DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 5 de febreiro de 2025 Páx. 9946

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 15 de xaneiro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á revisión do esbozo do monte veciñal en man común San Xusto, Da Ferreira, Da Costa e Feixa, no concello de Padrenda.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC San Xusto, Da Ferreira, Da Costa e Feixa, pertencente á CMVMC da parroquia do Condado, no concello de Padrenda, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 26.8.2019, a CMVMC da parroquia do Condado presentou unha solicitude (Rexel núm. 2019/1765679) de revisión de esbozo do MVMC San Xusto, Da Ferreira, Da Costa e Feixa, no concello de Padrenda.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 24 de agosto de 2019.

– Memoria da revisión do esbozo.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial (shapefile) coa proposta de revisión.

Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe o día 22 de xuño de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro do MVMC obxecto de revisión inclúe a extensión completa dos catro coutos redondos que integran o monte.

Terceiro. O Xurado Provincial de MVMC, en sesión do día 10 de outubro de 2022, valorou a dita revisión do esbozo. Non obstante, na medida en que en relación co monte veciñal estaba pendente de resolver un acordo por unha subvención, acordou esperar a que se resolvese tal acordo.

Cuarto. A CMVMC da parroquia do Condado, coa solicitude de deslindamento, achegou tamén unha cartografía actualizada do que sería o perímetro revisado do MVMC San Xusto, Da Ferreira, Da Costa e Feixa, perfectamente axustada á liña acordada, e da que resulta unha superficie revisada de 44,82 ha (fronte ás 33 ha clasificadas inicialmente).

Quinto. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 23 de marzo de 2023.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 23 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 16 de decembro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión do esbozo do monte veciñal en man común San Xusto, Da Ferreira, Da Costa e Feixa, a favor da CMVMC da parroquia do Condado, no concello de Padrenda.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 15 de xaneiro de 2025

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

missing image file