DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2025 Páx. 9683

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2024/230-4).

Expediente: IN407A 2024/230-4.

Promotora: Consorcio Zona Franca de Vigo.

Denominación: LMTS e dous CCTT no polígono Porto do Molle.

Concello: Nigrán.

Feitos:

1. O 11.6.2024, o Consorcio Zona Franca de Vigo solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS e dous CCTT no polígono Porto do Molle.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Víctor Sánchez Villar, colexiado 2082 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, e no que figura un orzamento total de 249.372,66 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións para dar subministración eléctrica ás novas naves no polígono empresarial Porto do Molle, no concello de Nigrán (Pontevedra):

– Instalación na parcela con referencias catastrais 7352213NG1675S e 7352214NG1675S de dous centros de transformación de 400 kVA cada un, compacto en envolvente prefabricada 2L+1P, manobra exterior telecontrolado GPRS/3G-TG.

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 36 metros conectada á liña GON816 no tramo comprendido entre os centros de seccionamento 36CBQN e 36CWP0.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Nigrán e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Nigrán.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

3. O 28.8.2024, Augas de Galicia remitiu un informe sobre as obras proxectadas que foi traslado a empresa promotora. En atención ao informe emitido, o 23.9.2024 o Consorcio Zona Franca de Vigo solicitou ao Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia Sur unha autorización de actuacións menores no dominio público hidráulico e zona de policía.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, de 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 18 metros de lonxitude, con orixe e final na LMT GON816, entre os centros de seccionamento 36CBQN e 36CWPO, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado nº 1.

– LMTS a 20 kV, con condutor RHZ1, de 18 metros de lonxitude, con orixe e final na LMT GON816, entre os centros de seccionamento 36CBQN e 36CWPO, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado nº 2.

– Centro de transformación nº 1 a 400 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 7352213NG1675S.

– Centro de transformación nº 2 a 400 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 7352214NG1675S.

A instalación está situada na rúa das Pontes e na rúa Montes da Barxa, no polígono empresarial Porto do Molle, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar ao Consorcio Zona Franca de Vigo as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e dous CCTT no polígono Porto do Molle, expediente IN407A 2024/230-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. O Consorcio Zona Franca de Vigo asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 20 de decembro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra