DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 2025 Páx. 7514

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social e Igualdade

DECRETO 2/2025, do 20 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade.

O 27 de maio de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade.

A través dese decreto, e mediante a creación de dous servizos específicos nos servizos centrais da consellería, avanzouse no tratamento específico e diferenciado das materias de valoración da dependencia e valoración da discapacidade.

Para acadar unha maior especialización e eficiencia na xestión, cómpre reforzar a estrutura organizativa dos servizos periféricos, mediante a creación a través do presente decreto dun Servizo de Dependencia e dun Servizo de Discapacidade nos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade.

Resulta necesaria, polo tanto, a modificación do número 2 do artigo 35 do Decreto 139/2024, do 20 de maio, que establece as funcións e os órganos de apoio con nivel orgánico de servizo que se integran nos departamentos territoriais.

A presente modificación da norma organizativa tramitouse de conformidade cos artigos 40 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Política Social e Igualdade, de acordo co artigo 27 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no exercicio da facultade outorgada no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo do órgano de dirección con competencias en materia de avaliación, reforma e simplificación administrativa e os informes dos órganos de dirección competentes en materia de función pública e da análise orzamentaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade

O número 2 do artigo 35 do Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, queda redactado como segue:

«2. Os departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, baixo a autoridade e supervisión da persoa titular do dito departamento territorial, estarán integrados polos seguintes órganos de apoio con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Coordinación Administrativa.

Este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa do funcionamento dos servizos dependentes do departamento territorial.

b) A habilitación e a xestión do persoal que preste servizos no departamento territorial e nos centros dependentes.

c) As cuestións de réxime interior, información e atención ao/á cidadán/á, rexistro xeral, publicacións, tramitación administrativa, arquivamento e inventario de bens.

d) A execución de actuacións de inspección da organización e o funcionamento dos servizos administrativos do departamento territorial.

e) Prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa á persoa titular do departamento territorial e substituíla en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos da súa abstención ou recusación declarada.

f) Calquera outro asunto que non sexa de competencia específica dos demais servizos do departamento territorial.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.2. Servizo de Xestión Económica.

Este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) O control contable, a xestión e a xustificación dos créditos que se lle asignen ou desconcentren.

b) A elaboración do estudo do anteproxecto de orzamento anual correspondente aos programas de gasto do departamento territorial e dos centros dependentes del.

c) A coordinación e a supervisión da xestión económica dos servizos do departamento territorial e dos centros dependentes del.

d) A administración, o control contable, a xestión e a xustificación dos créditos desconcentrados e asignados ao departamento territorial.

e) A habilitación dos medios materiais.

f) A tramitación dos expedientes de contratación.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de que depende.

2.3. Servizo de Dependencia.

Desenvolverá as funcións propias da Secretaría Xeral Técnica, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destinadas a persoas en situación de dependencia e a persoas maiores, no respectivo ámbito territorial.

2.4. Servizo de Discapacidade.

Desenvolverá as funcións propias da Secretaría Xeral Técnica, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destinadas a persoas con discapacidade, no respectivo ámbito territorial.

2.5 Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica destinadas á familia e menores, no respectivo ámbito territorial.

2.6. Servizo de Prestacións, Inclusión e Inmigración.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Inclusión Social destinadas aos servizos comunitarios, inclusión social e inmigración, no seu respectivo ámbito territorial».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade