En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación da modificación puntual nº 11 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello do Carballiño, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 19 de decembro de 2024, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2304&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2304
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual nº 11 do Plan xeral
de ordenación municipal do Concello do Carballiño para adaptar
a normativa do réxime de fóra de ordenación á Lei 2/2016
O Concello do Carballiño remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, de conformidade co disposto nos artigos 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e 144.13 do seu regulamento (RLSG).
Analizada a documentación achegada; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes:
I.1. O Concello do Carballiño dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 11 de marzo de 1999, con sete modificacións puntuais.
I.2. A tramitación ata o momento deste modificación puntual (MP) foi a seguinte:
• O 3 de xullo de 2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ditou unha resolución (DOG do 23 de xullo) mediante a que resolveu non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, acompañando os informes correspondentes ás consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia Galega de Infraestruturas e Dirección Xeral de Mobilidade.
• Constan informes municipais: técnico, do 29 de xullo de 2020; e xurídico, do 23 de setembro de 2020.
• O Pleno do Concello do 2 de outubro de 2020, aprobou inicialmente a MP e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios nos diarios La Región e La Voz de Galicia do 18 de novembro de 2020 e no Diario Oficial de Galicia do 18 de novembro de 2020, sen se presentar alegacións.
• O 28 de xaneiro de 2021 deuse audiencia aos concellos limítrofes de Maside, San Cristovo de Cea, O Irixo, Piñor, Boborás, Leiro e San Amaro, sen que contestase ningún deles.
• Constan os informes sectoriais autonómicos preceptivos favorables do: 4 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático; 13 de xaneiro de 2021 e 4 de febreiro de 2021, da Deputación Provincial de Ourense; 9 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior; 5 de maio de 2021, do Instituto de Estudos do Territorio (IET); 1 de febreiro de 2021, do Servizo de Xestión Cultural, 11 de maio de 2021, do Servizo do Patrimonio Cultural, e 19 de maio de 2021, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; 23 de decembro de 2022, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).
• Consta un informe do 10 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, relativo ao resultado do trámite previsto no artigo 60.7 da LSG.
• Constan uns informes sectoriais estatais favorables do: 4 de xaneiro de 2021, da Confederación Hidrográfica del Miño-Sil; 23 de febreiro de 2021, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia; 11 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico; 13 de setembro de 2021, da Delegación de Economía e Facenda en Ourense; 19 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual; 23 de setembro de 2024, da Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia.
• Ademais, constan unhas solicitudes de informe a ADIF, Rexistro Xeral do Administrador de Infraestruturas, do 27 de novembro de 2020, e a Augas de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 28 de xaneiro de 2021, sen que conste contestación.
• Constan uns informes municipais: técnico, do 18 de xaneiro de 2023; e xurídico, do 19 de xaneiro de 2023, previos á aprobación provisional.
• O Pleno Municipal do 2 de febreiro de 2023, aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 11 do PXOM do Carballiño para adaptar a normativa do réxime de fóra de ordenación á Lei 2/2016.
• O 5 de abril de 2023 e o 2 de xullo de 2024 o Servizo de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ditou senllos requirimentos ao Concello do Carballiño nos que sinalaba unha serie de deficiencias, que foron cubertas.
II. Análise e consideracións:
II.1. O ámbito da modificación puntual comprende todo o termo municipal por afectar os artigos 49 –edificios e instalacións fóra de ordenación– e 50 –obras permitidas en edificios fóra de ordenación– que se substitúen polos novos artigos 49 –edificacións, construcións e instalacións preexistentes á aprobación definitiva do planeamento– e 50 –edificacións, construcións e instalacións desconformes co planeamento que estean rematadas, sen título habilitante ou incumprindo as condicións sinaladas nel, e estando caducada a acción de restauración da ordenación urbanística–.
II.2. O obxectivo da modificación puntual é adaptar a normativa municipal do réxime de fóra de ordenación ao disposto na Lei 2/2016, dando cumprimento ao previsto no artigo 90.2 da LSG, ao determinar o réxime ao que deben someterse as edificacións, construcións e instalacións desconformes co planeamento, mais que non estean incursas na situación de fóra de ordenación.
II.3. Ao PXOM do Carballiño, aprobado definitivamente o 11 de marzo de 1999, élle de aplicación o disposto no punto 2 da disposición transitoria primeira da LSG para o planeamento non adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, conservando a súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación á LSG, consonte unhas regras de aplicación para cada clase de solo.
II. 4.A definición de desconformidade co planeamento incluída no segundo parágrafo do artigo 49 debe regular exclusivamente as edificacións que dispoñan de título habilitante rematadas con anterioridade á aprobación definitiva do PXOM que non sexan plenamente compatibles pola entrada en vigor do novo planeamento, co fin de evitar duplicidades.
II.5. No réxime de obras permitidas establecido no artigo 49 deben exceptuarse as edificacións desconformes en solo rústico, ás que lle será de aplicación o previsto especificamente para elas no artigo 90.2 modificado polo artigo 14, punto seis, da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
III. Análise e consideracións:
A razón de interese público da modificación puntual xustifícase na necesidade de harmonizar a regulación municipal ao réxime establecido pola lexislación urbanística vixente.
Logo de revisar a documentación achegada, compróbase que o documento correspondente coa aprobación provisional responde á normativa de aplicación, agás canto ás observacións formuladas nos puntos II.4 e II.5 anteriores.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución.
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 11 do PXOM do Concello do Carballiño para adaptar a normativa do réxime de fóra de ordenación á Lei 2/2016, con suxeición ao estrito cumprimento das observacións formuladas nos puntos II.4 e II.5 anteriores.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
