De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 22 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, se arquiva o expediente instruído e se cancelan unhas garantías económicas depositadas para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Ampliación Alto da Croa II, sito no concello de Dumbría (A Coruña) e promovido por Wind Premier O Pedregal, S.L.U. (expediente IN408A 2019/20).
Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:
A dita Resolución do 22 de xaneiro de 2025 dispón o seguinte:
1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) das instalacións do parque eólico Ampliación Alto da Croa II, sito no concello de Dumbría (A Coruña) e promovido por Wind Premier O Pedregal, S.L.U., tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17 de xaneiro de 2023.
2. Arquivar o expediente do parque eólico Ampliación Alto da Croa II (expediente IN408A 2019/20).
3. Cancelar as garantías depositadas por Wind Premier O Pedregal, S.L.U. o 6 de marzo de 2019, con número de rexistro 369/2019 e por importe de 180.000,00 €, e o 29 de xuño de 2022, con número de rexistro 645/2022 e por importe de 18.000,00 €, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Ampliación Alto da Croa II.
Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. O 6 de marzo de 2019, Wind Premier O Pedregal, S.L.U. depositou unha garantía económica por importe de 180.000,00 € e número de rexistro 369/2019, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Ampliación Alto da Croa II.
2. O 1 de abril de 2019, Wind Premier O Pedregal, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción, declaración de utilidade pública, en concreto, e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o proxecto denominado Parque eólico Ampliación Alto da Croa II, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
3. Mediante oficio do 19 de xullo de 2019 esta dirección xeral notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
4. O 22 de xullo de 2019, Wind Premier O Pedregal, S.L.U. achegou o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa do parque eólico Ampliación Alto da Croa II.
5. O 8 de xullo de 2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre o proxecto sectorial do parque eólico, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009.
6. O 29 de xuño de 2022, a promotora depositou outra garantía económica adicional por importe de 18.000,00 €, con número de rexistro 645/2022.
7. Mediante o Acordo do 16 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Ampliación Alto da Croa II, no concello de Dumbría (DOG núm. 194, do 11 de outubro de 2022).
Durante o período de información pública presentáronse alegacións, as cales foron remitidas a Wind Premier O Pedregal, S.L. e contestadas por esta.
8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial solicitou a emisión dos correspondentes condicionados técnicos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral para os que a empresa promotora presentou a correspondente separata do proxecto de execución.
9. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o foi sometido proxecto recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Consellería do Medio Rural, Sociedade Galega de Historia Natural e Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.
O 17 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Ampliación Alto da Croa II, que fixo pública polo Anuncio do 18 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro de 2023).
10. O 13 de xullo de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle a Wind Premier O Pedregal, S.L.U. o acordo da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Ampliación Alto da Croa II, sito no concello de Dumbría (A Coruña) e promovido por Wind Premier O Pedregal, S.L.U. (expediente IN408A 2019/20).
11. O 4 de decembro de 2024, Wind Premier O Pedregal, S.L.U aceptou o arquivamento do expediente do parque eólico Ampliación Alto da Croa II e solicitou a devolución das garantías económicas depositadas para tramitar os permisos de acceso e conexión á rede de transporte.
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
