DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2025 Páx. 9702

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 15 de xaneiro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo da revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte de Paradela de Bemil da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paradela de Bemil, no concello de Caldas de Reis (expediente RE22018).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Monte de Paradela de Bemil da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paradela de Bemil, no concello de Caldas de Reis (expediente RE22018).

O 23.9.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emitiu o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 9.9.2022, con número de rexistro de entrada 2022/2228698, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Paradela de Bemil, parroquia de Santa María de Bemil (Caldas de Reis), solicitou a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Paradela de Bemil (ID2476). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22018. Consta no expediente a seguinte documentación:

– Revisión parcial do esbozo da carpeta ficha montes Paradela de Bemil, parroquia de Paradela de Bemil, concello de Caldas de Reis, asinado pola enxeñeira técnica forestal núm. 908 do COETFG o 3.5.2024.

– Certificado do secretario, do 22.4.2024, coa conformidade do presidente da CMVMC de Paradela de Bemil, da aprobación na asemblea xeral do 10.3.2024.

– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N.

Revisada a memoria técnica, despréndese:

– No traballo de gabinete utilizouse a superposición sobre o voo americano de 1956 e levouse a cabo un levantamento topográfico con GPS de precisión centimétrica no cal se percorreu todo o perímetro con varios membros da xunta reitora da comunidade de montes. Durante ese percorrido identificáronse os marcos; a maior parte do perímetro está delimitado por muros que o separan dos propiedades particulares.

– O monte veciñal de Paradela de Bemil está composto por un único couto redondo e no seu interior recolle diversos enclavados de propietarios particulares.

– Lindeiro norte: co monte veciñal da CMVMC de Carracedo (Caldas de Reis) a proposta non chega ao límite orixinal do esbozo, co monte veciñal da CMVMC de Dimo (Catoira) a proposta axústase á devasa que fai de divisoria.

– Linde oeste: co monte veciñal de Xiabre da CMVMC de Saiar (Caldas de Reis), acéptase a proposta, xa que a cartografía do instrumento de xestión de Saiar recúa o seu esbozo orixinal.

– Lindeiro sur: co monte veciñal de CMVMC de Bemil (Caldas de Reis) atópase sen definir. Porén, a proposta de esbozo axústase á cartografía do instrumento de xestión de Bemil.

Segundo. O MVMC de Paradela de Bemil foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 20.2.1979 cunha superficie inicial de 256,10 ha. Segundo os datos do Sistema Rexistral Forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Paradela de Bemil dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360138 e vixente ata o ano 2029. A proposta achegada non coincide coa planimetría da ordenación.

– Non constan actos de disposición que modifiquen o monte veciñal.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 252,19 ha (superficie sen proxección) e 21,14 km e, segundo o indicado na memoria técnica, non se modifican as estremas establecidas na Resolución do Xurado de MVMC de Pontevedra do 20.2.1979.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acordou solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Paradela de Bemil (Caldas de Reis) (expediente RE22018), coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. A revisión do esbozo do MVMC de Paradela de Bemil da CMVMC de Paradela de Bemil proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola comunidade, e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Paradela de Bemil e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Monte de Paradela de Bemil, clasificado a prol da CMVMC de Paradela de Bemil (Caldas de Reis), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 15 de xaneiro de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra