DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2025 Páx. 9384

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO 15 de xaneiro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Chan da Ribeira e outros da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ribeira, no concello de Crecente (expediente RE22014).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Chan da Ribeira e outros da Comunidade de Montes Veciñais en man Común de Ribeira, no concello de Crecente (expediente RE22014).

O 23.9.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 6.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2209012 o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Ribeira, parroquia de Santa Mariña de Ribeira, concello de Crecente, solicita a revisión total do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Chan da Ribeira e outros (ID 2623). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22014. Consta no expediente a seguinte documentación:

– Revisión total do esbozo do MVMC Chan da Ribeira e outros da CMVMC de Ribeira, parroquia de Ribeira, concello de Crecente. Asinada pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 908 do COETF de Galicia o 7.5.2024.

– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Ribeira do 19.4.2024 da aprobación en Asemblea xeral do 29.10.2023.

– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N EPSG 25829.

Estudada a memoria técnica achegada despréndese:

– O MVMC Chan da Ribeira e outros clasificouse nos anos 80 como 3 parcelas independentes, ben que, na proposta se distingue unha parcela principal denominada Chan da Ribeira e diversas parcelas de pequenas dimensións situadas na zona sur da parroquia.

– Existen varios enclavados como resultado de permutas levadas a cabo con particulares coa finalidade de regularizar a propiedade de diversas vivendas clasificadas coma MVMC.

– O límite co MVMC de Requiáns, Cernadas e Agüeiros pertencente á CMVMC de Crecente, parroquia de San Pedro de Crecente coincide co expediente de deslinde administrativo aprobado.

– O linde coa CMVMC de Quintela non se modifica.

– No límite cos propietarios particulares levouse a cabo un levantamento topográfico das parcela con GPS de precisión centimétrica.

Segundo. O MVMC de Chan da Ribeira e outros foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 7.5.1979 cunha superficie inicial de 84 ha. Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Ribeira dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de montes ordenados de Galicia co núm. 3600414 e vixente ata 2033.

– O esbozo respecta o deslinde (expediente DC22022) coa CMVMC de San Pedro de Crecente consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– Permutas que constan: PO-16-PER/08 con Mª Ana Rodríguez Gómez e Ignacio Álvarez Moure, PO-17-PER/08 con Mª Ana Rodríguez López, PO-15-PER/09 e PO-07-PER/19 ambas con Silvia Antonio Domínguez.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto da parcela Chan da Ribeira é de 62,78 ha (superficie sen proxección) e 11,36 km (descontados os metros do deslinde coa CMVMC de Crecente) e non se modifican os lindes establecidos na resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 7.5.1979.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Ribeira (Crecente), expediente RE22014, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo do MVMC Chan da Ribeira e outros da CMVMC de Ribeira proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro, e a memoria técnica indicada no feito primeiro».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Chan da Ribeira e outros e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Chan da Ribeira e outros clasificado a prol da CMVMC de Ribeira (Crecente), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada polo mesmo.

Pontevedra, 15 de xaneiro de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra