Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Coto de San Cibrao, pertencente á CMVMC de Ventosela, Val de Pereira e parroquia de Sanín, no concello de Ribadavia, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 20.7.2024, a CMVMC de Ventosela, Val de Pereira e parroquia de Sanín presentou unha solicitude (Rexel núm. 2024/2270686) de revisión do esbozo do MVMC Coto de San Cibrao, no concello de Ribadavia.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da asemblea xeral.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 12 de setembro de 2024 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe a totalidade do perímetro, incluída a parte estremeira co MVMC Coto de San Cibrao e Cima da Costa de Beliño.
En relación coa dita veciñanza, parece que a proposta se axusta á descrición contida nas correspondentes carpetas-ficha, xa que a liña revisada se axusta á divisoria de augas que separa o termo de Campo Redondo dos de Ventosela e Sanín; esta divisoria, ademais, atópase ben referenciada sobre o terreo mediante un camiño de servizo a viñedos que se abriu hai uns 25 anos.
A superficie do MVMC Coto de San Cibrao, unha vez modificado o esbozo, sería de 57,13 ha fronte ás 56 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 2 %.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorablemente sobre a revisión do esbozo do MVMC Coto de San Cibrao.
Consideración legal e técnica:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 12 de setembro de 2024, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 16 de decembro de 2024:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Coto de San Cibrao, pertencente á CMVMC de Ventosela, Val de Pereira e parroquia de Sanín, no concello de Ribadavia.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 15 de xaneiro de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
