O artigo 9.2 da Constitución española establece que os poderes públicos promoverán as condicións para que a igualdade do individuo e dos grupos en que se integre sexa real e efectivas, removerán os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitarán a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social.
O artigo 49 da Constitución española sinala que as persoas con discapacidade exercen os dereitos previstos neste título en condicións de liberdade e igualdade reais e efectivas. Regularase por lei a protección especial que sexa necesaria para o dito exercicio, e os poderes públicos impulsarán as políticas que garantan a plena autonomía persoal e a inclusión social das persoas con discapacidade, en contornos universalmente accesibles. Así mesmo, fomentarán a participación das súas organizacións, nos termos que a lei estableza. Atenderanse particularmente as necesidades específicas das mulleres e dos menores con discapacidade.
O artigo 35 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social, establece que as persoas con discapacidade teñen dereito ao traballo en condicións que garantan a aplicación dos principios de igualdade de trato e non discriminación.
En atención a tales previsións legais, a valedora do pobo convoca dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade e Down para a formación práctica en tarefas de apoio.
Para o desenvolvemento do proceso, cóntase coa colaboración de Down-Galicia e Fademga-Plena Inclusión Galicia.
Así, en virtude das atribucións que me confire a Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo
RESOLVO:
Convocar dúas bolsas para a formación práctica de persoas con discapacidade e Down no Valedor do Pobo, de acordo coas seguintes
Bases
Primeira. Obxecto
As bolsas terán por obxecto a formación práctica no Valedor do Pobo de persoas con discapacidade e Down, vinculada aos seus estudos, como medida para favorecer a súa inclusión.
Segunda. Requisitos
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que acrediten reunir os seguintes requisitos:
• Ser española ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou daqueles Estados aos cales, en virtude de tratados internacionais, lles sexa aplicable a libre circulación de persoas.
• Ser persoas con discapacidade e Down, o primeiro nun grao igual ou superior ao 33 %.
• Posuír calquera das titulacións que se pretende complementar coa formación práctica, que son as mencionadas na base novena, alínea a).
• Ser maior de 18 anos.
• Non ter sido beneficiario/a dunha bolsa nesta institución.
Terceira. Dotación económica e cobertura social
As persoas beneficiarias da bolsa disporán:
a) Dunha asignación de 17.400 euros brutos anuais, que se percibirán logo de finalizado cada mes do prazo da súa duración, a razón de 1.450 euros mensuais, suxeitos á retención que legalmente proceda.
b) De protección social mediante a alta no réxime xeral da Seguridade Social, segundo a normativa vixente e dentro dos requisitos e condicións propios deste tipo de bolsas.
c) Dun seguro que inclúa como garantías o falecemento e a invalidez permanente por accidente, que cubra o período de duración da bolsa, cun importe máximo de 300 euros.
Cuarta. Duración
As bolsas terán a duración dun ano, desenvolveranse de forma simultánea e non poderán ser prorrogadas.
Ao finalizar entregarase un certificado acreditativo.
Quinta. Natureza
A adxudicación das bolsas non supón vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa beneficiaria e o Valedor do Pobo, nin implica compromiso que transcenda o desenvolvemento das tarefas previstas nesta convocatoria.
Sexta. Desenvolvemento da bolsa
As persoas bolseiras teñen o deber de:
• Cumprir o programa formativo en prácticas que determinen as persoas titoras, cuns niveis de rendemento satisfactorio. Para estes efectos, deben realizar as actividades de estudo que se consideren necesarias e presentar puntualmente os traballos e os documentos que se requiran. Estes serán de titularidade do Valedor do Pobo e non poden ser utilizados polos autores sen a correspondente autorización.
• Observar a necesaria discreción e respectar a confidencialidade dos documentos e informacións que coñezan no desenvolvemento da bolsa, salvo os que sexan públicos.
• Non adquirir compromisos ou obrigas que impidan o cumprimento íntegro das tarefas de formación en prácticas, agás renuncia expresa da bolsa.
Realizarán o seu programa formativo nas unidades administrativas e áreas da institución, baixo a titoría de cada responsable, e sendo coordinadas pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.
A persoa titular da institución poderá revogar a bolsa se a persoa beneficiaria non realiza ou incumpre as tarefas ou o programa de formación que lle asigne, ou se as tarefas encomendadas non reúnen os requisitos de calidade exixibles. Neste suposto poderá concederlle a bolsa, polo período que reste, á persoa candidata que corresponda segundo a listaxe de reservas elaborada pola Comisión de Avaliación.
Desenvolverán as actividades formativas prácticas durante 37,5 horas semanais.
Habilitarase a posibilidade de realizar parte da formación a distancia (desde o domicilio), sen prexuízo da asistencia presencial cando resulte necesaria, segundo as persoas titoras.
Terán dereito ao desfrute dos días festivos do calendario laboral, a vacacións e aos permisos necesarios por motivos persoais, logo de solicitude.
As anteriores circunstancias determinaranse segundo as necesidades do servizo.
Salvo baixa médica, a ausencia xustificada ou permitida das prácticas non superará o 20 % da xornada mensual de traballo. De se superar esta porcentaxe, a valedora do pobo poderá rescindir a bolsa.
As tarefas que desenvolverán as persoas seleccionadas, de ser necesario, serán obxecto dunha avaliación por parte de preparadores especializados, que emitirán un informe de análise para o desenvolvemento da bolsa. As persoas seleccionadas disporán das correspondentes adaptacións, dos apoios individualizados que sexan necesarios e do auxilio de preparadores.
Sétima. Convocatoria e solicitudes
1. Convocatoria.
A convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web do Valedor do Pobo.
2. Presentación das solicitudes.
As solicitudes e a documentación adxunta presentaranse no Rexistro do Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela –A Coruña–) ou por calquera outro medio admitido en dereito.
3. Solicitudes e documentación.
As persoas interesadas deberán achegar o seguinte:
• Escrito de solicitude dirixido ao Valedor do Pobo, cuberto e asinado, conforme o modelo do anexo I.
• Copia do DNI ou equivalente.
• Certificado do recoñecemento, grao e tipoloxía da discapacidade.
• Relación de méritos e circunstancias que o/a solicitante somete a valoración consonte estas bases, presentados de acordo co anexo II da convocatoria. Só se valorarán os méritos e as circunstancias que figuren nese anexo.
4. Prazo de presentación.
O prazo de presentación será de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
5. Requirimento de documentación adicional.
A Comisión de Selección poderá requirir a documentación adicional que considere precisa para realizar a súa función. Deberá entregarse de tal forma que permita verificar a súa autenticidade.
6. Posibilidade de retirada posterior da documentación.
A documentación das persoas non seleccionadas poderá ser devolta por petición da interesada ou de quen fose debidamente autorizada, unha vez transcorridos dous meses desde a data en que se faga pública a adxudicación.
Oitava. Procedemento
1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión de Selección comprobará, de acordo coa documentación presentada, o cumprimento dos requisitos establecidos na base segunda e avaliará os méritos alegados, conforme os criterios sinalados na base novena desta resolución.
Só se valorarán os méritos que figuren na solicitude.
2. A Comisión requirirá a presentación da documentación ou as aclaracións que xulgue pertinentes, co obxecto de verificar o cumprimento dos requisitos de admisión establecidos na base segunda, ou calquera das circunstancias postas de manifesto nas solicitudes en relación cos méritos alegados, para a súa valoración de acordo co establecido na base novena.
3. Os requirimentos remitiranse única e exclusivamente a través do correo electrónico indicado pola persoa solicitante. A persoa solicitante disporá dun prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da remisión do correo electrónico, para a presentación da documentación ou aclaracións que lle soliciten.
Se no prazo concedido non se achega a documentación requirida que acredite o cumprimento dos requisitos de admisión, entenderase que a persoa desiste da súa solicitude.
Se a documentación requirida para verificar determinados méritos alegados non se entrega no prazo sinalado pola Comisión, os méritos afectados non se terán en consideración.
Se a documentación requirida é para acreditar méritos de cursos oficiais, para telos en consideración como tales é necesario que se achegue documentación acreditativa.
4. Tras a valoración dos requisitos de admisión e dos méritos alegados, a Comisión publicará na páxina web da institución a listaxe de persoas solicitantes admitidas coa puntuación acadada, e a listaxe das persoas solicitantes excluídas por non cumpriren os requisitos, indicando a causa de inadmisión.
As persoas interesadas disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao de publicación da listaxe, para presentaren ante a Comisión as alegacións ou documentos que consideren que mellor conveñen ao seu dereito.
A Comisión, vistas as alegacións e a documentación presentada, realizará as modificacións que procedan respecto á puntuación acadada e ás inadmisións.
5. A Comisión de Selección elevará á valedora do pobo a súa proposta de concesión das bolsas, incluíndo unha listaxe de persoas suplentes por orde de puntuación.
Vista a proposta da Comisión, a valedora do pobo resolverá a concesión das bolsas.
Novena. Criterios de valoración
A valoración dos méritos realizarase de acordo co seguinte baremo:
a) Titulación (ata 10 puntos):
• Graduado en educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica: 4 puntos.
• Bacharelato ou formación profesional de grao medio. O certificado de profesionalidade será asimilado a formación profesional de grao medio: 6 puntos.
• Bacharelato ou formación profesional de grao superior: 8 puntos.
• Se a titulación é da rama de administración e xestión, integración social ou de igualdade de xénero: 2 puntos máis.
Para o caso de que cos cursos profesionais para o emprego (FPE) se obtivese o certificado de profesionalidade, valorarase o máis favorable para a persoa solicitante.
Se a Comisión de Selección require que se acredite a titulación que se alega, deberase presentar o título ou certificado do centro ou organismo educativo que o outorgase.
b) Cursos e prácticas laborais (ata 10 puntos):
• Cursos de formación ou perfeccionamento convocados, organizados, impartidos ou homologados por institutos, escolas oficiais, entidades de interese público e de defensa das persoas con discapacidade e/ou axentes sociais, excluída a formación regrada.
• De 12 a 20 horas: 0,25 puntos.
• De 21 a 40 horas: 0,50 puntos.
• De 41 a 60 horas: 0,75 puntos.
• De 61 a 90 horas: 1 punto.
• De 91 a 120 horas: 1,25 puntos.
• De 121 a 300 horas: 2 puntos.
• De 301 a 600 horas: 5 puntos.
• Máis de 600 horas: 7 puntos.
Cando a duración se exprese en anos ou se indique «curso escolar», considerarase a priori unha duración de máis de 600 horas, sen menoscabo da verificación que se faga con base na documentación que se requira.
No suposto de que a duración se exprese en meses, estes serán computados da seguinte maneira: por cada mes computaranse 60 horas.
En caso de non constar a duración do curso, valorarase con 0,10 puntos.
Para o caso de que se sinalen diversos cursos de similar contido, só se computará aquel que permita obter a maior puntuación.
Para valorar adecuadamente os cursos desta epígrafe, na solicitude (anexo II) deberán constar as horas do curso ou, na súa falta, os meses ou anos de duración, ou que foi durante un curso escolar.
As prácticas laborais desenvolvidas en organismos públicos ou avaladas ou homologadas por estes valoraranse como cursos oficiais, en función da súa duración. En todo caso, as prácticas integradas na formación regrada ou en cursos alegados non serán obxecto de valoración adicional.
c) Circunstancias da persoa con discapacidade (ata 3 puntos):
• Pluridiscapacidade (1 punto).
• Muller vítima de violencia (1 punto).
• Situación ou risco de exclusión social (1 punto).
As anteriores circunstancias valoraranse de forma acumulativa.
d) Para decidir sobre empates substanciais por méritos equivalentes ou sensiblemente equivalentes, primaranse as mulleres, logo de informe de Down-Galicia, Fademga-Plena Inclusión Galicia e, de ser o caso, de quen se considere adecuado, sobre o seu menor grao de inclusión laboral no ámbito da convocatoria (inclusión laboral das persoas con discapacidade e Down); se persiste, as persoas que acheguen maior puntuación nos cursos despois de descartar o límite de puntos nese aspecto, e, se persiste, as que acrediten menor experiencia laboral nos últimos quince (15) anos.
Para os efectos de determinar as circunstancias do desempate, requiriráselles a información complementaria necesaria ás persoas solicitantes afectadas.
Décima. A Comisión de Selección
1. A Comisión de Selección estará composta polas seguintes persoas:
• Presidencia, con voto de calidade en caso de empate: a persoa titular da Vicepresidencia Xeral do Valedor do Pobo.
• Vogais: a persoa titular da Unidade de Asuntos Económicos e Réxime Interior do Valedor do Pobo, unha persoa designada por Down-Galicia, unha persoa designada por Fademga-Plena Inclusión Galicia e unha persoa designada polos sindicatos máis representativos, con carácter rotatorio dos seus representantes en cada convocatoria.
• Secretaría, con voz e voto: a persoa titular da Xefatura de Sección do Valedor do Pobo.
A valedora do pobo designará os membros suplentes da Comisión, coa mesma procedencia, que substituirán os titulares en caso de renuncia xustificada ou de imposibilidade para o desempeño da función.
Os nomes das persoas que compoñan a Comisión de Selección e dos seus suplentes publicaranse na páxina web do Valedor do Pobo ao rematar o prazo de presentación de solicitudes.
2. A persoa titular da Secretaría Xeral do Valedor do Pobo asesorará sobre o curso da convocatoria nos aspectos xurídicos ou de calquera outro tipo cando así o solicite a Comisión de Selección.
3. A Comisión instruirá o procedemento de concesión da bolsa e ademais:
a) Interpretará as bases e resolverá cantas dúbidas poidan derivar delas.
b) Examinará as solicitudes e a documentación achegada, e comprobará os datos en virtude dos cales se deben adoptar a proposta de adxudicación e a resolución de adxudicación.
c) Valorará as solicitudes de acordo co baremo que se establece na base novena desta convocatoria.
d) Requirirá as persoas solicitantes para a corrección das solicitudes e a achega de aclaracións, ampliacións de información ou documentación acreditativa.
e) Formulará a proposta de concesión das bolsas ás persoas seleccionadas.
f) Establecerá unha listaxe de suplentes para os casos de desistencia ou renuncia, revogación ou outras causas que deixen vacante algunha bolsa.
Décimo primeira. Publicidade da resolución de concesión das bolsas
A resolución da valedora do pobo pola que se concedan as bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da institución.
A identificación das persoas beneficiarias e suplentes realizarase con suficiente grao de anonimización (por exemplo, MPG…678) e as puntuacións obtidas.
O resto das persoas participantes poderán solicitar a súa puntuación, aínda que no seu caso constaría que resulta provisional se non se lles requirise a acreditación dos méritos.
Décimo segunda. Incorporación e vacantes
As persoas seleccionadas deberán incorporarse, para o desenvolvemento dos labores de formación, no prazo que sinale a resolución de adxudicación, co fin de achegar os datos precisos para facer efectiva a bolsa.
Se, transcorridos sete (7) días naturais desde a data establecida de incorporación, esta non se producise, a bolsa poderase entender rexeitada, salvo causa xustificativa.
Se a bolsa resulta rexeitada ou queda vacante en período de vixencia, a valedora do pobo poderá propor as persoas suplentes, na orde en que resulten, para concesión das bolsas polo tempo que reste respecto do inicialmente previsto.
A bolsa reducirase proporcionalmente no caso de incorporación tardía, abandono ou renuncia.
Décimo terceira. Incompatibilidades, obrigas e cumprimento das persoas bolseiras
Esta bolsa é incompatible con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria da persoa bolseira, ou con calquera tipo de ingresos habituais pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado, agás con aquelas axudas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que a persoa bolseira vaia realizar segundo os seus estudos (asistencia a reunións, congresos, seminarios ou cursos de especialización).
Décimo cuarta. Incumprimento das condicións
A constatación da existencia de ocultación, alteración ou manipulación de datos, ou calquera outro suposto de incumprimento das obrigas ou condicións que motivaron a concesión da bolsa, dará lugar á obriga de lle reintegrar á institución as cantidades percibidas, máis os xuros legais que proceda, todo isto sen prexuízo das responsabilidades en que poida ter incorrido a persoa beneficiaria.
Décimo quinta. Información en materia de protección de datos
O tratamento de datos farase de acordo co Regulamento (UE) 2016/679, coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e co resto da lexislación española aplicable nesta materia.
Os datos persoais facilitados no proceso serán tratados para a xestión das solicitudes e o proceso de selección.
Así mesmo, os datos das persoas que resulten adxudicatarias serán tratados para a xestión, a conformación do expediente persoal, o control de cumprimento de obrigas, o aseguramento, a xestión económica e o aboamento da bolsa.
Poden exercerse os dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade, de limitación e oposición ao seu tratamento, así como a non ser obxecto de decisións baseadas unicamente no tratamento automatizado dos datos, cando proceda, dirixindo comunicación ao Valedor do Pobo, na rúa do Hórreo, nº 65, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2025
María Dolores Fernández Galiño
Valedora do pobo (en funcións)
ANEXO I
Modelo de solicitude de bolsas destinadas a persoas con discapacidade e Down para a formación práctica no Valedor do Pobo
|
Primeiro apelido |
Segundo apelido |
Nome |
|
|
DNI |
Data de nacemento |
Teléfono |
|
|
Nacionalidade |
Correo electrónico |
||
|
Enderezo postal |
|||
DECLARA RESPONSABLEMENTE:
Que reúne todos os requisitos exixidos para ser persoa beneficiaria da bolsa e os méritos que indica a continuación, respecto dos cales se compromete a achegar a documentación acreditativa cando se lle requira.
Documentación que deberá achegar xunto coa solicitude:
– Certificado oficial de discapacidade e acreditación de Down.
Polo exposto, SOLICITA concorrer a este procedemento.
………………………, .… de …. de 2025
Sinatura da persoa solicitante
(sinatura)
Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, nº 65, 15700 Santiago de Compostela –A Coruña–)
ANEXO II
Acreditación de méritos
|
ESO ou formación profesional básica |
|
|
Bacharelato ou formación profesional de grao medio (o certificado de profesionalidade será asimilado a formación profesional de grao medio) |
|
|
Bacharelato ou formación profesional de grao superior |
|
|
Persoa con pluridiscapacidade (póñase x, se procede) |
|
|
Muller vítima de violencia (póñase x, se procede) |
|
|
Persoa en situación e/ou risco de exclusión social (póñase x, se procede) |
|
|
RELACIÓN DE MESTRADOS, CURSOS E SIMILARES |
||
|
Denominación |
Organismo que o impartiu |
Duración (horas, meses, anos ou curso escolar) |
