Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Costa de Eirexa, pertencente á CMVMC da Eirexa, Prados e Ribela, no concello de Coles, e unha propiedade particular, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 11.10.2023, a CMVMC da Eirexa, Prados e Ribela presentou un escrito (Rexel 2023/2769911), no cal solicitan a aprobación dun deslindamento cunha propiedade particular. Coa dita solicitude achegaban, entre outros, os seguintes documentos:
– Acta da asemblea xeral en que se autorizou o deslindamento.
Segundo. O 3.11.2023, o Servizo de Montes de Ourense emitiu un informe favorable ao considerar que non existe unha afección significativa sobre a integridade territorial do monte.
Terceiro. O 20.11.2023 publicouse no DOG o anuncio polo que se facía pública a proposta de deslindamento e se abría o período de alegacións; anuncio que tamén se lle remitiu ao concello de Coles para os efectos da súa publicación no taboleiro de anuncios.
Cuarto. O 24.6.2024, a CMVMC da Eirexa, Prados e Ribela presentou unha solicitude complementaria (Rexel 2024/2009223) coa que insta a continuación do procedemento e achega a seguinte documentación:
• Acta de deslindamento.
• Acta de conciliación levantada o 22.6.2024, no Xulgado de Paz de Coles.
• Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 7.10.2023 en que autoriza o deslindamento.
• Levantamento topográfico da parcela obxecto de deslindamento.
Quinto. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 4 de xullo de 2024 en relación coa citada solicitude.
Consideraciós legais e técnicas:
Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 54 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares. E establece que no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao xurado provincial dos acordos acadados e, cando menos, da seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade. O xurado provincial de montes veciñais en man común ditará resolución aprobatoria do deslindamento e notificarállela ás persoas interesadas. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 4 de xullo de 2024, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 16 de decembro de 2024:
Aprobar o acto de conciliación acadado entre o MVMC Costa de Eirexa, pertencente á CMVMC da Eirexa, Prados e Ribela, no concello de Coles, e unha propiedade particular.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 15 de xaneiro de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
