DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2025 Páx. 9289

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2025 pola que se publica a oitava addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Con datas do 15 de abril de 2019, do 28 de novembro de 2019, do 28 de maio de 2020, do 21 de outubro de 2020, do 19 de decembro de 2022, do 6 de xullo de 2023 e do 21 de decembro de 2023 asináronse, respectivamente, a primeira, a segunda, a terceira, a cuarta, a quinta, a sexta e a sétima addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O devandito convenio asinouse o 9 de agosto de 2018 e publicouse no DOG núm. 156, do 17 de agosto.

De conformidade coa cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Tendo en conta o exposto e en virtude das competencias conferidas,

RESOLVO:

Publicar a oitava addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinada o 20 de decembro de 2024, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

ANEXO

Oitava addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024

REUNIDOS

Pola Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez, conselleira do Medio Rural, que actúa por conta e en representación da Xunta de Galicia, nomeada polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril) en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Pola sociedade mercantil pública autonómica, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), Pablo Arbones Maciñeira, en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confiren os seus estatutos.

Pola Federación Galega de Municipios e Provincias, o seu presidente, Alberto Varela Paz, que actúa en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confire o artigo 46.1º.b) dos seus estatutos.

Todas as persoas intervenientes actúan coa representación que legal e regulamentariamente teñen conferida.

EXPOÑEN

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece no seu artigo 7.d) que corresponde aos concellos a ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios e, de xeito máis concreto, a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 22 e 23 da citada lei, e para iso contan coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de conformidade co establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

O día 9 de agosto de 2018, a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga asinaron un convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, publicado no DOG núm. 156, do 17 de agosto de 2018, co obxecto de instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp, cos concellos que voluntariamente se adhiran, na xestión da prevención de incendios nas denominadas faixas secundarias de xestión da biomasa, de modo que se acade a diminución do número de incendios forestais nas zonas da interface urbana, garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

Como recorda a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha das áreas máis sensibles para a prevención dos incendios é da interface urbano-forestal, isto é, aquelas áreas que abarcan o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados. Neste contexto, a través do citado convenio, canalízase a cooperación entre a Administración local e a Administración autonómica como vía para acometer tarefas de claro interese público como é a de xestionar a biomasa vexetal con alto potencial combustible, especialmente nos terreos forestais que estean cerca dos núcleos de poboación, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios polas persoas titulares das parcelas, así como, en caso de incumprimento destas obrigas esenciais, asegurar a súa execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administracións públicas.

Co obxecto de reforzar o apoio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na realización das accións que corresponden aos concellos, o convenio modificouse a través dunha primeira addenda asinada o 15 de abril de 2019, publicada no DOG núm. 90, do 13 de maio de 2019.

O 28 de novembro de 2019 asinouse unha segunda addenda (publicada no DOG núm. 6, do 10 de xaneiro de 2020) para facilitar a aplicación de determinadas cláusulas do convenio, que supuxo, entre outras modificacións, o desenvolvemento dunha nova ferramenta en mobilidade, inclusión da posibilidade de que os concellos adheridos poidan realizar execucións subsidiarias ata un máximo de 5 hectáreas con cargo ao convenio, simplificación de trámites administrativos para a aplicación dos ingresos que se perciban da venda das especies arbóreas incluídas nas execucións subsidiarias, e incorporación dunha cláusula en materia de protección de datos.

O 28 de maio de 2020 asinouse unha terceira addenda (publicada no DOG núm. 114, do 12 de xuño) que modifica varias cláusulas do convenio coa finalidade de incrementar as actuacións no territorio e de atender as necesidades derivadas da posta en marcha das iniciativas de mobilización de terras e das iniciativas estratéxicas.

O 21 de outubro de 2020 asinouse a cuarta addenda (publicada no DOG núm. 299, do 12 de novembro) que modifica a cláusula quinta relativa á colaboración financeira para a xestión da biomasa forestal dos montes incluídos nos concellos adheridos a este convenio.

O 19 de decembro de 2022 asinouse unha quinta addenda (publicada no DOG núm. 30, do 13 de febreiro de 2023), que modifica varias cláusulas do convenio, pola que se amplía a súa vixencia, se actualiza o orzamento coas achegas da Consellería do Medio Rural para os anos 2022 e 2023, e se elimina a limitación de 10 hectáreas por concello e ano nas actuacións subsidiarias daqueles concellos seleccionados pola Comisión de Seguimento como concellos piloto.

O 6 de xullo de 2023 asinouse a sexta addenda (publicada no DOG núm. 144, do 31 de xullo de 2023), que modificou varias cláusulas do convenio co obxecto de adaptalo aos cambios introducidos pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

O 21 de decembro de 2023 asinouse a sétima addenda (publicada no DOG núm. 24, do 2 de febreiro de 2024), a través da cal se ampliou a vixencia do convenio ata ao 31 de decembro de 2024 e se actualizou o orzamento coas achegas da Consellería do Medio Rural para o ano 2024.

A través desta nova addenda articúlanse as modificacións necesarias no convenio que permitan, mantendo a súa vixencia, aumentar o orzamento co crédito dispoñible da Consellería do Medio Rural neste ano 2024 con base nos compromisos adquiridos e na execución prevista.

Segundo o establecido na cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Por todo iso, con base no exposto, as partes acordan asinar esta addenda de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Modifícase o parágrafo segundo do número 1 da cláusula quinta, que queda redactado como segue:

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, a Consellería do Medio Rural achegará un importe de 7.750.000 € no exercicio 2020, 7.750.000 € no exercicio 2021, 6.946.000 € no exercicio 2022, 7.750.000 € no exercicio 2023 e 7.350.000 € no exercicio 2024, con cargo á aplicación orzamentaria 45 02 551B 741.14.

Segunda. En todo o non modificado expresamente por esta addenda seguirá sendo de aplicación o disposto no convenio.

Terceira. As partes asinantes outorgan o seu consentimento para que os datos persoais e o resto das especificacións que constan nesta addenda sexan publicados no Portal de transparencia e goberno aberto e no Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, e en concordancia co artigo 14 e seguintes da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

En proba de conformidade, as partes asinan esta addenda.

María José Gómez Rodríguez, conselleira do Medio Rural; Alberto Varela Paz, Federación Galega de Municipios e Provincias; Pablo Arbones Maciñeira, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.