BDNS (Identif.): 810556.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.
Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que estean, na data de peche da convocatoria, nalgún dos supostos que se indican no artigo 2 da convocatoria.
Segundo. Obxecto
O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral.
A finalidade é dar continuidade á súa carreira investigadora, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria a través dun contrato de tres anos de duración e unha axuda complementaria para o establecemento da liña de investigación.
Terceiro. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Cuarto. Contía
O importe total da convocatoria é de 3.688.800 euros para os anos 2025, 2026, 2027 e 2028.
Convócanse 23 axudas (20 para as universidades do SUG e 3 para o resto de entidades beneficiarias). As axudas inclúen os seguintes conceptos:
1. O financiamento dun contrato posdoutoral dun máximo de 38.950 € brutos anuais.
2. Unha axuda complementaria, por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación, coa seguinte desagregación por anualidades: 3.000 € para o ano 2025, 10.000 euros para o ano 2026, 10.000 euros para o ano 2027 e 7.000 € para o ano 2028.
3. Un complemento anual por axuda de 1.000 €, destinado ás entidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación.
4. En aplicación do artigo 22.1, letra g), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, cando finalice o contrato por expiración do tempo convido, a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato, incluirase unha axuda total de 3.850,00 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
