
A Orde do 2 de xaneiro de 2024 estableceu as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e convocounas para o ano 2024 (códigos de procedemento MR404A, MR404B, MR405D, MR405E, MR405F e MR405G).
Unha das liñas de axuda establecidas é a correspondente ao establecemento de novos agricultores, subintervención 69612_01 Novas persoas agricultoras, código de procedemento MR404B. A axuda concederase pola execución do plan empresarial e consistirá nunha prima cuxa contía básica, establecida en 25.000 euros, se poderá incrementar segundo o establecido no artigo 46 da orde de convocatoria, sen que a axuda total supere os 55.000 euros.
A concesión das subvencións, segundo establecen as bases reguladoras, efectuarase mediante concorrencia competitiva.
De conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións, convocadas mediante concorrencia competitiva, deben ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, que producirá os mesmos efectos da notificación.
Unha vez rematada a fase de instrución das solicitudes recibidas, avaliadas as solicitudes polo Servizo de Explotacións Agrarias de cada xefatura territorial da Consellería do Medio Rural, é informado o órgano colexiado da admisibilidade dos expedientes, segundo o previsto no artigo 6 das bases reguladoras. Este órgano aplica os criterios de prioridade para que a persoa titular da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias formule a proposta de resolución, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias. Vista esta, a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería, resolve a convocatoria.
Por outra banda, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e finalidade ou finalidades da subvención.
Por todo o indicado,
RESOLVO:
Primeiro. Conceder as subvencións para o establecemento de novos agricultores, subintervención 69612_01 Novas persoas agricultoras, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), convocadas pola Orde do 2 de xaneiro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR404A, MR404B, MR405D, MR405E, MR405F e MR405G). Esta orde publicouse no DOG do 22 de xaneiro de 2024.
Os expedientes aprobados constan no anexo II, como consecuencia da aplicación dos criterios de valoración e de preferencia establecidos no anexo VIII da convocatoria, cuxo resultado se amosa no anexo I, polas contías que se reflicten no anexo II e con cargo á aplicación 14.04.712B 772.0 e proxecto 2024 00099 para as axudas previstas para o establecemento de novos agricultores (subintervención 69612_01 Novas persoas agricultoras) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2024, 2025 e 2026.
Esta axuda ten por finalidade atraer e apoiar os novos agricultores e facilitar o desenvolvemento empresarial sostible nas zonas rurais, promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, incluída a participación das mulleres na agricultura, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, entre elas a bioeconomía circular e a silvicultura sostible.
Segundo. Denegar as solicitudes de subvención que se relacionan nos seguintes anexos:
– No anexo III, por non acadaren a puntuación mínima de 2 puntos e, polo menos, dous criterios, necesaria para a concesión da subvención (tal e como se establece no anexo VIII da orde) ou como resultado da aplicación do réxime de concorrencia competitiva establecido no artigo 1 da orde, unha vez establecido o punto de corte. No caso de empate en puntos, de acordo co anexo VIII da orde de convocatoria, priorizarase segundo a orde indicada nos criterios de selección. De persistir o empate, empregarase o criterio de zona rural tomando como referencia o LAU2, priorizando as zonas de baixa densidade (zona 3, zona 2 e, por último, zona 1). Se aínda persiste o empate, ordenaranse por rigorosa orde de presentación.
– No anexo IV por non cumpriren os requisitos exixidos (como se establece no artigo 43).
Terceiro. Informar as persoas beneficiarias que figuran no anexo II desta resolución do seguinte:
a) As condicións de aplicación a estas axudas son, con carácter xeral, as establecidas na Orde desta consellería do 2 de xaneiro de 2024 que regula estas axudas e, supletoriamente, as establecidas na normativa autonómica, estatal e comunitaria aplicable.
b) Non se admitirán modificacións dos investimentos aprobados nin do calendario e datas máximas de xustificación establecidas, salvo nos casos e condicións admitidos nos artigos 9 e 20 da Orde do 2 de xaneiro de 2024.
c) Para a concesión desta axuda e o establecemento das súas características tívose en conta a información e a documentación incluída coa solicitude de axuda. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas na orde de convocatoria e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
d) O aboamento da axuda realízase en dous pagamentos. O primeiro deles, do 60 % do importe da axuda concedida, realizarase tras a concesión sen necesidade de presentar unha solicitude de pagamento.
e) Para efectuar o pagamento da subvención correspondente ao segundo prazo de xustificación, o/a beneficiario/a deberá cumprir as condicións establecidas na Orde do 2 de xaneiro de 2024 e presentar a documentación indicada no seu artigo 47.
f) Se o/a beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, ao executar e xustificar o seu plan empresarial aprobado no prazo establecido, e cumpre co resto dos requisitos da resolución de concesión, aboarase a totalidade da subvención concedida. De non ser así, procederase conforme o establecido no artigo 12 da Orde do 2 de xaneiro de 2024, relativo a incumprimentos.
g) A persoa nova agricultora comprométese a exercer a actividade agraria durante cinco anos, contados desde o pagamento final da axuda. Deberá cumprir outros requisitos dos beneficiarios detallados no artigo 43 da orde de convocatoria.
h) Conforme o disposto no artigo 3 da orde de convocatoria, o/a beneficiario/a da axuda deberá dispor dunha contabilidade específica Feader para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.
i) Estas axudas proceden do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 e están cofinanciadas con fondos da Unión Europea a través do Feader do seguinte xeito:
Intervención 69612. Establecementos de novos agricultores.
– Subintervención 69612_01 Novas persoas agricultoras. Cofinanciada nun 60 % polo fondo Feader.
j) As axudas reguladas por esta resolución serán compatibles con calquera outra axuda que co mesmo fin concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo do establecido e en relación coa incompatibilidade destas axudas con calquera outra cofinanciada con fondos europeos do Feader, artigo 36 do Regulamento (UE) 2021/2116, do 2 de decembro, sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable.
No marco do Feader, unha operación unicamente poderá recibir distintas formas de apoio do Plan estratéxico da PAC e doutros fondos mencionados no artigo 1.1 do Regulamento (UE) 2021/1060, ou de instrumentos da Unión, se o total acumulado das axudas concedidas en virtude das diferentes formas de apoio non supera a intensidade máxima da axuda ou o importe máximo de axuda aplicables a ese tipo de intervencións a que se refire o título III do Regulamento (UE) 2021/2115.
k) O beneficiario deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader establecida no artigo 15 da orde de convocatoria.
Cuarto. Os solicitantes relacionados no anexo II disporán de información máis detallada da axuda aprobada na súa Carpeta cidadá.
Quinto. Unha vez notificada a resolución de aprobación da axuda polo órgano competente, as persoas interesadas propostos como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Sexto. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa notificación, consonte o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercitar calquera outro dereito que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024
A conselleira do Medio Rural
P.D. (Orde do 17.11.2015; DOG núm. 223, do 23 de novembro)
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
