVMC Chaira, Penediños, Tombo e Veiga, pertencente á CMVMC de Bóveda.
Terceiro. O 4.10.2023 publicouse no DOG o anuncio polo que se facía pública a proposta de deslindamento e se abría o período de alegacións; anuncio que tamén se lle remitiu ao Concello de Vilar de Barrio para os efectos da súa publicación no taboleiro de anuncios.
Cuarto. A CMVMC de Vilar de Barrio presentou o 2.4.2024 un escrito complementario (Rexel 2024/118845), co que se reafirmaba na proposta de deslindamento inicial pero tendo en conta as indicacións recollidas no informe inicial do Servizo de Montes, expoñendo que non lle constaba alegación ningunha á liña presentada. Ademais, achegaba con el a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da asemblea xeral.
– Memoria.
Quinto. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 5 de abril de 2024 en relación coa citada solicitude.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 54 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares e establece que no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, se dará traslado ao xurado provincial dos acordos alcanzados e, cando menos, da seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común ditará resolución aprobatoria do deslindamento e notificarállela ás persoas interesadas. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 5 de abril de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 16 de decembro de 2024:
Aprobar o acto de conciliación acadado entre o MVMC Monte Vilar do Barrio, pertencente á CMVMC de Vilar de Barrio, no concello de Vilar de Barrio, con propiedades particulares.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 13 de xaneiro de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
