En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación da modificación puntual nº 3 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Tui, no ámbito do equipamento E-209 Aduana policía fronteiriza, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 20 de decembro de 2024, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1302&_aaeTipology_WAR_aae_id=1302
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Tui, no ámbito do equipamento E-209 Aduana policía fronteiriza
O 6.5.2024 tivo entrada solicitude de aprobación definitiva da modificación puntual (MP) de referencia, ao abeiro do disposto no artigo 60.16 da Lei do solo de Galicia (LSG). Logo de requirimento deste centro directivo do 29.5.2024, o 14.10.2024 entrou nova documentación.
Analizada a documentación achegada conforme o previsto no artigo 60.17, en relación co informe emitido o 28.8.2017 na fase de avaliación ambiental estratéxica; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello de Tui conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente polas ordes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 26.1.2011 (DOG do 28 de xaneiro) e do 24.3.2011 (DOG do 7 de abril, BOP do 18 de abril).
2. O ámbito da MP está clasificado polo PXOM como solo urbano (plano de clasificación e ordenación xeral número 3.13 E 1:5 000 e plano de ordenación número 5.18 E 1:1 000), identificado como equipamento de sistema xeral E-209 A, e cualificado coa ordenanza E. Os edificios están catalogados (elemento CT/03-ARQ/72) no PXOM atópanse dentro da liña de 30 metros de protección do Camiño de Santiago Portugués. Na memoria do PXOM o equipamento figura identificado como sistema xeral cunha superficie de 5.000 m2.
3. O documento conta coa aprobación inicial do 27.9.2018 polo que ao abeiro da disposición transitoria primeira das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (NNTTPP) resultaralle de aplicación o título III destas e a súa disposición transitoria segunda.
II. Obxecto.
1. O obxecto da MP03 do PXOM é posibilitar a rehabilitación do edificio da Aduana de Tui para incluír equipamentos privados na ordenanza de aplicación; e axustar á realidade as aliñacións e rasantes recollidas no PXOM que limitan a utilidade e o aproveitamento do edificio.
2. Os obxectivos desagregados son os seguintes:
• Segregar o edificio da Aduana do equipamento E-209 Aduana policía fronteiriza no equipamento E-209* Aduana de titularidade privada e no E-209 Policía fronteiriza de titularidade pública.
• Adaptar a ordenanza 10 Equipamentos co fin de definir as condicións para os equipamentos privados, que non teñen regulación propia no PXOM. Así mesmo, proponse adaptar a ordenanza anterior á LSG e ao RLSG.
• Axustar a aliñación e rasantes definidas no PXOM para o edificio da Aduana, co fin de devolver o edificio catalogado ao seu estado orixinal, permitindo desprazar o corpo acaroado e recuperar o nivel de acceso orixinal á planta inferior.
• Corrixir o erro existente no PXOM en canto á superficie do equipamento adaptándoa á súa realidade física; actualizando a superficie tras a segregación proposta nos equipamentos E-209 Policía fronteiriza e E-209* Aduana.
III. Tramitación.
1. O Concello de Tui promove a MP03 do PXOM por instancia da Cámara de Comercio de Tui.
2. Constan informes municipais do servizo técnico (14.6.2017) e xurídico (9.6.2017) sobre o borrador do documento.
3. Consta Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 10.10.2017 pola que se formula o informe ambiental estratéxico (IAE), que resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a MP. Constan informes de:
– Instituto de Estudos do Territorio, do 21.7.2017;
– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 7.8.2017;
– Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural, do 10.8.2017;
– Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, do 25.8.2017;
– Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 28.8.2017.
4. Constan informes municipais previos á aprobación inicial: xurídicos (8.2.2018, 12.7.2018 e 13.7.2018); técnicos (25.6.2018 e 9.7.2018); e da Secretaría (16.7.2018).
5. A MP foi aprobada inicialmente polo Acordo plenario do 27.9.2018 (DOG do 5 de decembro) e sometido a información pública mediante publicación no Faro de Vigo o 8.11.2018 e no taboleiro de anuncios do Concello. Non constan alegacións.
6. Constan emitidos en sentido favorable os seguintes informes sectoriais autonómicos:
– Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 14.1.2019;
– Instituto de Estudos do Territorio, do 22.3.2019;
– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático en materia de residuos, do 22.1.2019;
– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 26.6.2019 e do 4.12.2019;
– Augas de Galicia, do 1.7.2019;
– Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas, do 6.5.2019.
7. Foi solicitado o informe da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sen contestación.
8. Constan os seguintes informes sectoriais estatais favorables:
– Dirección Xeral de Estradas do Estado, do 13.8.2020 e do 23.7.2021;
– Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria, do 27.5.2020;
– ADIF, informe do 27.5.2020;
– Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, do 3.6.2020 e do 6.10.2022;
– Subdelegación do Goberno en Galicia, do 3.8.2020 e do 11.1.2021;
– Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) do 11.6.2020;
– Dirección Xeral de Telecomunicacións, do 9.6.2020 (favorable);
– Ministerio do Interior, do 23.6.2020;
– Ministerio de Defensa, do 31.7.2020;
– Dirección Xeral de Aviación Civil, do 13.9.2022.
9. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Gondomar, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Tomiño. Non consta contestación.
10. Constan feitas as consultas ás compañías subministradoras ao abeiro do artigo 144.4 do RLSG: Sociedade Electricista de Tui Distribuidora, S.L., Consorcio de Augas do Louro, Gas Natural Fenosa, Telefónica de España, S.A.U., e Nedgia Galicia. Figura contestación de:
– UFD Grupo Naturgy, do 13.5.2020;
– Consorcio do Louro, do 15.5.2020 (saneamento) e do 12.6.2020 (abastecemento);
– Sociedade Electricista de Tui Distribuidora, S.L., do 16.6.2021 e do 25.6.2021.
11. Constan informes técnicos (do 4.5.2020, do 26.5.2022 e do 12.4.2023) e xurídicos (do 13.4.2023) previos á aprobación provisional.
12. A MP foi aprobada provisionalmente polo Pleno da Corporación o 27.4.2023.
13. Consta solicitude de informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas e á Dirección Xeral da Costa e do Mar o 26.9.2023, tras a aprobación provisional. Constan emitidos ambos os informes o 3.10.2023 e o 30.9.2024, respectivamente.
14. Constan informes municipais técnico (16.10.2023) e xurídico (17.10.2023) tras a aprobación provisional do documento sobre a solicitude de prórroga do IAE. O 17.11.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático concedeu prórroga por dous anos.
15. Consta informe municipal do arquitecto técnico do 20.2.2024, e do arquitecto do 11.4.2024, sobre o dilixenciado do documento.
IV. Análise e consideracións.
1. O interese público (artigo 83.1 da LSG) fundaméntase nas características do inmoble obxecto da actuación e na súa contorna xa que se trata dun ámbito con gran valor tanto estratéxico como simbólico para Tui. A MP trata de contribuír á dinamización do ámbito da Aduana e da fronteira tradicional con Portugal, formando parte do Camiño de Santiago Portugués.
2. Amplíase o obxecto da modificación puntual desde a fase de avaliación ambiental estratéxica para dividir o sistema xeral E-209 A do PXOM en dúas dotacións, unha pública e outra privada, reducindo a superficie dos sistemas xerais. Así mesmo, coa nova segregación, procédese a regular os equipamentos privados adaptando a ordenanza 10 de Equipamentos do PXOM.
3. No punto 9 da memoria xustificativa recóllese a exclusión do ámbito dos terreos titularidade de ADIF (zona de aparcamento do edificio da Policía fronteiriza, segundo o informe favorable condicionado deste organismo do 27.5.2020).
4. Respecto da segregación do edificio, non se observa impedimento para a división do sistema xeral previsto no PXOM nun sistema xeral e nunha dotación privada (artigo 65 do RLSG), xa que consta xustificado o cumprimento do estándar legal: a nova superficie de sistemas xerais de equipamentos do PXOM (691.533 m2) supera o estándar legal (117.601 m2).
5. Polo que respecta á modificación da aliñación, e atendendo ao informe deste centro directivo do 28.8.2017 emitido na fase de consultas da avaliación ambiental estratéxica, na parte norte a aliñación faise coincidir co límite norte da parcela catastral co fin de posibilitar a eliminación do corpo engadido na fachada, permitindo recolocar a ampliación distanciada da peza orixinal. Nas condicións pormenorizadas da ordenanza número 10, respecto do espazo libre da parcela da Aduana, regúlase que o espazo libre entre a fachada norte e o lindeiro norte da parcela será de uso público e contará cun ascensor adaptado.
6. A memoria xustificativa xustifica o cumprimento da normativa en materia de accesibilidade. As referencias a esta norma deben entenderse á Orde TMA/851/2021.6.
7. Canto á modificación da ordenanza 10 para engadir os equipamentos privados e ampliar os usos permitidos, observouse:
– Respecto dos usos da ordenanza 10, os equipamentos públicos (tanto sistema xeral como local) só poderán ter algún dos usos definidos no artigo 71.1 do RLSG. A totalidade de usos da ordenanza enténdense de aplicación integra só para os equipamentos privados.
– A parcela mínima no solo rústico da ordenanza 10 está fixada en 2.000 m2, agás para os equipamentos e dotacións privadas fixada en 10.000 m2 (artigo 61.2 do RLSG).
– No solo rústico de especial protección a altura está fixada en 3,5 metros, inferior á altura máxima regulamentaria en solo rústico (artigo 60.4 do RLSG), o que é unha restrición ás condicións da edificación que contravén o artigo 130.2 do RLSG, e é de aplicación a altura máxima do artigo 60.4 do RLSG (7 metros).
8. O informe da Dirección Xeral da Costa e do Mar do 30.9.2024 solicita a inclusión das limitacións da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e do seu regulamento, na zona de influencia.
9. Detéctase un erro nas seccións do plano URB 06, que figuran identificadas como AA e BB, pero na planta aparecen as dúas seccións identificadas como BB.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
V. Resolución.
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 3 do PXOM do concello de Tui no ámbito do equipamento E-209 Aduana policía fronteiriza, con suxeición ao estrito cumprimento das observacións formuladas nos puntos 7, 8 e 9 do apartado IV anterior.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
