Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte de Cepeda da Comunidade de Montes Veciñais en man Común de Cepeda, no concello de Pazos de Borbén (expediente RE22015).
O 23.9.2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:
«Feitos:
Primeiro. O 6.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2208766 a comunidade de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) de Cepeda, parroquia de San Pedro de Cepeda (Pazos de Borbén) solicita a revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Cepeda. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22015. Consta no expediente a seguinte documentación:
– Informe da revisión parcial do esbozo dos montes Serra, Buxel e Merouzes, da CMVMC de Cepeda, parroquia de San Pedro de Cepeda, concello de Pazos de Borbén. Asinada o 7.5.2024 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 908 do COETFGA.
– Certificado da secretaria da CMVMC de Cepeda do 6.5.2024 coa conformidade do presidente da aprobación en Asemblea Xeral do 24.3.2024.
– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N EPSG 25829.
Estudada a memoria técnica achegada da revisión parcial do MVMC de Cepeda despréndese:
– O MVMC Cepeda está formado por 3 parcelas independentes denominadas Serra, Buxel e Merouzas.
– A parcela Serra é a de maior tamaño e linda ao norte co MVMC de Amoedo (respecta o deslinde PO-01-DESC/15), leste co MVMC de Borbén (non se modifica o linde ata a execución dun deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia) e sur co MVMC de Nespereira (a proposta axústase ao esbozo RE22024 da CMVMC de Nespereira).
– A parcela Buxel linda ao norte co MVMC de Amoedo (respecta o deslinde PO-01-DESC/15), oeste co MVMC de Reboreda (respecta o deslindamento DC22054 entre ambas as comunidades propietarias) e sur co MVMC de Nespereira (a proposta axústase ao esbozo RE22024 da CMVMC de Nespereira).
– A parcela Merouzas é a de menor tamaño e linda ao sur co MVMC de Nespereira (a proposta axústase ao esbozo RE22024 da CMVMC de Nespereira).
– No resto do límite cos propietarios particulares levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión centimétrica.
Segundo. O MVMC de Cepeda foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 13.11.1979 cunha superficie inicial de 246 ha. Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión vixente coa Administración forestal.
– A CMVMC de Cepeda dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de montes ordenados de Galicia co núm. 3600171 e vixente ata o ano 2031.
– O esbozo respecta os deslindamentos (expediente DC22054) coa CMVMC de Reboreda (concello de Redondela) e (expediente PO-01-DESC/15) coa CMVMC de Amoedo (concello de Pazos de Borbén) consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
– O esbozo é complementario co novo perímetro do monte veciñal da CMVMC de Nespereira (expediente RE22024) revisado consonte a DT 13 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
– Existe unha expropiación de 2,46 ha no ano 1996 para o trazado do gas.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto do MVMC de Cepeda é de 227,08 ha (superficie sen proxección) e 15,30 km e non se modifican os lindes establecidos na resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 13.11.1979.
No perímetro revisado non se teñen en conta os deslindes DC22054 e PO-01-DESC/15 nin o linde co MVMC de Borbén.
Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Cepeda (Pazos de Borbén), expediente RE22015, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo do MVMC Cepeda da CMVMC de Cepeda proposta polo Servizo de Montes queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro, e a memoria técnica indicada no feito primeiro (excepto no linde coa CMVMC de Borbén en que non se acepta a modificación do linde entre comunidades)».
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Cepeda e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este Xurado por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Cepeda clasificado a prol da CMVMC de Cepeda (Pazos de Borbén), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada polo mesmo.
Pontevedra, 15 de xaneiro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
