DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 5 de febreiro de 2025 Páx. 9952

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 15 de xaneiro de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Portela de Mirós, e o de Trepa, no concello de Riós.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Portela de Mirós, pertencente á CMVMC de Mirós, e o MVMC de Trepa, pertencente á CMVMC da Trepa, no concello de Riós, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.4.2024, a CMVMC de Mirós presentou un escrito (Rexel 2024/1463515), no cal solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da Trepa. Coa solicitude achegaban a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Riós.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Informe de deslindamento.

Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 10 de xuño de 2024 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Portela de Mirós, pertencente á CMVMC de Mirós, e o MVMC de Trepa, pertencente á CMVMC da Trepa, desde o vértice 1 (o situado máis ao O) ata o vértice 8 (o situado máis ao L).

Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:

– No punto inicial da liña conflúe tamén, conforme o indicado na memoria do deslindamento e máis no antecedente 4, o MVMC de Feilas; xa que logo, e tendo en conta que a comunidade propietaria deste último non participa da avinza, cabe concluír que a conciliación comeza realmente no vértice 2, tendo o vértice 1 a condición de punto auxiliar que permite determinar a dirección da liña no seu tramo inicial.

– A liña avinzada correspóndese integramente coa marxe S dun tramo de cortalumes. Neste sentido, cómpre aclarar que a liña non se corresponde exactamente cos segmentos rectos que unen os puntos conciliados, senón que se axusta a un tramo de aresta do recinto c da R.C. 32072A20800308, correspondendo o dito recinto ás áreas cortalumes presentes dentro desa parcela catastral.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 10 de xuño de 2024, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 16 de decembro de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Portela de Mirós, pertencente á CMVMC de Mirós, e o MVMC de Trepa, pertencente á CMVMC da Trepa, no concello de Riós.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 15 de xaneiro de 2025

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense