O Pleno do concello de Corcubión, en sesión que tivo lugar o 22 de novembro, adoptou o seguinte acordo:
Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto do Plan de infraestruturas e dotacións destinado á construción dun cemiterio no concello de Corcubión, promovido por Ciprés Future, S.L., con CIF B70201454, e domicilio para os efectos de notificacións na rúa Encarnación, nº 17, 3º, Muxía, e redactado polo arquitecto Sergio Lucio Paniccia, coas modificacións resultantes dos informes emitidos.
Segundo. Publicar a aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia para os efectos do establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no prazo dun mes contado desde a adopción do acordo de aprobación definitiva. Xunto coa publicación deste acordo publicarase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público.
Terceiro. Comunicar o acordo de aprobación definitiva, en virtude do previsto no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, á consellería competente en materia de urbanismo, para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, e achegar un exemplar, en soporte dixital, debidamente dilixenciado.
Cuarto. Notificar individualmente a aprobación definitiva do Plan especial a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales xa lles notificou a súa aprobación inicial, de conformidade co artigo 186.4 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro.
O contido íntegro do plan especial atópase á disposición do público no enderezo electrónico do portal de transparencia:
https://sede.corcubion.gal/sxc/es/portal_transparencia/
Contra o acordo da aprobación definitiva do citado plan especial poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.
Corcubión, 10 de decembro de 2024
Francisco-Javier Domínguez Traba
Alcalde
