A disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, prevé que a consellería competente en materia de residuos, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), e dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, poñerá en marcha varias plantas de produción de compost a partir da fracción orgánica (FORSU), e fixará as condicións de adhesión das entidades locais, así como a aprobación do modelo de adhesión para a súa formalización.
De acordo coa devandita disposición, a adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha de varias plantas de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos, coa finalidade de incrementar as porcentaxes de recuperación de materiais, será voluntaria para as entidades locais. Estas plantas darán servizo a aquelas entidades locais máis próximas a elas ou ás plantas de transferencia que estean adaptadas á recollida específica da FORSU.
A adhesión das entidades locais interesadas na entrega e o tratamento nas plantas de produción de compost (ou plantas de transferencia adaptadas) recollida de forma separada efectuarase mediante negocio xurídico de adhesión, que será formalizado entre a entidade local e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como xestora institucional, de acordo coas condicións de adhesión establecidas e co modelo aprobado pola consellería competente en materia de residuos.
A finalidade que se persegue co establecemento das condicións para a adhesión é a de asegurar o funcionamento do sistema, que se configura como un modo de xestión dos residuos municipais en cooperación coas entidades locais voluntariamente adheridas a este, procurando o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos coa máxima eficiencia no uso de recursos públicos, na senda marcada pola disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, na cal se regula a garantía da sustentabilidade financeira do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional destes residuos.
As previsións anteriores complétanse coa fixación, entre as condicións para a adhesión, dun tempo mínimo de adhesión e, así mesmo, en prol de garantir a sustentabilidade financeira do sistema, a previsión de que a falta de pagamento das cantidades que corresponda aboar en concepto de canon unitario de tratamento por tonelada posibilitará a retención do debido con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local.
O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, configuran este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e atribúen á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, ben directamente ou ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da devandita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.
Á vista do anterior, e de conformidade coa disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, e o artigo 38 da Lei 1/1984, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Primeiro. Establecer as condicións de adhesión das entidades locais ao Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha de varias plantas de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos, xestionado de acordo coa Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, e a disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se inclúen no anexo I desta resolución.
Segundo. Aprobar o modelo de negocio xurídico de adhesión para a formalización da adhesión voluntaria ao Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha de varias plantas de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos, promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que se inclúe como anexo II desta resolución.
Terceiro. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
ANEXO I
Condicións de adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha de varias plantas de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos, promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.
A formalización da adhesión efectuarase mediante negocio xurídico de adhesión entre a entidade local e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., como sociedade pública xestora do sistema, seguindo o modelo aprobado pola consellería competente en materia de residuos, segundo o modelo previsto no anexo II.
As condicións de adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe promovido pola Administración autonómica a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., son as seguintes:
1. Voluntariedade da adhesión: a adhesión ao programa promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia será voluntaria, no marco do disposto na lexislación de residuos e no Plan de xestión dos residuos urbanos.
2. Xestión do sistema: a realización das operacións de tratamento dos residuos domésticos no marco do sistema de xestión institucional será efectuada pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. a partir da entrega, nas instalacións de compostaxe da fracción orgánica dos residuos urbanos (ou plantas de transferencia adaptadas á recollida da devandita fracción), recollida de forma separada pola entidade local adherida de maneira selectiva, tras a implantación do contedor específico e da recollida monomaterial de materia orgánica.
3. Prazo mínimo de adhesión: en garantía da sustentabilidade financeira do sistema, e de conformidade coa disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, para permitir realizar as previsións oportunas en canto ao volume de residuos FORSU que se van tratar nas instalacións específicas de compostaxe, establécese un prazo mínimo de adhesión de cinco anos, que se entenderá tacitamente prorrogado por iguais períodos de tempo, salvo que, cunha antelación mínima de dous meses ao vencemento do prazo de adhesión en vigor, se faga chegar á xestora do sistema un acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo que renuncia a continuar adherida ao sistema de xestión institucional.
Respéctase o prazo de vixencia establecido nos negocios xurídicos xa subscritos polas entidades locais coa Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. para a xestión dos residuos FORSU, que, de acordo coa disposición adicional terceira da Lei 2/2024, se modifiquen e adapten ás presentes condicións de adhesión. Unha vez vencido o prazo previsto neles, estes negocios entenderanse tacitamente prorrogados por períodos de cinco anos, salvo que, cunha antelación mínima de dous meses ao vencemento do prazo de adhesión en vigor, se faga chegar á xestora do sistema o acordo a que se refire o punto anterior.
4. Establecemento dun canon unitario de tratamento por tonelada de FORSU entregada nas instalacións de compostaxe: as entidades locais adheridas ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través das plantas de compostaxe deberán aboar o canon unitario de tratamento por tonelada de FORSU entregada de 50 euros/tonelada máis IVE para o ano 2024, cuxa actualización e revisión se efectuará de conformidade co establecido pola disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
5. Aboamento do canon unitario de tratamento por tonelada de FORSU: a xestión, liquidación e cobranza do canon unitario de tratamento por tonelada de FORSU corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que deberá expedir mensualmente as facturas correspondentes ao tratamento de FORSU ás entidades locais, o seu aboamento deberá producirse nos termos previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
De conformidade co artigo 4 da citada Lei 3/2004, do 29 de decembro, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. deberá facer chegar a factura mensual ás entidades locais adheridas antes de que se cumpran quince días naturais desde que finalice a prestación mensual obxecto de facturación.
En garantía de transparencia do sistema, as entidades locais poderán verificar as operacións de tratamento realizadas nun prazo non superior a trinta días naturais contados desde que finalice a prestación correspondente ao mes facturado. Para estes efectos, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. achegará á factura mensual un anexo I en que se relacionan os quilos totais por día de FORSU depositados pola entidade local cliente nas instalacións de Sogama. Poderase tamén achegar un anexo II en que se indiquen os quilos recollidos, detallando a empresa de recollida e a matrícula por cada entrada nas instalacións de Sogama, así como, de ser o caso, a/as caracterización/s daquelas partidas que superan o 15 % máximo de impropios. O prazo máximo de pagamento da factura mensual é de trinta (30) días naturais contados desde a data en que ten lugar a verificación dos labores de tratamento dos residuos.
6. Efectos da falta de pagamento do canon unitario: en garantía da sustentabilidade financeira do sistema e de acordo co establecido no punto 7 da disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, no caso de falta de pagamento das cantidades que corresponda aboar ás entidades locais en concepto de canon unitario por tratamento de FORSU, estas terán a consideración de líquidas, vencidas e exixibles para os efectos do seu aboamento con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local, por instancia da sociedade pública xestora do sistema, mediante acordo de retención ditado polo órgano encargado da xestión do citado fondo, segundo a súa normativa reguladora.
Para estes efectos teranse en conta as seguintes regras:
– Transcorrido o prazo máximo de pagamento da factura establecido nestas condicións de adhesión, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. dirixirá un apercibimento á entidade local de que solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local se non se verifica o pagamento no prazo máximo de trinta días.
– Transcorrido o prazo indicado no apercibimento sen que se efectúe o pagamento, a sociedade pública solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local, que se poderá realizar con independencia da existencia de controversia ou cuestión pendente entre a entidade local e a sociedade pública sobre a cantidade debida, todo iso sen prexuízo, de ser o caso, dos efectos derivados da posterior resolución das indicadas controversias ou cuestións. Á devandita solicitude achegaráselle copia do apercibimento realizado á entidade local instando o pagamento da débeda, así como da acreditación da recepción por parte da entidade local do devandito apercibimento.
As cantidades retidas serán obxecto de entrega á sociedade pública.
Cando o obrigado ao pagamento for unha mancomunidade de municipios, os concellos integrantes serán responsables solidarios, na parte que corresponda segundo a súa porcentaxe de participación na correspondente mancomunidade, das débedas xeradas ao xestor institucional do sistema pola falta de pagamento do canon específico por tonelada de residuos FORSU.
7. Tipoloxía dos residuos: os residuos domésticos cuxo tratamento se realizará mediante a adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través das plantas de compostaxe será a fracción orgánica dos residuos urbanos (FORSU), que deberá ser recollida de maneira selectiva polas entidades locais adheridas.
O residuo FORSU entregado non poderá conter máis dun 15 % de impropios (plásticos, papel, vidro, téxtiles, etc.), que se considera o límite técnico para poder ser procesado debidamente na instalación de compostaxe sen comprometer o seu funcionamento e/ou a calidade do compost producido nela.
Co fin de controlar o cumprimento de calidade da FORSU entregada, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá realizar caracterizacións dos residuos FORSU entregados polas entidades locais adheridas cando se detecte que as características da FORSU non son adecuadas. No caso de detectarse desvíos superiores ao 15 %, a partida ou partidas de FORSU que incumpran derivaranse ao tratamento común; esta circunstancia comunicarase á entidade local de orixe da FORSU e estas partidas facturaranse ao canon único de xestión de residuos urbanos (en diante, RU). Adicionalmente, Sogama repercutirá á entidade local o custo debidamente acreditado da caracterización realizada e do transporte do residuo que non cumpra coa devandita porcentaxe de impropios, desde a planta de compostaxe ata a planta de transferencia ou planta de tratamento de fracción resto máis próxima. Neste caso, Sogama paralizará a descarga da fracción de residuos FORSU da entidade local na planta correspondente ata que esta acredite debidamente que o seu residuo cumpre coas características que se fixan en canto á porcentaxe de impropios.
A propiedade dos residuos entregados pola entidade local pasará a ser da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.
8. Obrigas da entidade local: a adhesión da entidade local ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través das plantas de compostaxe, mediante a sinatura do correspondente negocio xurídico de adhesión, implica a plena aceptación das condicións de adhesión establecidas pola Administración autonómica para o devandito programa.
Así mesmo, a entidade local que se adhira ao sistema deberá cumprir as seguintes obrigas:
– Adecuar, en caso necesario, as ordenanzas sobre residuos municipais e outras disposicións para posibilitar o cumprimento dos compromisos asumidos mediante a súa adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través das plantas de compostaxe. Especialmente, acometerá a implantación da recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos (FORSU), implantando o contedor específico na cantidade necesaria para dar servizo á poboación e establecer as rutas e frecuencias de recollida de FORSU que considere máis adecuadas.
– Promover as campañas de sensibilización dirixidas aos veciños da entidade local para que realicen correctamente a separación dos seus residuos.
– Entregar os residuos FORSU procedentes da recollida selectiva nas plantas de compostaxe de FORSU ou plantas de transferencia adaptadas, habilitadas pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., no horario que estea establecido, así como nas condicións fixadas, de ser o caso, pola normativa en materia de residuos.
– Garantir que os camións que transporten os residuos (i) cumpren a normativa aplicable de seguridade e hixiene, particularmente no referente ao escoramento de lixiviados e malos cheiros; (ii) sométense á obrigación da súa pesada en báscula, dado que a facturación se levará a cabo con base nesas pesadas; (iii) os seus condutores observarán a normativa establecida para o funcionamento das instalacións. A Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá impedir o acceso ás súas instalacións no caso de que se incumpran estas condicións.
– Aboar á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., nos termos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de FORSU por tonelada de residuos ou, de ser o caso, polo incumprimento das condicións mínimas de calidade da FORSU, canon único de xestión de residuos urbanos para aquelas partidas rexeitadas.
O número de toneladas determinarase en función das pesadas en báscula debidamente homologada dos vehículos que transporten os residuos.
9. Obrigas da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A.
Na súa condición de xestora do programa de promoción da reciclaxe a través da planta de compostaxe, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. asume as seguintes obrigas:
– Recibir e xestionar, nas instalacións adecuadas para iso, a fracción FORSU recollida pola entidade local tras a implantación da recollida selectiva desta fracción e que teñan como máximo un 15 % de impropios.
– Comunicar calquera incidencia que se detecte na composición do residuo FORSU entregado, co fin de que a entidade local incida nas campañas de sensibilización para corrixir os desvíos.
– Realizar caracterizacións dos residuos FORSU entregados polas entidades locais adheridas cando se detecte que as características da FORSU non son adecuadas.
– A xestión, liquidación e cobranza do canon unitario de tratamento de FORSU por tonelada corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., que deberá expedir mensualmente as facturas correspondentes ás entidades locais, de acordo co número 5 destas condicións de adhesión.
ANEXO II
Modelo de convenio de adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través das plantas de compostaxe, promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama)
Adhesión do Concello de... ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través das plantas de compostaxe, promovida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama).
– Lugar e data de subscrición.
REUNIDOS
– Comparecente por Sogama e a súa representación debidamente lexitimada.
– Comparecente pola entidade local e a súa representación debidamente lexitimada. Ambas as partes, na representación que exercen, recoñécense mutuamente a capacidade xurídico-legal para obrigarse coa formalización por medio deste negocio xurídico de adhesión.
EXPOÑEN:
Primeiro. Sogama, empresa pública adscrita á consellería competente en materia de residuos, ao abeiro do establecido no artigo 25 da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, ten asignada a función de xestión dos residuos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento previstas nos plans de xestión de residuos.
Segundo. Dentro do obxecto social de Sogama inclúense todas as actividades relacionadas co deseño, construción, explotación e mantemento de instalacións de transferencia, tratamento, eliminación e, en xeral, xestión de todo tipo de residuos, engadida a recollida e transporte e a reciclaxe.
Terceiro. Dentro dese ámbito de actividade, e como promoción da reciclaxe a través das plantas de compostaxe promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coa disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, construíronse varias instalacións de tratamento da fracción orgánica (FORSU) dos residuos urbanos recollida selectivamente polas entidades locais, e adoptáronse varias plantas de transferencia para a recollida específica desa fracción.
Cuarto. As entidades locais, de conformidade coa Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, teñen reservada a competencia do servizo esencial de recollida, tratamento e aproveitamento dos residuos, e deben garantir aos cidadáns a efectiva prestación do servizo esencial, entendendo que a posibilidade de xestión que ofrece a Comunidade Autónoma de Galicia a través de sociedade pública Sogama garante a prestación máis adecuada deste servizo.
Quinto. Deste xeito, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través de Sogama, posibilita que as entidades locais poidan xestionar os residuos FORSU que recollan, tras implantar un novo sistema de recollida selectiva de FORSU, aumentando deste xeito o cociente de material reciclado.
Sexto. Dado que o funcionamento das instalacións de tratamento de FORSU requiren a necesidade dunha separación previa nos fogares da materia orgánica, é necesario que as entidades locais que se adhiran ao programa realicen previamente a implantación do quinto contedor para a recollida da fracción orgánica, organicen a recollida selectiva de FORSU e desenvolvan as campañas necesarias de sensibilización da poboación.
Sétimo. A viabilidade económica do programa fundaméntase na existencia dun canon específico por tonelada de FORSU entregada que cumpra os requisitos mínimos fixados pola consellería competente en materia de residuos nas condicións de adhesión, segundo o establecido na disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
Oitavo. Este negocio xurídico de adhesión adecúase as condicións para a adhesión das entidades locais, de conformidade coa mencionada disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
Por todo o exposto, as partes consideraron a conveniencia de formalizar o presente negocio xurídico de adhesión, conforme as seguintes:
CLÁUSULAS:
Primeira. Obxecto
Este negocio xurídico de adhesión ten por obxecto formalizar a adhesión da entidade local ao Programa específico de promoción da reciclaxe a través das plantas de compostaxe, promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través de Sogama. A adhesión réxese polas condicións establecidas na Resolución do 22 de xaneio de 2025, da consellería competente en materia de residuos, ao abeiro da disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
Segunda. Tipoloxía de residuos
Os residuos domésticos cuxo tratamento se realice mediante a adhesión ao Programa específico de promoción da reciclaxe (en diante, o Programa) serán a FORSU, que deberá ser recollidos de maneira selectiva polos concellos adheridos e entregados nas plantas de compostaxe ou plantas de transferencia adaptadas máis próximas á súa localidade, para o seu tratamento nela.
O residuo FORSU entregado non poderá conter máis dun 15 % de impropios (plásticos, papel, vidro, téxtiles, etc.), pois este considérase o límite técnico para poder ser procesado debidamente na instalación de compostaxe sen comprometer o funcionamento da instalación e/ou a calidade do compost producido nela.
Co fin de controlar o cumprimento de calidade da FORSU entregada, Sogama poderá realizar caracterizacións dos residuos FORSU entregados polos concellos adheridos cando se detecte que as características da FORSU non son adecuadas.
A propiedade dos residuos entregados pola entidade local pasará a ser de Sogama.
Terceira. Obrigas da entidade local
A adhesión da entidade local ao Programa implica a plena aceptación das condicións de adhesión establecidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na Resolución do 22 de xaneiro de 2025.
Así mesmo, a entidade local que se adhira ao programa deberá cumprir as seguintes obrigas:
A. Adecuar, en caso necesario, as ordenanzas sobre residuos municipais e outras disposicións para posibilitar o cumprimento dos compromisos asumidos mediante a súa adhesión ao Programa.
B. Especialmente, acometerá a implantación da recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos (FORSU), implantando o contedor específico na cantidade necesaria para dar servizo a poboación e establecer as rutas e frecuencias de recollida de FORSU que considere máis adecuadas.
C. Promover as campañas de sensibilización dirixidas aos veciños do concello para que realicen correctamente a separación dos seus residuos.
D. Entregar os residuos FORSU procedentes da recollida selectiva na planta de compostaxe de FORSU ou planta de transferencia habilitada para este tipo de fracción máis próxima á súa localidade, no horario que estea establecido na correspondente instalación, así como nas condicións fixadas, de ser o caso, pola normativa en materia de residuos.
Os residuos recollidos selectivamente non poderán superar en ningún caso un 15 % de impropios. Co fin de conseguir a calidade mínima necesaria en canto á cantidade de impropios, recoméndase a instalación de contedores con fecho baixo chave.
E. A entidade local deberá garantir que os camións que transporten os residuos (i) cumpren a normativa de aplicación en materia de seguridade e hixiene, particularmente no referente ao escoamento de lixiviados e malos cheiros; (ii) sométense á obriga da súa pesada en báscula dado que a facturación se levará a cabo con base nesas pesadas; (iii) os seus condutores observarán a normativa establecida para o funcionamento das instalacións. Sogama poderá impedir o acceso ás súas instalacións no caso de que se incumpran estas condicións.
F. Aboar a Sogama, nos termos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de FORSU ou, de ser o caso, polo incumprimento das condicións mínimas de calidade da FORSU, o canon único de xestión de RU para aquelas partidas rexeitadas (incluídos os custos que se establecen na letra C da cláusula cuarta), tendo en conta que:
• O número de toneladas determinarase en función das pesadas en báscula debidamente homologada dos vehículos que transporten os residuos.
• O importe do canon unitario de tratamento por tonelada de FORSU entregada fíxase na cantidade de xx euros/tonelada máis IVE para o ano xxxx e actualizarase anualmente, no mes de xaneiro, conforme o establecido na disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
• En garantía da sustentabilidade financeira do sistema e de acordo co establecido na disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, e as condicións establecidas na Resolución do 22 de xaneiro de 2025, da consellería competente en materia de residuos, no caso de falta de pagamento das cantidades que corresponda aboar ás entidades locais en concepto de canon unitario por tratamento de FORSU, estas terán a consideración de líquidas, vencidas e exixibles para os efectos do seu aboamento con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local, por instancia da sociedade pública xestora do sistema, mediante acordo de retención ditado polo órgano encargado da xestión do citado fondo, segundo a súa normativa reguladora.
Para estes efectos teranse en conta as seguintes regras:
a) Transcorrido o prazo máximo de pagamento da factura establecido nestas condicións de adhesión, Sogama dirixirá un apercibimento á entidade local de que solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local se non se verifica o pagamento no prazo máximo de trinta (30) días.
b) Transcorrido o prazo indicado no apercibimento sen que se efectúe o pagamento, Sogama solicitará a retención ao órgano encargado da xestión do citado Fondo de Cooperación Local, que se poderá realizar con independencia da existencia de controversia ou cuestión pendente entre a entidade local e a sociedade pública sobre a cantidade debida, todo iso sen prexuízo, de ser o caso, dos efectos derivados da posterior resolución das indicadas controversias ou cuestións. Á devandita solicitude achegaráselle copia do apercibimento realizado ao concello instando o pagamento da débeda, así como da acreditación da recepción por parte do concello deste apercibimento.
c) As cantidades retidas serán obxecto de entrega á sociedade pública.
Cando o obrigado ao pagamento for unha mancomunidade de municipios, os concellos integrantes serán responsables solidarios, na parte que corresponda segundo a súa porcentaxe de participación na correspondente mancomunidade, das débedas xeradas ao xestor institucional do sistema pola falta de pagamento do canon específico por tonelada de residuos FORSU.
Cuarta. Obrigas de Sogama
Na súa condición de xestora do programa, Sogama asume as seguintes obrigas:
A. Recibir e xestionar na nova instalación de compostaxe, unha vez posta en marcha, a fracción FORSU recollida polo concello tras a implantación da recollida selectiva desta fracción e que teña un máximo dun 15 % de impropios.
B. Comunicar calquera incidencia que se detecte na composición do residuo FORSU entregado, co fin de que o concello incida nas campañas de sensibilización para corrixir os desvíos.
C. Realizar caracterizacións dos residuos FORSU entregados polos concellos adheridos cando se detecte que as características da FORSU non son adecuadas. No caso de detectarse desvíos superiores ao 15 %, a partida ou partidas de FORSU que incumpran derivaranse ao tratamento común; esta circunstancia comunicarase á entidade local de orixe da FORSU e estas partidas facturaranse á entidade local ao canon único de xestión de RU. Adicionalmente, Sogama repercutirá á entidade local o custo debidamente acreditado da caracterización realizada e do transporte do residuo que non cumpra coa devandita porcentaxe de impropios, desde a planta de compostaxe ata a planta de transferencia ou planta de tratamento de fracción resto máis próxima. Neste caso, Sogama paralizará a descarga da fracción de residuos FORSU da entidade local na planta correspondente ata que esta acredite debidamente que o seu residuo cumpre coas características que se fixan en canto á porcentaxe de impropios.
D. A xestión, a liquidación e a cobranza do canon unitario de tratamento de FORSU por tonelada corresponderá a Sogama, que deberá expedir mensualmente as facturas correspondentes ás entidades locais, e o seu aboamento se realizará nos termos establecidos pola Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.
De conformidade co artigo 4 da citada Lei 3/2004, do 29 de decembro, Sogama deberá facer chegar a factura mensual ás entidades locais adheridas antes de que se cumpran quince días naturais desde que finalice a prestación mensual obxecto de facturación.
En garantía de transparencia do sistema, as entidades locais poderán verificar as operacións de tratamento realizadas, nun prazo non superior a trinta (30) días naturais contados desde que finalice a prestación correspondente ao mes facturado. Para estes efectos, Sogama achegará á factura mensual un anexo I en que se relacionan os quilos totais por día de FORSU depositados pola entidade local nas instalacións de Sogama. Poderase tamén achegar un anexo II en que se indiquen os quilos recollidos, detallando a empresa de recollida e a matrícula por cada entrada nas instalacións de Sogama, así como, de ser o caso, a/as caracterización/s daquelas partidas que superan o 15 % máximo de impropios. O prazo máximo de pagamento da factura mensual é de trinta (30) días naturais contados desde a data en que ten lugar a verificación dos labores de tratamento dos residuos.
Quinta. Vixencia
En garantía da sustentabilidade financeira do sistema, de acordo coa disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, e as condicións establecidas na Resolución do 22 de xaneiro de 2025, da consellería competente en materia de residuos, para permitir realizar as previsións oportunas en canto ao volume de residuos FORSU que se van tratar na instalación específica de compostaxe, establécese un prazo mínimo de adhesión de cinco anos, que se entenderá tacitamente prorrogado por iguais períodos de tempo, salvo que, cunha antelación mínima de dous meses ao vencemento do prazo de adhesión en vigor, se faga chegar a Sogama un acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo que renuncia a continuar adherida ao sistema de xestión institucional.
Sexta. Resolución e efectos
A adhesión ao sistema de xestión institucional concluirá:
– Por expiración do prazo pactado, de acordo co expresado na cláusula quinta.
– Por mutuo acordo das partes.
– Por rescisión derivada do incumprimento grave das obrigas asumidas por algunha das partes.
– Por calquera outra causa prevista no marco normativo vixente.
No caso de que no momento de instarse a resolución da adhesión se prestasen servizos de forma efectiva que estean pendentes de pagamento, a entidade local deberá aboar o importe correspondente a Sogama.
Sétima. Réxime xurídico e xurisdición
A relación xurídica entre as entidades locais e Sogama, como sociedade pública xestora do programa específico de reciclaxe a través da planta de compostaxe, terá natureza xurídica administrativa, de acordo co establecido na disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
As cuestións litixiosas que poidan derivar do acordo de adhesión serán de coñecemento da xurisdición contencioso-administrativa.
E para que así conste, asinan este negocio xurídico de adhesión, por duplicado exemplar, no lugar e na data arriba indicados.
Lugar e data da sinatura
|
Por Sogama |
Pola entidade local |
