DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2025 Páx. 8304

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 16 de xaneiro de 2025 pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2025-2028, correspondente ás anualidades 2024 a 2027, e se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (código de procedemento PR947B).

As federacións deportivas galegas son entidades privadas sen ánimo de lucro que, xunto ás funcións propias do seu ámbito de actuación privada, exercen, por delegación da Administración pública autonómica, funcións públicas de carácter administrativo. Esta actuación delegada confire ás federacións deportivas a condición de axentes colaboradores da Administración, actuando nestes casos baixo á súa tutela e coordinación, como expresamente establece o artigo 51 da Lei do deporte de Galicia, Lei 3/2012, do 2 de abril.

Perceptoras de fondos públicos e partindo tamén da súa consideración legal como axentes colaboradores da Administración pública en canto exercen funcións públicas por delegación, con esta previsión legal, na súa nova redacción recollida no artigo 28.3 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, ás tradicionais auditorías das contas anuais das federacións deportivas súmanse agora aquelas que teñen por obxecto a análise da eficiencia federativa na administración dos recursos, o que suporá unha importante ferramenta para as propias entidades á hora de optimizar os seus recursos e actuacións.

O deporte desempeña un notable papel na sociedade que non está limitado a unha simple cuestión de aptitudes atléticas ou de resultados competitivos. A maiores, o feito deportivo pivota tamén a súa preeminencia nas sociedades modernas na contribución dos seus valores educativos e sociais ao seu contorno. É responsabilidade das administracións competentes e das organizacións deportivas protexer e incrementar a salvagarda destes valores e funcionalidades o que, indubidablemente, pasa tamén por garantir os máximos estándares de transparencia, gobernanza e integridade na xestión deportiva.

As principais organizacións deportivas avanzan así nos necesarios procesos de control e escrutinio requiridos para garantir os maiores niveis de transparencia e bo goberno, o que sen dúbida favorecerá o crecemento e o fortalecemento social do conxunto do deporte e da súa achega á sociedade.

Derivado destas previsións, a Lei do deporte de Galicia recolle un compendio de facultades que a Administración pública autonómica reserva para si sobre as federacións deportivas galegas, entre as que se atopan a competencia para realizar ou solicitar auditorías financeiras ou de xestión ou operativas e inspeccionar os libros e os documentos oficiais que compoñen a contabilidade e organización da federación (artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, modificado polo artigo 28.3 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas), así como a posibilidade de someter a xestión, contabilidade e estado económico-financeiro das federacións deportivas galegas a unha auditoría ou verificación contable (artigo 61.6 da lei). En desenvolvemento destas previsións legais, o Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, no seu artigo 37.2 recolle que deberán presentar no rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente, incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

Para este último período cuadrienal, a Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, modificada pola Resolución do 18 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, e pola Orde do 17 de novembro de 2022, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, aprobou o Plan de auditoría para o período 2021 a 2024, referidos estes aos exercicios anteriores ás respectivas resolucións anuais (artigo 3), polo que, rematado o período temporal abarcado pola dita resolución, cómpre aprobar o Plan de auditoría que se desenvolverá durante o período 2025 a 2028, correspondente ás anualidades 2024 a 2027.

Desta forma, para o mellor desenvolvemento do sistema deportivo de Galicia e coa base da experiencia acumulada nos sucesivos plans anuais aprobados ata a presente data, considérase imprescindible avanzar nos distintos aspectos que configuran a tutela e coordinación da Administración pública neste ámbito, en prol da maior transparencia, rendición de contas, avaliación e garantía da boa gobernanza e operatividade das federacións deportivas de Galicia.

En atención ao exposto, en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar o plan de auditorías das federacións deportivas de Galicia que se desenvolverá durante o período 2025- 2028 e establecer o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (código de procedemento PR947B).

Artigo 2. Obrigatoriedade do plan

O plan de auditorías das federacións deportivas galegas será de aplicación obrigatoria para todas as federacións deportivas galegas incluídas no ámbito de aplicación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, nos termos e co detalle que se establecen nesta orde.

Artigo 3. Auditorías

1. Serán obxecto de auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio inmediatamente anterior ao da presentación.

2. Poderá acordarse tamén a realización de auditorías operativas ou de xestión, dirixidas a analizar a actividade federativa no relativo á eficacia e eficiencia na administración dos seus recursos. Nestas auditorías serán analizados a racionalidade dos procedementos empregados, os sistemas de control interno, a transparencia e os restantes ámbitos da xestión da federación deportiva, co fin de detectar campos de mellora e propoñer as recomendacións que se consideren necesarias para a óptima utilización dos recursos e o mellor desempeño das funcións federativas.

Artigo 4. Das federacións obrigadas

1. Están obrigadas á presentación do informe de auditoría das contas anuais en todos os exercicios comprendidos no período 2025-2028 as federacións deportivas nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Federacións deportivas que obtivesen axudas públicas ou subvencións da Administración autonómica por contía igual ou superior aos 100.000 euros no exercicio que se vai auditar, ou nas que a subvención, axudas ou outro tipo de ingresos da Administración autonómica represente o 60 % ou máis do total de ingresos do exercicio que se vai auditar.

b) Federacións deportivas que teñan en vigor un plan de viabilidade aprobado polo departamento autonómico con competencias no ámbito deportivo.

c) Federacións deportivas que obtivesen, no informe de auditoría inmediatamente anterior, unha opinión con restricións relevantes, desfavorable ou denegada.

2. De conformidade co artigo 37.2 do Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, aprobado mediante o Decreto 85/2014, do 3 de xullo, durante a vixencia deste plan todas as federacións deportivas galegas deberán auditar, polo menos unha vez, as súas contas. Para estes efectos, o departamento autonómico con competencias en materia de deporte incorporará anualmente ao Plan de auditorías aquelas federacións deportivas que, malia non estaren comprendidas nas circunstancias definidas no número un, resulten obrigadas a presentar un informe de auditoría das contas anuais do exercicio correspondente.

3. A resolución pola que se aproba o plan anual en que se acorde a incorporación de novas federacións deportivas ao presente plan de auditorías será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. Non obstante o disposto no punto 1.a) deste artigo, na resolución pola que se aproba o plan anual, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes poderá exceptuar as federacións deportivas da obriga de presentaren informe de auditoría das súas contas anuais cando concorran causas motivadas.

Artigo 5. Normativa de aplicación

1. Xunto ao establecido na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e as normas que a desenvolven sobre a materia, as auditorías realizadas axustaranse ao establecido na Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas, e normativa que a desenvolva ou substitúa.

2. Nas auditorías operativas ou de xestión tomarase como referencia a Norma ISO 19011/2018, directrices para a auditoría dos sistemas de xestión.

Artigo 6. Forma de presentación

As comunicacións dos informes de auditoría presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Prazo de presentación

1. O prazo de presentación do informe de auditoría das contas anuais nos termos establecidos nesta resolución estará determinado pola data de aprobación das contas anuais, segundo o disposto no artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, e terá como data límite para a presentación do informe de auditoría das contas anuais o 30 de xullo de cada ano; este prazo poderase ampliar por causas xustificadas.

2. O prazo de presentación do informe de auditoría operativa ou de xestión será dun mes a partir da data en que conclúan os traballos de auditoría. Non obstante, o prazo máximo de presentación do informe de auditoría será de seis meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que se determinen as federacións que deberán someterse á auditoría.

Artigo 8. Documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación a seguinte documentación:

a) Informe de auditoría das contas anuais do exercicio correspondente, se é o caso.

b) Informe de auditoría operativa ou de xestión do exercicio correspondente, se é o caso.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade comunicante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da comunicación

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte a competencia para a elaboración e publicación dos plans anuais de auditoría en que se concretará esta norma e para resolver os procedementos que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file