O tribunal nomeado pola Resolución do 30 de setembro de 2024 (DOG núm. 191, do 3 de outubro) para cualificar o proceso selectivo convocado pola Resolución do 5 de xullo de 2023 (DOG núm. 129, do 7 de xullo),
ACORDA:
Primeiro. Nas sesións que tiveron lugar o 4 e o 10 de decembro de 2024, e o 20 de xaneiro de 2025, ao abeiro do previsto na base II.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 17 de novembro de 2024:
– Acceso libre: anular a pregunta 61. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta de reserva 183 (correspondente á primeira pregunta de reserva da parte específica do programa). Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.
– Promoción interna: anular a pregunta 21. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta de reserva 141 (correspondente á primeira pregunta de reserva da parte específica do programa). Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.
Segundo. De conformidade coa base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 50 puntos, e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.
Así pois, e de conformidade co disposto na citada base, mediante a resolución deste tribunal do 30 de outubro de 2024 deuse publicidade aos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio, publicados o 15 de novembro de 2024 no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, e sinalouse que na quenda de acceso libre superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas nesta quenda, sempre que acaden o mínimo do 50 %, en cada unha das dúas partes, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Na quenda de promoción interna superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aprobadas. Asignaráselles a valoración de 25 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 25 e os 50 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non acaden vinte e cinco (25) puntos non superan o primeiro exercicio e serán declaradas non aptas.
Terceiro. Unha vez realizada a corrección na sesión do 20 de xaneiro de 2025, acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total de dúas (2) persoas aspirantes na quenda de promoción interna, e fíxase en setenta (70) o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación. Na quenda de acceso libre acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total de dezaseis (16) persoas aspirantes, e fíxase en 104,75 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación.
Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao primeiro exercicio do proceso selectivo, polas quendas de acceso libre e promoción interna, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de orientación laboral, no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal
Quinto. De acordo co disposto na base II.2.8 da resolución da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra estes acordos poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2025
Antía Tuñas Caamaño
Presidenta do tribunal
